Juan de Dios González Pizarro
, - ,Autoría: Lourenzo Fernández Prieto
Un científico experimental na Facultade de Veterinaria de Compostela
O empirismo da Escola de veterinaria
As súas preocupacións son basicamente pecuarias e están enmarcadas na pésima conxuntura que atravesa o sector como consecuencia da interrupción das exportacións a Inglaterra na década anterior. Neste marco crítico búscanse explicacións e, sobre todo, solucións, e a isto se orienta o traballo de González Pizarro, quen relaciona directamente as prohibicións británicas co “pésimo estado dos nosos animais domésticos”. A coñecer as causas deste estado e determinar o modo de saír del dedica os seus ensaios. A través do traballo empírico persegue determinar as características produtivas da raza bovina común, comprobando, por exemplo, a cantidade de leite que produce en función do coidado e da alimentación que recibe. Pero interrógase principalmente polos problemas que condicionan a produción bovina: as razóns do que daquela se denominaba dexeneración da raza e as da elevada mortalidade rexistrada.
González Pizarro sitúa unha das causas da dexeneración nos inadecuados métodos de reprodución empregados comunmente, con sementais obrigados a facer demasiados saltos por mor da escaseza de paradas. As malas condicións de estabulación e reprodución estaban tamén na raíz dos importantes problemas de sanidade pecuaria que detecta. Segundo comproba, case todas as doenzas tiñan en Galicia un carácter enzoótico ou epizoótico: glosopeda, carbunco bacteridiano e enfisemativo (coñecido no país como nacida), tuberculose, cow-pox e perineumonía exudativa. A razón residía, para el, na ausencia de medidas de hixiene pecuaria, canto preventivas coma profilácticas: falta de control facultativo nas feiras, ausencia de desinfección, inconveniente forma de destruír os cadáveres das reses e inexistencia de campañas de vacinación; situación á que urxía pór remedio de contado mediante medidas de policía sanitaria. En canto ao porcino, ensaia e recomenda o cruzamento dos exemplares do país con razas alóctonas, como a “china” e a “estremeña”, para garantir a súa mellora xenética. Tamén ocupou a súa atención a alimentación, especialmente a bovina, ensaiando novos cultivos como a alfalfa e a remolacha forraxeira.
Sen embargo, o incipiente experimentalismo que representa González Pizarro aínda non atina en responder adecuadamente ás necesidades da economía campesiña, e preocúpase máis da innovación en si que da posibilidade de facela efectiva na realidade que lle corresponde. Neste sentido, por exemplo, adoita confundir melloras con introdución de novos cultivos, como se deduce das experiencias sobre cultivos forraxeiros que leva a cabo na Escola de Veterinaria de Santiago.
Mais tamén ten a virtude de recoñecer xa ó campesiño como único suxeito real da innovación, rachando co ideal do propietario emprendedor que tiñan os arbitristas do XIX e que a estas alturas non aparece por ningures. Pizarro é un dos primeiros que deixa de dirixirse aos propietarios, para facelo, a sen gañas, aos labregos rutineiros; na medida en que se esfumaron as posibilidades de que os primeiros se convertesen en axentes da innovación e os segundos revalidaron a súa hexemonía no ámbito da produción agropecuaria. Por iso considerará culpables aos labregos da ausencia dunha efectiva renovación produtiva, na mesma medida en que se esvaen as posibilidades de que esta sexa dirixida polos propietarios. Pero, do mesmo modo, tamén considera xa aos labregos como os únicos suxeitos posibles/reais da innovación, e isto é o mais salientable.
Non obstante a innovación pola innovación que informa nas súas propostas, delas dedúcese que dá importantes pasos para facer viables as alternativas renovadoras nas condicións reais de produción. Así, verbo da execución da mellora gandeira, as propostas de González Pizarro son realmente diferentes ás coñecidas. El presenta ao veterinario como misioneiro da zootecnia e a agronomía polo seu contacto constante coa realidade agraria: fronte ao agrónomo de despacho, é o veterinario o que pode penetrar “na escura intelixencia do labrego e gandeiro rural”. Máis alá da xorda loita corporativa que están comezando a librar xa ambas profesións, a proposta responde a esa identificación do suxeito da innovación, nuns anos nos que non mudaron só as condicións institucionais da renovación, senón tamén as sociais. González Pizarro móstranos as dúas.
Bibliografía:
Fontes impresas:
GONZÁLEZ PIZARRO, J. de D. (1892): Experiencias agrícolas llevadas a cabo en la Escuela de Veterinaria de Santiago... e informe sobre ganaderia evacuado por el dicho centro a petición del Excmo. Ayuntamiento, Santiago de Compostela: Esc. Tip. del Hospicio.
GONZÁLEZ PIZARRO, J. de D. (1895): Plantas pratenses. Las alfalfas y los tréboles. Estudio agrícola-bromatológico, Santiago de Compostela: Imp.y Enc. del Seminario C. Central.
GONZÁLEZ PIZARRO, J. de D. (1896): La Remolacha: su cultivo y empleo en la alimentación de los animales domésticos, Santiago de Compostela: Impr. y Enc. del Seminario Conciliar Central.
GONZÁLEZ PIZARRO, J. de D. e GALÁN y JIMÉNEZ, D. (1897): Cuestiones ganaderas: trabajo zootécnico basado en el informe que acerca de la mejora del ganado vacuno y de cerda de Galicia, León: Est. tip. de los herederos de Ángel González.
GONZÁLEZ PIZARRO, J. de D. (1900): Ganado vacuno. Guía práctica para su multiplicación, cría y explotación, Madrid : Imprenta Ducazcal.
Bibliografía secundaria:
CIFUENTES MARTÍNEZ, J. M. (2009): Unha Oportunidade perdida, a escola de veterinaria de Santiago de Compostela (1882-1924), 25 anos da Facultade de Veterinaria, Santiago de Compostela: Universidade; p. 64-77.
CONDE GÓMEZ, D. y CIFUENTES MARTÍNEZ, J. M (2009): Pequenas achegas para a historia da veterinaria en Galicia, 25 anos da Facultade de Veterinaria, Santiago de Compostela: Universidade; p. 26-63.
CULEBRAS, J. (1935): La necesidad para Galicia de la Escuela de Veterinaria en Santiago, Galicia: revista gráfica mensual, 4, 19: 97-98.
FERNÁNDEZ PRIETO, L. (1992): Labregos con ciencia, Vigo: Xerais.
GURRIARÁN RODRÍGUEZ, R. (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940): do influxo institucionalista e a JAE á depuración do profesorado, Santiago de Compostela: Universidade.
Como citar: Fernández Prieto, Lourenzo : Juan de Dios González Pizarro. Publicado o 30/11/2012 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=22138. Recuperado o 20/03/2025
Ligazóns de interese
Plantas pratenses
GONZÁLEZ PIZARRO, J. de D. (1895): Plantas pratenses. Las alfalfas y los tréboles. Estudio agrícola-bromatológico, Santiago de Compostela: Imp.y Enc. del Seminario C. Central.
Cuestiones ganaderas
GONZÁLEZ PIZARRO, J. de D. e GALÁN y JIMÉNEZ, D. (1897): Cuestiones ganaderas: trabajo zootécnico basado en el informe que acerca de la mejora del ganado vacuno y de cerda de Galicia, León: Est. tip. de los herederos de Ángel González.
Ganado vacuno
GONZÁLEZ PIZARRO, J. de D. (1900): Ganado vacuno. Guía práctica para su multiplicación, cría y explotación, Madrid : Imprenta Ducazcal.