A nobreza galega entre o século XV e o XVI

A relación de vinte nobres que asisten, xunto con catro membros do alto clero, á reunión que ten lugar en Melide o 4 de decembro de 1520, representa unha mostra moi axeitada para nos achegar á nobreza galega nos inicios da Idade Moderna. Unha nobreza que, se ben aínda ten próximo o contexto tardomedieval (a meirande parte deles naceron na segunda metade do século XV), cada vez se sente máis cómoda cos novos tempos modernos conforme avancen as primeiras décadas do XVI.

Antonio Presedo Garazo
Universidade de Vigo

Están presentes, en primeiro termo, as poderosas casas condais de orixe baixomedieval: Altamira, Benavente, Lemos e Vilalba, coa notable ausencia da non menos importante Ribadavia (e sen esquecer que, entón, a condesa de Monterrei está casada co conde de Vilalba), ás que lles podemos engadir o marqués de Astorga. Esta media ducia representa a cúspide da nobreza galega que, como resultado do proceso de renovación nobiliaria propiciada pola dinastía Trastámara a partir de 1369 en diante, posúe os patrimonios de maior volume dentro do seu estamento, os cales foron incorporados aos seus morgados fundados no Catrocentos (Benavente en 1420, Lemos en 1443 e Monterrei en 1446). Nela conviven liñaxes autóctonas (os Moscoso de Altamira, os Ulloa de Monterrei e os Andrade de Vilalba) con outras de orixe foránea (Pimentel, Osorio, Zúñiga ⸺emparentados cos Ulloa⸺ e Sarmiento) que atopan no territorio galego posibilidades de expansión. Pero independentemente da súa orixe xeográfica, teñen en común que eses patrimonios foron constituídos sobre todo en base a mercés reais, adquisicións, apropiacións de bens das institucións eclesiásticas, e sempre coa imprescindible contribución da política matrimonial. Todas elas deron lugar a Casas moi poderosas na Galicia do XV e tamén do XVI, non só polos ingresos que lles achegan os ditos patrimonios –permitindo consideralas importantes rendistas–, senón porque ademais, en canto señores, teñen baixo o seu control unha parte considerable do territorio (na que, por certo, non se atopan os principais núcleos urbanos). Así mesmo, a súa presenza a partir de 1480 na corte real vailles permitir acceder a novos recoñecementos e mercés en recompensa pola súa participación nas empresas da monarquía. O seu modelo reprodutivo haberá de actuar, dende ben cedo, xa no primeiro cuarto do Cincocentos, como referente para todos aqueles que pretendan ascender no seo do estamento nobre.
En segundo termo, asisten á reunión de Melide algúns dos homes que serviron durante certo tempo nas Casas destes poderosos magnates (tanto Álvaro González Ribadeneira como Lope de Taboada serviran na do I conde Monterrei, e o avó homónimo de Vasco das Seixas –señor de san Paio de Narla– na do non menos poderoso Gómez Pérez das Mariñas), e outros que estableceran relacións de feudovasalaxe co señor galego máis poderoso de entón: o arcebispo de Santiago (p. ex.: os devanceiros de Pedro Bermúdez de Castro). Nos inicios do século XVI están a reforzar os núcleos dos seus dominios sobre as bases consolidadas na centuria precedente, valéndose de mecanismos semellantes aos desenvolvidos polas casas condais, e proceden a fundar os seus morgados pouco despois da reunión melidense. Montaos, que xa contaba co morgado de 1504, establece un novo en 1523. Taboada primeiro en 1522 e logo, de novo, en 1533. Mesmo o morgado dos Mariñas data de 1536. Co tempo, os xefes destas outras Casas tamén se converterán en importantes rendistas e haberán de ter ocasión de acceder a títulos nobiliarios, actuando as súas Casas como centros xeradores de fidalguía, posto que algunhas casas fidalgas van ter a súa orixe en segundoxénitos destas ou ben en individuos que desenvolveron algunha función nelas.
Constitúen, xunto cos doce restantes, un sector nobiliario ao que se lle van presentar enormes posibilidades de éxito nos séculos modernos, cuxos primeiros froitos se comezan a recoller xusto nas décadas iniciais do Cincocentos, logo de que saquen proveito do afastamento xeográfico que caracteriza as mencionadas casas condais galegas. Algúns deles son identificados pola súa condición de señores: os Sarmiento de Salvaterra e Sobroso, os Enríquez de Rianxo e Lantaño, os Soutomaior de Sobrán e Señoráns, os Oca de Celme e os Suárez de Deza do Val do Tebra (engádanselles os González Ribadeneira da Barreira e os Bermúdez de Castro de Montaos). Tamén estes fundan os seus primeiros morgados logo da reunión de Melide (os Oca en 1529 e os Suárez de Deza, xa algo máis tarde, en 1566). Outros poñen de manifesto a súa vocación urbana, figurando como rexedores nalgúns dos concellos das sete cidades galegas (Ares Pardo de Cela en Betanzos, Pedro Bermúdez de Castro na Coruña ou Álvaro de Oca en Ourense). Con estes, aos que habería que engadir aínda unha nómina algo máis extensa de fidalgos –algúns dos cales tamén serviron nas devanditas casas condais– e que non están presentes en Melide, pero en cuxo nome falan os que si acoden á reunión, dá inicio a primeira etapa de consolidación da fidalguía galega que podemos dar por rematada a mediados do século XVII.

Bibliografía
GARCÍA ORO, José (1981): La nobleza gallega en la Baja Edad Media. Las casas nobles y sus relaciones estamentales, Santiago de Compostela, El Eco Franciscano,.
GARCÍA ORO, José (1994): Don Fernando de Andrade, conde de Villalba (1477-1540). Estudio histórico y colección documental, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia,.
PRESEDO GARAZO, Antonio (2008): A fidalguía galega. Estudos sobre a reprodución social dos fidalgos na Galicia Moderna, Santiago de Compostela, Lóstrego, caps. I e II.
PRESEDO GARAZO, Antonio (2011): Nobleza y régimen señorial en Galicia. La Casa de Montaos en los siglos XVI y XVII, Santiago de Compostela, Universidade.
SÁNCHEZ GARCÍA, Jesús Ángel (2001): Torres do Allo. Arquitectura e historia del primer pazo gallego, A Coruña, Deputación Provincial.

Esta web utiliza cookies, podes ver a nosa la politica de cookies, aqui Se continuas navegando estaras aceptandoa
Politica de cookies +