asaia
a saia

A Saia

No marco da chamada terceira onda do movemento feminista, a revista A Saia. Boletín do Colectivo Feminista Independente Galego que aquí se presenta cumpre un papel histórico fundamental no contexto galego ao ser a primeira revista feminista editada integramente en galego e con consciencia de país entre marzo de 1982 e xaneiro de 1983 en Compostela. Son as mulleres compoñentes do Colectivo Feminista Independente Galego (CFIG), as encargadas de editar os dous números que completan a colección e nos que elas propias ou colaboradoras especializadas nos temas propostos, abordan temas culturais, sociais e políticos desde olladas críticas feministas e, máis concretamente, desde o feminismo da diferenza.
Andaina

Andaina [1ª época]

Preséntanse aquí os 24 números e os tres especiais que compoñen a primeira época da revista Andaina subtitulada Revista do movimento feminista-Galicia (1983-1991). Escrita integramente en galego, ademais de contar coa colaboración de especialistas e estudosas en diferentes áreas de investigación, traballo e coñecemento, os seus contidos e debates teñen que ver coas estratexias, críticas e accións das mulleres integradas nos diferentes grupos e colectivos con actividade en Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Ourense, Vigo, Arousa e Pontevedra que na década de 1980 deron en conformar unha rede de relacións coñecida como Coordinadora Nacional de Organizacións Feministas. Difundir e animar o debate en torno ás posicións e teorías feministas existentes dentro e fóra de Galicia, denunciar as situacións de violencia, desigualdade e discriminación que lles acontecen ás mulleres, recoller novas propostas, recuperar a memoria e a historia son algunhas das cuestións abordadas nunha revista con clara conciencia de país.
A festa da palabra silenciada

Festa da palabra silenciada

Preséntanse aquí os oito primeiros números da revista Festa da palabra silenciada editados entre 1983 e 1991. Trátase dunha revista potenciada polas compoñentes de Feministas Independentes Galegas (FIGA). Ten como obxectivos promover o pensamento, a investigación, o debate e a crítica feminista nos ámbitos da teoría, as ciencias sociais, as artes e a política, e a potenciación e visibilización da creación das mulleres, en particular, na literatura e as artes visuais sobre todo en Galicia e tamén alén das súas fronteiras. Neste sentido conta coa colaboración de especialistas e investigadoras nas cuestións propostas e de creadoras galegas do eido das artes visuais.

Créditos da Hemeroteca Feminista Galega A Saia

Ti podes axudarnos

Axúdanos a enriquecer o legado da cultura galega. Se posúes ou coñeces a existencia de fondos ou consideras que nos nosos arquivos xa publicados hai erros ou ausencias, agradecemos a túa participación. Fáinolo saber por correo electrónico ou por teléfono para incorporar nova documentación ao noso fondo dixital.

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
15705 Santiago - A Coruña
T: (+34) 981957202
Enderezo electrónico
biblioteca@consellodacultura.org