Novas cartas permiten ver a faceta máis humana de Carballo Calero

Ricardo Carballo Calero escríbelle a Luís Seoane en 1960 unha carta na que confesa: “A miña soedade interior non é pra cultivar en mín unha sociabilidade que nunca poseín en grao sobresaliente”. Pero o certo é que mantivo unha ampla correspondencia con numerosas personalidades que deu conta dunha persoa de carácter, obstinado, pero cunha grande sensibilidade e un sentido profundo da amizade. No marco do especial web co que o Consello da Cultura Galega concentra os materiais relacionados coa figura homenaxeada no Día das Letras Galegas, subimos novas cartas.

O Consello da Cultura Galega incorpora os epistolarios cruzados de Ricardo Carballo Calero con Valentín Paz-Andrade, con Luís Seoane e con Xosé María Álvarez Blázquez. En total son 23 cartas que ofrecen a faceta máis humana de Carballo Calero. Nunha das cartas, remitida a Luís Seoane confésalle “sentimental como eu son segredamente” e descríbese a si mesmo como un “un home envellecido e malencólico, pantasma de sí mesmo, supervivinte doutros tempos i estrano nístes”. Carballo Calero acusa a represión sufrida durante o franquismo e trasládalle a Luís Seoane, despois de pasaren unha fin de semana xuntos, “só a resurreición do pasado, na persoa dos vellos amigos apertados dempóis de longa ausencia, torna a infundir algún quentor na miña friaxe”. No marco destas cartas f percíbese a fonda amizade que os une e falan, entre outros temas, da oposición como catedrático de Lingüística e Literatura Galega na Universidade de Santiago que gañou Carballo Calero e da que Seoane soubo por Ramón Piñeiro, do esvaemento da colectividade galega de Bos Aires, e, por suposto, de literatura, do último libro de Ramón Cabanillas e do gran proxecto de Carballo Calero, a súa “Historia da literatura galega contemporánea”.

No epistolario con Valentín Paz-Andrade podemos ver os pormenores da preparación dun mitin en Ferrol, pero tamén de aspectos máis persoais, como a preocupación de Carballo Calero polo seu amigo, que acababa de ter un accidente.

Un pouco máis numeroso é o epistolario que se conserva con Xosé María Álvarez Blázquez, no que intercambian poemas, referencias bibliográficas e información no gran proxecto de Carballo Calero, a quen Álvarez Blázquez lle agradece que o propuxera para ingresar na Real Academia Galega. No marco dese arquivo tamén aparece unha carta con Xosé Luís Lomba Alonso.

O epistolario con Otero Pedrayo
A principios de abril, o Consello da Cultura Galega botou a andar un sitio web que ofrece información biográfica, fotografías e audios do homenaxeado e 167 cartas cruzadas entre Ramón Otero Pedrayo e Ricardo Carballo Calero. É un dos epistolarios máis completos que se conservan xa que as cartas son case a partes iguais dos dous correspondentes (85 de Otero a Carballo, que están nos fondos do Parlamento de Galicia, por depósito familiar, e 82 de Carballo a Otero, que están na Fundación Penzol, por disposición testamentaria). Corresponden a un período que vai de abril de 1949 a outubro de 1974 e permitíronnos coñecer a amizade entre as dúas figuras, o seu sentido de país e os proxectos comúns.