Carlos López García-Picos
Betanzos, A Coruña, 19/ 10/1922 - Oleiros, A Coruña, 2009Autoría: Javier Ares Espiño
A composición galega dende o exilio arxentino
Carlos López García-Picos, nado en Betanzos en 1922 e exiliado na Arxentina trala Guerra Civil, mostrou un compromiso constante coa colectividade galega que se reflicte en moitos aspectos das súas composicións, na súa actividade nas asociacións de compositores antes citadas e na súa faceta máis descoñecida como director de distintas agrupacións corais: coro Os Rumorosos do Centro Betanzos de Buenos Aires, coro Alborada da Casa de Galicia de París, Coral Rosalía de Castro da Asociación Galega, agrupación coral do Centro Gallego de Buenos Aires, e tamén dirixiu en xaneiro de 1950 un grupo de coros galegos que xuntos cantaron o noso Himno cando Castelao foi soterrado no cemiterio da Chacarita.
En Buenos Aires asistiu a clases con Jacobo Ficher, e a estrea do ballet La farsa de la búsqueda valeulle a obtención dunha beca da Embaixada Cultural de Francia en Buenos Aires que, xunto co apoio de destacadas personalidades do galeguismo como Luís Seoane e Eduardo Blanco Amor, entre outros, permitiu que se embarcase rumbo a París. Alí recibiu clases de composición de Darius Milhaud e Tony Aubin no Conservatorio Nacional de París e, simultaneamente, estudou orquestración con Pierre Wissmer e dirección de orquestra con Leon Barzin na Schola Cantorum. Pero tan importante como estas clases foi a participación nun taller musical no que compositores como Oliver Messiaen, Henry Dutilleux, Florentz Schmitt ou André Jolivet, entre outros, falaban das súas obras cun grupo duns 15 alumnos.
En 1984 regresa a Galicia e desenvolve a súa etapa máis frutífera dende o punto de vista compositivo. Falece o 23 de decembro de 2009, deixando no seu catálogo, formado por 141 obras, un amplo número de obras sinfónicas, cuartetos, obras pianísticas, para violoncello e para diversas formacións camerísticas.
Sindy é unha das súas obras máis destacadas, foi premiada pola Tribuna Nacional de Compositores 1979, e foi escollida para representar a Arxentina en diversos festivais e congresos de carácter internacional. Así a describía el mesmo:
“Sindy era el nombre del perro que estaba constantemente a mi lado cuando compuse esta obra y me acompañaba en los paseos por los bosques de esa zona a escuchar los pájaros y demás sonidos y ruidos que escuchaba siempre (ranas, ladridos de perros, silbato de trenes, etc.) “Es un día en el campo”. El amanecer con el comienzo del canto de los pájaros que poco a poco van engrosando hasta que todos cantan con diferentes comportamientos en un bloque aleatorio que se repite dos veces más, pero con algunas variantes y al atardecer van desapareciendo con la noche hasta los últimos cantos suaves. Sindy sólo contiene una pequeña célula temática que anuncia la trompeta al comienzo de la obra y durante la misma se desplaza alternativamente entre las familias orquestales y es expuesta por los violoncellos a modo de recapitulación.”
Máis información:
Ares Espiño, Javier, Catálogo de Carlos López García-Picos, Concello de Betanzos, Betanzos, 2011.
Carlos López García-Picos na web da Asociación Galega de Compositores
Como citar: Ares Espiño, Javier : Carlos López García-Picos. Publicado o 19/11/2013 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=22225. Recuperado o 07/02/2025
Carlos López García-Picos
Betanzos, A Coruña, 19/ 10/1922 - Oleiros, A Coruña, 2009Autoría: Javier Ares Espiño
Vangarda musical no galeguismo bonaerense
murgas.
O inicio da Guerra Civil provoca que o seu pai teña que fuxir a Bos Aires, onde se reuniu toda a familia tras sucesivas viaxes. Este acontecemento e as desgarradoras situacións que viviu no betanceiro barrio da Madalena, onde existía un campo de concentración, marcarán profundamente a súa traxectoria vital.
Emigración a Bos Aires
A familia López García integrouse dende a súa chegada á capital arxentina no Centro Betanzos de Bos Aires. Pero sería Carlos López García-Picos quen se mostrase especialmente activo, xa que entrou no coro pouco despois da súa chegada no ano 1940, figurando como director do mesmo dende 1949.
Nesta etapa iniciou os seus estudos de harmonía e contrapunto con Lorenzo Serrallach e de composición co mestre Jacobo Ficher, quen influíu decisivamente nas súas formulacións estéticas.
O éxito no Teatro Colón de Bos Aires e a viaxe a París
No ano 1954 contrae matrimonio con Susana Carmen Ares Carballo e dous anos despois nace a súa única filla, Teresa Beatriz. En 1956 estreou o ballet La farsa de la búsqueda, A. 16, escrito en colaboración co seu compañeiro de estudos Emilio Terraza. O concerto tivo lugar no Teatro Colón de Bos Aires, con Mauricio Kagel como director e coa compañía de Renate Schotelius ao cargo da coreografía. O éxito desta estrea valeulle unha bolsa de formación da Embaixada Cultural de Francia na capital arxentina.
A viaxe a París demorouse uns meses, probablemente por cuestións económicas, xa que temos noticia de que Eduardo Blanco Amor realizou unha colecta para axudarlle a pagar a viaxe á capital francesa. Outras figuras da intelectualidade galega no exilio, como Luís Seoane, tamén lle mostraron o seu apoio dende a revista Galicia Emigrante á prometedora figura da creación musical que emerxeu do ambiente das colectividades galegas en Bos Aires.
Na capital francesa asistiu a clases de composición con Darius Milhaud e Tony Aubin no Conservatorio Nacional de París e, paralelamente, estudou orquestración con Pierre Wissmer e dirección de orquestra con Léon Barzin na Schola Cantorum. Nesta última institución tivo oportunidade de contactar con compositores como Olivier Messiaen, Henri Dutilleux, Florent Schmitt ou André Jolivet.
Nesta etapa parisina tamén se puxo en contacto coa colectividade galega e integrouse na Casa Galicia de París, onde participou na reorganización do seu coro.
Sindy, Ra-rá e a segunda etapa en Bos Aires
Durante toda a súa vida García-Picos nunca tivo un traballo remunerado relacionado coa música, polo que foron moitas as tarefas que desempeñou para subsistir. Foi durante a segunda etapa en Bos Aires –entre os anos 1964 e 1984– cando o situamos no seu traballo máis estable: cobrador do Centro Galego de Bos Aires. As colectividades galegas aparecen unha e outra vez na súa biografía, polo que non é de estrañar que volvamos atopalo á fronte do Coro Os Rumorosos do Centro Betanzos de Bos Aires ou compartindo responsabilidades de dirección xunto a Isidro Maiztegui no Coro do Centro Galego da capital arxentina.
García-Picos compatibilizou toda esta actividade coral coa súa gran paixón: a creación musical. Foi afastado do micro mundo galego-bonaerense, onde atopou o lugar adecuado para continuar a súa evolución, e integrouse na Asociación de Jóvenes Compositores de la Argentina. Dentro das actividades deste grupo tiveron lugar algunhas das súas estreas máis relevantes –de novo no Teatro Colón de Bos Aires– como foi o caso das obras Ra-rá, A. 37 e Sindy, A. 31. Esta última ademais foi premiada pola Tribuna Nacional de Compositores en 1979 (TRINAC) e elixida para representar a Arxentina en diversos festivais e congresos de carácter internacional.
O retorno a Galicia
O comezo da súa última etapa, xa de regreso no seu Betanzos natal, supuxo a oportunidade de adicar toda a súa enerxía á composición, o que explica a alta porcentaxe de obras do seu catálogo escritas nestes anos. Un García-Picos xubilado, nunha etapa de madurez creativa pero inquieto e activo, afrontou novos proxectos: encargos da Orquestra Sinfónica de Galicia, composición de obras de cámara para grupos liderados polo clarinetista Jesús Villa-Rojo ou a participación nunha publicación de partituras do Curso Música en Compostela.
O seu estilo, sempre vangardista, segue flutuando sen parar durante todos estes anos. Pero podemos observar algúns eixes nos feitos inspiradores da súa linguaxe musical: a Guerra Civil volven unha e outra vez á súa memoria, tamén están moi presentes as elexías a amigos finados, as homenaxes aos galeguistas de Bos Aires ou a natureza.
En 1987 funda a Asociación Galega de Compositores (AGC) xunto a un grupo de xoves compositores galegos cos que entrara en contacto dende a súa chegada a Galicia e cos que comparte inquietudes e obxectivos. García-Picos exerceu como presidente desta institución e tamén foi membro fundador da Confederación Española de Asociaciones de Compositores Sinfónicos (CEACS).
Figuras imprescindibles da cultura galega, como o seu amigo Xosé Neira Vilas, reclamaron valorizar a obra de García-Picos, achegando datos e testemuñas da etapa común en Bos Aires e do contacto do compositor betanceiro coa intelectualidade galeguista. García-Picos, ao igual que Neira Vilas, non perdeu a oportunidade de reclamar máis atención para o mundo cultural, sexa mediante artigos, como o publicado no Anuario Brigantino en 1990, ou con conferencias, como a realizada no Congreso Iberoamericano de Compositores que se celebrou en outubro de 1992 en Valencia.
Co paso dos anos, a súa figura deixou de proxectarse con claridade na escena musical; a enfermidade neurodexenerativa que padeceu foi apagando a enerxética figura de García-Picos. Os seus longos paseos por Betanzos –como recordando a súa etapa de cobrador do Centro Galego de Bos Aires– foron desaparecendo e falecería nunha residencia de maiores de Oleiros o 23 de decembro 2009, apenas uns meses antes de que os primeiros traballos de recuperación da súa obra visen a luz e comezase un proceso de posta en valor da súa contribución ao patrimonio cultural galego.
Bibliografía
Álvarez López, Marcelino (1974): «Carlos López García-Picos». En Gran enciclopedia gallega. Santiago de Compostela: Silverio Cañada; XIX, 249.
Áres Espiño, Javier (2016): Carlos López García-Picos. Música a orillas del Atlántico. Santiago de Compostela: Universidade; Betanzos: Concello.
Ares Espiño, Javier (2018): «La banda municipal de Betanzos y los inicios musicales de Carlos López-García-Picos». En Garbayo, Javier e Capelán, Montserrat (ed): Ollando ó mar. Música civil e literatura na Galicia Atlántica (1875-1950). Pontevedra: Deputación Provincial, Museo de Pontevedra; 181-204.
Carreira, X. M. (2002): «Carlos López García-Picos». En Casares, Emilio (ed.): Diccionario de la Música Española e Iberoamericana. Madrid: Fundación Autor, Sociedad General de Autores y Editores; v. 6, 1.018-1.020.
Grandío Seoane, Emilio (1996): «Os primeiros meses da Guerra. Betanzos, Xullo-Novembro de 1936», Anuario Brigantino, 18, 165-174.
López Ares, Teresa Beatriz (2010): «Carlos López García-Picos. El hombre del sombrero: lembranzas da filla», Anuario Brigantino, 33, 515-524.
López García [-Picos], Carlos (1962): «Betanzos y la Música», Revista del Centro Betanzos de Buenos Aires, 58 (agosto) 10-11.
López García-Picos, Carlos (1991): «Problemática de los compositores gallegos actuales», Anuario Brigantino, 13, 283-287.
Neira Vilas, Xosé (1993): «A paixón musical de Carlos López García», Faro de Vigo, (10 de outubro)
Pistocchi Pereira, Graciela Silvia (2013): Carlos López García Picos “O Chapa”: Recuerdos y apuntes para transitar su biografía. Buenos Aires: Centro Betanzos Ediciones
Seoane, Luís (1972): «Carlos López: Figuraciós», La Voz de Galicia, (19 de novembro).
Seoane, Luís (1957): «Carlos López García, joven compositor gallego», Galicia Emigrante, 26 (xaneiro-febreiro). [Reedición facsímil en: Sada, A Coruña: Ediciós do Castro, 1994; 26.]
Torres Regueiro, Xesús (2010): «Conversas co compositor Carlos López García. Os anos da Madalena (1922-1940)», A Xanela, Betanzos, 30, 19-23.
Torres Regueiro, Xesús (2011): «Conversas co compositor Carlos López García. Os anos de Buenos Aires (1940-1984)», A Xanela, Betanzos, 31, 25-29.
Viso Soto, Margarita (2014): «"Desta imos presos”. A miña relación con Carlos López-García», Anuario Brigantino, 37, 497-504.
Como citar: Ares Espiño, Javier : Carlos López García-Picos. Publicado o 21/2/2022 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=22225. Recuperado o 07/02/2025
DOCUMENTACIÓN DE
3º Concierto de la Asociación de Jóvenes Compositores de la Argentina. S.a. [programa de man].
«Asociación de Jóvenes Compositores de la Argentina, 3º Concierto de 1978». Carlos López García-Picos: Interferencias, A. 33. Intérprete: Roberto de Vittorio, violonchelo. Salón I.E.C. de Buenos Aires, 31/05/1978.
Fonte: Arquivo persoal de Teresa López
Artigo de Carlos López García-Picos sobre Betanzos e a música
López García [-Picos] , Carlos: «Betanzos y la Música». Betanzos, Revista del Centro Betanzos de Buenos Aires, 58. Buenos Aires, (agosto de 1962),10-11.
Fonte: Arquivo Municipal de Betanzos
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Ensaio biográfico sobre o compositor García-Picos, publicado na revista Murguía por Ángel Astray Barral
Arcay Barral, Ángel: «Os arquivos esquecidos da emigración: a historia de vida de Carlos López García-Picos», Murguía, 33 (xaneiro-xuño de 2016), 93-113.
Fonte: Murguía. Biblioteca do Consello da Cultura Galega. Sinatura PP MUR 33
Tese de doutoramento de Javier Ares sobre o compositor Carlos López García-Picos. Universidade de Santiago de Compostela
Ares Espiño, Javier: Carlos López García-Picos: música a orillas del Atlántico. Santiago de Compostela: Universidade; Betanzos: Concello; 2016
Fonte: Javier Ares Espiño
Accesible en: https://www.usc.gal/libros/gl/categorias/901-carlos-lopez-garcia-picos-198985-.html#/29-formato-pdf/34-transaccion-gratis [Descarga: 2022-02-28]
Estudo e catálogo da obra de Carlos López García-Picos
Ares Espiño, Javier :Catálogo de Carlos López García-Picos. Betanzos: Concello, 2011; 86 p.
Fonte: http://anuariobrigantino.betanzos.net/CARLOS%20LOPEZ/CARLOS%20LOPEZ_JAVIER%20ARES.pdf [Descarga: 2022-02-21]
Teresa López Ares lembra ao seu pai, o compositor Carlos López García-Picos no Anuario Brigantino
López Ares, Teresa Beatriz: «Carlos López García-Picos, "El hombre del sombrero": lembranzas da filla», Anuario Brigantino, 33 (2010), 515-524.
Fonte: http://anuariobrigantino.betanzos.net/Ab2010PDF/2010%20515_524%20TERESA%20LOPEZ.pdf [Descarga: 2022-03-18]
Carlos López García-Picos: Concierto para trompeta y orquesta. A.89
s.a. [programa de man]. Carlos López García-Picos: Concierto para trompeta y orquesta, A. 89. Intérpretes: Orquestra Sinfónica de Galicia, dir. Carlos Riazuelo, trompeta John Aigi Hurn. Igrexa de San Francisco en Betanzos, 17/09/1999.
Fonte: Arquivo persoal Teresa López
Artigo de Xoán M. Carreira no Anuario Brigantino sobre o compositor García-Picos
Carreira, Xoán Manuel: «Interferencias sobre Carlos López-García», Anuario Brigantino, 11 (1988), 191-222.
Fonte: Anuario Brigantino, a través de https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=2504723 [Descarga: 2022-02-21]
Carlos López García-Picos, un joven compositor gallego
Seoane, Luís: “Carlos López García, joven compositor gallego”. Galicia Emigrante, 26 (xaneiro e febreiro de 1957). [Reedición facsímile de Ediciós do Castro. Sada, A Coruña, 1994, p. 26.]
Fonte: Arquivo Municipal de Betanzos
García-Picos asume a dirección da coral Os Rumorosos de Betanzos
Suárez do Pazo, A.: «É un rapaz de Betanzos o novo Director da Coral do Centro Betanzos “Os Rumorosos”», Betanzos, Revista del Centro Betanzos de Buenos Aires, 44. (decembro de 1949), 31-32.
Fonte: Arquivo Municipal de Betanzos
Ligazóns de interese
Biografía de Carlos López García-Picos na Galipedia
Fonte: https://gl.wikipedia.org/wiki/Carlos_L%C3%B3pez_Garc%C3%ADa-Picos [Consulta: 2022-02-18]
Recensión do libro de Javier Ares Carlos López García-Picos feita por Javier Gándara. 2016
Gándara Feijoo, Javier: «Carlos López García-Picos: música a orillas del Atlántico (Ares Espiño, 2016)», Symphonia: Revista do Conservatorio Superior de Música da Coruña, (2017-01-27)
Fonte: https://symphoniarevista.wordpress.com/2017/01/27/carlos-lopez-garcia-picos-musica-a-orillas-del-atlanticoares-espino-2016-javier-gandara-feijoo/ [Consulta: 2022-02-18]
As composicions para violín de Carlos López García-Picos
Vlashi/span>, Florian: «El violín en la vida (y en la muerte) de Carlos López García-Picos», https://www.mundoclasico.com/, (23 de decembro de 2015)
Fonte: https://www.mundoclasico.com/articulo/27997/El-viol%C3%83%C2%ADn-en-la-vida-y-la-muerte-de-Carlos-L%C3%83%C2%B3pez-Garc%C3%83%C2%ADa-Picos [Consulta: 2022-02-18]
Manuel Suárez lembra a figura de López García-Picos en www.cronicasdelaemigracion.com/cite>
Suárez Suárez, Manuel: «Carlos López García-Picos, egrexio compositor betanceiro», www.cronicasdelaemigracion.com, (26 de xullo de 2010)
Fonte: https://www.cronicasdelaemigracion.com/opinion/author/gran-compositor-betanceiro-carlos-lopez-garcia-picos/20100726171605026575.html [Consulta: 2022-02-18]
Biografía e lembranza de Carlos López García-Picos no web da Asociación Galega de Compositores
López Ares, Teresa; Ares Espiño, Javier: «Lembranza de Carlos López García-Picos: Panexírico lido por Paulino Pereiro, Presidente da Asociación Galega de Compositores, na cerimonia fúnebre de Carlos López García-Pico», http://www.asociaciongalegadecompositores.com, (2009)
Fonte: http://www.asociaciongalegadecompositores.com/web/compositores.asp?var1=L%F3pez%20Garc%EDa-Picos,%20Carlos&nar1=141. [Consulta: 2022-02-18]
Videos
Cuarteto de cuerda 7 de Carlos López García-Picos:
Intérprete: Vladimir Prezevalsky, violín; Andrei Shestiglasow, violín; Eugenia Petrova, viola; Vlasimir Litvkh, violoncello.
Terceiro ciclo de concertos da Asociación Galega de Compositores. Museo de Belas Artes de A Coruña, 4 de maio de 1993.
Campo (estrea absoluta). Música: Carlos López García-Picos. Texto: Antonio Machado.
VII Memorial Carlos López García-Picos. Aula de Cultura Xulio Cuns, Betanzos, 16-11-2018. Susana de Lorenzo, soprano Javier Ares Espiño, piano Grabación: Radio Galega, Miguel Novás https://www.javierares.gal/
Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=z0L_SU0lAXs [Consulta: 2022-02-18]
Quinteto de cordas con frauta, de Carlos López García-Picos
Taller Atlántico Contemporáneo. Os nosos compositores: homenaxe a Carlos López García-Picos Betanzos. Aula Municipal de Cultura do Edificio Liceo 23 de xullo de 2010
Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=aDbRphvNfE0
Invención, de Carlos Lopez Garcia-Picos. Intérpretes Dúo Scaramouche (Jorge Briones e Javier Ares). Festival de Música Cidade de Lugo, Círculo das Artes, 24-5-2011
Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=VRNhykgmG2k
Carlos López García-Picos: Moni-tonadas, A. 44. Intérpretes: Taller Atlántico Contemporáneo (TAC), dir. Diego Masson. Cidade da Cultura, Santiago de Compostela, 06/09/2011.
Fonte: https://youtu.be/_0luNHmtZ3Y
Audios
Canto do arrieiro, A. 24 de Carlos López García-Picos, interpretado por Zoar. Ouvirmos, 2018
«Motivaciones 2, A. 34», composición de García-Picos, no disco Antoloxía de compositores galegos. Clarinete e piano. Ouvirmos, 2012
Invención para 4 instrumentos de viento. Transcripción para piano a 4 manos, A. 12, composición de García-Picos. 3 de maio de 2010
Sindy, A. 31, composición de Carlos López García-Picos
Gravación do ensaio xeral previo ao concerto da estrea da obra Concierto para trompeta y orquesta, A. 89, de Carlos López García-Picos. Setembro de 1999
Sindy, 1979.
Artigos Carlos López García-Picos
LóPEZ GARCíA-PICOS, C. (8/1962) Betanzos y la música. Betanzos. 1ª (58), 10-11.
Ver artigo Fonte da dixitalización: Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega;
Libros do ccg sobre Carlos López García-Picos
Obras para violín e vilonchelo.
2022 | Carlos López García-Picos, Autoría.