O Consello da Cultura Galega aprobou a programación de actividades do bienio 2021-2022

O Consello da Cultura Galega (CCG) celebrou no serán deste xoves unha sesión plenaria ordinaria na que se aprobou o proxecto de actividades para o próximo bienio. A presidenta, Rosario Álvarez, trazou as liñas estratéxicas que contaron co apoio, por unanimidade dos membros do plenario. A proxección exterior da cultura galega, a igualdade de xénero, hábitat ou idioma xunto co fomento da cultura científica, tecnolóxica e ambiental son algunhas das liñas transversais que abordará a institución nos próximos dous anos. Para 2021 está previsto, entre outras iniciativas, unha exposición sobre Afonso X O Sabio. Na sesión arcordouse tamén a incorporación de Rebeca Blanco-Rotea á Comisión Executiva da institución.
O Consello da Cultura Galega aprobou a programación de actividades do bienio 2021-2022

A sesión plenaria do Consello da Cultura Galega aprobou a incorporación de Rebeca Blanco-Rotea (Vigo, 1973) á Comisión Executiva da institución en calidade de vogal. É licenciada en Xeografía e Historia, na especialidade de Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela en 1996, e doutora en Arqueoloxía pola Universidade do País Vasco en 2015. A súa área de traballo está centrada no estudo das construcións históricas dende unha perspectiva arqueolóxica, aplicando e desenvolvendo metodoloxías de análise propias da arqueoloxía no estudo de fortalezas, igrexas e arquitectura de tipoloxía etnográfica. Nos últimos anos centrou a súa investigación en dúas liñas: dunha banda o estudo da arquitectura eclesiástica altomedieval e, da outra, na arquitectura fortificada transfronteriza de época moderna. Ten participado en medio centenar de proxectos arqueolóxicos e conta con numerosas publicacións e monografías. É membro do Plenario do Consello da Cultura Galega desde o ano 2016 e a coordinadora da Sección de Patrimonio e Bens Culturais.

Liñas estratéxicas da programación
A nova programación perfilarase en dez liñas de acción por ano. Catro delas correspóndense con temáticas que definen a actividade do ano en curso, mentres que as seis restantes se corresponden con eixes de traballo consolidado da institución como o fomento da cultura científica, tecnolóxica e medioambiental; a conservación e valorización do patrimonio; ou os debates do mundo contemporáneo. O Consello da Cultura Galega manterá o traballo de arquivo, hemeroteca e preservación de fondos; pero tamén as acción relativas á “memoria viva”, é dicir, homenaxes e actuacións en camiñadas á revitalización e difusión cultural.

O ano 2021
O Consello da Cultura Galega celebrará en 2021 diferentes liñas de traballo que permitirán ofrecer unha análise e divulgación da cultura galega nun marco temporal amplo. A primeira liña de acción pretende analizar e difundir a importancia da Galicia Medieval, en clara conexión coa celebración do Xacobeo. Comezará a principios de ano coa exposición “Afonso X e Galicia” que busca explorar a faceta menos coñecida do Rei Sabio. A mostra afastarase da imaxe recia e panorámicas sobre o monarca, e ofrecerá a conexión da súa figura con Galicia a través da súa infancia pero, sobre todo, da súa actividade política e cultural. Antoni Rossell será o comisario desta exposición que conmemora o oitavo centenario do nacemento de Afonso X. Este proxecto conta coa colaboración da Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela.

Outra das liñas de acción prioritarias para este ano pasa por testar a realidade da creación cultural contemporánea nas súas diferentes manifestacións. Ademais, desde o inicio do seu mandato, Rosario Álvarez defendeu a necesidade de acadar unha maior igualdade e inclusión en diversos sentidos, de modo que en 2021 están programadas diferentes accións encamiñadas a analizar a igualdade de acceso á cultura función do hábitat, con especial énfase no mundo rural. Tamén cobrará protagonismo o estudo das migracións, da mobilidade, da interacción e do intercambio cultural.

O ano 2022
Neste ano analizarase polo miúdo a forxa da Galicia contemporánea. Iso implica unha revisión da etapa preautonómica, que vai desde o tardofranquismo ao ano 1981 coa aprobación do Estatuto de Autonomía. Esta liña de acción que prepara o terreo para a celebración do corenta aniversario da institución, que terá lugar en 2023.
Entre as liñas destacadas de 2022 figura unha revisión ao pasado, presente e futuro dos medios de comunicación galegos. No marco da liña de traballo da inclusión e igualdade, neste ano poñerase especial atención ás diferenzas motivadas polo territorio, entre a Galicia oriental e a ocidental. Ese ano será tamén no que se fará unha revisión, análise e posta en valor da cultura marítima.

O segundo semestre de 2020
Ademais, no marco da sesión deuse conta de toda a actividade da institución desenvolvida entre xullo e outubro. Neste período realizáronse medio centenar de actividades entre as que tiveron especial protagonismo a publicación de epistolarios (entre Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane, ou entre Virxinia Pereira e Valentín Paz Andrade); a presentación de publicacións como “De gaiteiro a gaiteiro”, que recolle o legado do músico Ricardo Portela, da man de Carlos Núñez; ou numerosos especiais e iniciativas en rede que permitiron manter a programación deseñada para este ano malia a as restricións e limitacións derivadas da situación sanitaria actual. De aquí a decembro terán lugar actividades destacadas como o Concerto das Letras Galegas (día 30 de outubro no Teatro Jofre de Ferrol); a publicación de novos informes e análises estatísticas sobre o impacto da COVID no ámbito cultural; as presentacións das partituras de Pepito Arriola; ou unha nova edición dos Encontros para a Normalización Lingüística ou os dous webinarios que analizan os dez anos da aprobación do Decreto do Plurilingüísmo.