NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega reforzou a súa dimensión avaliadora e asesora durante a COVID-19

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, compareceu na tarde deste mércores na Comisión terceira de Economía, Facenda e Orzamentos, do Parlamento de Galicia, no marco das sesións informativas en relación co Proxecto de lei de orzamentos. O orzamento da institución para o próximo ano é de 2.782.982 euros, 25.919 euros máis que en 2020. Álvarez explicou as liñas xerais de actuación desenvolvidas e avanzou a programación de 2021, que supón un cambio no deseño do programa de actividades da institución. A vixencia da cultura galega medieval, os dereitos culturais e lingüísticos, a igualdade e a inclusión, a proxección exterior da cultura galega xunto co fomento da cultura científica, a creación e o pensamento contemporáneos así como a defensa do patrimonio material e inmaterial son liñas que abordará a institución ao longo do próximo ano. A programación comezará cunha exposición sobre Afonso X e a súa conexión con Galicia. Os representantes dos tres grupos parlamentarios expresaron o seu recoñecemento ao labor da institución.
O Consello da Cultura Galega reforzou a súa dimensión avaliadora e asesora durante a COVID-19

Os orzamentos do Consello da Cultura Galega para o ano 2021 ascenden a 2.782.982 euros, 25.919 euros máis que no ano anterior. Con ese orzamento, a presidenta perfilou un cambio na concepción da programación de actividades da institución, que se adecuará a dez liñas estratéxicas. Catro delas correspóndense con temáticas que definen a actividade do ano en curso, mentres que as seis restantes se corresponden con eixes de traballo consolidado da institución, como o fomento da cultura científica, tecnolóxica e medioambiental; a conservación e valorización do patrimonio, ou os debates do mundo contemporáneo. O Consello da Cultura Galega manterá o traballo de arquivo, hemeroteca e preservación de fondos, así como as acción relativas á “memoria viva”; é dicir, homenaxes e actuacións encamiñadas á revitalización e difusión cultural.

O ano 2021
O Consello da Cultura Galega acometerá en 2021 diferentes liñas de traballo que permitirán ofrecer unha análise e divulgación da cultura galega nun marco temporal amplo. A primeira liña de acción pretende analizar e difundir a importancia da Galicia medieval. Comezará a principios de ano coa exposición “Afonso X e Galicia”, que busca explorar a faceta menos coñecida do Rei Sabio. A mostra ofrecerá a conexión biográfica da súa figura con Galicia pero, sobre todo, da súa actividade política e cultural. Antoni Rossell é o comisario desta exposición, que conta coa colaboración da Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia mais a colaboración da Universidade de Santiago de Compostela e da Deputación de Lugo.

Outra das liñas de acción prioritarias para este ano pasa por coñecer a realidade da creación cultural contemporánea nas súas diferentes manifestacións. Ademais, desde o inicio do seu mandato, Rosario Álvarez defendeu a necesidade de acadar unha maior igualdade e inclusión en diversos sentidos, de modo que en 2021 están programadas diferentes accións encamiñadas a analizar a igualdade de acceso á cultura en función do hábitat, con especial énfase no mundo rural. Tamén cobrará protagonismo o estudo das migracións, da mobilidade, da interacción e do intercambio cultural.

A actividade de 2020
A actividade do Consello da Cultura Galega tivo un antes e despois da declaración do estado de alarma. Entre xaneiro e marzo, o CCG desenvolveu 14 actividades, mantivo 3 exposicións activas e actualizou os seus proxectos de documentación (Lousas, A Nosa Terra, a posta en rede dos epistolarios cruzados entre Ramón Otero Pedrayo e Ricardo Carballo Calero...). A partir do 14 de marzo, a institución procedeu á adaptación e reprogramación da súa actividade. Neste tempo, o CCG amosou unha grande axilidade para adaptarse á nova situación e a súa capacidade de innovación para reorientar a programación. Aproveitou a difusión do seu fondo documental (sonoro, hemerográfico, epistolar...) para ofrecer á cidadanía contidos culturais galegos de calidade. Co ánimo de non cancelar, explorou novos formatos de presentación das actividades programadas, con encargas de produtos culturais ao sector. Programou encontros en liña para escoitar nas súas voces as demandas e preocupacións do ecosistema cultural. Entre marzo e o que resta de ano realizáronse 65 actividades (entre redifusión de fondo dixital e novos ciclos). En total, en 2020 programáronse 79 actividades, 19 máis que en 2019. Neste ano contabilízanse 23 novidades editoriais. Ademais, avanzouse na recuperación do histórico de publicacións da institución coa incorporación á mediateca de 14 títulos. O CCG mantivo neste ano sete itinerancias de catro exposicións.

Durante este período reforzouse a función asesora da institución. Neste ano realizáronse 7 informes directamente relacionados co impacto que a COVID-19 tivo na cultura galega. O Observatorio da Cultura Galega analizou a situación dos sectores do libro, da música popular e realizou tres análises de conxuntura de maneira global que testaron o sector e as primeiras cifras do impacto no sector producido pola pandemia. Non só a influencia da COVID-19 foi obxecto da función avaliadora, senón que este ano se realizaron dous informes destacados, un sobre o valor do portugués en Galicia e outro sobre o sector teatral galego. A nivel patrimonial, a institución acometeu outros informes, como o da situación de deteorioro da Fonte de Troncoso (Mondariz), 3 informes para a declaración de Ben de Interese Cultural e 38 de impacto ambiental.

A acollida dos grupos parlamentarios
Na quenda de intervención dos grupos parlamentarios destacaron o traballo en materia de asesoría aos poderes públicos, así como as contribucións e os proxectos de institución desenvolvidos neste ano atípico.

Noa Díaz Varela, do Grupo Parlamentario Socialista, puxo sobre a mesa os informes e barómetros de traballo da institución que cualificou como fundamentais para coñecer o estado de saúde da nosa cultura. Ademais, destacou a visión feminista e inclusiva de todas as áreas de traballo da institución. Unha visión na que coincidiu Mercedes Queixas Zas, do Grupo parlamentario do Bloque Nacionalista Galego, que destacou a capacidade de traballo da institución nunha perspectiva sincrónica e diacrónica. Afirmou que algúns documentos e informes son libros de cabeceira e follas de ruta para o seu grupo parlamentario e insistiu en que faltan recursos para ensanchar a acción exterior da institución.

Por último, Ovidio Rodeiro Tato, do Grupo Parlamentario Popular, destacou o labor de asesoría da institución así como a capacidade de xestión do Consello da Cultura Galega malia as dificultades do contexto sanitario e situouno no marco do compromiso da Xunta polo sector cultural.