NOTICIA

----

Como fixemos a recreación en 3D do rostro de Castelao para a exposición "Alba de Gloria. Unha experiencia"

Coincidindo coa inauguración da exposición "Alba de Gloria. Unha experiencia" en Rianxo, damos a coñecer o complexo proceso de recreación virtual do rostro de Castelao. Grazas ao traballo do artista 3D e experto en patrimonio virtual Pablo Aparicio e a colaboración da comunidade galega en Bos Aires, puidemos levar a cabo unha recreación realista e respectuosa do político na súa idade madura. O encontro con Castelao é, se cadra, a parte máis emocionante da experiencia da visita á exposición Alba de Gloria.

Por Pablo Aparicio. (PAR Arqueología y Patrimonio Virtual).

Durante o pasado mes de novembro de 2018 o Consello da Cultura Galega inaugurou en Santiago a exposición “Alba de Gloria, Unha experiencia”, comisariada por Manuel Gago. Nela buscouse incorporar o uso da Realidade Virtual ( RV) para facer máis empática a mostra e permitir que fose o propio Castelao o que nos guiara a través dun suxestivo percorrido polas raíces da cultura galega.

Foi entón cando se nos encargou a realización do modelo 3D realista deste importante intelectual galego para que fixese de anfitrión e, por tanto, interactuase co espectador e fóra gozado por el de forma realista a través dunhas lentes de realidade virtual Oculus.

UNHA MÁSCARA MORTUORIA E MOITAS FOTOGRAFÍAS HISTÓRICAS

O noso obxectivo era dobre: por unha banda debiamos obter un modelo 3D realista do intelectual e, por outro, tiñamos que honrar a memoria da persoa que un día foi, sendo escrupulosamente respectuosos e garantindo un parecido que permitise facer sentir ao espectador que, en efecto, se atopaba diante de Castelao.

Para iso, baseámonos principalmente en dúas fontes documentais: en primeiro lugar, a gran cantidade de fotografías históricas que, desde moitos ángulos, recollen as formas do rostro de Castelao e, en segundo lugar, a máscara mortuoria do intelectual de Rianxo, elaborada tras a súa morte polo escultor Domingo Maza e conservada no Centro Galego de Bos Aires. Membros da comunidade galega na cidade como Carlos Brandeiro, director do Colexio Santiago Apóstolo, José Vila Alén, presidente do Centro Galego de Bos Aires e Ramón Suárez “O Muxo”, colaboraron para obter as imaxes para a elaboración dun modelo 3D fotogramético. Este foi utilizado como base para construír a xeometría da cara.



O PROCESO DE TRABALLO

A combinación destas dúas fontes documentais gráficas permitiunos dar forma con precisión ao rostro de Castelao no sofware libre de deseño 3D Blender.

En primeiro lugar, dispuxemos as fotografías de perfil e de fronte que conservamos e que mellor reflicten a imaxe colectiva de Castelao como imaxes de fondo en vistas ortográficas e colocamos o modelo 3D da máscara mortuoria coincidindo con estas referencias.



A partir delas comezamos a modelar o rostro e a cabeza de Castelao, respectando sempre unha topoloxía correcta (disposición dos polígonos dun modelo 3D) que nos permitise posteriormente preparar o modelo para animación 3D e para un correcto uso en Realidade Virtual, para o que teriamos que conservar sempre un número reducido de polígonos.



Posteriormente creamos unha copia high poly (de alto nivel de polígonos) sobre a que levamos a cabo un proceso de esculpido dixital que nos permitise engadir detalles ao rostro e, dese modo, conseguir un nivel de realismo adecuado (este increméntase, como podedes ver na imaxe inferior, cando engadimos un material convincente ao modelo 3D).



Durante todo o proceso asegurámonos de que o traballo que estabamos a realizar se correspondese coas fontes fotográficas que nos mostran o rostro de Castelao, polo que fomos cotexando o modelo 3D con imaxes do intelectual tomadas desde distintos ángulos que nos amosaban que iamos por bo camiño.





Posteriormente, completamos a recreación de Castelao co engadido doutros detalles: pelo e lentes, ademais de sumar a recreación do corpo e do traxe nunha posición preparada para levar a cabo o rigging do personaxe e, posteriormente, a súa animación.



Como dicimos, o seguinte paso foi dispoñer os ósos de animación sobre o modelo 3D ( rigging) e levar a cabo as animacións que se integrarían na aplicación de realidade Virtual da exposición.



INFOGRAFÍAS FINAIS
Para acabar, quixemos crear varias infografías que nos permitisen sacar todo o partido visual á recreación deste importante personaxe histórico. En primeiro lugar, levamos a cabo unha imaxe que recrease, co noso propio modelo 3D, a famosa fotografía de Castelao dando un discurso en Montevideo (Uruguai) en 1945, durante o seu exilio. Deste xeito, volviamos dar vida a Castelao e á fotografía antiga.



En segundo lugar, introducimos a Castelao no Prince George’ s Hall de Buenos Aires, un dos escenarios da aplicación que realidade Virtual que recreamos en 3D. Neste escenario presentouse en 1944 a publicación Sempre en Galiza, o compendio de pensamento político de Castelao.



Esperamos que vos gustara esta detallada explicación de como as ferramentas da virtualización do patrimonio poden servir para dar vida tamén a personaxes históricos contemporáneos e recuperar o seu legado e a súa memoria. 🙂