NOTICIA

----

Antoni Rossell será o comisario da exposición que o Consello da Cultura Galega prepara sobre Afonso X O Sabio

O 4 de abril de 1284 morreu Afonso X, coñecido como O Sabio. Pasou á historia como o rei de Castela entre 1252 e 1284 pero tivo unha intensa relación coa cultura galega. Precisamente sobre esta relación afondará unha exposición que o Consello da Cultura Galega está a preparar para 2021 e que contará co comisariado de Antoni Rossell. Aproveitamos o cabodano para recuperar algúns materiais que dan conta desa singular figura. Entre eles, a edición facsimilar e a transcrición do códice de Toledo das Cantigas de Santa María; cortes de audio coa interpretación musical e a reprodución en 3D da virxe abrideira de Allariz, que se considera pertenceu á muller do monarca, a raíña Violante.

“Sobre Afonso X fixéronse moitas exposicións que amosaron imaxes recias, precisas e panorámicas sobre o monarca, pero nós queremos conectar a súa figura con Galicia a través da súa infancia pero, sobre todo, da súa actividade política e cultural”. Así explica Antoni Rossell como está a preparar a mostra que busca amosar a faceta menos explorada e coñecida do rei Sabio, no oitavo centenario do seu nacemento que se celebra en 2021. Restan moitos meses de traballo e de documentación nos que construirá un relato que terá, en palabras de Rossell, “un marcado carácter interactivo para chegar para un público contemporáneo que está acostumado a recibir contidos a partir de medios audiovisuais, a través dos que se mergullará non só na figura de Afonso X senón tamén na cultura do seu tempo”. A mostra conta coa colaboración da Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela.

O comisario
Antoni Rossell é un especialista en estudos comparados de literatura e música. Actualmente é profesor da Universitat Autònoma de Barcelona e ten unha ampla experiencia como director e membro de numerosas entidades relacionadas coa cultura medieval como son o Arxiu Occità (Institut d’Estudis Medievals-UAB), o Centre d’ Estudis Trobadorescos, o Instituto de Estudios Medievales da UAB ou o Centre Interuniversitaire d'Histoire et d'Archéologie Médiévales. Entre as súas áreas de investigación tamén destaca a transmisión e circulación dos paradigmas culturais no Novo Mundo.

Afonso X O Sabio (1221-1284)
Rei de Castela e León, é unha das figuras máis relevantes da cultura europea e, particularmente, das letras hispánicas do seu tempo. O seu contributo á literatura galega é especialmente senlleiro, non só como animador dunha escintilante corte lírica na que brillaron varios dos talentos máis sobranceiros da escola trobadoresca galego-portuguesa, senón tamén como autor el mesmo de magníficas cantigas, sobre todo de celme satírico e escarniño. Mais a súa achega artística máis relevante vén constituída polas Cantigas de Santa María, a máis ampla e fastosa colección mariana realizada na Idade Media.

Afonso X e o Consello da Cultura Galega
Non é a primeira vez que o Consello da Cultura Galega se aproxima ao legado de Afonso X. Fíxoo en numerosas ocasións a través das Cantigas de Santa María. Constitúen unha das obras máis importantes saídas do obradoiro literario de Afonso X de Castela e León, e un dos monumentos artísticos máis valiosos e representativos da cultura europea medieval. Esta obra chegou a nós mediante catro manuscritos coetáneos, que representan tres ‘edicións’ sucesivas, cada cal máis ampla, da vasta colección mariolóxica afonsina.

En 2003 o Consello da Cultura Galega realizou unha edición do Códice de Toledo, o menos coñecido dos catro manuscritos, en resposta a unha demanda de reprodución fotográfica de calidade, que facilitase a consulta e estudo deste manuscrito nas súas distintas facetas, desde as puramente materiais ou anecdóticas, ata as literarias, lingüísticas e musicais. A obra tivo grande éxito e, cinco anos despois, o Consello realizou unha segunda edición. En 2010 volveu sobre a obra cunha transcrición, estudo preliminar e notas da profesora Martha E. Schaffer, unha auténtica especialista que levaba anos estudando as cantigas.

Ademais, no marco da exposición Galicia 100, elaborouse unha reconstrución 3D da Virxe abrideira conservada no mosteiro das clarisas de Allariz (Ourense). É unha das pezas máis antigas deste tipo e os historiadores sitúana en tempos de Afonso X. O monarca estimulou intensamente a devoción mariana, non só cos seus cantares á Virxe senón tamén con numerosas fundacións de igrexas dedicadas á Nai de Deus. De feito, na ficha deste obxecto da mostra Galicia 100 considérase “máis ca probable que a talla en marfil, que conserva aínda restos de policromía, fose regalada pola raíña Violante, xa viúva do Rei Sabio, a finais do século XIII, tendo en conta a súa documentada estreita relación coa fundación de Allariz e a lenda piadosa xurdida no seo da comunidade clarisa e recollida por Ambrosio de Morales no século XVI, que atribúe á peza unha orixe lendaria na que conflúen a relación coa casa real de Castela e o documentado uso de dedos infantís para o puído final das pezas ebúrneas: considérase realizada por un neto dos reis, fillo de Sancho IV e María de Molina, que nacera mudo”.