O Consello da Cultura Galega estrea o ciclo Pensarmos para reflexionar sobre a actualidade

A Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG) acaba de botar a andar o ciclo ”Pensarmos”, unha proposta de charlas, debates e intercambio de ideas que pretende abordar os problemas da actualidade. Posverdade, fascismos dixitais, tecnopersoas, precarización da vida, perda de liberdades… son algunhas das temáticas que se tratarán no marco deste foro, que comeza o día 24 de xaneiro coa participación do filósofo Javier Echevarría. A cita está coordinada por Carme Adán e celebrarase o cuarto xoves de cada mes. A primeira das citas xa ten aberto o prazo de inscrición no web do CCG.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

A sociedade actual está marcada pola economía do efémero, que demanda respostas rápidas e simples antes problemas complexos. Neste contexto, o ciclo “Pensarmos” pretende ser unha parada para a reflexión e para introducir temas como o feminismo, os fascismos, a verdade, a intimidade, a investigación, a precariedade ou o humanismo.

Primeira parada: Javier Echevarría
O filósofo e matemático Javier Echeverría (Pamplona, 1948) é o primeiro en participar neste foro. Conversará coa coordinadora do ciclo, Carme Adán, nunha cita que se titula “Entre cavernas: tecnopersoas e tecnomundos”.
Echevarría é autor de 20 obras monográficas e coeditor de 26 libros, en español, francés e inglés. Publicou máis de 100 artigos en revistas e libros internacionais e máis de 200 en revistas e libros nacionais. Dirixiu 18 teses de doutoramento. É membro da International Academy of Philosophy of Science, vicepresidente de Jakiunde (Academia Vasca de Ciencias, Artes e Letras) e membro do Comité Vasco de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación. O seu ámbito de investigación céntrase no que bautizou como “Terceiro Entorno”, ese mundo que se constrúe a través de Internet. Crítico coa rede, fala da pouca conciencia das condicións reais, do “sometemento” ás regras do xogo impostas polas grandes empresas tecnolóxicas como Facebook ou Google e dun sistema “neofeudal” que cómpre democratizar.
Despois de Echevarría, pasarán por este foro Lluís Bassets (28 de febreiro), Garteh Williams (28 de marzo), Remedios Zafra (25 de abril) e Antonio Cuña (23 de maio).

Sección de Pensamento
Esta cita está organizada pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, que coordina Carme Adán e que ten como membros a María Xosé Agra Romero, Damián Álvarez Villalaín, Jorge Álvarez Yágüez, Antón Baamonde, Ascensión Cambrón Infante, Juan J. Casares Long, Carlos Fernández Fernández ou África López Souto, entre outros. No marco da actividade desta Sección revisouse a figura de personaxes destacados no mundo do pensamento e a súa conexión con Galicia, como foron Heidegger, Albert Camus ou, máis recentemente, Karl Marx.

Outras noticias que te poden interesar: