Un libro homenaxea a Jimena Fernández de la Vega, pioneira científica no campo da xenética e da hidroloxía

Tentou de incorporar unha visión experimental da xenérica moderna e contribuíu á modernización dos tratamentos terapéuticos dos balnearios. Jimena Fernández de la Vega (Veiga, Asturias 1895-Santiago, 1984) desenvolveu unha ampla traxectoria profesional que a levou por centros punteiros europeos. Pero tamén foi unha persoa familiar, loitadora e comprometida. As facetas profesional e persoal xúntanse en Jimena Fernández de la Vega. Un modelo de científica adiantada ao seu tempo que hoxe presentaron a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; Juan M. Lema presidente da Real Academia de Ciencias e a súa sobriña, María Teresa Fernández de la Vega, presidenta do Consello de Estado. O volume, coordinado por Antón Álvarez Sousa, pretende ser unha homenaxe a esta muller recoñecida este ano co Día da Ciencia en Galicia e que se celebra cada 8 de outubro.

“Galicia hónrase homenaxeando a Jimena Fernández de la Vega” asegurou Rosario Álvarez no marco da presentación na que destacou o carácter pioneiro e destacado dunha figura excepcional. Foi, xunto coa súa irmá xemelga Elisa, das primeiras mulleres licenciadas na Universidade de Santiago de Compostela. Foi unha médica brillante, unha tenaz investigadora e unha profesora convencida que abriu moitos camiños para as mulleres que chegarían despois. “Propoñémola como modelo de científica pero tamén como modelo de muller” asegurou Juan Manuel Lema. Foi a súa sobriña, María Teresa Fernández de la Vega, quen destacaou da súa personalidade “un liderado persoal discreto pero moi forte, unha ilustrada e unha aventureira que nos ensinou que o coñecemento é a única vía para transformar as cousas”. A publicación, coordinada por Antón Álvarez Sousa, concentra estes aspectos a través de artigos diferentes asinados por destacados especialistas no seu ámbito.

A publicación
Mª Teresa Fernández de la Vega asina un artigo titulado “A miña tía Jimena, o referente dunha loitadora” no que dá conta de aspectos menos coñecidos da científica, como é a súa faceta máis humana e familiar. Nel traza o perfil dunha muller austera, estrita, cun fondo sentido da responsabilidade. O seu empeño porque a súa sobriña estudase, o seu carácter afectuoso que puña a familia no centro e que tiña un sentido de humor un pouco peculiar axuda a entender o percorrida vital desta pioneira.

Milagros Candela Castillo, que foi profesora titular de Xenética, contextualiza as orixes da xenética en España, que se produce na década de 1920 grazas ao impulso da Junta para Ampliación de Estudos e Investigacións Científicas (JAE). Foi esta entidade a que lle concedeu unha bolsa a Jimena para continuar os estudos estudos posdoutorais entre 1923 e 1934 nun percorrido que a levou por Berlín, Hamburgo e Viena con estudos obre herdanza e xenérica humana. Un traballo que non tivo continuidade, truncado pola Guerra Civil e as consecuencias posteriores. É precisamente Angel Carracedo, un destacado especialista en xenética, quen dedica as súas páxinas a recoñecer o adiantada que foi ao seu tempo e destaca as súas relevantes contribucións sobre a herdanza da hemofilia. Ademais, destaca que España segue sen ter a especialidade de xenética clínica e o gran instituto de xenética que a propia Jimena ambicionaba hai case cen anos.

A hidroloxía foi a outra das dúas grandes áreas de traballo nas que foi sobranceira esta pioneira científica. E a catedrática Rosa Meijide Faílde dedica o seu texto a falar da súa etapa como médico hidrólogo. Un camiño que arrinca con outro fito, xa que Jimena foi a primeira muller en gañar as oposicións para dirixir un establecemento balneario. Un novo camiño que inicia trala Guerra Civil e o duro golpe da morte da súa irmá Elisa, e comeza a poñer en práctica os seus coñecementos sobre as doenzas do fígado e outros estudos.

A perspectiva de xénero está tamén presente na publicación cun texto a cargo de Susana López Abella, secretaria xeral de igualdade, que destaca que a vida desta científica é unha continua demostración de que se non se usan a educación e a socialización para establecer roles diferentes, a igualdade de xénero e de oportunidades configúrase como un feito natural en todos os eidos e en todos o niveis.