Pedro Brey Guerra
Rendo, Oca, A Estrada (Pontevedra), 7/ 9/1889 - Rendo, Oca, A Estrada (Pontevedra), 29/5/1967Autoría: Vítor Vaqueiro
Mestre de escola e retratista da veciñanza estradense
Coa perspectiva do presente, a vida de Pedro Brey Guerra articúlase sobre dous planos que, para o seu actor, deberon constituírse como os vectores fundamentais da existencia: a docencia e a fotografía. Da primeira posúese unha ampla perspectiva que vai balizando a súa circunstancia vital desde as súas orixes nun fogar economicamente desafogado, cun notábel interese cultural, cun pai mestre de escola —cuxos pasos ha seguir Pedro— e uns irmáns que chegarán a ser médicos, cregos, farmacéuticos ou maxistrados do Tribunal Supremo, situación que podía considerarse de excepcionalidade na sociedade galega de hai un século. Con toda seguranza sería este ambiente cultural, materializado na biblioteca familiar, o responsábel de lle facilitar o acceso ao mundo da fotografía.
En 1914, á idade de 25 anos, accede ao posto de mestre, en concurso aberto, pudendo elixir, ao ter superado con suceso a proba, a escola de Arnois, no concello da Estrada, un territorio que, na altura, se achaba nun elevado grao de desenvolvemento, de modernización e no que se inseriran un movemento agrario de notábel pulo e un Marqués de Riestra como vector central do caciquismo. Poucos meses despois, Brey é elixido vogal da directiva da Asociación de Mestres, cargo que segue a ostentar cando se producir a renovación da Xunta Directiva da asociación, en 1925. Catro anos máis tarde, e baseándose no dereito de consorte, solicita ser nomeado mestre da escola de Oca, posto que consegue definitivamente a comezos do ano 1930 e onde asentará até o fin da carreira académica e dos seus días.
No que atinxe ao seu perfil ideolóxico, coñécese, por unha parte, o ambiente relixioso que debía envurullar a súa contorna familiar, como parece enunciar o feito de ser pai de tres freiras e un crego e como mostran ademais as doazóns feitas para as obras do seminario, ou a patrocinada polas Juventudes de Acción Popular —JAP— organización xuvenil de extrema direita, dirixida a repor a moblaxe da locutora de Radio Clube Portugués Marisabel de la Torre, mobeis que, segundo sinala a prensa, a canalla marxista
destruíra no seu lar madrileño. Como contrapunto a esta circunstancia, débense salientar os posíbeis motivos de sospeita que o franquismo deitou sobre el, xa que en 1939 é unha das 658 persoas pontevedresas pertencentes ao sector da docencia ás que se segue expediente de depuración pola chamada Comisión Depuradora do Maxisterio da provincia seguindo o Decreto 66 de 8 de novembro de 1936, que fixaba o desempeño de una labor depuradora en el personal que tiene a su cargo una misión tan importante como la pedagógica
e que finalmente o ministerio resolve de maneira favorábel para os intereses de Brey. É indispensábel sinalar, porén, que o fotógrafo é unha das persoas que acompañan a Castelao na súa ascensión ao Pico Sacro no mes de xullo de 1925.
Sendo abundantes as referencias escritas relativas á súa actividade docente, son escasas, porén, á súa práctica fotográfica. Probabelmente, a primeira alusión ocorra no verán de 1926, cando o fotógrafo tiña 36 anos e a freguesía de Arnois inauguraba a escola, cuxo custo, como ocorreu en tantas outras ocasións, estaba financiado pola emigración cubana e arxentina. Nese momento sábese que foron tiradas “varias vistas fotográficas”, sendo probábel que o seu autor fose o proprio Pedro Brey. Coñécese, non obstante, con certeza, que o ano seguinte, coincidindo coa construción dun centro de ensino na parroquia estradense do Castro, será Brey quen exerza os labores de fotógrafo. A casa-escola de Castro fora igualmente financiada polo contributo da mesma emigración americana que fornecera apoio económico para a anteriormente comentada de Arnois. Despois da beizón do local, Pedro Brey, na altura mestre de Arnois, impresionaba unha placa e daba conta do feito para a historia. Brey fotografaría tamén as crianzas de ambos sexos co mestre, a comisión organizadora do proceso que dera lugar ao erguemento da escola e o público asistente, tirando ademais placas no interior do centro onde fotografará o alumnado, composto por xoves de ambos sexos, e o mestre Manuel Pereiras.
Sexa como for, é moi anterior a estas datas o momento que se debe considerar como inicial na súa toma de contacto coa fotografía. Na primeira década do século XX, cando ainda non cumprira os vinte anos, xa Brey compuxera un texto onde definía a fotografía como o método para copiar a natureza e facer retratos cunha máquina en poucos minutos e con grande exactitude
. O feito de que Brey defina —na altura que, na Europa, están prestes a apareceren as vangardas— o medio fotográfico como unha ferramenta para copiar a natureza
, dá unha pista certa de a fotografía galega —como tamén a do Estado— se achar aínda mantendo criterios de mediados do século XIX, nunha perspectiva de consideración da fotografía como un sinxelo dispositivo de copia, se exceptuarmos Cataluña onde, por exemplo, Joan Vilatobá abría estudio en 1901 en Sabadell e exercía unha fotografía que lembraba os fotomontaxistas ingleses.
De xulgarmos a obra fotográfica de Brey chegada até o presente, esta áchase dividida en dous grandes bloques, o primeiro correspondente a fotografías de exteriores, de natureza esencialmente documental e cuxo ámbito atinxía o concello da Estrada e adxacentes, encanto o segundo viría constituído polo exercicio do retrato. Como ten sinalado Carlos Asorey, Brey desenvolveu un proceso de catalogación que atinxía as elites sociais —cregos en actitude de estudo ou traballo, médicos en actividade cirúrxica, cazadores con fasquía fidalga— e os sectores campesiños. Poderanse ver, no interior e no exterior do estudio, crianzas, mocidade, parellas idosas ou de mediana idade, grupos familiares ou escolares, músicos, actos relixiosos, actividades festeiras, imaxes que constitúen pegadas da emigración, tarefas agrícolas ou que proxectan o mundo do traballo pre-industrial.
Nesta prática, Brey é un representante das diferenzas existentes, na Galiza que comentamos, entre fotógrafos rurais e urbanos, acazapados, estes derradeiros, no interior dos gabinetes, onde constrúen, como en calquera estudio fotográfico, un mundo de ficción. Como habemos de ver igualmente en Virxilio Viéitez, o estudio nas maos de Pedro Brey deslócase ao exterior da vivenda. Prodúcese desta maneira a fusión entre a galería fotográfica —o mundo da simulación— e o exterior, o mundo da realidade
. Encanto a estratexia de Viéitez vai consistir en converter os exteriores nun inmenso fondo, onde as persoas retratadas poden desenvolver actitudes e poses propias dos interiores, Brey vai manter —aínda que non sempre— unha interconexión entre o estudio e o exterior mediante a colocación de fondos con chans de terra ou paredes de cachote ou perpiaño, sendo, noutras ocasións, árbores verdadeiras, lagos naturais ou palleiros auténticos quen constitúen os contextos que compiten co estudio.
Cuestión complementar constitúena os elementos vexetais que aparecen de maneira constante nas fotografías, nomeadamente en forma de pólas e ramallos. A propósito: esta práctica de Brey foi transmitida ao seu alumno Celestino Fuentes que, no ano 1953, en Oca, tirou un renque de fotografías no que se reitera este método. En gran medida a introdución de produtos do mundo vexetal no interior do estudio actúa, simbolicamente, como un procedemento de converxencia entre o mundo campesiño con outro que, na súa orixe, se insería nun contexto de natureza burguesa, entendendo este último termo no seu estrito sentido etimolóxico. Nesta interacción entre os mundos do gabinete e a contorna rural, entre o interior e o exterior, figura unha categoría específica de retrato, a fotografía post-mortem, de tanta potencia e interese en Galicia. Nesta categoría Pedro Brey desenvolveu unha estratexia coherente coa súa traxectoria de mistura entre os sinalados mundos do interior e exterior, trasladando a persoa falecida ao exterior da casa, por exemplo á eira, nunha paisaxe, perante unha xanela, construíndo unha posta en escena na que os simulacros que no estudo imitan paisaxes naturais están substituídos por paisaxes verdadeiras.
Proposto para o acceso á Orden de Alfonso X el Sabio
, na que posteriormente ingresará, o seu falecemento prodúcese, de maneira inesperada, o 29 de maio de 1967, á idade de setenta e oito anos.
Bibliografía
Monografías
Acuña, X.E. (2004): «Pedro Brey ou a parroquia retratada». En Pedro Brey: a parroquia retratada. Santiago de Compostela: Universidade; CGAI; 19-24.
Asorey Brey, C. (2004): «Pedro Brey Guerra, unha vida fotografada». En Pedro Brey: a parroquia retratada. Op. cit.; 15-18.
Cruz Lichet, V. de la (2010): Retratos fotográficos post-mortem en Galicia (siglos XIX y XX). Madrid: Universidad Complutense. [Tese de Doutoramento].
Fernández Castro, J. A. (2014): «Olladas do pasado. Retratos de mulleres do rural estradense», A Estrada: Miscelánea histórica e cultural, 17 (2014), 257-301.
Fontcuberta, J. (1983): «Notas sobre la fotografía española», En Newhall, B.: Historia de la Fotografía. Barcelona: Gustavo Gili; 306.
Garrido Couceiro, X.C.: «Na Estrada, entre labregos e agrarios». En Pedro Brey: a parroquia retratada. Op. cit.; 25-8.
Martorló, J. (1927): «De Castro», El Emigrado, (28 de febreiro), 2-3.
Xornais e revistas
Diversas información procedentes das seguintes publicacións e anos: El Compostelano (1930, 1937); El Correo de Galicia (1914); El Correo Gallego (1950, 1957, 1958); El Ideal Gallego (1926); El Noticiero Gallego (1925, 1939); El Pueblo Gallego (1958); Galicia Nueva (1929); La Correspondencia Gallega (1916); La Noche (1967)
Como citar: Vaqueiro, Vítor : Pedro Brey Guerra. Publicado o 7/2/2023 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=34136. Recuperado o 27/03/2023
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Estudo de Juan Andrés Fernández Castro sobre os retratos de mulleres rurais estradenses a partir de fotografías de Celestino Fuentes, alumno de Pedro Brey
Fernández Castro, J.A: «Olladas do pasado. Retratos de mulleres do rural estradense no 1953», A Estrada: Miscelánea histórica e cultural, 17 (2014), 257-301.
Fonte: A Estrada: Miscelánea histórica e cultural
Noticia sobre o falecemento de Pedro Brey no diario compostelán La noche
«Falecemento», La Noche: único diario de la tarde en Galicia, 14214 (31 de maio de 1967), 6.
Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/registro.do?id=7180 [Decarga: 2023-02-06]
Imposición da
Cruz de Alfonso Xa Pedro Brey polo seu labor como mestre nacional«Imposición de la Cruz de Alfonso X El Sabio», El Correo gallego: diario político de la mañana, 26627 (2 de decembro de 1958), 9
Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/registro.do?id=10000325811 [Descarga: 2023-02-23]
Homenaxe á locutora Marisabel de la Torre, do Radio Clube Portugués, na que participou Pedro Brey Guerra
«Homenaje a la locutora de Radio Club Portugués», El Compostelano: diario independiente, A Estrada, 4943 (19 de xaneiro de 1937), 2
Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/registro.do?id=10000227908 [Descarga: 2023-02-23]
Alegando o dereito de consorte, Pedro Brey solicita ser nomeado mestre da escola de Oca
«Consortes», Galicia nueva: periódico regional, primer diario de Villagarcía, 7726 (11 de abril de 1929), 3
Fonte: Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola / Galiciana.
http://galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es/gl/consulta/registro.do?id=10000321889 [Descarga: 2023-02-07]
Noticia sobre a inauguración da escola de Castro e sorbe as fotografías tomadas por Pedro Brey
Martorló, J.: «De Castro», El Emigrado, A Estrada, 221 (28 de febreiro de 1927), 2-3
Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/gl/publicaciones/numeros_por_mes.do?idPublicacion=121 [Descarga: 2023-01-23]
Ligazóns de interese
Artigo sobre a fotografía post morten en Galicia
Díaz, Héctor: «Imágenes para la eternidad», La Región, (31 de outubro de 2021)
Fonte: https://www.laregion.es/articulo/sociedad/imagenes-eternidad/202110310011501077085.html [Consulta: 2023-02-03]
Entrada de María Brey Mariño, bibliotecara represaliada polo franquismo, no Álbum de Galicia. O fotógrafo Pedro Brey era tío paterno seu
Fonte: Álbum de Galicia. Consello da Cultura Galega.
Artigo de Javier Benito sobre a exposición Pano de fondo, que mostra retratos de Pedro Brey
Benito, Javier: «Revive el maestro que enseñó el rural estradense con sus fotos», La Voz de Galicia, (3 de outubro de 2010 )
Fonte: La Voz de Galicia, edición Deza.
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/2010/10/03/revive-maestro-enseno-rural-estradense-fotos/0003_8760232.htm [Consulta: 2023-02-03]
Pedro Brey en tabeirosmontes.com: Recolle a estudo de Carlos Asorey Brey publicado no catálogo da exposición Pedro Brey: a parroquia fotografada, de 2004
Asorey Brey, C.: «Pedro Brey Guerra, unha vida fotografada», tabeirosmontes.com
Fonte: https://www.tabeirosmontes.com/pedro-brey-guerra.html [Consulta: 2023-01-23]
Expediente de doazón de terreos por parte de Pedro Brey Guerra para escolas. 1962
Fonte: Arquivo municipal da Estrada / Atopo. Deputación de Pontevedra.
https://atopo.depo.gal/Record/arc.DEPO21800003609 [Consulta: 2023-02-06]
Decreto 66 que regula a depuración do persoal docente. Salamanca, 8 de novembro de 1936
Fonte: Boletín Oficial del Estado, 27 (11 de noviembre de 1936), 153.
153https://es.m.wikisource.org/wiki/Decreto_66_que_regula_la_depuracion_del_personal_docente [Consulta: 2023-01-23]
O fotógrafo Pedro Brey no DB-e da Real Academia de la Historia
Justo Rajó, Ana Belén: «Pedro Brey Guerra», DB-e, Real Academia de la Historia.
Fonte: https://dbe.rah.es/biografias/58585/pedro-brey-guerra [Consulta: 2023-01-23]
Biografía de Pedro Brey Guerra na Galipedia
Fonte: https://gl.wikipedia.org/wiki/Pedro_Brey_Guerra [Consulta: 2023-02-23]
A exposición Pedro Brey: a parroquia retratada [c.1910 - 1930] no web do CGAI
Fonte: https://cgai.xunta.gal/gl/exposicions/pedro-brey-parroquia-retratada-c1910-1930 [Consulta: 2023-01-23]