vento que zoa
Jesús Bal y Gay
1905 Lugo 1993 Madrid
(detalle) José Moreno Villa, El pianista, 1939. Gouache sobre papel 25 x 30 cm. Col. Residencia de Estudiantes Ver imaxe completa

Jesús Bal y Gay: Concerto Grosso, I, 1951. 5:04 min. En: Jesús Bay Gay. Obra sinfónica completa. Orquesta de Córdoba. Dir. José Luis Temes. Madrid : Versus, 2012. Agradecementos: Orquesta de Córdoba, José Luis Temes, Xunta de Galicia
Escoita aqui o audio
Gran estudoso da música
Nace o 23 de xuño de 1905 en Lugo. Jesús é bo estudante na escola local, con manifesta inquietude intelectual xa dende a infancia. No ambiente familiar estuda solfexo e piano, estudos que revalida despois no Conservatorio de Madrid.

Mais o seu traslado estable a Madrid non é ata 1921. Mergúllase na vida intelectual da capital e moi especialmente nos círculos galeguistas. Pronto é corresponsal cultural de El Pueblo Gallego e inicia os seus traballos de recollida de contos populares españois, especialmente galegos. Abandona os estudos de medicina. De 1930 son as súas dúas primeiras obras como compositor.

En novembro dese ano asiste Bal y Gay ó acto de presentación do “Grupo de los Ocho”, na Residencia de Estudiantes. A pianista e compositora Rosa García-Ascot interpreta algunhas obras. É o inicio da relación amorosa entre ambos, paradigma de afinidades humanas e estéticas ata a morte.

A categoría intelectual de Bal e os estudos musicolóxicos que publica daquela válenlle unha invitación da Universidade de Cambridge como profesor de cultura española a partires do curso 1935-6. O matrimonio instálase feliz en Inglaterra.

No verán de 1936, o estoupido da Guerra Civil Española sorpréndeos en Galicia. Voltan inmediatamente a Inglaterra. Pero pronto a súa situación neste país se complica e acepta unha invitación do presidente mexicano Lázaro Cárdenas para se instalar en México, xunto a outros exiliados e refuxiados españois. O compositor, porén, non se cansa posteriormente de afirmar que o seu exilio é voluntario pero a súa ética persoal impídelle convivir co réxime dos vencedores.

Chega a México en 1938 onde desenvolve infinitas actividades: profesor, investigador, folclorista, escritor, ensaísta, crítico, cofundador de Ediciones Mexicanas de Música, galerista de arte,… Tamén elabora un breve pero intenso catálogo como compositor -non chega a vinte obras-, todas elas anteriores a 1951. Nese momento decide, sinxela e non traumaticamente, deixar de compoñer.

En 1962 o matrimonio viaxa a Europa, incluída Galicia, e reencóntrase cos vellos amigos despois de 24 anos. De volta a México, inicia os trámites para regresar definitivamente a España en 1964. Instálase en Madrid, onde vive discretamente. Bal y Gay falece o 3 de marzo de 1993 nesta cidade.


Bal y Gay afirmou en diferentes ocasións que o Concerto grosso (1951) era a súa obra favorita e na que consideraba ter deixado a súa propia voz dunha maneira máis auténtica. Trátase dunha peza homenaxe a J.S. Bach, iniciada en 1950, ano do bicentenario da dúa morte. Nesta composición evidénciase que Bal y Gay relé a Bach a través das lentes do Strawinsky daqueles anos.

A filiación bachiana do compositor é máis evidente no segundo tempo, Adagio, malia a que, paradoxalmente é o máis avanzado harmonicamente. No terceiro e último movemento, a fuga proponse sobre a correspondencia no solfexo alemán do nome BACH.

Concerto Grosso estreouse en México o 30 de marzo de 1951, pola Orquesta Sinfónica Nacional, dirixida por Carlos Chávez.

Máis información:

Residencia de Estudiantes

Archivo de la Edad de Plata

Agradecementos:
Residencia de Estudiantes
http://www.residencia.csic.es/

Autor/a:
A sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega procura a complicidade de todos e mostra unha selección dos nosos compositores. Cada músico que se presenta asóciase a un artista plástico galego. A unión non é azarosa. Xorde de sincronías históricas e de coincidencias nas sensibilidades estéticas, de afinidades persoais e de emotividades compartidas. Trátase, en definitiva, de que o noso disfrute sensitivo e intelectual sexa pleno.