----

O Consello da Cultura Galega e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade constitúen o Foro Identidades e Disidencias Sexuais

Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), e María Jesús Lorenzana, conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, deron a coñecer este luns en rolda de prensa o Foro Identidades e Disidencias Sexuais. Trátase dun proxecto coordinado por Carme Adán, responsable tamén da Sección de Pensamento do CCG, que busca incrementar o coñecemento das necesidades da poboación LGBTQI, así como os recursos e servizos cos que contan as administracións públicas nesta materia. O Foro está conformado por cinco mesas de traballo que artellarán un proceso de reflexión que culminará en 2023 coa presentación dun informe pioneiro nesta materia.
O Consello da Cultura Galega e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade constitúen o Foro Identidades e Disidencias Sexuais

“Desenvolvemos este proxecto a petición da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade”, sinalou Rosario Álvarez, presidenta do CCG, “escollemos o modelo de foro porque queremos facer un espazo de diálogo e de debate no que se intercambie información autorizada para o que se convocan persoas con distintas experiencias previas”.

Nace como un espazo pioneiro que permitirá actualizar a información sobre as necesidades das persoas LGTBI para darlles unha resposta axeitada -mediante os recursos e servizos que poidan demandar- e previr as condutas violentas contra o colectivo. Nese sentido, a conselleira, María Jesús Lorenzana, destacou que “é preciso recoñecer que aínda hoxe en día as actitudes e condutas homofóbicas e transfóbicas están profundamente arraigadas na nosa sociedade, expoñendo cun enfoque negativo a moitas persoas homosexuais, bisexuais, transexuais e intersexuais”, que remarcou que afecta a todas as idades e lugares de residencia. “Coñecer en profundidade esta realidade e a situación actual, identificando e falando abertamente das necesidades fundamentais do colectivo para poder darlles un resposta e mellorar como sociedade, cunha metodoloxía activa, participativa e inclusiva, é un dos obxectivos” engadiu.


Un espazo pioneiro
O proxecto está coordinado por Carmé Adán quen explicou que foi pensado como un proceso participativo conformado por unha mostra representativa de todos os sectores que dunha ou doutra maneira están implicados na xestión, formación, educación, investigación e divulgación sobre a identidade sexual. Ademais, explicou que se abordará o tema desde diferentes bloques temáticos de interese, nos que se explorarán as grandes demandas e necesidades identificadas, así como posibles retos das políticas públicas que tratan de dar resposta ás necesidades da poboación LGBTQI. “O certo é que a dia de hoxe fáltannos moitos datos para coñecer a situación actual do colectivo LGBTQI en Galicia. Por exemplo, precisamos coñecer que impacto tivo a Lei pola igualdade de trato e a non discriminación de 2014”, sinalou Carme Adán que engadiu que, “unha vez cartografiadas as necesidades se poderán crear os recursos”.

O obxectivo último é lograr un informe onde plasmar a situación da poboación LGBTQI en relación con diferentes liñas temáticas como a participación pública, educación, seguridade, eido laboral, territorio, servizos sociais, pensamento, cultura, memoria, diversidade social e violencias.

Para deseñar e conducir este proxecto, o Consello da Cultura Galega formou unha Comisión Técnica Temporal integrada por Marta Lois, Enrique Latorre, Daniela Ferrández e coordinada por Carme Adán.
Malia que a presentación pública ten lugar en xuño, mes do orgullo, o Foro arrincou en xaneiro coa constitución dunha comisión técnica de traballo que perfilou as súas necesidades e características.

O primeiro encontro de traballo centrarase na participación pública e celebrarase o 6 de xullo, mércores, no Consello da Cultura Galega. O segundo dos encontros desenvolverase no mes de setembro e centrarase nos temas de seguridade, educación e sanidade. Os asuntos laborais, territorio, servizos sociais e idadismo ocuparán a terceira cita, que ten prevista a súa celebración en novembro. En xaneiro de 2023 abordarase a mesa de pensamento, cultura, memoria viva e diversidade sexual. O quinto encontro prográmase para febreiro de 2023 e reflexionará sobre o tema das violencia que sofre o colectivo LGBTIQ.

Outras accións
Este informe arrinca no convenio asinado en 2021 por Rosario Álvarez e María Jesús Lorenzana, que establecía tres liñas de actuación: a diversidade sexual, a eliminación da violencia de xénero e a visibilización de mulleres destacadas do ámbito do pensamento. Dotado con 22.000 euros, procura accións conxuntas nestes ámbitos de actuación.

O informe non é a unica actuación programada dentro deste convenio. Na rolda tamén se anunciou que o próximo 13 de xuño, inaugurarase no IES Rosalía de Castro de Santiago, unha exposición divulgativa sobre evolución histórica do movemento LGTBIQ+.