Especial Marcela e Elisa
“Sentín unha responsabilidade tremenda porque non estou afeita a facer guións e moito menos a traballar sobre historias reais e comecei a facer un intenso labor de investigación” explica Xulia Vicente, a autora do guión e dos debuxos da banda deseñada “Elisa e Marcela”. Ese labor de documentación levouna pola historia da Coruña de principios de século, pola súa vestimenta, polo mundo das regueifas e pola forma de entender a sociedade dunha época. O resultado é un traballo de 32 páxinas debuxadas en lapis que conta a historia destas dúas mulleres pioneiras que conseguiron burlar a igrexa e as normas da época para converterse no primeiro precedente do matrimonio homosexual en España.
A publicación está dispoñible na rede e preséntase acompañada dun making of no que a creadora, Xulia Vicente, explica o proceso de elaboración deste traballo ao tempo que debuxa a portada do cómic.
Esta iniciativa xorde do interese do Consello da Cultura Galega por entender a cultura galega en sentido amplo e encaixa dentro dunha liña de traballo do actual equipo da institución de empregar outras linguaxes para achegarse a públicos diferentes. O CCG suma así unha nova banda deseñada entre as súas publicacións, xénero que cultiva desde o 2000. Nese ano presentou “De quen é a auga?”, unha publicación de ámbito científico que explica a relevancia de administrar ben o consumo de auga e a súa importancia no ecosistema.
Nesta ocasión, a banda deseñada chega da man da Sección de Pensamento, que coordina Carme Adán, e permite ver noutra linguaxe a historia de “dúas mulleres que no noso país son xa referencia e icona de transgresión e liberdade”. Ademais, é unha das actividade previstas para celebrar o Día do Orgullo.
Semana do Orgullo
A Sección de Pensamento puxo en marcha en 2019 o programa “Pensar con orgullo” coa vontade de contribuír á reflexión e visibilización do pensamento e a realidade LGBTI. A coordinadora desta Sección considera que esta cita “pretende poñer en valor tanto o activismo como a creación de conceptos que nos permitan pensar e conquistar mundos de maior liberdade”. No marco das actividades deseñadas para celebrar este ano o 28 de xuño, recuperouse esa cita, na que participaron Lorenzo Bernini, Luis Puche, Beatriz Suárez Briones e Marina Sáenz. Ademais da banda deseñada, o venres publicarase un coloquio sobre a realidade LGBTI en Galiza nun momento en que a vulnerabilidade da vida humana nos interpela e obriga a pensar que significa a vida en comunidade e os afectos que habitamos. A mesa de debate ten como título “Diversidade afectivo-sexual en tempos de pandemia” e nela participan Eva Mejuto, Enrique Latorre e Carme Adán. As actividades comezaron o martes coa posta na rede de “O aturuxo”, a primeira publicación de gais e lesbianas editada en Galicia.