Diferentes especialistas reflexionan desde mañá no Consello da Cultura Galega sobre cultura e sustentabilidade

“Estamos nun momento de urxencia e pensamos que debe ser un momento de reflexión. Sen ela acabaremos volvendo ao modelo do anterior que xa sabemos que non funciona” afirma Alberto García, coordinador da xornada “Futuros presentes” que se desenvolve de maneira telemática desde mañá. A cita está organizada pola Comisión técnica temporal de xestión e políticas culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) e pon sobre a mesa a pertinencia dun modelo sustentable da man de especialistas como Benito Burgos e de responsables de experiencias pioneiras neste eido como Ugía Pedreira, Miguel Porto ou Olixver Laxe. Ademais, no marco da xornada presentaranse os avances dun informe sobre sustentabilidade e cultura.

“É un momento de urxencia e debemos parar e reflexionar” afirma Alberto García, coordinador desta cita e profesional que leva dúas décadas dedicándose á xestión cultural. Para el o camiño pasa por ollar en clave de sustentabilidade, de sumarnos ás propostas da axenda 2030 porque “somos un país asociado á cultura sostible, á cultura amador, de base e pensamos que pode ser un campo abonado para sacar unha liña de traballo”.

O programa de “Futuros presentes” responde a esa lóxica. Comeza coa conferencia de Jaime Vindel, investigador contratado Ramón y Cajal do Instituto de Historia do CSIC, que baixo o titulo “Retos da cultura ante a transición ecosocial” pretende servir de marco contextualizador en el proporá unha transición ecosocial a outros modos de vida. “Temos que vivir doutra forma” afirma o coordinador. Nese camiño, o programa pon o foco en catro sesións orientadas a falar da sustentabilidade desde catro eidos: económico, social, política e ambiental. Cada día se publicarán os diferentes relatorios que se poden seguir en directo desde o web do Consello da Cultura Galega e as súas redes (Youtube, Facebook e Twitter).

Catro líñas para falar da sustentabilidade
A primeira mesa é a de economía. Nela estará Lluis Bonet, director do programa de xestión cultural da Universitat de Barcelona, que ofrecerá modelos sustentables rendibles económicamente. Neste ámbito, presentaranse experiencias de proxectos culturais sustentables en Galicia e debate como o Festival Agrocuir da Ulla, o Cinema Palleiriso, a Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento máis Bosquexo, o festival de debuxo ao natural en Sende.

A segunda das liñas ten que ver coa dimensión social. Nesta área toma a palabra Fran Quiroga, que presentará o avance do informe “Cultura e sustentabilidade. Repensando os xeitos de facer cultura”, que ofrecerá o estado dun estudo encargado polo CCG para repensar a cultura en clave social e sustentable. Canda el estará Encarna Lago, xerente da Rede Museística Provincial de Lugo que explicará a forma de traballo dos centros lucense que teñen unha planificación e acción cultural moi pensanda na cidadanía.

A dimensión política permitirá ver experiencias de políticas culturais que poñen a vida no centro. Benito Burgos, coordinador cultural do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, ofrecerá un relatorio explicando un novo cambio de modelo, no que se busca poñer a cidadanía no centro da política. E nesa liña Anabel Gulías explicará o caso concreto do Concello de Pontevedra. Esta mesa conta coa presenza de Julio Gómez, que representa a parte privada, desde unha empresa con criterio de lucro que promove iniciativas sustentables e de implicación social.

A conversa entre o cineasta Óliver Laxe e a profesora do departamento de Economía María do Mar Pérez Fra permitirá poñer sobre a mesa a última das dimensións da sustentabilidade: a ambiental. Laxe está a ultimar na súa aldea dos Ancares un proxecto de rehabilitación da casa dos seus avós, nun proxecto cultural e agricultural de desenvolvemento rural.

Comisión técnica temporal de políticas culturais
Dolores Vilavedra é a coordinadora da Comisión técnica temporal de políticas culturais, entidade integrada por Marcos Lorenzo, Mariám Fernández, Alberto García, Encarna Lago, Xavier Campos, Segio Lago, Agar Ledo e Belén Pichel. Entre as súas actividades recentes destaca o ciclo de reflexión “Xestión e políticas culturais nos concellos. Retos ante a Covid-19”, do que saíu un informe homónimo que ofrece unha ollada local, pública e de proximidade, ofrecendo un conxunto de datos imprescindible para comprender a complexidade do fenómeno que a crise sanitaria supuxo para a sociedade galega en xeral, e para a cultura en particular.

Outras noticias que te poden interesar: