Informe sobre a divulgación da ciencia en Galicia
2015


doi:10.17075/isdcg.2016

Comparte

A comunicación popular do coñecemento científico resulta esencial para o desenvolvemento dun espírito crítico dos cidadáns, que facilite a interpretación das achegas da ciencia que hoxe en día fan parte de moitos aspectos da vida cotiá. A divulgación da ciencia é, ademais, un dereito de todos os cidadáns, nunha sociedade coma a nosa, na que os proxectos de investigación científica están financiados en gran medida con recursos públicos. Desde mediados do século pasado, as ferramentas tecnolóxicas e de comunicación incrementaron de xeito substancial non só as estratexias para a divulgación do coñecemento, senón tamén a capacidade para a organización e desenvolvemento de proxectos. Na actualidade, Galicia dispón dunha ampla diversidade de proxectos de divulgación da ciencia e, con todo, e a pesar da súa importancia social, ata agora non existía ningunha análise global das distintas estratexias de divulgación e da súa eficacia e alcance social.
Este Informe sobre a Divulgación da Ciencia en Galicia pretende achegar unha descrición xeral e unha visión crítica dos distintos proxectos, co obxectivo de salientar a importancia social e os avances na capacidade de comunicación que se foron desenvolvendo nos últimos anos, pero tamén co obxectivo de identificar as eivas e os atrancos que en moitos casos dificultan a creación de novos proxectos ou o mantemento a longo prazo dos xa existentes.
Desexamos, ademais, que este documento se converta nunha ferramenta útil para aqueles divulgadores, colectivos, xestores e institucións que queiran desenvolver actividades de divulgación eficaces. Coñecer as distintas estratexias para a comunicación da ciencia, as súas ferramentas e o resultado dalgunhas propostas resultarán de utilidade para todas aquelas persoas interesadas na divulgación da ciencia.
O Informe ten unha primeira parte en que se fai un percorrido pola historia recente da divulgación en Galicia, salientando as figuras dos principais protagonistas e das publicacións que dalgún xeito abrían unha fiestra á ciencia e á tecnoloxía. Faise tamén referencia especial ao Servizo de Extensión Agraria, que desenvolveu un xeito particular de divulgación do coñecemento técnico e da innovación. Na segunda parte do Informe analízanse as distintas estratexias, proxectos e medios que na actualidade se dedican a algún aspecto da divulgación da ciencia en Galicia. Non se trata dunha descrición exhaustiva e pormenorizada de todos os proxectos e actuacións, senón dunha recompilación daquelas actividades que pola súa envergadura, novidade ou especial interese poden servir de exemplo e resultar de axuda para o desenvolvemento de novas políticas e novos proxectos de divulgación da ciencia. Trátanse os principais museos e centros interactivos, o papel da ciencia na prensa escrita e nos libros, os programas que na radio ou na TV dedican o seu tempo á ciencia e á tecnoloxía, o labor da comunicación directa ao público mediante charlas, o importante papel das institucións no financiamento e promoción da divulgación, o extenso e intenso labor das asociacións sen ánimo de lucro, as publicacións de divulgación especializada, o papel das feiras da ciencia e da divulgación nos centros de ensino, as empresas que se dedican á comunicación e divulgación, e os medios de divulgación científica en Internet.
Un variado abano de propostas que reflicten o intenso labor que se fai en Galicia para a transmisión do coñecemento a unha ampla parte da sociedade, labor que na situación actual de crise económica se veu criticamente comprometido, a pesar da extraordinaria importancia que ten para todos os cidadáns a interpretación e compresións das achegas da ciencia, unha ciencia que usamos de xeito cotiá.

LER PUBLICACIÓN »