Era a primeira vez que a presidenta do Consello da Cultura Galega acudía á Comisión 3ª para dar conta das actividades e presentar os primeiros orzamentos baixo o seu mandato. Alí informou acerca da renovación da institución, que non está só na súa presidencia, senón que, cumprindo o fixado no regulamento interno da institución, afecta tamén ao máximo órgano de goberno, o Plenario, e tamén ás seccións, comisións e arquivos. Neste 2018 houbo 47 altas o que supón un 27% da composición interna do CCG. “Unha institución renovada”, asegurou a presidenta, na que se conseguiu a paridade nun órgano de goberno como é a Comisión Executiva.
O orzamento da institución ascende a 2 679 233 euros para o 2019, 132 008 máis que en 2018. Con ese importe o CCG realizará actividades en todas as liñas de traballo presentes ata o momento: patrimonio, pensamento, lingua, emigración, acción exterior, entre outras, pero, sobre todo, buscará diversificar novos formatos e novos públicos. “Buscaremos novos intereses temáticos e ofrecermos unha maior transversalidade nas nosas propostas”, insistiu a presidenta.
O ano comezará en Nova York, concretamente en Ellis Island, onde se presentará a exposición Os adeuses. Unha significación especial polo vínculo que ese illote representa coa emigración e pola proxección internacional desta exposición, que amosa os vínculos dos últimos momentos da emigración galega cara a América. Será o ano en que se creará o grande Álbum de Galicia, que pretende agrupar todas as propostas actuais (Álbum de Mulleres, Álbum da Ciencia, Álbum da Emigración...). Entre as actividades que están previstas para 2019, a presidenta destacou unha xornada sobre “papel cero”, a creación dun foro de pensamento mensual con personalidades galegas, unha xornada sobre mulleres e antropoloxía, e tamén a continuidade de proxectos xa consolidados como os Encontros co Patrimonio Cultural, as xornadas de igualdade, ademais de tres citas destacadas da actividade institucional: o Concerto das Letras Galegas, a proposta didáctico-musical “No bico un cantar” e as Medallas do Consello da Cultura Galega.
Ademais, en 2019 comezaremos a traballar en tres efemérides destacadas: o centenario da xeración Nós, o bicentenario do nacemento de Concepción Arenal e o 800 aniversario do nacemento de Afonso X, o Sabio.
Rendición de contas
A intervención serviu tamén para dar conta da actividade desenvolvida en 2018. No que levamos de ano realizáronse 74 actividades entre seminarios, congresos e conferencias. Tamén tiveron lugar os concertos institucionais xa instaurados no calendario, como son o Concerto das Letras Galegas. Foi un ano especialmente destacado para a función asesora que o CCG ten establecida por lei, sobre a que se realizaron varios informes. Un deles, a petición da Xunta de Galicia, consistiu na recollida de datos (cualitativos e cuantitativos) dos sectores culturais máis relevantes: edición, audiovisual, musical, artes escénicas, artes visuais, patrimonio cultural e institucións da cultura (bibliotecas, arquivos e museos). En decembro tamén se presentará o segundo grande informe que analizará a presenza da muller na cultura galega e está a piques de saír outro sobre a provisión de postos directivos nas institucións culturais. Ademais, desde o CCG emitíronse dous informes destacados como foron o do Museo de Arte Carlos Maside e o do Centro Gallego de Bos Aires canda oito informes para a declaración BIC e 39 declaracións de impacto ambiental.
Este ano foi prolífico en canto á produción de exposicións. “Illa Rota”, “Alba de Gloria” e “O Son de Galicia” son as tres mostras que a institución produciu, aínda que as dúas últimas se inaugurarán nas vindeiras semanas. Unha delas tratará sobre as sociedades corais en tempos das Irmandades da Fala, que impulsaron e promoveron a normalización da lingua e a cultura de Galicia. A mostra céntrase principalmente nos catro coros históricos que manteñen a súa actividade artística: a Coral De Ruada (Ourense), Cántigas da Terra (A Coruña), Cantigas e Agarimos (Santiago) e o coro Toxos e Froles (Ferrol). A exposición achega documentación variada, que abrangue partituras, vestiario, escenografía, libretos… que dan conta da súa faceta musical e teatral. A outra, “Alba de Gloria”, abrirá as súas portas en San Domingos de Bonaval o 7 de novembro para amosar as sesenta e catro personalidades que Castelao citou no seu célebre discurso político coñecido como “Alba de Gloria” (que pronunciou o 25 de xullo de 1948 en Bos Aires).