Andrés Antelo
Ferrol, 28/ 5/1774 - Ferrol, 25/5/1844Autoría: Rafael Sisto
Eminente técnico do Arsenal ferrolán, traballou os reloxos das catedrais e mosteiros galegos
Andrés Antelo achegouse á técnica aos dez anos como aprendiz de cerralleiría nun obradoiro dos estaleiros da Maestranza de Ferrol no que xa traballaba o seu pai. Co seu bo facer, que lle permitiu progresar en coñecementos e capacitación, conseguiu ser operario en 1785 e cabo en 1793. Despois dunha prolongada traxectoria ao servizo da Armada, en 1834 obtería a gradación de Tenente de Fragata.
En 1797 Antelo foi promovido a Mestre Maior das bombas de vapor utilizadas no achique dos diques, nas que viña traballando dende había dous anos no proceso da súa construción e montaxe baixo a dirección do enxeñeiro director do Arsenal Rafael Clavijo. O sistema estaba formado por dúas grandes máquinas de vapor que movían cadansúa bomba aspirante e que podían funcionar por xunto ou por separado. Cada unha delas tiña unha potencia de 135 quintais e movía 552.000 litros de auga por minuto, o que permitía o baleirado do dique en 6 ou 7 horas cando antes se precisaban máis de cincuenta. Deu ademais nova forma aos fornos das máquinas para permitir o consumo de carbón mineral, con anterioridade só aptos para madeira.
Mellorou as máquinas proporcionándolle un movemento máis vivo, máis seguro e máis uniforme. Colocou tamén tres máquinas subalternas que, movidas pola principal, servían, unha delas, para manifestar os pés de auga que quedaban na sentina e por conseguinte no dique, outra para indicar os graos de dilatacións que toma o vapor e poder así regulalo, e unha terceira que permitía coñecer o número de emboladas que daba cada máquina e, polo tanto, deducir o número de arrobas extraídas. Para valorar debidamente este avance técnico posto en marcha por Antelo no Arsenal ferrolán en 1796, débese ter en conta que foi dous anos despois, en Portsmouth, cando se utilizou por primeira vez unha máquina de vapor nos arsenais de Gran Bretaña
En 1810 dispúxose que no Arsenal de Ferrol se establecera unha fábrica de fusís, baionetas, “caxas” e chaves, e confiouse a Antelo o obradoiro destas últimas. Nese ano sería nomeado director da mesma, e dous anos máis tarde designaráselle director da casa da Moeda de Xubia (Ferrol), cargo que desempeñará ata 1816 mellorando notablemente o proceso de produción das máquinas de acuñar moedas. De volta ao seu cargo de Mestre maior de bombas e chaves de fogo, encargóuselle tamén dos obradoiros de ferraxes e metais: ferrería, cerralleiría, fundición e reverbero.
Antelo, que en 1811 recibira a graduación de enxeñeiro extraordinario da mariña despois dunha prolongada especialización práctica, foi un home polifacético en todos os ámbitos da técnica. En 1813 encargóuselle a construción do reloxo do mosteiro de Sobrado do Monxes e catro anos máis tarde o da catedral de Lugo. Neste campo técnico salienta o encargo realizado polo Arcebispo Vélez para a construción dun reloxo de campá con catro esferas dunha única agulla para ser montado na torre da Berenguela da catedral compostelá, realizado en 1831. A maquinaria do reloxo quedou pechada por Antelo nun cubículo de latón que semellaba un sepulcro e rematado cunha estatua ecuestre do apóstolo. Despois traballaría os reloxos dos mosteiros de San Domingos de Betanzos e San Rosendo de Celanova, así coma o do hospital de Mariña de Esteiro, trasladado logo á igrexa de San Xulián de Ferrol. Segundo Anca (2009), no Museo de Pontevedra consérvase un reloxo de péndulo de seis esferas que ademais das horas e minutos sinala as mareas, con horas e cuartos de preamares e baixamares, a saída e posta do sol, as fases da lúa e os días da semana e do mes, unha xoia construída por Antelo.
Entre outras contribucións técnicas realizadas por Antelo cómpre citar tamén un modelo de quinqué artístico e económico, que utilizaba un enxeñoso mecanismo para subir o aceite dende a base para alimentar a luz. Construíu electróforos, fixo mesas de música e dispuxo un autómata que paseou polas rúas de Ferrol. No Museo Naval de Ferrol gárdase tamén un artefacto denominado "sistema para fixar chaves de fogo", proxectado e probado por Cosme Churruca e Antelo en 1804.
Bibliografía secundaria:
MOLINA MERA, M. (1922): Andrés Antelo, El Eco de Santiago, 22 de marzo.
ANCA ALAMILLO, Alejandro (2009): “Andrés Antelo Lamas: notable operario de la maestranza ferrolana”, Ferrol análisis, 24: 80-87.

Bibliografía:

Como citar: Sisto, Rafael : Andrés Antelo. Publicado o 5/5/2012 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=164. Recuperado o 19/04/2025