NOTICIA

----

Os dereitos lingüísticos abrirán mañá os XIX Encontros para a Normalización Lingüística

O Protocolo para a garantía dos Dereitos Lingüísticos. Exemplo de empoderamento da sociedade civil é o título da conferencia coa que Paul Bilbao, secretario xeral de Kontseilua, abrirá mañá, a partir das 16:00 horas, os XIX Encontros para a Normalización Lingüística, organizados anualmente polo Consello da Cultura Galega. Durante dous días, expertos de ámbitos tan diversos como o ensino, a sanidade, a creación ou a administración reflexionarán sobre a situación dos dereitos lingüísticos nos seus campos de traballo. Nos Encontros poderase visitar Artesa 2017, unha mostra de iniciativas normalizadoras.

Paul Bilbao Sarria é o secretario xeral de Kontseilua, a entidade que aglutina corenta asociacións e entidades que traballan a favor do éuscaro e é promotora do Protocolo para a Garantía dos Dereitos Lingüísticos, presentado en Donostia en decembro de 2016. El será o encargado de abrir os XIX Encontros para a Normalización Lingüística, que levan como lema Dereitos lingüísticos: unha garantía pendente?, cunha conferencia que explicará o proceso de elaboración do Protocolo de Donostia e os seus contidos. Analizaranse tanto as medidas coma os correspondentes indicadores de avaliación consensuados pola sociedade civil que deberían adoptarse para a garantía real dos dereitos lingüísticos. Este Protocolo foi froito dun proceso de acordo combinando os enfoques científico, académico e social, de cara a construír unha ferramenta que permita reverter a situación das linguas minorizadas e construír unha Europa baseada na igualdade. A súa recente aprobación (Donostia 2016), o vixésimo aniversario da Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos (Barcelona 1996) e o cuarto de século da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias (Estrasburgo 1992) serven para animar á reflexión e á acción na mesma liña e, ao tempo, contribuír á celebración destas efemérides.

Trala conferencia de Paul Bilbao desenvolverase un amplo programa no que expertos como Marcos Maceira, Xesús Costas Abreu, Alicia Paula Otero González, Montserrat Castro, Carlos Blanco Arca ou Marta Mariño abordarán a situación dos dereitos lingüísticos en ámbitos como a administración, o ensino ou a sanidade.

Crear contextos e Artesa 2017
Os XIX Encontros destinarán un espazo propio á presentación e difusión de iniciativas e experiencias normalizadoras, tanto no programa presencial (Crear contextos) da man de Carlos Negro, Xurxo Fernandes e Rosalía Fernández Rial coma na Artesa 2017, unha mostra de recursos normalizadores.

Información co programa e inscrición