(A Coruña, 1871 – A Coruña, 1962)

Mozo avogado coruñés do círculo da Cova Céltica, foi unha das trece persoas que o 30 de abril de 1897 acordaron fundar a Liga Gallega da Cruña, constituída formalmente o 31 de outubro con sede na Librería Regional de Eugenio Carré. A Revista Gallega, dirixida por Galo Salinas, pasou a ser o voceiro oficial da Liga e Banet, o vicepresidente da súa primeira directiva, elixida en xaneiro de 1898. Aínda que de tendencia predominantemente liberal, a Liga non era totalmente homoxénea no ideolóxico. Banet situábase no seu sector máis conservador, como o demostra que fose o encargado de dar unha conferencia o 18 de abril no Círculo Católico da Coruña para intentar reincorporar o groso do rexionalismo tradicionalista. A partir de 1901 reside en Monforte, onde ocupa unha praza de notario, pero continúa participando activamente nos labores do grupo coruñés, entre eles na creación da Academia Galega. Na sesión inaugural do 30 de setembro de 1906, el é quen le o discurso de Manuel Murguía, que non asistiu, probablemente polas súas diferenzas con Emilia Pardo Bazán. En xullo do ano seguinte, representa o rexionalismo, xunto con Manuel Lugrís e Eugenio Carré, na constitución da Solidaridad Gallega na Coruña, e consegue que Monforte sexa unha das poucas vilas non coruñesas que conta cunha activa Junta Solidaria, formada por profesionais, propietarios e algún comerciante, que, como en todas as partes, conecta axiña co nacente agrarismo, no noso caso preferentemente coa súa tendencia socialcatólica.
O activismo e o ascendente de Banet non son alleos ao feito de que o 15 de agosto de 1908 sexa en Monforte onde se leve a cabo a I Asemblea Agraria, localización que se repetirá nas seguintes edicións. Nesa primeira asemblea contribúe a formular algunhas das 40 conclusións que se aproban, e faino cun teor reformista que merecerá que Joaquín Arias Sanjurjo lle chame «canalla» nunha carta a Manuel Diéguez Arias, tío de Antonio Losada Diéguez, polos seus supostos ataques «contra la clase propietaria», malia que Banet, en realidade, sintonizaba co rexeneracionismo conservador de Antonio Maura, ao que apoia en 1908 na súa pretensión de combater o caciquismo introducindo o voto corporativo nos concellos.
En 1916 súmase decontado ao movemento das Irmandades da Fala e funda o 1º de xuño en Monforte a terceira por orde de aparición, só uns días despois da da Coruña e Santiago, cun reducido grupo de profesionais da vila. Nos dous anos seguintes vaise decantando polos partidarios de dar o salto do rexionalismo ao nacionalismo e, en consecuencia, participa na I Asemblea Nacionalista (Lugo, 17-18 novembro 1918) e asume o seu programa. Como membro do reducido círculo de dirixentes, en 1919 confíaselle a coordinación do equipo redactor do programa para as eleccións municipais, ás que finalmente as Irmandades non se presentaron. En 1921, na III Asemblea Nacionalista, é elixido, xunto con Antón Villar Ponte e Vicente Risco, membro do Consello Permanente das Irmandades, novo órgano de dirección, co que se pretendía unha acción máis eficaz e disciplinada. Na crecente tensión interna entre os partidarios de participar nas eleccións preferentemente en alianza cos republicanos e os que, como Vicente Risco e Antón Losada, predicaban o abstencionismo en nome da pureza nacionalista, Banet está cos segundos por obvias afinidades ideolóxicas. Así que en 1922, cando se produce a escisión na IV Asemblea, realizada precisamente en Monforte, Banet e o seu grupo intégranse na nova Irmandade Nazonalista Galega (ING), presidida por Vicente Risco, e secundan a súa política de combater o sistema da Restauración dende fóra, sen entrar no xogo electoral, e de achegarse ao agrarismo para intentar dirixilo politicamente. Coa chegada da ditadura de Primo de Rivera en setembro de 1923, apoia a breve colaboración dun sector da ING, encabezado por Antón Losada e Vicente Risco, co novo réxime para conseguir unha Mancomunidade para Galicia. Mais, posteriormente, rompe tamén co Directorio Militar cando esa promesa non se cumpre.
En 1930, cando xa trasladara a súa notaría de Monforte a Santiago, forma parte, xunto cos seus dous fillos, tamén notarios, da reactivación do nacionalismo en Compostela dentro da Asociación Nacionalista de Santiago. Acabada de proclamar a República, asiste, coa etiqueta de «agrario», á asemblea proestatuto realizada na Coruña o 4 de xuño de 1931, e en decembro é un dos fundadores do Partido Galeguista en Pontevedra. En recoñecemento á súa longa folla de servizos preside a asemblea fundacional e é elixido membro do Consello Executivo, condición que conservará até 1933. Por votación da Asemblea Extraordinaria do 21 de outubro de 1933 forma, xunto con Ramón Suárez Picallo e Ramón Martínez López, a candidatura do PG ás eleccións de novembro pola provincia da Coruña. Ningún dos tres obtivo escano.
Na pugna interna do partido arredor de se había que aliarse ou non coas esquerdas españolas para desbloquear o proceso autonómico, Banet identifícase en 1935 coa posición antiesquerdas de Otero Pedrayo na IV Asemblea do PG, que sae derrotada. Aínda así, permanece de momento fiel ao partido, igual que Otero. Pero a entrada do PG no Frente Popular en febreiro de 1936 é demasiado para el. Segue a Vicente Risco na súa escisión e forma, xunto con Manuel Beiras e outros, o pequeno grupo compostelán da Dereita Galeguista. O comezo da Guerra Civil cólleo con 65 anos e, aínda que vivirá até os 91, o seu protagonismo político de máis de catro décadas remata nese momento.

Compartir:

Bibliografia selecta sobre Manuel Banet Fontenla

BANET FONTENLA, Manuel: "De Administración Local", A Nosa Terra, (26-II-1908), p. 3.
. "Rexionalismo e fala", Vida Gallega, Vigo, n.º 73, (5-VIII-1916).
. "O camiño", A Nosa Terra, n.º 1, (14-XI-1916), p. 2.
. "O probrema autonomista", Galicia, La Habana, XIX, n.º 30, (25-VII-1920), p. 4-5.
. "Respuesta a la encuesta sobre la autonomía de Galicia", Galicia, Vigo, (20-I-1924).
. A prol do Estatuto, Santiago de Compostela, Nós, 1933.
BERAMENDI, Justo: De provincia a nación. Historia do galeguismo político, Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 2007.
DURÁN, José Antonio: Agrarismo y movilizaciones campesinas en el país gallego (1875-1912), Madrid, Siglo XXI, 1977.
MÁIZ, Ramón, O rexionalismo galego. Organización e ideoloxía, 1886-1907, Sada, Ediciós do Castro, 1984.

Bibliografía específica sobre Manuel Banet Fontenla elaborada por Xusto Beramendi. 2017.