----

Unha lectura poética de Manuel María para despedir o ano 2016

Remata 2016 e con el o ano en que dedicamos o Día das Letras Galegas a Manuel María. Por iso queremos despedir o ano coa voz do autor chairego a nos ler algúns dos seus poemas máis coñecidos.
Unha lectura poética de Manuel María para despedir o ano 2016

Entre os fondos do Arquivo Sonoro de Galicia atópase esta lectura poética que tivo lugar na Asociación A Nosa Galiza en Xenebra (Suíza) o 10 de novembro de 1972. Trátase do fragmento dunha gravación en directo de 29 minutos de duración feita por Carlos Díaz. Nela, Manuel María defínese como un “traballador da palabra que está ao servizo do seu pobo” e contén a lectura e explicación de poemas pertencentes aos poemarios Morrendo a cada intre (1952) [“Poema do anceio morto”]; Advento (1954); Terra Cha (1954) [varios poemas]; Documentos personaes (1958) [“Bando”, “Telegrama a un excelentísimo señor”]; Mar Maior (1963) [“Verbas á miña nai”, “Verbas a un irmao”]; Proba documental (1968) [“Pliego de descargos”] e Versos para cantar en feiras e romaxes (1969) [“Galicia”]. Os libros saíron do prelo nas dúas beiras do Atlántico: Río da Prata (Bos Aires e Montevideo) e Galicia.



Ademais, lembra que con motivo do Día das Letras Galegas, o Consello da Cultura Galega presentou unha nova edición do poemario Advento. Trátase dunha reprodución facsimilar da publicación que saíu do prelo en Bos Aires en 1954 a cargo do selo editorial Ediciones Galicia, dependente do Centro Galego, con ilustración de Luís Seoane. Conta cun limiar de Ramón Villares e un estudo crítico a cargo de Miguel Anxo Fernán Vello.

Podes gozar da publicación aquí


Con estas achegas despedimos o ano en que conmemoramos a este chairego que non quixo definirse como poeta senón como “un home que sinxelamente fai versos”.