Enma Pino
Tui, 14/ 2/1958 - Vigo, 28/4/2014Autoría: María Armesto
Apaixonada, extrema e elegante, entra con voz propia na historia da música galega
En plena madurez artística, con voz propia, asentada na súa paixón creativa, no seu talento musical e no coñecemento profundo da música clásica, contemporánea, popular e do jazz, a compositora e pianista Enma Pino decide deixar este mundo na madrugada do 28 de abril de 2014, conmocionando ao sector musical, teatral e cultural galego.
Nace en Tui o 14 de febreiro de 1958, no seo dunha familia conservadora e acomodada, sete anos despois de que a súa nai, María Teresa Raso Rodríguez, orixinaria da Cañiza, casara co seu pai, Francisco José Pino Salgado, de Tui. É a penúltima de cinco irmáns. En 1960 a familia deixa Tui para instalarse en Vigo, nunha casa propiedade dos marqueses de Valladares, anexionada ao pazo que estes teñen na rúa Oliva. O pai, avogado, exerce como Secretario do Xulgado de Primeira Instancia. A nai, educada para o matrimonio, encárgase da casa coa axuda de aia e cociñeira. Ambas as familias posúen unha particular querenza polo piano, instrumento que albergan as casas que posúen na Cañiza e en Meder.
Xa de moi nena, Enma gabeaba polo piano tocándoo a todas as horas e aborrecendo aos seus irmás. Malia o seu precoz interese polo instrumento, a familia decide que estude ballet e a súa irmá maior piano. Anos despois estudará no conservatorio de Vigo. Ese tempo na danza non esvaeceu o seu amor polo piano senón que a axudou a desenvolver o seu ritmo, a súa escoita e a súa paixón pola música. Enma recibe unha educación moi conservadora e extremadamente ríxida. Detesta ir á súa escola, o colexio Isabel La Católica, non se entende coas outras nenas, séntese estraña, diferente e reprégase no seu mundo interior. Imaxinativa e curiosa, crea os seus propios xogos e historias e arrinca da guitarra, frauta e piano as súas primeiras notas. Autodidacta precoz, Enma é, xa, música de seu.
O seu carácter vital contrapúxose sempre cunha especie de pulsión de morte e, con apenas once anos, confésalle á súa irmá Charo, a súa principal confidente, que cre que ninguén a ve, que se sente invisíbel e que, para comprobalo, adoita poñerse diante dos coches que circulan pola rúa, cos ollos pechados, na inocente idea de que se non a atropelan é porque non é invisíbel. Nestas dúas pulsións vaise debater toda a súa vida, nun conflito nunca resolto, na difícil convivencia entre a súa innata enerxía vital e a destrutiva.
Adolescente precoz, pronto foxe das restricións familiares e frecuenta os ambientes artísticos e vangardistas da cidade. En 1974 coñece a Antón Reixa, namóranse e casan o 25 de abril de 1975, cando Enma acaba de cumprir dezasete anos. Está embarazada da que vai ser a súa única filla, Tania Reixa Pino.
Comeza unha vida intensa, de liberdade, creatividade e activismo, xusto cando Reixa funda o mítico Grupo de Comunicación Poética “Rompente”, con Alberto Avendaño e Manolo Romón, no que Antón Patiño e Menchu Lamas colaboran plasticamente. Enma establece con eles unha relación de amizade que durará sempre.
Participa creativa, organizativa e activamente nas accións neodadaístas do grupo. É o tempo de contracultura artística, política e social emerxida en barrios, asembleas e cafés, no que as vangardas galegas, como as do resto do estado, cuestionan as convencións artísticas, culturais e vitais dunha sociedade mergullada, aínda, nos estertores do franquismo. Tempos de revolta, creación colectiva e happening nos que Enma Pino navega como peixe na auga.
Unha desas accións tivo especial repercusión. Van na cola da manifestación do 25 de xullo de 1979 en Compostela, cunha pancarta vermella escrita en ruso, lanzan estrañas proclamas e tocan ao acordeón música de circo e mais A Internacional, van seguidos dunhas 250 persoas que se foron sumando á acción, unha clara deconstrución paródica do discurso ideolóxico imperante, na que Enma Pino, cunha polaroid e Menchu Lamas, cunha cámara normal, crean unha meta-reportaxe do acto oficial e da propia acción político-poética, que recolle o libro Culpables por la literatura: Imaginación política y contracultura en la transición española (1968-1986). As imaxes desta acción foron expostas no Museo de Arte Contemporánea de Barcelona (MACBA) na mostra Desacuerdos, celebrada do 3 de marzo ao 29 de maio do 2005. Asemade, Enma participa no acto do 17 de maio de 1979, Fóra as vosas suxas mans de Manoel Antonio e na presentación dos libros de Rompente, unha intervención situacionista nas festas de San Roque, onde a compositora toca a batería mentres Menchu Lamas pinta un mural.
En novembro do 1979 sepárase de Antón Reixa. Divórciase en 1982, xa aprobada a Lei de divorcio do 1981, a chamada Lei Ordóñez. No mesmo ano 1982 colabora como actriz principal e co-guionista na película The Woman Who Said No, de Manolo Romón e Julián Hernández.
Deixa Galicia e instálase en Barcelona para estudar jazz no mítico Taller de Músics, onde se forma en piano, linguaxe musical, harmonía e combo. É a única muller instrumentista matriculada. Lluís Cabrera, o director do Taller, lémbraa como unha muller carísmática, unha líder nata que sempre propoñía novas actividades e proxectos vangardistas. Traballa para poder pagarse os estudos e pasa o seu tempo libre practicando no Taller, a súa segunda casa. Alí coñece ao compositor Alberto Conde, con quen manterá amizade e conversas musicais toda a súa vida.
Regresa a Vigo en 1985 e entra como instrumentista no masculinizado mundo das orquestras e bandas galegas (Bromea o que, Bombeiros Voluntarios). Á volta dunha actuación coa orquestra Nacional VI, sofre un grave accidente no que case perde un ollo, deixándolle cicatrices que a afectan seriamente. No verán de 1986 comeza unha relación co actor Antonio Durán “Morris”, quen vai ser o seu derradeiro compañeiro de vida.
Colabora musicalmente en programas da TVG como Máis Ozono, do xenial Chichi Campos. En 1993 forma, coa cantante e actriz María Costas, o dúo Bloody Mary, pioneira formación de mulleres que homenaxea a música e os mitos do cinema (Marilyn Monroe, Marlene Dietrich, Judy Garland, Rita Hayworth...). Enma Pino, cun coñecemento profundo das novas tendencias nas bandas sonoras dos anos 80, realiza novidosos arranxos ao tempo que compón temas propios, de corte máis contemporáneo.
En 1995 realiza a dirección musical e os arranxos do primeiro concerto de mulleres en Galicia, no que interveñen Uxía Senlle, María del Mar Bonet, Omara Portuondo, Filipa Pais, Maria João, Leilía, Minela e a propia María Costas, con instrumentistas cubanas e do leste de Europa.
En 1997, xunto a Tino López, Sergio Castro, Pedro Díaz, Cholo Soto e Rubén Losada, forma a banda coa que se sentiu máis identificada, Os Frangos, e encárgase dos teclados e arranxos. En 2004 participa coa banda no espectáculo O Gran Show Medicina de Julián Hernández e Manolo Romón.
Saca o titulo superior de piano e traballa en centros privados e conservatorios de Galicia ao tempo que prepara as oposicións. Do seu labor pedagóxico, o profesorado e o alumnado que compartiron aula con ela, destacan a súa capacidade pedagóxica, creativa e comunicativa para achegar a música á xente máis nova, utilizando tanto exercicios de música clásica como de jazz, blues, rock, pop ou bandas sonoras.
Como creadora, Enma Pino tiña un pudor enfermizo ante o seu traballo, asinou poucas das súas partituras e escritos. Queda por investigar e rescatar obra creativa de entre as súas carpetas e ordenadores. Ese pudor, un mal que afoga a voz de moitas mulleres, foi o seu peor inimigo. De aí o especial valor que ten a breve e intensa correspondencia que mantén a finais do 2008 cunha amiga escritora á que lle pide opinión sobre algún dos seus relatos, unha opinión cualificada que a describe como unha poderosa narradora
que nas súas palabras, nas súas obsesións, nas súas coherentes militancias, no ritmo en que flúen prosa e poemas está a voz, o pensamento e o movemento de Enma
.
Creadora complexa, ás veces arrebatada, cun sentido ecléctico da música. Como pianista foi apaixonada, extrema, poderosa e, ao tempo, delicada. Compositora orixinal, elegante e contemporánea, gústalle investigar e improvisar, sente unha particular querenza polas tonalidades menores. A súa música, a que até agora se coñece, bebe da clásica, das vangardas francesas, do jazz, do pop e do blues saxón para rachar cos seus clixés, unha música sutil e tremendamente evocadora. Enma Pino pon fin aos seus días sen aceptar a valía do seu talento, silenciando as notas que con voz propia trazaron un camiño que quedou por percorrer.
Agradecementos
Antonio Durán “Morris”, Tania Reixa Pino, Charo Pino Raso, Area Erina, Menchu Lamas, Antón Patiño, Alberto Conde, María Costas, Manolo Romón, Lluís Cabrera, Elvira Pontevedra, Chui Blanco Salgueiro, Tino López, Diego Seixo, Pilar Comesaña, Marcos Sánchez Armesto, CPR Andersen Augalonga, Mulleres en Acción - MITCFC
Bibliografía
Labrador Méndez, Germán (2017): Culpables por la literatura: Imaginación política y contracultura en la transición española (1968-1986). Madrid: Akal.
Franco, Fernando (2014): «Una melodía de amor para Enma», Faro de Vigo, (29 de abril de 2014)
Como citar: Armesto, María : Enma Pino. Publicado o 27/4/2021 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=27637. Recuperado o 30/03/2023
DOCUMENTACIÓN DE
Programa de Mulleres en Concerto, con dirección musical de Enma Pino. Vigo, 1995
Partituras de dúas composicións de Enma Pino, transcritas a notación musical polo pianista Jacobo González para a homenaxe que a MITCFC lle dedicou á compositora en 2019
Fonte: Arquivo Mulleres en Acción do MITCFC
Presentación de Bloody Mary o 11 de novembro de 1983 na Sala Universal de Vigo
Fonte: « Bloody Mary: música para el recuerdo de los años dorados». Faro de Vigo, (11-XI-1983)
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Programa da homenaxe da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC)
Fonte: Arquivo Mulleres en Acción - MITCFC
Texto da intervención de Anxos Sumai na homenaxe a Emna Pino (Cangas, 2019)
Fonte: Sumai, Anxos: «Enma, a incerta historia da súa creatividade»
Obituario publicado por Fernando Franco en Faro de Vigo
Fonte: Franco, Fernando: «Una melodía de amor para Enma», Faro de Vigo, (29 de abril de 2014)
Portada do cultural Atlántico Diario (27 de febreiro de 1994), dedicada a Bloody Mary
Fonte: Arquivo María Costas
Ligazóns de interese
«A Mostra arranca hoxe cunha homenaxe á compositora Enma Pino», Faro de Vigo (27-VI-2019)
Desacuerdos, exposición no MACBA das fotos da acción poética na que participou activamente Enma Pino na manifestación do 25 de xullo de 1979
Audios
Tango arxentino, nunha liña estética francesa dos anos 20 do século XXI, composto e interpretado por Enma Pina
Composición de Jazz-Pop con liberdade e voz propia, rompendo clixés do pop e do jazz
Tema de banda sonora cinematográfica, simplificación dunha composición, unha síntese de sonata.
Composición de Enma Pino ao estilo das vangardas francesas dos anos 1920, con estética poética do cinema máis contemporáneo e dos Lumiere
Blues estilo saxón británico con reminiscencias pop da denominada movida viguesa dos anos 80. Composición e interpretación de Enma Pino