NOTICIA

----

O novo especial de Proxector recompila vídeos sobre o quecemento global

“Quecemento global: ameazas e oportunidades” é o título do novo especial de Proxector, iniciativa que desenvolve o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC). Nesta nova entrega reúnense unha ducia de recursos audiovisuais que permiten afondar nas principais causas do quecemento global e nas oportunidades que ofrecen a educación ambiental, a conciencia cidadá ou a innovación científica para revertelo. Con este especial, o CCG súmase á conmemoración do Día Mundial da Acción fronte ao Quecemento Terrestre, que se celebrará o vindeiro 28 de xaneiro co fin de concienciar e sensibilizar sobre o cambio climático.

“A evidencia científica non deixa lugar a dúbidas: a principal causa do quecemento global é a actividade humana, concretamente, a queima de combustibles fósiles e a emisión de gases de efecto invernadoiro”, comeza o especial, que sinala o continuo aumento das temperaturas ou os fenómenos meteorolóxicos extremos como dous dos principais perigos do cambio climático. O reto consiste en “reverter o erro e converter as ameazas en oportunidades” a través da busca de alternativas sostibles e respectuosas co medio ambiente como, por exemplo, a química verde.
Para esta entrega de Proxector escolmáronse diferentes vídeos en que se explica que é o efecto invernadoiro, o quecemento global e a contaminación atmosférica ou como estes fenómenos afectan ao planeta e ás vidas dos seus habitantes. As consecuencias que o cambio climático ten para Galicia son o tema do documental Cambio climático: o reto do século XXI, mentres que a situación da contaminación atmosférica na nosa comunidade centra a peza divulgativa “Conversas co ecoloxismo: Ramón Varela Díaz”. Nela, o doutor en Ciencias Biolóxicas e presidente de ADEGA (1981 e 1996) reflexiona sobre a crise das industrias electrointensivas, o peche do ciclo das térmicas galegas, a transición ecolóxica, a emerxencia climática, a política forestal do país ou os incendios nos bosques. Pola súa banda, o enxeñeiro químico Luís Díaz Allegue achega o desafío que supón o cambio climático para a seguridade alimentaria mundial no vídeo “Cambio climático e sistema alimentario”, no que alerta de que as mudas nas condicións de temperatura e humidade e nos padróns de precipitacións, así como os fenómenos meteorolóxicos extremos, afectan ás prácticas agrícolas e á calidade nutricional dos cultivos. O especial compleméntase con tres pezas audiovisuais que profundan na filosofía da química verde e en como a reciclaxe do dióxido de carbono para a obtención de combustibles, o uso das enerxías renovables para a produción de hidróxeno verde ou o emprego deste elemento químico como fonte de alimentación dos vehículos modernos poden axudar a combater o quecemento global.

O proxecto
Proxector: audiovisuais en galego para a docencia é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.

O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.

Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregables, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.