Naceu na Coruña o 13 de xuño de 1891 e cursou os estudos de Medicina en Santiago. Unha vez rematados, en 1917 instalouse coa súa familia en Ferrol, cidade onde exerceu como médico xinecólogo ata a súa morte a mans dos fascistas o 17 de agosto de 1936. Sería elixido alcalde republicano en 1931. Xaime Quintanilla foi quen de harmonizar tres ámbitos de difícil engrenaxe na súa época: gran defensor do nacionalismo, non renunciou a ser socialista e republicano.
Vinculouse ás Irmandades da Fala desde o seu nacemento. En 1916, rematando os seus estudos de Medicina en Santiago, colaborou coa nova Irmandade desa cidade desde a súa fundación, represéntaa no funeral que na Coruña se lle fixo ao mestre Chané en febreiro de 1917 e na homenaxe a Fontenla que nesa cidade se lle rendeu en marzo do mesmo ano. Mais a principal actividade de Quintanilla nas Irmandades foi a realizada en Ferrol.
Os inicios da Irmandade ferrolá non foron doados, e foi posible grazas ao impulso de membros da Irmandade coruñesa e do propio Quintanilla, elixido primeiro conselleiro no acto fundacional que tivo lugar o 15 de abril de 1917. A partir desta data, a actividade de Quintanilla será moi intensa e manifestarase en varios ámbitos: artigos na prensa, celebracións de mitins e conferencias e creación de novas publicacións como voceiros do ideario da Irmandade ferrolá.
A primeira cabeceira foi Galicia. Boletín rexionalista presentada ao tempo que se inauguraba o local da sede da Irmandade ferrolá na rúa Real 32. Baixo a dirección de Quintanilla editáronse 14 números entre o 13 de decembro de 1917 e o 6 de marzo de 1918. A partir do número 6 modificouse o subtítulo da publicación, que pasou a denominarse Galicia. Orgão da Irmandade da Fala. Este boletín, bilingüe, actuou como plataforma ideolóxica do rexionalismo e de crítica do caciquismo e do sistema de quenda.
A presenza de Quintanilla detéctase en todos os números, especialmente os editoriais. Galicia soportou as críticas da prensa ferrolá, tanto da conservadora ?El Correo Gallego?, como obreira ?El Obrero? e republicana ?El Pueblo?, ás que replica en numerosas ocasións. Esta situación obrigou a definirse ideoloxicamente e a explicar o programa nacionalista, especialmente nas cuestións máis criticadas: o carácter separatista co que identifican o nacionalismo e a cuestión da utilización do galego como lingua propia para usar en todos os ámbitos. Quintanilla dedicou varios traballos a aclarar estas cuestións, entre os que destacan O separatismo catalán, A custión da fala e Nacionalismo e rexionalismo.
Durante o ano 1918 a Irmandade de Ferrol continuou desenvolvendo o seu labor baixo a presidencia de Quintanilla. Foi tamén un dos asinantes do Manifesto da I Asemblea Nacionalista e pasou a formar parte do Directorio da organización.
En 1919, Quintanilla estreou en Ferrol a súa primeira obra teatral, Donosiña, na que actuaba o propio autor, e iniciou a súa colaboración con Toxos e froles, especialmente co seu cadro de declamación.
Descoñecemos as razóns polas que a Irmandade ferrolá deixou de publicar o seu boletín, mais un tempo despois, en decembro de 1921, volverá editar outra cabeceira, de novo dirixida por Quintanilla: Boletín Mensual da Irmandade da Fala de Ferrol. Como consecuencia dos acordos tomados na IV Asemblea nacionalista de Monforte de febreiro de 1922, a partir do número 3 o Boletín modificou o título polo de Boletín Mensual da Irmandade Nazonalista Galega. Delegación do Ferrol. O derradeiro número conservado, o número 7, é de agosto de 1922.
Unha nova iniciativa de Quintanilla directamente relacionada coa Irmandade ferrolá foi a colección Céltiga. Novela mensual ilustrada, fundada en Ferrol en 1921 coa finalidade de publicar, exclusivamente, obras literarias en lingua galega. A fundación desta editorial responde ao compromiso de levar á práctica o programa cultural das Irmandades, promovendo o emprego do galego na literatura, especialmente na prosa. Nesta colección Quintanilla publicou dúas obras: Saudade e a obra teatral Alén.
O ano 1922 foi crucial na historia das Irmandades. Por proposta da de Ferrol, realizouse en febreiro a IV Asemblea nacionalista en Monforte. Representaban a Ferrol Xaime Quintanilla, Eugenio Charlón e Ramón Villar Ponte. A nova organización xurdida desta Asemblea de Monforte, a Irmandade Nacionalista Galega (ING), dotouse dun voceiro propio, Rexurdimento, no que Quintanilla colaborará.
O inicio da ditadura de Miguel Primo de Rivera en 1923 provocou a retracción fatal dos movementos nacionalistas. O 18 e 19 de marzo celebrouse na Coruña a V Asemblea da ING, actuando Quintanilla como secretario. Risco foi elixido conselleiro supremo e Quintanilla conselleiro de espallamento. Ademais de reiterar os acordos adoptados en Monforte, como o apoliticismo das Irmandades, varios membros que representaban, en certa maneira, o sector máis próximo ao obreirismo ?Quintanilla, César Sueiras e José Mª Calviño? propuxeron a creación dun sindicato nacionalista, a Confederación do Traballo Galego.
Esta tendencia de Quintanilla a atender as preocupacións do mundo obreiro e, en xeral, as de carácter social seguramente foi a que levou ao médico coruñés a aproximarse ao PSOE, o partido ao que pertencera na súa xuventude e do que se separou para atender as reivindicacións nacionalistas dos galeguistas.
A partir de mediados de 1923, a Irmandade ferrolá comezou un declive imparable, similar ao que lles aconteceu a case todas as Irmandades. Deixaron de editarse os órganos da asociación, de Céltiga non saíron máis números a partir de xullo, e membros vinculados ao nacionalismo en Ferrol como Manuel Morgado e Quintanilla achegáronse ás filas socialistas.

Compartir:

Bibliografía sobre Xaime Quintanilla

Pereira Martínez, Carlos, e Romero Masiá, Ana: Xaime Quintanilla Martínez. Vida e obra dun socialista e galeguista ao servizo da República, Fundación Luís Tilve, Santiago, 2011.
Pereira Martínez, Carlos, e Romero Masiá, Ana: Xaime Quintanilla Martínez, xornalista en Ferrol, Club de Prensa de Ferrol-Sociedade de Cultura Valle Inclán, Ferrol, 2012.
Pereira Martínez, Carlos, e Romero Masiá, Ana: “Xaime Quintanilla Martínez: escolma de artigos xornalísticos”, I e II, Anuario Brigantino nº 35 (2012) e nº 36 (2013).

Bibliografía específica sobre Antón Villar Ponte elaborada por Ana Romero Masiá. 2016