O Consello da Cultura Galega está a preparar unha exposición sobre o discurso Alba de Gloria de Castelao

O Consello da Cultura Galega conmemorará cunha exposición o 70º aniversario da lectura do discurso Alba de Gloria de Daniel A. Rodríguez Castelao, segundo aprobou o Pleno da institución na tarde de onte, xoves 15 de marzo. A exposición inaugurarase nos inicios do outono e ten como obxectivo dar a coñecer a todo o público e, en especial, ás novas xeracións, o contido e orixes do discurso, o ambiente cultural e social da época na colonia galega e as relevantes figuras da cultura de Galicia mencionadas nel. Para iso, botará man dun concepto expositivo no que destacarán o uso das novas tecnoloxías e a participación activa do usuario.
Conectate o Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Alba de Gloria está considerada unha das pezas máis importantes da oratoria en lingua galega. Castelao pronunciou este discurso o 25 de xullo de 1948 en Bos Aires (Arxentina) diante de centos de membros da diáspora galega. A súa lectura supuxo un enorme impacto entre as comunidades de emigrantes da época. Desde entón, Alba de Gloria continúa a ser un referente simbólico para falar de Galicia, a súa cultura e a súa historia. O Consello da Cultura Galega quere, con esta exposición, contribuír á difusión da figura e a obra de Castelao, especialmente entre as novas xeracións.

Medallas do Consello

O Plenario do Consello aprobou a proposta da Comisión Executiva de recoñecer os méritos e apoios prestados á cultura galega, en especial no exterior, coa concesión das primeiras medallas da institución a Ana Paula Laborinho, directora do Instituto Camões (2010-1017), a Pablo Figueroa Dorrego, conselleiro laboral na Embaixada de España en Brasilia (2012-2016), e, de forma extraordinaria e a título póstumo, a Francisco Lores Mascato, presidente da Federación de Sociedades Galegas e impulsor do Museo da Emigración, en Bos Aires.

Renovación de membros do Pleno

Ademais, o Pleno aprobou a renovación dos membros designados polas institucións que o compoñen, de acordo coas quendas establecidas. Deste xeito, Alicia Estévez Toranzo é a nova representante da Real Academia Galega de Ciencias, Xurxo Gómez Silvestre representará á Fundación Penzol, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés ao Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento (Consello Superior de Investigacións Científicas) e Ángeles Penas Truque ao Consello Galego de Museos.