vento que zoa
Carlos López García-Picos
1922 Betanzos 2009 Oleiros
(detalle) Luis Seoane, Paisaxe, 1966. Óleo sobre lenzo 60 x 73 cm. Col. Museo de Belas Artes da Coruña. Cortesía: Museo de Belas Artes da Coruña. Fotografía compositor: Arquivo Municipal de Betanzos. Ver imaxe completa

Carlos López García-Picos: Sindy, 1979. 12:49 min. En: Música de compositores galegos. Presenzas e ausencias. Orquestra dos Conservatorios de Música de Galicia, dir. Maximino Zumalave. Santiago de Compostela : Direción Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais : Clave Records, 2008.
Escoita aqui o audio
A composición galega dende o exilio arxentino
Temos algunhas certezas con respecto a vida e obra deste compositor pero sobre todo un gran conxunto de interrogantes que deberemos contestar para ter unha visión clara do que foi a creación musical galega nos últimos anos. Tal é o papel de Carlos, tanto pola súa contribución musical como polo seu relevante papel dentro do asociacionismo musical: a nivel autonómico foi membro fundador e presidente da Asociación Galega de Compositores (AGC), a nivel nacional foi membro da Xunta Directiva da Confederación Española de Asociacións de Compositores Sinfónicos (CEACS) e anteriormente xa participara ocupando distintos cargos na Asociación de Jóvenes Compositores de la Argentina.

Carlos López García-Picos, nado en Betanzos en 1922 e exiliado na Arxentina trala Guerra Civil, mostrou un compromiso constante coa colectividade galega que se reflicte en moitos aspectos das súas composicións, na súa actividade nas asociacións de compositores antes citadas e na súa faceta máis descoñecida como director de distintas agrupacións corais: coro Os Rumorosos do Centro Betanzos de Buenos Aires, coro Alborada da Casa de Galicia de París, Coral Rosalía de Castro da Asociación Galega, agrupación coral do Centro Gallego de Buenos Aires, e tamén dirixiu en xaneiro de 1950 un grupo de coros galegos que xuntos cantaron o noso Himno cando Castelao foi soterrado no cemiterio da Chacarita.

En Buenos Aires asistiu a clases con Jacobo Ficher, e a estrea do ballet La farsa de la búsqueda valeulle a obtención dunha beca da Embaixada Cultural de Francia en Buenos Aires que, xunto co apoio de destacadas personalidades do galeguismo como Luís Seoane e Eduardo Blanco Amor, entre outros, permitiu que se embarcase rumbo a París. Alí recibiu clases de composición de Darius Milhaud e Tony Aubin no Conservatorio Nacional de París e, simultaneamente, estudou orquestración con Pierre Wissmer e dirección de orquestra con Leon Barzin na Schola Cantorum. Pero tan importante como estas clases foi a participación nun taller musical no que compositores como Oliver Messiaen, Henry Dutilleux, Florentz Schmitt ou André Jolivet, entre outros, falaban das súas obras cun grupo duns 15 alumnos.

En 1984 regresa a Galicia e desenvolve a súa etapa máis frutífera dende o punto de vista compositivo. Falece o 23 de decembro de 2009, deixando no seu catálogo, formado por 141 obras, un amplo número de obras sinfónicas, cuartetos, obras pianísticas, para violoncello e para diversas formacións camerísticas.


Sindy é unha das súas obras máis destacadas, foi premiada pola Tribuna Nacional de Compositores 1979, e foi escollida para representar a Arxentina en diversos festivais e congresos de carácter internacional. Así a describía el mesmo:

Sindy era el nombre del perro que estaba constantemente a mi lado cuando compuse esta obra y me acompañaba en los paseos por los bosques de esa zona a escuchar los pájaros y demás sonidos y ruidos que escuchaba siempre (ranas, ladridos de perros, silbato de trenes, etc.) “Es un día en el campo”. El amanecer con el comienzo del canto de los pájaros que poco a poco van engrosando hasta que todos cantan con diferentes comportamientos en un bloque aleatorio que se repite dos veces más, pero con algunas variantes y al atardecer van desapareciendo con la noche hasta los últimos cantos suaves. Sindy sólo contiene una pequeña célula temática que anuncia la trompeta al comienzo de la obra y durante la misma se desplaza alternativamente entre las familias orquestales y es expuesta por los violoncellos a modo de recapitulación.”


Máis información:

Ares Espiño, Javier, Catálogo de Carlos López García-Picos, Concello de Betanzos, Betanzos, 2011.

Carlos López García-Picos na web da Asociación Galega de Compositores
Autor/a: Javier Ares
A sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega procura a complicidade de todos e mostra unha selección dos nosos compositores. Cada músico que se presenta asóciase a un artista plástico galego. A unión non é azarosa. Xorde de sincronías históricas e de coincidencias nas sensibilidades estéticas, de afinidades persoais e de emotividades compartidas. Trátase, en definitiva, de que o noso disfrute sensitivo e intelectual sexa pleno.