NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega visibiliza os contidos do fondo sonoro de Radio Nacional de España en Galicia

Son preto de sete mil rexistros sonoros que abranguen noticias, reportaxes, entrevistas e música a través dos que se pode reconstruír a historia recente de Galicia. O Consello da Cultura Galega (CCG) pon á disposición da cidadanía desde hoxe unha ferramenta de busca sobre o contido do arquivo de Radio Nacional de España (RNE). A presidenta da institución, Rosario Álvarez, destacou “a importancia da visibilización dese material que permite exhibir a riqueza do patrimonio sonoro e súa relevancia para a documentación e coñecemento da nosa historia recente”. Pola súa parte o director do centro territorial de TVE en Galicia, Rafael Cid, destacou que “o arquivo sonoro de RNE en Galicia atesoura documentos únicos, porque durante anos foi a única emisora de radio aberta en Galicia. A través dos centos de bobinas e casetes podemos coñecer, e ata descubrir, aspectos sorprendentes da nosa historia”. A en rede desta base de datos é o resultado dun acordo de colaboración entre o CCG e a Corporación RTVE e permite buscar nos rexistros sonoros da delegación de Galicia desta emisora que se depositan no Arquivo Sonoro de Galicia (CCG).

O Fondo de Gravacións de Radio Nacional de España (RNE) en Galicia arrinca coa coñecida gravación de Castelao en 1941 e remata no ano 2003. Dos sete mil rexistros que inclúe o fondo, 1.798 son fondos musicais. Os 5.187 arquivos restantes son, para o director do Arquivo Sonoro de Galicia, Xosé Ramón Pousa, “material no que descubrir a historia de Galicia, as voces das persoas e a palabra de moitos galegos, que ten un valor extraordinario”. Coa posta na rede da base de datos que indexa os contidos dese fondo poderanse localizar as voces históricas do país, coñecer os programas de radio e os locutores que axudaron a construír a historia sonora recente. Os usuarios e usuarias que queiran escoitar os rexistros deberán solicitar o acceso a este material, xa que o acordo non permite a difusión pública das gravacións senón a visibilización da catalogación feita polo Consello da Cultura Galega.

A riqueza do fondo RNE en Galicia
A maior parte dos fondos do centro territorial de Radio Nacional en Galicia correspóndense con programas emitidos por esta emisora. E o conxunto máis numeroso comprende gravacións emitidas nas décadas dos oitenta e os noventa. Aínda que a indexación está en castelán por mor do convenio, coas indicacións e criterios dos servizos centrais de documentación da Corporación RTVE, o compromiso da emisora co idioma é claro xa que as emisións están maioritariamente en galego, aínda que tamén hai algún audio en inglés, portugués ou italiano.

A base de datos que agora se pon á disposición do público permitirá facer unha busca polos máis de 190 programas que se emitiron durante a traxectoria deste medio público: “A cuerpo limpio”, “A fiestra” ou “Vivir Galicia”, nos que se abordaron a historia, política, tradición e literatura galegas do século XX. Precisamente, entre os fondos pódese descubrir a riqueza da programación de RNE no ámbito da cultura. A través da base, a cidadanía poderá mergullarse nos rexistros que se conservan do programa “Poetas galegos”, que deu voz ás anovadoras voces da poética galega, ou de “Vieiros da cultura”, con Pedro Díaz Nocedo, que serviu de altofalante dunha nutrida representación da intelectualidade. Destaca o programa “Nós”, do que se conservan preto de douscentos rexistros que abordaron a arte, pintura, tradición, literatura, ensino, relixión e moitas outras materias e polos seus micrófonos pasaron Xosé Freixanes, Celso Álvarez Cáccamo, Bieito Ledo ou Vítor Vaqueiro, entre outras voces.

A través desta ferramenta poderemos descubrir que se conserva a voz de Álvaro Cunqueiro falando sobre mitoloxía, a gastronomía de Galicia ou o Camiño de Santiago; ou a de Celso Emilio Ferreiro conversando sobre a súa vida e a obra literaria. Tamén se pode escoitar neste fondo un centenar de rexistros con contos como "Dona Carme", "O rei rato", "Conto do Campio", "A historia do Piroxo", "A vaca", no marco dunha programación ampla que sempre tivo en conta os máis pequenos.
Ademais da faceta cultural, tamén se pode descubrir o traballo didáctico realizado pola emisora. Como mostra, no fondo pódense localizar os arquivos do programa "Preescolar na casa", nado en 1977 por Cáritas Galicia e que buscaba nos medios de comunicación o soporte de difusión e que RNE acubillou durante un tempo.

RNE en Galicia deu conta de momentos históricos do país, como as emisións das primeiras eleccións ao Parlamento de Galicia no ano 1981 ou a retransmisión do acto de constitución do primeiro Parlamento de Galicia, con declaracións de Xosé Luís Barreiro Rivas, Antonio Rosón ou Francisco González Amadios. Neste ámbito, no fondo localízanse entrevistas a Xosé Ramón Barreiro Fernández, Xosé Luís Barreiro Rivas, Pablo González Mariñas, Francisco Vázquez Vázquez e Miguel Cancio, entre outras. Ademais, na base de datos figuran 382 gravacións que se corresponden coa etapa de Radio 4 en Galicia, unha experiencia efémera que escribiu unha das páxinas máis descoñecidas da radio no noso país.
Para exhibir a potencialidade do fondo, o portal de divulgación cultural do Consello da Cultura Galega, Culturagalega.gal, publica hoxe o especial “Unha viaxe sonora á Galicia do século XX da man do fondo de RNE”, que fará un percorrido por momentos de calado cultural da nosa historia recente e de intervencións de personaxes destacadas, recollidos a través de programas, entrevistas e emisións.

A posta á disposición pública deste material é o resultado dun convenio asinado entre o Consello da Cultura Galega e a Corporación de Radio Televisión Española. Este acordo fixa que o CCG se encargaba da catalogación, indexación e uso cultural do fondo de Radio Nacional de España en Galicia. Ademais, establecía que unha copia dese material pasaba a incorporarse aos fondos do Arquivo Sonoro de Galicia.