As cifras de emprego e de creación de empresas do sector cultural neste ano sitúanse nunhas cifras semellantes ás de 2023. Con todo, a tendencia segue a ser positiva en canto aos datos de produción (a produción de libros amosa a mellor cifra desde 2011), asistencia a salas de cine e gasto cultural das familias. Son algunhas das conclusións da oitava Conxuntura estatística do ámbito cultural, documento de traballo que acaba de facer público o Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). Entre os aspectos menos positivos desta radiografía do sector cultural, destacan as cifras de exportación que amosan un retroceso. O documento de traballo xa está dispoñible para descarga desde o web do CCG.
13/11/2024
30/05/2024
A ciencia e a tecnoloxía ocupan o noveno lugar entre os asuntos de interese para a cidadanía galega. A evolución deste indicador nas dúas últimas décadas é positiva, aínda que decae con respecto a 2018 e Galicia está 2,3 puntos por debaixo da media española na evolución histórica. Son algúns dos achados do documento de traballo Percepción social da ciencia e da tecnoloxía en Galicia, que acaba de facer público o Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). O documento xa está dispoñible para a súa descarga.
22/03/2024
“A cultura está sufrindo unha minoración na súa velocidade de crecemento”, apunta o Barómetro da cultura galega 2024, documento que mide o estado e a evolución da actividade cultural do último ano no noso país e que foi elaborado polo Observatorio da Cultura Galega (OCG), servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e o responsable do OCG, Håkan Casares Berg, presentaron en rolda de prensa os resultados deste informe, no que o 40 % das entidades enquisadas afirma que tiveron un 2023 mellor que o ano anterior. “Trátase dun proxecto importante da institución que comezou na pandemia e que permite ver a evolución do sector con información directa” afirmou a presidenta. Entre os resultados do estudo destaca que en 2023 aumentaron as dificultades para atopar profesionais cualificados e produciuse un descenso nas actividades realizadas para incrementar a presenza internacional (dous puntos menos). O sector volve suspender o apoio das diferentes administracións en materia cultural, aínda que mellora a puntuación do Goberno central e baixa a da Xunta.
26/02/2024
A música e o audiovisual foron os elementos máis salientables da cultura galega en 2023, que destacou en especial aqueles elementos vinculados á proxección e visibilidade exterior da cultura galega, pero tamén os grandes eventos e programacións. Así se plasma no documento de traballo “O máis destacado da cultura galega en 2023 segundo os seus xestores”, que recompila as respostas de 960 entidades do sector cultural galego e que o Observatorio da Cultura Galega publicou como un avance do vindeiro Barómetro da Cultura Galega. Deste xeito, as Tanxugueiras encabezan a listaxe, cun 10,3% das respostas, seguidas moi de preto polo festival O Son do Camiño (10,1%), o filme O corno (7,4%), Yolanda Castaño co Premio Nacional de Poesía e a publicación de Materia (5,5%) ou o filme As bestas, de Rodrigo Sorogoyen (4,4 %). A porcentaxe expresa a coincidencia nas respostas do conxunto de entidades.
05/12/2023
"O conxunto de indicadores manexados no presente documento dan conta dunha situación claramente positiva para o ámbito da cultura, pero con algún datos que poderían estar anunciando un cambio de tendencia", conclúe a sétima Conxuntura estatística do ámbito cultural, documento de traballo que acaba de facer público o Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). Aínda que en liñas xerais a situación é positiva, no emprego, na exportación e no consumo cultural hai indicadores que amosan unha moderación. O informe xa está dispoñible para descarga desde o web do CCG.
15/11/2023
Aos premios recentes acadados polo sector audiovisual galego acompañan tamén as cifras. Na última década medrou o emprego, os ingresos de explotación, a asistencia ás salas de cine e o consumo televisivo, segundo o documento de traballo O sector audiovisual en Galicia 2023, que acaba de facer público o Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). O documento conclúe que “os datos amosan que o audiovisual se atopa nun ciclo expansivo, con indicadores que apuntan a que se superou a crise sanitaria de 2020 e 2021 en moitos dos ámbitos que o compoñen”. O documento de traballo xa está dispoñible desde o web da institución.
06/10/2023
O valor económico do galego é un documento pioneiro que achega, por primeira vez, o coñecemento da contribución da lingua galega ao conxunto da economía de Galicia. A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o responsable do Observatorio da Cultura Galega, Håkan Casares; Melchor Fernández e Diana Fernández, profesores da USC e investigadores do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) presentaron esta mañá os resultados deste informe que cuantifica en 1.440 millóns de euros de valor engadido bruto (VEB) e 27.702 postos de traballo o impacto directo que o galego supón ao conxunto da economía de Galicia. O documento xa está dispoñible para descarga.
03/07/2023
Corenta anos de cultura galega en estatísticas é o último informe elaborado polo Consello da Cultura Galega (CCG), que analiza a evolución da situación sociocultural neste período. O documento revela que se profesionalizou o sector cultural, pois duplicouse o emprego, e practicamente todos os indicadores sinalan que os hábitos e prácticas culturais dos fogares de Galicia e dos seus habitantes se sitúan por riba da media estatal. Porén, o gasto público en cultura minguou en todas as administracións. “Houbo unha mudanza significativa cunha tendencia xeral positiva e na que mudaron moito os hábitos da cidadanía” asegurou Rosario Álvarez, presidenta do CCG na presentación do informe. Unha valoración na que incidiu Håkan Casares, coordinador do Observatorio da Cultura Galega, que destacou o incremento de fontes estatísticas neste tempo. O informe xa se pode descargar desde o web da institución.
20/04/2023
O ano 2022 foi, en termos culturais, “un bo ano, aínda que algo peor do agardado”. Así se resume nas conclusións do Barómetro da cultura galega 2023, documento elaborado polo Observatorio da Cultura Galega (OCG), servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), no que se analiza a actividade cultural do último ano no noso país. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e o responsable do OCG, Hakan Casares, presentaron en rolda de prensa os resultados dun ano marcado polo incremento xeral do custo da vida, que non repercutiu nos prezos da maior parte dos produtos e servizos culturais, e un crecemento importante da demanda. O sector é moi crítico coa acción da Administración pública, que suspende en todos os seus niveis, e considera que o escaso apoio e a falta dunha política cultural axeitada son algúns dos puntos febles da cultura galega.
06/02/2023
A tecnoloxía mudou a nosa maneira de relacionarnos coa cultura. Nos últimos vinte anos a asistencia trimestral ao cine baixou á metade (de 4,8 a 2,3 veces de media) e tamén descendeu a tendencia de ver a televisión e escoitar a radio (o 9,5 % e o 4,8 % menos, respectivamente). Porén, nestas dúas décadas sextuplicouse o consumo de vídeos, nomeadamente, de películas e de series. O 50,4 % da poboación ten contratada a día de hoxe algunha plataforma dixital de televisión e medra tamén o consumo cultural a través de dispositivos tecnolóxicos. Así o explica o último documento de traballo elaborado polo Observatorio da Cultura Galega (OCG), servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), que leva por título Hábitos e prácticas culturais e no que se mide o comportamento cultural da cidadanía nas últimas dúas décadas.
24/11/2022
O Consello da Cultura Galega (CCG) acode á 15ª edición do Culturgal, que se celebra do 24 ao 27 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, con dúas actividades relacionadas coas accións de asesoría e divulgación cultural que mantén a institución. A primeira terá lugar este venres coa proxección de Sophias, serie web para dar a coñecer, en clave galega, as figuras e temas de filósofas destacadas na historia do pensamento. A segunda será o sábado cando se explicará os informes e estudos realizados polo Observatorio da Cultura Galega.
22/11/2022
En Galicia hai 266 corais que agrupan a unhas 6100 persoas. O 70 % dos integrantes destas entidades teñen máis de 60 anos, son maioritariamente mulleres e a súa formación é autodidacta, malia que están dirixidas por profesionais titulados. É o perfil das formacións que describe o informe As corais en Galicia, o primeiro estudo sobre esta realidade que acaba de elaborar o Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). O informe, que xa está dispoñible para a súa descarga, presentouse no marco da xornada As corais: dinamizadoras imprescindibles do tecido cultural galego, que busca achegarse á importante función divulgativa e pedagóxica que desempeñan as corais e profundar no seu papel como forzas vertebradoras e dinamizadoras do tecido cultural.
11/11/2022
O responsable do Observatorio da Cultura Galega, Hakan Casares, participa hoxe no Sexto Foro das Rexión minoritarias europeas que se desenvolve en Galway (Irlanda) ata mañá. Baixo o título Minorities mean business. How a different language and culture can attract investors and tourists especialistas de diferentes rexións abordarán o valor engadido das minorías á hora de conquistar novos mercados e vender produtos, con especial atención ao turismo.
31/10/2022
O gasto dos fogares galegos en cultura incrementouse no ano 2021, cun destacado investimento en soportes de imaxe e son e en equipos para a súa recepción, rexistro e reprodución. No que atinxe aos servizos culturais (asistencia a espectáculos ou alugueiro de accesorios culturais), detéctase un forte descenso, con cifras que se sitúan por debaixo da metade do gasto de 2019. Son conclusións que se extraen do último documento de traballo elaborado polo Observatorio da Cultura Galega (OCG), servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), que leva por título Conxuntura estatística do ámbito cultural. Outubro de 2022. O informe, que busca analizar a situación do sector cultural galego, subliña tamén o incremento na confianza dos consumidores.
29/09/2022
As ensinanzas vencelladas ao eido cultural (que abrangue desde as artes gráficas, artesanías, animación sociocultural, artes escénicas...) teñen unha presenza importante en Galicia. Así o afirma Ensinanzas do ámbito cultural. Setembro de 2022, o último Documento de Traballo elaborado polo Observatorio da Cultura Galega (OCG), servizo do dependente do Consello da Cultura Galega (CCG) que analiza a evolución deste tipo de ensinanzas na última década. O informe destaca que son estudos públicos, que a música ocupa un lugar prioritario e chama a atención sobre a proporción maioritaria de mulleres.
30/06/2022
Cada vez temos máis dispositivos tecnolóxicos e tamén os usamos máis. Así se deriva do último Documento de Traballo elaborado polo Observatorio da Cultura Galega (OCG), servizo do dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), que leva por título “Cultura e tecnoloxías da información e comunicación 2022”. O estudo analiza o grado de equipamento e o seu uso e constata que medrou o número de fogares galegos que contan con ordenador (dun 72% ao un 74,3%,) aumentaron as conexións a internet (o 93,3% das vivendas teñen internet), o móbil é o dispositivo máis frecuente e usamos a tecnoloxía para enviar mensaxes, ler noticias, xornais e revistas. O informe, que analiza datos recollidos en 2021, apunta tamén que os máis novos usan con frecuencia as TICs, aínda que a rapazada galega faino menos que a media española. O estudo tamén chama a atención sobre o feito de que os que contestaron en galego á enquisa amosan un comportamento homoxéneo e diferenciado.
23/05/2022
A recuperación do sector cultural tras a COVID-19 vese agora condicionada pola suba de prezos. A última conxuntura estatística de ámbito cultural que acaba de publicar o Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), apunta a que a cultura notou máis tarde e en menor medida a suba de prezos que o resto de sectores. Ademais, destaca que son os libros, a prensa e os artigos de papelaría os que máis o notan, cunha suba dun 2,5%, impulsados polo encarecemento de subministracións, nomeadamente o do papel.
27/04/2022
A maioría das empresas da cultura galega xa se recuperaron da crise do coronavirus. O 43% das entidades consultadas aumentaron no último ano a súa facturación ou orzamento e a súa expectativa de crecemento para este ano é moi positiva. Con todo, o sector notou o incremento dos prezos das subministracións que precisan para a súa produción e prevé un encarecemento no sector da edición, artes visuais, teatro e danza. O Barómetro da cultura 2022, elaborado polo Observatorio da Cultura Galega, servizo do Consello da Cultura Galega (CCG) foi presentado en rolda de prensa pola presidenta da institución, Rosario Álvarez, e o coordinador do Observatorio, Hakan Casares. O documento amosa a estabilidade empresarial, con grande equilibrio entre homes e mulleres e no que o 47,9% das entidades conseguiu unha subvención. O 21% afirmou realizar accións dirixidas ao público internacional e un 66% acometeu algunha actuación encamiñada á transformación dixital. Ademais, preto do 70% das empresas e entidades culturais prevé que non notará os efectos do Xacobeo 2021-22. Con todo, o Xacobeo, o Camiño de Santiago e as Tanxugueiras percíbense como as accións culturais máis destacadas do último ano.
04/03/2022
“A valoración que fai a poboación galega con respecto á oferta cultural en Galicia atópase por riba do aprobado, e situase nun 6,15” conclúe o informe Oferta, demanda e prácticas culturais nos menores de 16 anos. O estudo foi elaborado polo Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), e presentado en rolda de prensa pola presidenta da institución, Rosario Álvarez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García e coordinador do Observatorio, Hakan Casares. O informe analizou os hábitos culturais da poboación galega entre a rapazada e apunta que naqueles sectores nos que escasa a oferta cultural en galego, nomeadamente cine e videoxogos, constátase un menor consumo nesta lingua. Ademais, tamén apunta que a cidadanía demanda máis oferta en practicamente todos os produtos analizados.
10/02/2022
“Deseñando horizontes. Situación actual, orixe e planificación do futuro do teatro galego”. Este é o título da publicación que condensa as claves de futuro para as artes escénicas do noso país. O texto foi presentado en rolda de prensa esta mañá polas presidentas do Consello da Cultura Galega (CCG) e da Academia Galega de Teatro, Rosario Álvarez e Imma António, respectivamente. Canda a elas estaban Eduardo Alonso, vicepresidente da Academia e Dolores Vilavedra, secretaria do CCG e unha das coeditoras do texto que xa se pode descargar desde o web da institución.
16/12/2021
Estudantes, familias con niveis de estudos superiores, ingresos máis altos ou con fogares ben equipados amosan un maior interese a regalarlle á rapazada produtos culturais en galego. Nestes tempos de compras, o Consello da Cultura Galega (CCG) fai público un adianto dos resultados dun traballo máis amplo realizado polo Observatorio da Cultura Galega encamiñado a coñecer os hábitos culturais da infancia en Galicia e a percepción que ten a poboación de produtos culturais paras os menores de 16 anos. Este avance do estudo revela tamén que a cidadanía galega presenta unha disposición alta (un 7,9 sobre 10) a agasallar produtos culturais aos cativos.
11/11/2021
O ser humano xoga durante toda a súa vida. Sobre esta premisa o Consello da Cultura Galega (CCG) e o Observatorio do Patrimonio Lúdico galego traballaron man a man nun proxecto que buscaba aproveitar as novas tecnoloxías para difundir os xogos tradicionais. O resultado é “Xogos tradicionais” unha web e unha APP (para Android e Apple) que conteñen información de medio centenar de xogos que se poñen a disposición da cidadanía. Do puño puñete á petanca, pasando pola chave, a cadeira de raíña.... son algunhas das propostas que se poden atopar no proxecto presentado esta mañá pola presidenta da institución, Rosario Álvarez; o coordinador técnico, Manuel Gago; e dous representantes das diferentes entidades que integran o Observatorio, Paco Veiga e Xosé Manuel Barreiro. Ademais, Manolo Charrancas da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, lanzou o peón máis pequeno do mundo.
10/11/2021
A situación do cinema e do libro exemplifican os dous polos do que supuxo para o sector cultural a crise da COVID-19. As salas de cinema de Galicia perderon en 2020 3 millóns de espectadores, unha baixada do 71,4%, e recadáronse 17,4 millóns de euros menos. Pola contra, o sector do libro incrementou nun 34,5% o número de libros inscritos no ISBN e publicáronse en galego, 489 libros máis que en 2019, impulsado nomeadamente pola edición dixital en galego. Son datos da cuarta Conxuntura estatística do ámbito cultural. Novembro de 2021 que acaba de facer público o Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), que conclúe que hai certo grado de recuperación polo número de empresas, de traballadores e porque, despois de anos de descenso, a cidadanía aumentou o seu gasto en cultura.
01/10/2021
“A actividade das empresas culturais galegas segue avanzando cara á recuperación”, así o asegura o “Barómetro da Cultura Galega III. Xullo de 2021”, estudo elaborado polo Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). A terceira edición deste informe ve indicios claros de recuperación, como que o 82,3% das empresas do sector ten todo o seu cadro de persoal activo e cada vez son máis as que desenvolven unha actividade normal. Con todo, os datos seguen a amosar que hai diferenzas xa que o sector das artes escénicas continúa ser o máis afectado, cun 20% das empresas sen ningunha actividade.
23/07/2021
En novembro de 2019 o Consello da Cultura Galega (CCG) botou a andar o Foro Patrimonio e Sociedade, un ambicioso proxecto que tiña como obxectivo propor un cambio na xestión do noso inxente patrimonio. Trinta especialistas de diferentes ámbitos xuntáronse durante mais de ano e medio nun proceso único, deseñado expresamente para integrar a todas as persoas que teñen que ver co sector, desde a sociedade ata os partidos políticos. O resultado desta iniciativa se concreta nunha Guía Práctica que, ademais de recomendar a creación dun Observatorio de Patrimonio, unha comisión de Patrimonio no Parlamento e a elaboración dun Plan Autonómico Patrimonial de Galicia, traza a folla de ruta para a xestión do patrimonio galego nos vindeiros anos. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a coordinadora do Foro e mais da Sección de Patrimonio e Bens Culturais, Rebeca Blanco-Rotea, presentaron publicamente esta mañá os resultados deste proceso.
30/06/2021
As bandas de música populares teñen unha importancia social e histórica moi destacada no noso país. Roldan o centenar, están creadas por asociacións culturais, desempeñaron un papel moi importante no ámbito da música, pero tamén na dinamización das comunidades locais e na formación musical dunha parte importante da sociedade galega. O Consello da Cultura Galega (CCG), en colaboración coa Federación Galega de Bandas de Música Populares, presenta o primeiro grande informe realizado polo Observatorio da Cultura Galega sobre un colectivo que integra a 7.100 persoas. O estudo dáse a coñecer na véspera da xornada “As bandas de música na memoria de Galicia”, que se desenvolverá presencialmente este xoves na sede da institución. A cita tamén se pode seguir en directo desde o web e as redes sociais.
07/10/2020
O público galego puntúa o seu teatro cun 9,11. Este sobresaliente é para actores, actrices, persoal de dirección e posta en escena. A nota baixa a un 6,88 cando o que se valora é a programación habitual e as instalacións dos nosos teatros e auditorios suman un 7,55. Son algúns dos datos do “Informe sobre o teatro galego”, un documento elaborado polo Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), que traza a radiografía dos tres piares do sistema do teatro galego: público, creadores e xestores. É o primeiro informe deste tipo que analiza o sistema teatral desde unha perspectiva global e que, ademais, ofrece as primeiras cifras de como lle afectou a COVID-19. O documento presentouse no marco do I Congreso Internacional do Teatro Galego co que a Academia Galega de Teatro pretende sentar a planificación estratéxica deste sector para os vindeiros anos.
19/11/2019
Galicia conta con 35 000 persoas empregadas no ámbito da cultura, cifra que nos sitúa en quinto lugar por detrás de Madrid (161 900), Cataluña (147 500), Andalucía (94 400) e Valencia (68 100). Con todo, son 1500 menos que en 2017, e amosa unha tendencia contraria ao que acontece no resto de España, onde medrou o emprego en 3100 persoas. Son cifras do último Documento de traballo do Observatorio da Cultura Galega (DT-OCG) que analiza fontes da EPA, de afiliacións da Seguridade Social, de contratación e de paro rexistrado.
20/07/2016
O panorama musical galego mudou pouco nos últimos tempos e sitúase nun contexto de descenso de concertos e asistentes. En 2014, realizáronse 1136 concertos de música clásica (36 menos que en 2013) aos que asistiron 236 087 espectadores. No caso da música popular en vivo, rexistrouse unha baixada no número de concertos, que pasan de 4606 a 3938, un descenso dun 7,2 % de espectadores, que se sitúa nos 941 000. O aspecto positivo está na recadación xa que tanto na música clásica como na popular melloraron as cifras. Na música clásica a recadación sitúase nos 763 565 euros, un 11,8 % máis que en 2013. No caso da música popular en directo, recadáronse 5 778 000 euros, 287 000 euros máis que en 2013. Son cifras do estudo “A música clásica en Galicia (2016)”, o último Documento de Traballo do Observatorio da Cultura Galega (OCG-DT), que fai unha desagregación do sector por xéneros musicais.
20/01/2016
O Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega, acaba de facer pública a primeira parte dun Documento de Traballo (DT-OCG) titulado Hábitos e prácticas culturais (I), centrado nos indicadores de participación cultural en Galicia. Un documento que analiza o que lemos, escoitamos, vemos e facemos do ámbito cultural noso tempo libre. Como norma xeral, a asistencia a museos, galerías, bibliotecas, concertos, cine e teatro está por debaixo da media española. Como dato positivo, a cidadanía galega é das que máis libros le e dedica máis tempo a facelo. Alén da lectura, entre as nosas preferencias tamén está ler prensa e escoitar música.