Joaquín Ezquerra
Ferrol, 1793 - Tudela (Navarra), 1859Autoría: Francisco Javier Dosil
Destacado enxeñeiro de minas e autor do primeiro mapa xeolóxico de España
En 1826 e 1827 dirixiu a prestixiosa fábrica de cristais de Aranxuez. Ao ano seguinte, levantou o plano das minas de Riotinto (Huelva), por encargo do director xeral de Minas, o químico e mineraloxista Fausto Elhuyar (1755-1833). En 1829 axudou ao enxeñeiro Francisco Barra nos traballos de condución de augas a Madrid dende o río Lozoya (Serra do Guadarrama) e o río Guadix (Serra Nevada), e participou noutras comisións en Asturias.
A mediados de 1830 foi comisionado por Fausto Elhuyar para ampliar estudos por cinco anos na Academia de Minaría de Freiberg (Saxonia) e visitar os principais establecementos mineiros de Alemaña, en compañía dos enxeñeiros Rafael Amor e Felipe Bauzá (Ezquerra, 1817). Fundada en 1766, a Academia de Freiberg era o núcleo mundial dos estudos mineralóxicos e xeolóxicos e unha das principais institucións científicas de Europa. Nas súas aulas impartira clases o pai da mineraloxía, Abraham G. Werner, e formáronse científicos do prestixio de Alexander von Humboldt. Para España ten ademais a relevancia de ser berce dos primeiros enxeñeiros de minas que practicaron a Xeoloxía no noso país (Solé Sabarís, 1981). A estadía de Ezquerra en Freiberg foi de gran relevancia, xa que lle permitiu profundar en técnicas de minaría, en coñecementos de mineraloxía e ampliar a súa formación na elaboración de mapas xeolóxicos, tarefas que desenvolverá ao seu regreso a España.
En 1832 foi nomeado profesor de Mecánica Aplicada e de Laboreo de Minas na Escuela Especial de Ingeniería de Minas, ata 1834, cando ascendeu ao grao de inspector xeral do Corpo. En 1833 presentou nunha reunión científica en Breslau o traballo “Investigaciones sobre el origen de las rocas eruptivas”. Desempeñou durante dous anos (1839-1840) a cátedra de Física no Conservatorio de Artes, da que xa fora axudante. Nos anos seguinte continuou inspeccionando e recoñecendo as minas de diversas provincias: en 1844 as de Soria, Burgos, León e Zamora, e ao ano seguinte as de Cáceres, Badaxoz, Sevilla e de novo as de Huelva (Ezquerra, 1852). As viaxes ao estranxeiro foron capitais na súa formación, como o propio autor indica nas súas memorias de viaxe. Durante a súa estandía en Saxonia, en 1833, asistiu á reunión científica internacional realizada en Breslau (Polonia); ao ano seguinte percorreu Alemaña nunha excursión de carácter científico e en 1851 visitou os principais establecementos mineiros do norte de Europa.
Contribucións á xeoloxía e á minaría españolas
O número de actividades emprendidas por Ezquerra no ámbito da xeoloxía é inxente, polo que imos sinalar aquelas máis relevantes. Cómpre comezar por adxudicarlle a elaboración do primeiro mapa xeolóxico de España, que data de 1850 e que elaborou a unha escala aproximada de 1:5.000.000. Lembremos que o primeiro mapa xeolóxico dunha rexión española fora o de Galicia, realizado en 1835 polo xeólogo Guillermo Schulz. O mapa de Ezquerra presenta grandes espazos en branco, como todo o sur peninsular, pola carencia de información; isto non diminúe o seu valor, sobre todo se consideramos que foi o único mapa xeolóxico peninsular nos trece anos seguintes. Publicouse nunha revista alemá, acompañado dunha breve descrición xeolóxica da Península Ibérica.
Ezquerra formou parte da primeiro cadro de persoal da Comisión estatal para o levantamento da “Carta geológica de Madrid y la general del Reino”, predecesora do actual Instituto Geológico y Minero de España, con outros xeólogos de recoñecido prestixio: Felipe Bauzá (1807-1875), Amalio Mestre (1812-1872), Guillermo Schulz (1800-1877), Casiano del Prado (1797-1866) e Federico Botella (1822-1879). As intervencións na Comisión de Ezquerra, Prado e Schulz configúraos como os seus representantes máis destacados (Solé Sabarís, 1983). É autor tamén doutras descricións xeolóxicas e de mapas dalgunhas partes da Península, como os das provincias de Zamora e Palencia, e realizou importantes descricións de depósitos de España dende unha perspectiva moderna.
Do seu labor como enxeñeiro dan boa conta os traballos desenvolvidos nas minas de Riotinto (Huelva), unhas das máis ricas en filóns de cobre e ferro. A súa colaboración comezou moi cedo, en abril de 1828, pois foi comisionado para levantar o plano das minas, da maquinaria e da súa poboación. En agosto do mesmo ano presentouse en Riotinto, e pouco despois entregou unha memoria en que trata aspectos históricos, descritivos, planos topográficos e recomendacións para mellorar a súa explotación, ademais de facer referencias constantes a minas doutros países europeos (Ezquerra, 1852). Ao ano seguinte, as minas foron cedidas en arrendamento por vinte anos a unha empresa privada, e Ezquerra elaborou un minucioso proxecto para a súa administración e manexo. En 1835, por iniciativa persoal, enviou un novo proxecto para a extracción de prata a partir dos métodos que observara en Saxonia. O entón director xeral, Estanislao de Peñafiel, enviou a orde ao enxeñeiro Casiano del Prado para que formase un expediente facultativo co fin de pór en práctica as ideas de Ezquerra. Dous anos máis tarde, o novo director xeral, Rafael Cabanillas, requiriu dos seus servizos para inspeccionar a axeitada posta en marcha do proxecto de 1829, co que se obtivo en pouco tempo un máximo na produción. En 1845 visitou unha vez máis as minas, esta vez en calidade de inspector xeral, e elaborou unha detallada memoria que inclúe unha análise da rendibilidade, co propósito de volver negociar a concesión do arrendamento, ademais de propoñer diversas medidas, como o cultivo de piñeiros nas terras confinantes para seren empregados nos procesos de fundición. Faleceu de paludismo en Tudela (Navarra), o 14 de agosto de 1859.
A súa obra Elementos de laboreo de minas (1839), que inclúe material recompilado durante a súa estandía en Freiberg (Saxonia), foi a primeira dedicada ao tema en España. Cómpre así mesmo salientar o feito de que fose tradutor da célebre obra Elementos de Geología, de Charles Lyell, en 1846, con adicións propias sobre os terreos de España, co que axudou a favorecer a renovación xeolóxica no Estado español. Foi colaborador asiduo do Boletín Oficial de Minas.
Joaquín Ezquerra del Bayo xunto co tamén galego Casiano del Prado e o valenciano Juan Vilanova y Piera (1821-1893) constitúen probablemente os tres piares básicos da Xeoloxía española dos primeiros cuartos do século XIX (Solé Sabarís, 1983). O seu labor non careceu de recoñecementos. Foi nomeado académico numerario da Academia de Ciencias Naturales de Madrid (en 1837), académico fundador da Real Academia de Ciencias (en 1847), membro de diversas sociedades científicas estranxeiras e individuo de mérito das sociedades xeolóxicas de París e Londres. Foi xentilhome e comendador da Orde de Carlos III. Na súa ampla bibliografía non faltan varias obras de carácter literario e artístico. Casou con Dolores Ruiz Guzmán, oriúnda de Sevilla. O seu neto Joaquín Ezquerra del Bayo García (Manila, 1863 - Madrid, 1942) foi farmacéutico e historiador erudito.
Bibliografía:
Fontes impresas:
EZQUERRA DEL BAYO, J. (1836): Trages de Salzburgo, Madrid: Real Litografía.
EZQUERRA DEL BAYO, J. (1839): Elementos de laboreo de minas: precedidos de algunas nociones sobre geognosia y la descripción de varios criaderos de minerales, tanto de España como de otros reinos de Europa, Madrid: Imp. S. Albert (hai unha segunda edición de 1851).
EZQUERRA DEL BAYO, J. (1844): Datos y observaciones sobre la industrialización minera, con una descripción característica de los minerales útiles, Madrid: Antonio Yenes.
EZQUERRA DEL BAYO, J. (1847): Viage científico y pintoresco por Alemania. Tomo I. Que comprende el Salzburgo, el Tirol y parte del gran Ducado de Baden. Madrid: Imp. Antonio Yenes;
EZQUERRA DEL BAYO, J. (1850-57): Ensayo de una descripción general de la estructura geológica del terreno de España en la Península, Memoria de la Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales, 1(1): 36-65; 1(2):74-107; 1(3): 162-184; 4(2): 352-359.
EZQUERRA DEL BAYO, J. (1852): Memoria sobre las minas nacionales de Riotinto, Madrid: Imp. Vda. de A. Yenes.
EZQUERRA DEL BAYO, J. (1856): Parangón entre el esclavo y el proletario libre en el siglo XIX, Madrid: Eusebio Aguado.
EZQUERRA DEL BAYO, J. (1856): Pasatiempos literarios de Joaquin Ezquerra del Bayo: Leyendas, Madrid: Eusebio Aguado.
EZQUERRA DEL BAYO, J. (1857): Viaje por el norte de Europa hasta Suecia y Noruega. Madrid: Imprenta de D. Antonio Yepes.
LYELL, CH. (1846): Elementos de Geología, Madrid: Imp. Antonio Yenes. Tradución española de J. Ezquerra del Bayo.
Bibliografía secundaria:
ANÓNIMO (1980): Ezquerra del Bayo, Joaquín, Enciclopedia Universal ilustrada Europeo-Americana, Madrid: Espasa-Calpe; T 22, pp. 1586-87.
MAFFEI, E. & R. RÚA FIGUEROA (1871-1872): Ezquerra del Bayo, Joaquín, Apuntes para una Biblioteca de libros; folletos y artículos, impresos y manuscritos. relativos al conocimiento y explotacion de las riquezas minerales y a las Ciencias auxiliares, Madrid: Tip. J.M. Lapuente; Vol. 1, pp. 221-222.
PORTELA, E. (1983): Ezquerra del Bayo, Joaquín, J.M. López Piñero, T.F. Glick, V. Navarro Brotóns & E. Portela Marco. Diccionario histórico de la ciencia moderna en España, Barcelona: Península, T 1, pp. 314-315.
SOLÉ SABARÍS, L. (1981): Raíces de la geología española, Mundo científico, 1(9): 1018-1032.
SOLÉ SABARÍS, L. (1983): Los más antiguos mapas geológicos de España, Mundo Científico, 3(23): 252-262.
VILANOVA RODRÍGUEZ, A. (1974): Ezquerra del Bayo, Joaquín, Enciclopedia Gallega. Santiago de Compostela: Silverio Cañada, T 11, pp. 62-63.
Como citar: Dosil, Francisco Javier : Joaquín Ezquerra. Publicado o 21/3/2012 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=1289. Recuperado o 21/03/2025
Ligazóns de interese
Memoria sobre las minas nacionales de Riotinto
EZQUERRA DEL BAYO, J. (1852): Memoria sobre las minas nacionales de Riotinto, Madrid: Imp. Vda. de A. Yenes. Copia dixital na Hathi Trust Digital Library.
Ligazón en vigor en 27-11-2019
El Instituto Geológico y Minero de España y las aguas minerales
BAEZA, Juan; RODRÍGUEZ SÁNCHEZ, J. A.: “El Instituto Geológico y Minero de España y las aguas minerales”.
Ligazón NON en vigor
Catastrofismo y actualismo en España
Catastrofismo y actualismo en España (referencia ao seu labor como xeólogo e palentólogo).
Ligazón NON en vigor
El Museo Histórico Minero
CALVO PÉREZ, Benjamín (2002): El Museo Histórico Minero Don Felipe de Borbón y Grecia, Madrid: Escuela Técnico Superior de Ingenieros de Minas de Madrid.
Ligazón NON en vigor
El enigma de un nombre
PÉREZ-NIEVAS, F. (2010: «El enigma de un nombre», noticiasdenavarra.com, 18/12/2010.
Minerales y minas de España
Minerales y minas de España
Ligazón en vigor en 27-11-2019