Ramiro Illa Couto
A Estrada, 8/ 3/1896 - Vigo, 5/12/1987Autoría: Xosé Luís Pastoriza Rozas
Peregrino do galeguismo polo mundo
peleriño do galeguismo polo mundo galego.
A súa biografía atópase esgazada en diversas etapas: emigrante económico en Arxentina (1911-1918); soldado na Guerra de Marrocos e militante da Irmandade Nazonalista Galega (1918-1922); líder organizativo do nacionalismo en Arxentina (1922-1931); retornado a Galicia e militante do Partido Galeguista (1931-1937); refuxiado en Porto e Francia (1937-1939); e exiliado en México (1939-1944), Colombia (1944-1954) e Venezuela (1954-1957) até o seu regreso definitivo a Galicia (1957-1987). Entre 1929 e 1950 neste periplo vital, acompañouno Chita Lamas Barreiro coa que casou en Bos Aires en abril de 1929.
Entre 1922 e 1931 significouse como un dos máis activos axentes do nacionalismo en Arxentina, onde emigrara en 1911 con quince anos de idade para axudar economicamente aos seus pais, Fidel Isla Araújo e Manuela Couto Pazos, naturais das parroquias de Oca e Arnois no concello da Estrada. Tras abandonar os estudos de bacharelato no Instituto de Compostela, estableceuse no comercio duns tíos maternos. Realizou estudos de comercio e de piloto da mariña mercante e entrou en contacto cos seus curmáns Xenaro, Ramiro e Manuel Fernández Couto, agraristas e directivos das sociedades Hijos de La Estrada e Unión Estradense. Neste ambiente agrarista familiar coñeceu ao seu futuro sogro Farruco Lamas Salgado, promotor da Agrupación Rexionalista A Terra na que se integrou en 1917 como directivo e bibliotecario e estableceu amizade vitalicia con Rodolfo Prada.
Retornado forzosamente a España para cumprir co servizo militar obrigatorio na Guerra de Marrocos, en 1918 contactou con Luis Porteiro Garea en Compostela. Entre 1920 e 1922 estableceuse en Ferrol como xerente dun pequeno estaleiro artesanal en San Filipe, onde colaborou coa Irmandade da Fala ferrolá e a editorial Céltiga de Ramón Villar Ponte e Xaime Quintanilla. A partir da IV Asemblea das Irmandades da Fala de Monforte de Lemos, celebrada en febreiro de 1922, vinculouse á Irmandade Nazonalista Galega (ING) recibindo a encomenda de Vicente Risco de constituír unha delegación da ING en Arxentina e Uruguai.
A finais de 1922 regresou a Bos Aires e promoveu, xunto con Eduardo Blanco Amor e o seu futuro cuñado Farruco Lamas Barreiro, a creación de Terra. Idearium da ING n’América do Sul, primeira revista monolingüe en galego alén mar, e constituíu a delegación da ING en agosto de 1923. Mentres se desempeñaba como viaxante de comercio polas provincias de Corrientes e Misiones canda a Eliseo Pulpeiro, divulgou o pensamento nacionalista desde a sección «Idearium Galeguista» na revista Céltiga en colaboración con Blanco Amor. Posteriormente destacou na Sociedade Nazonalista Pondal como publicista arredista con artigos soberanistas no xornal A Fouce. Desde Arxentina apoiou iniciativas educativas e culturais en Galicia como a campaña a prol do Libro Escolar Galego de Ramón Cabanillas e foi un dos fundadores da Institución Cultural Gallega. Protectora del Seminario de Estudios Gallegos. A partir de 1927, estableceu correspondencia en galego co seu irmán máis novo, Xaime Isla, ao que educou e formou nos valores do nacionalismo e alimentou intelectualmente co envío de revistas, xornais e libros.
En decembro de 1931 regresou con Chita a Galicia e asistiu en Pontevedra á VII Asemblea Nazonalista, constituínte do Partido Galeguista (PG), formando parte tanto do seu Consello Nacional, en representación das comunidades emigradas, como da primeira xunta directiva do PG de Vigo. Amigo de Valentín Paz-Andrade, ficou ferido leve polos disparos dirixidos ao avogado por dous sindicalistas á saída do café Derby de Vigo en novembro de 1932. E o 24 de xullo de 1934 presentou aos oradores no primeiro Mitin das Arengas organizado polo PG na Praza da Quintana. Pola súa profesión de viaxante de comercio actuou de enlace, correo e chofer para o Partido.
Tras manter unha vida discreta nos meses posteriores ao golpe de estado do 18 de xullo, foi detido en Verín en decembro de 1936 cando tentaba cruzar a Portugal en compaña do seu irmán Xaime. Protexido por un comandante do exército sublevado, foi trasladado a Vigo e liberado en abril de 1937, pasando legalmente a Portugal e reencontrándose con Chita. Durante a súa estadía na cadea, onde coñeceu a Silvio Santiago, Manolo e Pepe Castelao -curmáns de Castelao- agocháronse no seu piso da rúa García Barbón de Vigo até o seu martirio no bou Eva o 23 de abril de 1937.
Entre 1937 e 1938 traballou no Porto canda ao empresario galeguista Ramón Obella onde rexistraron a marca comercial Zeltia. Desde a oficina do Instituto Bioquímico Miguel Servet axudaron a saír cara a América e Francia aos fuxidos desde Galicia, como Antón Alonso Ríos. En setembro de 1938 o matrimonio trasladouse a Tarbes (Francia) e, tras a caída de Cataluña en febreiro de 1939, estableceuse en París actuando como enlace da arxentina Central Gallega de Ayuda a los Refugiados e como delegado, por encomenda de Castelao, das norteamericanas Sociedades Hispanas Confederadas e do Frente Popular Antifascista Gallego. Desde París colaborou, xunto con Florencio Delgado Gurriarán e ao abeiro do Servicio de Evacuación de Refugiados Españoles (SERE), na organización do embarque cara a México e Chile dos refuxiados galegos nos barcos da liberdade. En outubro de 1939 Ramiro e Chita arribaron a Veracruz (México) a bordo do buque Colonial.
No exilio en México militou na Irmandade Galeguista e fundou o grupo Saudade en 1942 canda a Carlos Velo, Xosé Caridad Mateo, Arturo Souto, Ramón Cabanillas e Florencio Delgado Gurriarán, formando parte do equipo de editores da revista Saudade, verba galega nas Américas. Un ano máis tarde facilitou os traballos de impresión do Cancioneiro da loita galega compilado por Gurriarán. En 1944 trasladouse a vivir a Bogotá (Colombia), onde representou ao Consello de Galiza e foi parte da delegación de Galeuzca na capital colombiana.
En 1948 entrou a traballar para os Laboratorios Roche como xefe de visitadores médicos e delegado de propaganda en Colombia e Venezuela, empresa na que coincidiu con Lois Tobío. A derradeira etapa no exilio viviuna en Venezuela, onde se instalou en 1955, sendo parte do grupo promotor da Casa de Galicia, fundada en xaneiro de 1956 e presidida por Silvio Santiago. Até o seu regreso definitivo a Galicia, desempeñouse como secretario de relacións e presidiu o Ateneo Gallego, expresión cultural da Casa de Galicia. Facilitou a visita de Camilo José Cela en 1953 e responsabilizouse da organización da viaxe de Ramón Otero Pedrayo en marzo de 1956 para a inauguración oficial da institución. Designado representante da Editorial Galaxia en Venezuela, coordinou os traballos para a publicación e financiamento pola comunidade galega do libro Ramón Otero Pedrayo. A súa vida, a súa obra. Homaxe da Galicia Universal e mais do Diccionario Enciclopédico Gallego-Castellano de Eladio Rodríguez.
Tras o seu regreso a Galicia en 1957, foi nomeado secretario da Fundación Penzol, colaborou coa Editorial Galaxia e SEPT, e practicou a súa afección á filatelia. Recibiu a Medalla Castelao da Xunta de Galicia o 28 de xuño de 1986, finando en Vigo o 5 de decembro de 1987 en cas do seu irmán Celso Isla na rúa da Laxe, ollando para o Atlántico que tanto amou. Na súa memoria constituíuse en 1987 a Fundación Isla Couto por iniciativa dos seus irmáns Celso e Manolo e do matrimonio de Cristina Nóvoa con Xaime Isla.
Bibliografía
Fontes principais
Barro, Pepe (2016): «Tres pés para un tríscele», Anuario de creatividade 2016, Ourense: EASD Antonio Faílde, 38-45.
Barro, Pepe (2018): «Tres pés para un tríscele. Os irmáns Isla Couto e a identidade corporativa de Zeltia». En Máis que ver. Cen historias de deseño na Galiza. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.
Arias Chachero, Patricia (2020): «Francisco Lamas Barreiro». Publicado o 4/11/2020 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega). Recuperado o 09/05/2022
González Tosar, Luís (1988): «Fóisenos un século de memoria», Grial. Revista galega de cultura, 99 (xaneiro-marzo), 93-94.
Isla Couto, Xaime (2015): «A miña familia». En Pastoriza Rozas, Xosé L. (ed.): Xaime Isla. Raíz e utopía de Galicia. Vigo: Fundación Isla Couto, Galaxia; 115-116.
Isla Couto, Xaime (2015): «O meu irmán Ramiro». En Pastoriza Rozas, Xosé L. (ed.): Xaime Isla. Raíz e utopía de Galicia. Vigo: Fundación Isla Couto, Galaxia; 117-120.
Marco, Aurora (2020): «Inmaculada Concepción Lamas Barreiro». En Irmandiñas. Santiago de Compostela: Laiovento; 269-277.
Pastoriza Rozas, Xosé L. (2015): «Presenza da nación. O galeguismo xuvenil de Xaime Isla», Grial. Revista galega de cultura, 207 (xullo-setembro), 22-33.
Pastoriza Rozas, Xosé L. (2017): «Ramiro Isla Couto: pioneiro do nacionalismo alén mar». En Beramendi, Justo et al. (coords): Repensar Galicia. As Irmandades da Fala. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, Museo do Pobo Galego; 309-324.
Pastoriza Rozas, Xosé L. (2017): «A man invisible de Ramiro Isla Couto. As viaxes de Camilo José Cela a Colombia e Venezuela (1953-1955)», Grial. Revista galega de cultura, 216 (outubro-decembro), 128-141.
Pastoriza Rozas, Xosé L. (2020): «Os irmáns Isla Couto e os mártires do 12 de novembro de 1936 na Caeira (Poio)», Nós Diario, (23 de novembro)
Pastoriza Rozas, Xosé L. (2022): Salvar o pelexo e gañar a vida no exilio. Florencio Delgado Gurriarán, Ramiro Isla Couto e as redes de axuda a refuxiados republicanos en Francia en 1939. Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
Torna, Cilia (2022): «As redes de fuga da Galiza franquista promovidas polos nacionalistas», Nós Diario, (9 de xaneiro).
Voz, «Isla Couto, Ramiro», (1974). En Gran Enciclopedia Gallega Silverio Cañada. Lugo: El Progreso, D.L. 2003; v. 24, 195-196.
Fontes secundarias
Beramendi, Justo G. (2007): De provincia a nación. Historia do galeguismo político. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.
Gurriarán Rodríguez, Ricardo (2009): Obella Vidal. Investigador, empresario e galeguista. Vigo: Foro Enrique Peinador.
Gurriarán Rodríguez, Ricardo (2022): Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista. Vigo: Galaxia.
Insua, Xosé Emilio (2016): A Nosa Terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931. A Coruña: Baía Edicións.
Núñez Seixas, Xosé Manuel (1992): O galeguismo en América, 1879-1936. Sada (A Coruña): Ediciós do Castro.
Pulpeiro, Sylvia e Rodríguez, Pablo (ed.) (2016): Eliseo Pulpeiro. As letras galegas entre dúas ribeiras (Ribadeo e Río da Prata). Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega.
Como citar: Pastoriza Rozas, Xosé Luís : Ramiro Illa Couto. Publicado o 13/5/2022 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=26748. Recuperado o 29/09/2023
DOCUMENTACIÓN DE
Entrevista de Xan Carballa a Ramiro Illa Couto. 1986
Carballa, Xan: «Entrevista a Ramiro Illa Couto. Se ser católico fose incompatíbel co galeguismo, deixaría o catolicismo», A nosa terra, 296 (3 de xullo de 1986), 12-13.
Fonte: Hemeroteca do Consello da Cultura Galega. A Nosa Terra.
http://consellodacultura.gal/mediateca/extras/CCG_fd_pub2211_ANosaTerra_0296_19860703.pdf [Descarga: 2022-05-11]
Epistolario de Fermín Penzol e Ramiro Illa publicado en Grial
«Documentación epistolar», Grial. Revista galega de cultura, 73 (xullo-setembro de 1981), 309-335.
Fonte: Hemeroteca online revista Grial. https://editorialgalaxia.gal/wp-content/uploads/2020/12/grial/Grial_073.pdf [Descarga: 2022-05-11]
Ramiro Illa trata o problema lingüístico de Galicia na revista Saudade con motivo da creación da sección
Language and Literature of Galiza, Portugal and Brazilna Modern Language Association of AmericaIlla Couto, Ramiro: «O problema lingüístico de Galiza», Saudade, verba galega nas Américas, 4 (xullo de 1946), 13-15. En Alonso, L, Moreda, M., e Vilariño, M. (coord.): Saudade, verba galega nas Américas [ed. facsimilar]. Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, 2008.
Fonte: http://www.cirp.es/pub/docs/revrec/saudade.pdf [Descarga: 2022-05-11]
Artigo co gallo do referendo do Estatuto de Autonomía de 1936
Isla Couto, Ramiro: «Sentimento i Aición», El pueblo gallego, (28 de xuño de 1936), 4.
Artigo de Ramiro Illa Couto en A Fouce sobre nacionalismo e federalismo
R.I.C. [Ramiro Isla Couto]: «Insistindo. Badocos e Reaicionarios», A Fouce, 26 (15 de xaneiro de 1931)
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Xosé L. Pastoriza escribe sobre Ramiro Illa Couto e Chita Lamas Barreiro en Repensar Galicia
Pastoriza Rozas, Xosé L.: «Ramiro Isla Couto: pioneiro do nacionalismo alén mar». En Beramendi, Justo et al. (coords): Repensar Galicia. As Irmandades da Fala. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, Museo do Pobo Galego, 2017; 309-324.
Lembranza de Ramiro Illa escrita por Luís González Tosar
González Tosar, Luís: «Fóisenos un século de memoria», Grial. Revista galega de cultura, 99 (xaneiro-marzo de 1988), 93-94.
Fonte: Accesible en https://editorialgalaxia.gal/wp-content/uploads/2020/12/grial/Grial_099.pdf [Descarga: 2022-05-11]
Información sobre a voda de Chita Lamas e Ramiro Illa, celebrada o 20 de abril de 1929 en Bos Aires
«Sociales. Enlace Lamas Barreiro-Isla Couto», Céltiga, 104 (25 de abril de 1929), 13.
Fonte: Hemeroteca do Consello da Cultura Galega.
http://consellodacultura.gal/mediateca/extras/CCG_em_pub1670_Celtiga_n104.pdf [Descarga: 2022-05-11]
Ligazóns de interese
Francisco Lamas Salgado, pai de Chita Lamas, na Galipedia
Fonte: https://gl.wikipedia.org/wiki/Francisco_Lamas_Salgado [Consulta: 2022-05-16]
Artigo de X. L. Pastoriza Rozas sobre os irmáns Illa Couto e os fusilados na Caeira (Pontevedra) o 12 de novembro de 1936
Pastoriza Rozas, X.L: «Os irmáns Isla Couto e os mártires do 12 de novembro de 1936 na Caeira (Poio)». Nós Diario, (23 de novembro de 2020).
Fonte: https://www.nosdiario.gal/articulo/memoria/irmans-isla-couto-martires-do-12-novembro-1936-caeira-poio/20201113171312108979.html [Consulta: 2022-05-16]
Biobibliografía de Chita Lamas Barreiro no Álbum de Galicia
Fonte: Álbum de Galicia. Consello da Cultura Galega
Entrada de Francisco Lamas Barreiro, irmán de Chita Lamas, no Álbum de Galicia
Fonte: Álbum de Galicia. Consello da Cultura Galega.
http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=27133 [Consulta: 2022-05-13]
Edición facsimilar do Cancioneiro da loita galega realizada polo Consello da Cultura Galega co gallo do Día das Letras Galegas dedicado a Florecio Delgado Gurriarán
Cancioneiro da Loita Galega [facsímil da ed. de Durango (México): Partido Galeguista, 1943]]. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2022.
Fonte: Consello da Cultura Galega.
http://consellodacultura.gal/publicacion.php?id=4449 [Cosulta: 2022-05-14]
Biobibliografía de Ramiro Illa Couto na Galipedia
Fonte: https://gl.wikipedia.org/wiki/Ramiro_Isla_Couto [Consulta: 2022-05-12]
Ramiro Illa na páxina web da Fundación Isla Couto
Fonte: http://fundacionislacouto.org/familia-isla-couto/fundadores/ [Consulta: 2022-05-11]
Florencio Delgado Gurriarán no Álbum de Galicia
Fonte: Álbum de Galicia. Consello da Cultura Galega
http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=1077 [Consulta: 2022-05-13]
Artigo de Xesús Alonso Montero sobre o Cancioneiro da loita galega
Alonso Montero, Xesús: «O Cancioneiro da Loita Galega». La Voz de Galicia, (19 de abril de 2022).
Fonte: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/cultura/2022/04/19/span-langglcancioneiro-da-loita-galegaspan/0003_202204H19P27993.htm [Consulta: 2022-05-16]
Sobre Ramiro Illa e a cátedra que leva o seu nome na Universidade de Vigo
Freixanes, Víctor: «Ramiro Isla Couto», La Voz de Galicia, (23 de xullo de 2005)
Fonte: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/opinion/2005/07/23/ramiro-isla-couto/0003_3923184.htm [Consulta: 2022-05-11]
Páxina web da Fundación Isla Couto
Fonte: http://fundacionislacouto.org/ [Consulta: 2022-09-28]
Epístolas de
Carta de Ramiro Isla Couto a Lois Tobío Fernández, 1954.
RAMIRO ISLA-COUTO
APARTADO 1548
CARACAS
10 de noviembre de 1954
Benquerido irmán i-amigo:
Por correio aéreo enviei-che eixemprares do Suplemento Literario de "EL Universal" –o xornal de maior circulación en Caracas– e da revista "ELITE" a de maior difusión de Venezuela.
Conseguíuse de momento, e como proba, un artigo mensual en cada unha das prubricacións devanditas.
"El Universal" paga 45 bolívares (uns 15 dólares) e "Elite" entre 75 e 100 bolívares, según o intrés que teñan.
Para "El Universal" é preferibel o artigo corto e si é mester ilustral-o ten que sere con unha soia ilustración, salvo casos especiales. Silvio Santiago, un gran galego, dono da publicidade Iberia que é o que consigue isto, me encarrega che diga que convén lle busques tidoos ben "literarios", modernos, moi "inteleituales", pra iles é un oitenta por cento do éisito. Eu non sei si me eisprico ben, pero coido que me entendes perfeitamente.
En "Elite", revista esencialmente de familias, o éisito hai que buscal-o máis que nada entre as mulleres. Amores célebres, aventureiras e amantes da hestoria, etc. etc., enfín ti verás. Eiquí pódese ser máis longo e con varias ilustracións si fosen precisas.
Isto non é definitivo. Silvio estaba traballando a colaboración no "El Nacional", pero o que se encarrega das colaboracións anda de viaxe fai bastantes meses pol-o eistranxeiro, e como non acaba de chegar, ante a insistencia miña fixo istas xestións, que non perxudican nada as futuras, porque ista colaboración de agora sirve para darse a coñecer. Logo virán outras cousas.
E agora outra cousa. Che vou a enviar os dous derradeiros números de "Galicia" de Caracas. Pol-o adicado ao Dia de Galicia ollarás que Otero Pedrayo ía a vir a dar unhas conferencias e inviado pol-o Centro Galego ía a presidir os actos da Nosa Festa. As autoridades franquistas non-o deixaron vir porque dín que iste Centro é enemigo do réxime. Con tal motivo, vaise a publicar un número eistraordinario en homaxe a Otero. Pol-o entusiasmo que espertou en Galicia vai resultar unha cousa monumental, tanto, que o Centro Galego asustou-se ante o costo que lle supón, e como se fundou fai pouco tempo un Patronato da Cultura Galega, se fixo cárrego do asunto, e hai un entusiasmo tolo por levar a cabo a obra. Calcúlanse soio de Galiza unhos 50 traballos, que xa están chegando con fotos dibuxos etc.
Non queremos que falle a túa colaboración, tes tempo atá os primeiros dias de Decembro próusimo, pois pénsase metel-o na imprensa a segunda semán de dito mes.
E nada máis, non escribín antes porque estóu traballando como unha fera, visitando médicos, boticas, viaxando etc. e eiquí o traballo é moi duro, sobre tudo o de visita, e os transportes feitos un desastre, que se perde máis tempo n-isto que no demáis. Isto é o que me impide escribir-che. Esquecía-me, tamén che vou enviar os selos ofrecidos que os estou separando aos poucos.
Meus respetos a dona, agarimos aos pequenos e unha saudosa aperta do teu
Ramiro Isla Couto [sinatura autógrafa]
Carta de Ramiro Isla Couto a Lois Tobío Fernández, 1955.
RAMIRO ISLA-COUTO
Apartado, 1262
Caracas, 13 de Febreiro de 1955
Benquerido amigo e irmán Tobío:
Por correio aparte enviei-che o número de "Elite" e o Indice Literario do "El Universal", onde apareceron as túas colaboracións. Silvio está xestionando que che envien os cartos.
Cando se recibíu a primeira colaboración para "Elite", ista revista estábase vendendo, –a mercaron os donos do xornal "Ultimas Noticias", reialmente xa non había quen se ocupase de nada, os que saían porque se ían, e os que chegaban porque non sabían ren do asunto. Agora está Silvio, que era moi amigo dos que se foron, traballando a istes para que respeten o compromiso dos outros.
Silvio se encárrega que envíes máis colaboracións, para as duas publicacións, convén, asegún me dí, que teñan alí colaboracións, pois tendo publican aínda que digan que non lles intresa máis que unha ou duas veces por mes, pois as veces teñen o número monótono e tendo outro orixinal botan man d-il.
Silvio é o propietario da Publicidade Iberia i-encarguei-lle eu a do Thyocol, non tanto porque sexa un grande amigo meu, senón por eficacia, e non hai mais que ver as páxinas dos anuncios que publica iste e as que publicaba ARS, i-é que en Caracas non hai quen consiga a colocación do anuncio de maneira que o non coman os anuncios maiores, e procurando sempre que saia nas páxinas de menos publicidade. Eu vou a pregar-che o favor de que non prescindades d-il, primeiro por comenencia, por eficacia –en Xaneiro se venderon máis de 5.000 frascos, e no que vai de mes xa se chegou aos 2.000–, logo por boa persóa, servicial, gran amigo, e galego mañífico, e derradeiramente, por que o percisa, o por iso procura deixar a clientela contenta.
Eu remato como sabrás con Roche o día 28 e o primeiro de Marzo entro a traballar con Labrapia do Brasil, millor dito, unha empresa que representa a Labrapia e ten ademáis outros laboratorios. Cando cheguei de Montevideo no mes de Xuño, me fixo proposicións mellores que as que teño en Roche, e non aceptei porque non me parecía correcto regresar de pasar un mes de entrenamento por conta da cas, e largarme para outro lado. Cando estuvo eiquí Bowie, que chegou o mismo día que recibín a carta, lle dixen que non se preocupase, que eu atendería isto ata que chegase o meu sucesor, si o querían enviar antes, ou chegase dimpois por min non terían probrema, e n-isa ideia se foi, pero fun a saúdar ao que me fixera proposta, e sin decir-lle ren, voltou sobor do asunto e me ofreceu 2.500.- bs. de sueldo e transportes e gastos aparte. Naturalmente, aceptei de inmediato, como iste señor ten que irse ao eistranxeiro e debe de sír antes do 15 de Marzo, quere que comence o día 1º de Marzo e lle puxen un cable a Bowie dicíndo-lle que debía de comenzar n-isa fecha, pol-o tanto eu non podería estar un día máis. Iste cable cruzouse con un de Bowie no que lle comunicaba a axencia que me dixesen que continuase o mes de Marzo, na axencia sabían o meu compromiso e lle contestaron en tal senso. Cónto-che isto, or si se comentase ahí que eu non quixen prestar isa colaboración, que sepas que non foi mala ideia. Eu económicamente, salgo beneficiado por todas partes, cobro o despido que me corresponde, porque e de ley, e por riba me entran 300.- Bs. mensuales e 150.- ou 200.- que tiña que por do meu bolsillo con Roche, son casi 500.- bs. mensuales que é moito diñeiro en calquer parte. Estou molesto co a cousa moral, proque é inxusta e así llo vou a dicir, pero dend-o punto de vista económico quédo-lles agradecidísimo. Podes creermo, aínda que non llo diga a iles.
A miña direición será o apartado 1262 que é o de Silvio Santiago, o feito de que eu teña que deixar Roche, e excusado dicir que non ten nada que ver con as nosas relacións, que serán máis estreitas, porque seguramente, escribirei máis a miudo xa que o traballo meu futuro e moito máis liviano que o actual, e terei un tempo que non tuven agora.
Lembranzas garimosa aos teus e unha forte aperta do teu
Ramiro Isla Couto [sinatura autógrafa]
[Nota manuscrita na marxe esquerda do folio]:
Está Silvio traballando o faguer unha páxina galega de información nun xornal deiquí, para ver de que lla dean a Fole. Escríbelle n-ise senso e dalle a miña direición para uqe lle diga o que habería que faguer.
[sinatura autógrafa]
Publicacións periódicas
Terra (1923-1923) .
Boletín de Cultura Galega: Idearium da I.N.G. n'América do Sul
Saudade (1942-) .
Verba Galega nas Américas