Diálogos confinados (14): Música e baile tradicional

DIÁLOGOS CONFINADOS (14)

Esta serie de entregas audiovisuais, a modo de pílulas culturais, ten por obxectivo tomarlle o pulso á cultura galega nesta situación de parálise provocada pola COVID-19. Diferentes voces dos múltiples ámbitos que abrangue o complexo sector cultural achegarannos as súas percepcións sobre a realidade que están a vivir mediante breves diálogos moderados por persoas vinculadas ao Consello da Cultura Galega. Coñeceremos así tamén as súas expectativas de futuro a curto e medio prazo e mais que medidas cren necesario adoptar para paliar os estragos que está a causar no mundo da cultura. O obxectivo é tecermos unha radiografía polifónica da cultura confinada desde Galicia, coas súas perspectivas e demandas para un futuro inmediato. Con esta aposta, xunto cos informes que está a realizar do xeito continuo o Observatorio da Cultura Galega e co traballo xornalístico do seu portal de divulgación cultural culturagalega.gal, o Consello da Cultura Galega quérese facer eco da preocupación do mundo da cultura e contribuír a sumar propostas que enriquezan o debate sobre o futuro dun sector, o cultural, que se demostrou esencial para as nosas vidas.

Información
Nesta décimo cuarta entrega de Diálogos confinados, Xulia Feixoo, integrante do Arquivo Sonoro de Galicia do CCG, dialoga con:

Montse Rivera
Profesora de baile, pandeireta e canto tradicional, dirixiu Cantigas e Agarimos e actualmente Brincadeira, ambas de Santiago de Compostela. Fundadora e unha das seis integrantes de Leilía e investigadora do traxe tradicional galego, posúe xunto con Felisa Segade un dos arquivos audiovisuais máis importantes de repertorio de música e baile de tradición galega.

Xaneco Tubío
Luthier, músico e mestre de percusión tradicional en numerosas asociacións da provincia de Lugo. Actualmente é presidente da Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG) que promove a mostra de instrumentos de música tradicional do Festival de Pardiñas -unha referencia imprescindible dos veráns galegos- e a TradEscola, un proxecto didáctico da cidade de Lugo.

Máis de 300 entidades culturais dedicadas a folclore con máis de 25.000 alumnos e que moven uns tres millóns e medio de euros anuais (segundo datos de 2006) son só as cifras visibles dun sector que vertebra o ensino da música e do baile tradicional en Galicia e facilita a transmisión do legado cultural. Estes números nada insignificantes foron postos enriba da mesa durante o encontro sobre música e baile tradicional xunto á denuncia da invisibilidade do sector, precariedade, altruísmo e falta de apoio da Administración. A Asociación Galega de Gaiteiros puxo en marcha durante o confinamento un sistema de recompilación de información e elaborou un documento con medidas específicas para paliar a crise do covid que permitiu unírense como colectivo e defendérense como sector coa presentación de propostas de axudas e liñas de actuación inmediata que, segundo indican, foi recibido con certa indiferencia pola Xunta de Galicia, quen orienta as axudas públicas aos sectores profesionalizados e dificultan o acceso ao tecido amador.
Preocupa, ademais, a falta de actuacións no verán que permiten financiar moitas das actividades formativas do inverno nas asociacións e tamén o medo a programar dalgúns concellos, fronte a outros que seguen a apostar por grupos locais e a recuperación de festivais e proxectos que seguen a alimentar a ilusión de participantes e público. En canto ao futuro inmediato, a recuperación das clases supón unha inquietude notable xa que a maioría dos espazos das asociacións non cumpren as medidas necesarias e o ensino online carece de implantación debido á escasa alfabetización dixital e a fenda dixital pro mor das dificultades técnicas e de acceso a Internet de gran parte da poboación. A unión do colectivo de mestres e mestras de música e baile tradicionais -que xa viviu varios intentos nas últimas décadas e parece que desta vez ten visos de se materializar- é un dos aspectos destacado como máis positivo deste tempo de incertezas.

Máis información sobre o Documento aberto de propostas de medidas específicas par ao sector da música e o baile tradicionais galegos para paliar a crise do covid19 http://gaiteirosgalegos.gal/images/stories/files/propostamedidascovid19-agg.pdf


Ficha técnica
Diálogos confinados (14): Música e baile tradicional
Diálogos confinados (14): Música e baile tradicional
Ciclo en liña. Luns, 27 de xullo de 2020
Modera
Xulia Feixoo
Participante
Montse Rivera
Xaneco Tubío
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n 15705
Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax.: 981 957 205