----

As cifras do Observatorio da Cultura Galega constatan a tendencia á baixa do turismo cultural

No ano 2013 chegaron a Galicia 783 300 turistas culturais, unha cifra inferior á de 2012, no que o fixeron 931 600. Deses visitantes, o 55,2% eran estranxeiros e o 44,7% españois. Todos eles deixaron na nosa comunidade 683,6 millóns de euros, case 11 menos que no ano anterior. Malia o descenso de cifras, o Camiño de Santiago consolidouse como un activo importante dentro do turismo cultural en Galicia. Son as cifras do último Documento de Traballo do Observatorio da Cultura Galega (DT-OCG), que traza o perfil do turismo cultural no noso país.

Galicia é visitada por máis turistas internacionais que do resto de España (432 600 visitantes fronte a 350 700). Con todo, ese tipo de turismo supón só o 1,3% das cifras totais de turismo cultural en España. Os destinos preferidos polos estranxeiros son, por esta orde, Cataluña, Andalucía, Canarias e Madrid. Mentres no conxunto de España segue unha tendencia á alza, en Galicia a cifra de visitantes culturais estranxeiros caeu lixeiramente en 2013. Como dato positivo destaca o gasto que fai este tipo de turismo na nosa comunidade. Segundo os datos do Observatorio, supuxo en 2013 561 millóns de euros, lixeiramente superior a 2012, que se situou en 544,1. O gasto medio por turista internacional que chega a Galicia e realiza actividades culturais foi de 1298 euros en 2013, 225 máis ca a media española. En comparación co gasto efectuado no resto de destinos, Galicia ocupa o cuarto lugar, por detrás de Asturias, Castela-A Mancha e Madrid.

Turismo procedente de España
O último Ano Santo de 2010 marcou a liña de inflexión do turismo procedente do resto de España. Desde entón, non parou de baixar a cifra de visitantes, ata un 28,6% en 2013 con respecto a 2012. Ao baixar a cifra tamén baixa o gasto, que neste período supuxo unha mingua de 27,7 millóns de euros. O gasto medio por viaxe sitúase en 2013 en 348 euros. Unha cifra moi relevante porque sitúa a Galicia no primeiro destino cultural peninsular dos españois por gasto medio da viaxe.

Turismo cultural dos galegos
Outra cousa son as viaxes de ámbito cultural que realizaron os galegos nese período. Logo de que en 2011 se rexistrara unha repunta, a tendencia volve ser á baixa. No conxunto de España, Galicia ocupa o noveno lugar en turismo cultural. O gasto desas viaxes tamén é menor que en anos anteriores, sitúase nos 150 millóns de euros. No entanto, o Observatorio apunta que o avance de datos de FAMILITUR de 2014 poñen de relevo un incremento das viaxes con respecto ao resto.

O Camiño de Santiago
O gran motor do turismo cultural en Galicia é o Camiño de Santiago. Medra notoriamente o número de peregrinos que fixeron esta ruta en 2014, con 237 886 fronte aos 114 023 de 2007; aínda que as cifras están por debaixo dos 272 135 peregrinos que chegaron a Compostela en 2010, no último Ano Santo. Ademais, o 51% dos que chegaron a Galicia por esa ruta motivounos o carácter relixioso-cultural, o 42% fixérono por motivos relixiosos e só o 7% por criterios culturais.

Turismo de cruceiros
O turismo de cruceiros está en retroceso. Un 12,4% menos de viaxeiros chegaron a Galicia por esta vía en 2013 con respecto a 2012, e as cifras para 2014 (provisionais con data do 30 de novembro de 2014) continúan nesa tendencia. Segundo datos de Puertos del Estado, é no porto de Vigo onde se concentra un maior descenso deste tipo de visitantes, que perdeu un 28,5% de pasaxe.

O emprego
Malia a advertencia do Observatorio da Cultura da dificultade de desagregar o impacto que ten o turismo cultural dentro do turismo xeral, no presente documento de traballo fixo unha estimación atendendo a ramas específicas de actividade dentro do turismo (aloxamento, comida e bebidas, axencias de viaxe, operadores turísticos…). Tendo en conta estas cifras, o número de afiliacións dese sector supuxo un 7,75% do total de afiliacións á Seguridade Social. Ademais, as cifras evidencian un impacto positivo do Ano Santo na creación de emprego, onde se incrementou o emprego mentres que descendía o número de afiliación á Seguridade Social no seu conxunto. Por provincias, é A Coruña a que máis emprego xera pero Ourense é a que ten maior peso proporcional con respecto do total de emprego.

A actividade do Observatorio da Cultura Galega
O Observatorio da Cultura Galega (OCG) é un servizo dependente do Consello da Cultura Galega que pretende encher o baleiro de información existente sobre a cultura a través dun método rigoroso e estándar de recolleita de información. A produción fundamental do Observatorio é a información estatística, aínda que entre as súas funcións está a redacción de Documentos de Traballo de tipo cualitativo e avaliativo (OCG-DT). Todos os resultados teñen como fin último contribuír ao desenvolvemento de políticas culturais sobre unha evidencia empírica.

Para a elaboración do presente Documento de Traballo, o Observatorio consultou cifras do Ministerio de Educación, Cultura e Deportes, do Instituto de Estudos Turístico e da Oficina de Acollida de Peregrinos da Fundación Catedral de Santiago.

Consulta o informe