Francisco Lamas Barreiro
Ourense, 1896 - Bos Aires, 1980Autoría: Patricia Arias Chachero
Pintor de orixe ourensá, militante nacionalista e cabeza visible da Sociedade Nazonalista Pondal
A comezos de outubro de 1920, o mozo Farruco ou Fuco Lamas, chega a Ourense coa vontade de cumprir coas obrigas militares e continuar os seus estudos pictóricos en Madrid. Debeu ser entón cando entrou en contacto coa acabada de fundar Mocedá Galeguista d´Ourense, onde cadraría con mozos como Antonio Cid Fernández e Leuter González Salgado, e cos principais membros do chamado círculo ourensán: Vicente Risco, Otero Pedrayo e Florentino Cuevillas. Ingresa na organización e en decembro de 1921 anúnciase a inauguración dunha exposición coas súas obras no salón que a “Mocedá” tiña na cidade das Burgas.
Como non podía ser doutra maneira, os homes que acababan de botar a andar a revista Nós convidárono a participar nas súas páxinas. No quinto número da publicación, aparecido o 24 de San Xoán de 1921, atopamos «Retrato ó carbón por Farruco Lamas», e apenas un ano despois, o 20 de abril de 1922, unha nova colaboración. Baixo o título «Luz nova - Onte e hoxe», a revista reproduce un novo debuxo a carbón que “figurou na Exposición feita en Ourense”. Neste mesmo número hai un longo artigo asinado por Euxenio Montes titulado «Na esposición Lamas. Confrencia inaugural» que foi lido polo propio Montes na inauguración da exposición ourensá. Nel lemos: “Eu penso qu´o máis grande acerto de Lamas, é buscal-o caraute cand´o individuo está n-unha pura posición espectacular”.
Ademais, en 1921, Lamas alentou a creación dunha Liga das Nazós do Norte d´Ibéria, e colaborou con diversas ilustracións en Céltiga, a revista que dirixían en Ferrol Xaime Quintanilla e Ramón Villar Ponte. Nos longos meses que pasa en Madrid, tras abandonar Ourense, participa da vida artística e cultural da capital e asiste ás reunións que Rafael Cansinos Assens organizaba no Café Colonial, onde tamén acudirá Borges, e ás do Café Pombo, con Ramón Gómez de la Serna á fronte.
En 1923 regresa a América e, a instancias de Ramiro Illa Couto, o seu futuro cuñado, que tamén acababa de volver de Galicia, intégrase na delegación arxentina da Irmandade Nazonalista Galega, acabada de constituír seguindo as directrices do conselleiro supremo da ING galega, Vicente Risco. Ademais, participa como director artístico no seu voceiro, Terra. Idearium da Irmandade Nazonalista Galega n´América do Sul, a primeira revista escrita integramente en galego na emigración. Esta publicación, de carácter mensual e vida efémera, pois tan só chegarían a imprentarse cinco números entre xuño e outubro de 1923, motivou serias discrepancias entre Lamas e o seu redactor xefe, Eduardo Blanco Amor.
En 1926 participa na creación e primeira etapa de A Fouce. Periódico Galego, con Lino Pérez como primeiro director. A publicación, de novo integramente en galego, recolle boa parte das angueiras nacionalistas do noso biografado. No verán do ano seguinte Lamas figura entre os mozos que fundan a Sociedade d´Arte Pondal, unha agrupación cultural que procuraba crear espazos de encontro e reivindicación para as diversas correntes galeguista existentes no Bos Aires da época. A partir de 1930 Lamas colabora con entusiasmo na segunda xeira de A Fouce.
Tras o fracaso da ING, a Sociedade d´Arte Pondal transformarase na Sociedade Nazonalista Pondal, que Lamas presidirá a partir de 1930 ata que o releva Manuel Oliveira. Foi tamén Secretario da Instituiçom Cutural Galega, conformada por arredistas arxentinos que realizan un importante labor apoiando economicamente o Seminario de Estudos Galegos.
Instalado definitivamente na capital porteña, casa con Adela Oliveri e convértese en pai dunha única filla. Son anos felices, nos que mantén un taller pictórico e acode aos faladorios dos baixos do Café Tortoni, onde cadra con Borges, Alfonsina Storni, Baldomero Fernández Moreno e Quinquela Martín. O seu neto, Marcelo Manetti, lémbrao como un home activo, culto e amable que o levaba con el ás reunións no coñecido café Los 36 billares, na rúa Ribadavia, a mesma onde vivía, e, onde sendo neno, tivo a oportunidade de escoitalo charlar e discutir, sempre en galego, cos seus compañeiros nacionalistas.
Co tempo, Francisco Lamas abandonou a militancia política e traballou como director de arte do departamento de publicidade da Paramount Pictures. Morreu no Centro Galego de Bos Aires, que el mesmo axudara a organizar, con oitenta e catro anos, en 1980. Na capela desta senlleira institución consérvase un fermoso óleo que el doou en vida.
Bibliografía
C.C.V. (2017): «Fuco Lamas Barreiro, o arredista galego da Paramount Films», Suplemento Novas da Galiza, 46 (xuño). Accesible en http://novas.gal/wp-content/uploads/2016/10/arevista46.pdf
Pastoriza Rozas, Xosé L. (2017): «Ramiro Isla Couto: pioneiro do nacionalismo alén mar». En Beramendi, Justo et al. (coords): Repensar Galicia. As Irmandades da Fala. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, Museo do Pobo Galego; 309-324.
Como citar: Arias Chachero, Patricia : Francisco Lamas Barreiro. Publicado o 4/11/2020 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=27133. Recuperado o 29/03/2024
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Xosé L. Pastoriza escribe sobre Ramiro Illa Couto e Chita Lamas Barreiro en Repensar Galicia
Pastoriza Rozas, Xosé L.: «Ramiro Isla Couto: pioneiro do nacionalismo alén mar». En Beramendi, Justo et al. (coords): Repensar Galicia. As Irmandades da Fala. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, Museo do Pobo Galego, 2017; 309-324.
Artigo de Vicente Risco sobre Lamas Barreiro
Risco, Vicente: «Os nosos», El Correo de Galicia: órgano de la colectividad gallega en la República Argentina, (29 de xaneiro de 1929), p.
Fonte: Galiciana
Artigo sobre Francisco Lamas publicado no semanario bonaerense Nova Galicia
Castro, Luis de: «Pintores gallegos: Francisco Lamas Barreiro», Nova Galicia, (24 de abril de 1920), p. 1-2
Fonte: Galiciana
Francisco Lamas en 1918
«D. Francisco Lamas Barreiro, pintor orensano residente en Buenos Aires, cuyo cuadros son muy celebrados», Vida Gallega, n.º 113 (15 de setembro de 1918), p. 16
Fonte: Galiciana
Francisco Lamas Gallego en Vida Gallega
«D. Francisco Lamas Barreiro, joven pintor orensano, muy celebrado en Buenos Aires », Vida Gallega, n.º 64 (30 de novembro de 1914), p. 20
Fonte: Galiciana
Ligazóns de interese
Revista Yunque
Edición facsimilar: Alonso Girgado, Luís; Moreda Leirado, Marisa e Vilariño Suárez, María (eds.) (2006): Yunque: periódico de vanguardia política: (1931-1932). Lugo: 1931-1932. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
Fonte: https://www.cirp.es/publicacions/pub-0212.html [Consulta: 2023-03-22]
Francisco Lamas Salgado, pai de Chita Lamas, na Galipedia
Fonte: https://gl.wikipedia.org/wiki/Francisco_Lamas_Salgado [Consulta: 2022-05-16]
Biobibliografía de Chita Lamas Barreiro no Álbum de Galicia
Fonte: Álbum de Galicia. Consello da Cultura Galega
Biobibliografía de Ramiro Illa Couto no Álbum de Galicia
Fonte: Álbum de Galicia. Consello da Cultura Galega
http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=26748 [Consulta: 2022-05-13]
Catálogo en liña da exposición Galicia, de Nós a nós, coordinada por Afonso Vázquez-Monxardín e Ana Acuña. Cidade da Cultura, 2 de outubro de 2020 - 17 de xaneiro de 2021
Fonte: https://www.cidadedacultura.gal/gl/evento/galicia-de-nos-nos
A revista Nós en Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia
Fonte: https://revistanos.galiciana.gal