Antonio López Ferreiro
Santiago de Compostela (A Coruña), 9/ 11/1837 - Vedra (A Coruña), 20/3/1910Autoría: Xosé Ramón Fandiño
Bo galego, bo sacerdote, bo historiador, bo literato, digno de perdurante lembranza
López Ferreiro naceu o 9 de novembro de 1837 en Santiago de Compostela —cidade na que transcorre toda a súa infancia—, na casa que os seus avós maternos posuían no n.º 7 do Mercado Vello, actualmente Praza da Universidade. Foron os seus pais Ramón López Vázquez, empregado de correos e natural do concello lucense de Sarria, e a santiaguesa Xoana Ferreiro Hermida, que tiveron outros cinco fillas e fillos: Basilia, Carme, Ramón, Concepción, a irmá solteira que viviu con don Antonio toda a súa vida, e Dolores. Guiado por unha fervente vocación relixiosa desoíu os consellos paternos, que preferían que se fixese avogado, e tras un ano no Instituto, no curso 1849-50 ingresou no Seminario como alumno interno para cursar toda a latinidade e primeiro de Filosofía. En 1856 incorporouse á Universidade para estudar Teoloxía, Dereito Canónico e Lingua Hebrea.
Xa ordenado de presbítero, trasladouse a Madrid, a onde o seu pai fora destinado como funcionario do Ministerio da Gobernación, e alí se licenciou en 1863 en Sagrada Teoloxía na Universidade Central. Ao mesmo tempo matriculouse na Escola Superior de Diplomática e obtivo o título de Arquiveiro Bibliotecario tras tres anos dedicados á transcrición de documentos galegos do Arquivo Histórico Nacional e ao estudo de Paleografía, Latín Medieval, Numismática, Epigrafía, Xeografía, Historia Medieval, Bibliografía e Historia das Belas Artes. Desta mesma etapa son os seus primeiros artigos de investigación histórica, publicados no Boletín Oficial del Arzobispado compostelano.
En 1866 regresou a Santiago para participar no concurso de curatos e exercer o sacerdocio na parroquia de Santa Olalla de Vedra na que permaneceu como párroco ata 1871, data na que o cardeal García Cuesta o nomeou cóengo de graza da catedral de Santiago. Foron case corenta anos de vida capitular nos que López Ferreiro desempeñou os cargos de secretario, relicario, arquiveiro e membro das comisións dedicadas ao estudo das reformas na catedral.
Desde o seu posto de párroco rural incrementou o labor de investigador no campo da historia, do que son froito a longa serie de traballos publicados en 1868 e 1869 en El Eco de la Verdad. E non só traballos históricos porque en 1871 publicou El matrimonio civil en sus relaciones con la religión, la moral y la libertad no que trata de refutar o discurso pronunciado por Montero Ríos nas Cortes en defensa da Lei do Matrimonio Civil. A publicación deste folleto foi decisivo para que o cardeal García Cuesta o nomease cóengo.
Descubrimento das reliquias do Apóstolo
Un momento glorioso que encheu de emoción o seu ánimo tivo lugar en 1879, que foi cando se atoparon as reliquias do apóstolo Santiago, ocultadas nun lugar secreto polo cardeal Xoán de Sanclemente en 1589, temeroso de que as incursións pola costa galega do almirante Drake e do xeneral Norris ao mando dun exército inglés composto por 14 000 homes puidesen alcanzar a cidade compostelá e profanar tan importantes reliquias. Como a ameaza non desapareceu, os restos permaneceron ocultos e o segredo levárano á tumba o prelado e as contadas persoas que participaran na ocultación, ignorándose durante tres séculos o lugar no que estaban depositados. Así as cousas, o cardeal Miguel Payá y Rico, arcebispo de Compostela entre 1875 e 1886, encargoulles as escavacións para poñer ao descuberto a tumba apostólica a Antonio López Ferreiro e Xosé María Labín Cabello, cóengo doutoral e reitor do Seminario, coa axuda do mestre de obras Larramendi e do operario Xoán Nartallo, que tras varios meses de afanoso traballo, na noite do 28 de xaneiro de 1879 identificaron os restos do Apóstolo e dos seus discípulos Atanasio e Teodoro baixo o altar maior. A relación da busca e do descubrimento figura no Informe redactado polos dous capitulares, Declaración e información acerca de la autenticidad de las Reliquias del Apóstol Santiago, depositado no Arquivo da Catedral de Santiago nun volume de 249 páxinas, encadernado e titulado no seu lombo Expediente Reliquias Apóstol ACS – CF 51.
Foi tanta a emoción que invadiu a López Ferreiro de por vida, que anos despois do descubrimento lle confesaba aos seus achegados que por ser tan grande a alegría que o embargara, aquel mesmo día xurara non admitir ningunha dignidade
en recoñecemento a Deus, que o favorecía con tanta ventura. E así foi porque entre outras dignidades que lle ofreceron rexeitou a que o Marqués de Figueroa, Ministro de Graza e Xustiza, lle fixera de promovelo para bispo.
Tras catro anos de estudos e dous procesos, un en Santiago e outro en Roma, nos que participaron o Dr. Caparra, promotor da Santa Fe no Vaticano, o P. Fidel Fita e Aureliano Fernández Guerra pola Real Academia da Historia, a Santa Sede ditaminou que os ósos atopados pertencían ao Apóstolo e aos seus discípulos e autorizou a veneración dos fieis. Como corolario, en 1884 o papa León XIII publicou a bula Deus omnipotens, que testificaba a autenticidade das reliquias. E como era de prever, o descubrimento do sarcófago e a construción da cripta do Apóstolo, que o propio López Ferreiro dirixiu, impulsou o fenómeno das peregrinacións e a celebración dos Anos Santos.
Proba recoñecida da súa desmesurada talla intelectual foron os recoñecementos de que foi obxecto durante a súa vida: socio correspondente da Real Academia da Historia (1878), membro correspondente da Real Academia das Boas Letras de Barcelona (1902) e da Asociación Artístico-Arqueolóxica da Cidade Condal; membro numerario da Real Academia Galega, institución que en 1978 lle dedicou o Día das Letras Galegas, etc.
Desde 1895, en que aceptou o encargo do cabido e do cardeal Martín de Herrera, López Ferreiro viviu enfrascado na redacción da súa ópera magna, a Historia da catedral de Santiago. A morte, acaecida o 20 de marzo de 1910 na súa casa de Vilanova (Vedra), sorprendeuno coa pluma na man, corrixindo as galeradas do tomo XI. A noticia do seu óbito conmocionou ao conxunto da sociedade santiaguesa, que acudiu en masa ás exequias.
Un ano despois, o 21 de febreiro de 1911, tras un acto fúnebre na catedral, o Concello de Santiago en pleno, co alcalde Salvador Cabeza de León á fronte, dirixiuse en procesión cívica ata a casa natal de López Ferreiro na que se descubriu unha lápida coa seguinte inscrición:
A cibdá de Compostela ó seu fillo predilecto D. Antonio López e Ferreiro, bô galego, bô sacerdote, bô historiador, bô literato, dino por todo de perdurante lembranza. Naceu nesta casa o 9 de novembro de 1837.
Contribución de López Ferreiro á historiografía galega
O cardeal García Cuesta ao concederlle a López Ferreiro a coenxía non quería introducir no cabido a un teólogo, malia ser licenciado en Sagrada Teoloxía, senón a un historiador que pola súa preparación e talento estaba sobradamente capacitado para acceder, transcribir, organizar e desentrañar a inmensa masa documental do arquivo da catedral.
O cardeal, próximo ideoloxicamente ao cóengo, incorporaba, asemade, ao seo do cabido a un investigador de corte tradicionalista, católico e carlista, que interpreta a historia como o xeito de fundamentar o seu pensamento político (Deus, Patria e Rei) e de converterse en apoloxista da Igrexa, particularmente da compostelá, sen que se lle poidan negar á súa obra a existencia de certas ideas rexionalistas. Era tal a súa significación carlista —ostentou o cargo de Consiliario da Xunta Rexional Tradicionalista e foi grande a súa amizade con Vázquez de Mella— que Xosé Ramón Barreiro na súa obra El carlismo gallego afirma que
El ecuánime López Ferreiro de los trabajos históricos parece perder la compostura cuando tiene que referirse a sus enemigos políticos, los liberales, y su estilo se vuelve ácido y la historia que hace es partidista.
Á parte dos seus innumerables artigos, o arquiveiro compostelán é autor de diversas monografías, das cales a máis importante son os once tomos e 508 apéndices documentais da Historia de la Santa A.M. Iglesia de Santiago de Compostela, que o cabido e o cardeal Martín de Herrera lle encargaron en 1895 que se ocupase en redactar. Esta obra, un verdadeiro arquivo histórico de Galicia e especialmente da igrexa de Santiago, abrangue desde as súas orixes deica o pontificado de Rafael Múzquiz Aldunate (1821). Publicou o primeiro tomo en 1898 e o undécimo e derradeiro, póstumo, en 1911.
López Ferreiro novelista en lingua galega
Levado polas súas indiscutibles crenzas rexionalistas, polo amor á súa terra e ao pasado, cando xa mostrara a súa extraordinaria dimensión como historiador, López Ferreiro publicou tres novelas en lingua galega que introducen na Literatura galega o tipo de novela histórica de tipo romántico, seguindo a liña tradicionalista do escocés Walter Scott, que buscaba a recreación de ambientes medievais.
Este xénero de novela histórica xa tivera cultivadores en Galicia, pero en castelán, como é o caso de Neira de Mosquera (La marquesa de Camba, 1848), Benito Vicetto (Los hidalgos de Monforte, 1851), etc., pero as de López Ferreiro ofrecen a novidade de ser escritas totalmente en galego, pois antes de A tecedeira de Bonaval, en narrativa só se publicara en galego, aínda que parcialmente, Maxina ou a filla espúrea (1880), de Marcial Valladares.
A tecedeira de Bonaval foi publicada inicialmente como folletín no xornal carlista El Pensamiento Gallego desde o 5 de xuño ata o 21 de decembro de 1894 e ao ano seguinte xa en formato libro por Martínez Salazar no volume X da súa Biblioteca Gallega. Na trama novelística preséntanse os preitos existentes entre o arcebispado e os gremios da cidade de Santiago no século XVI en dous planos paralelos. Nun debuxa as loitas polo poder da clase alta e, noutro, a clase baixa e artesanal da cidade na que se sitúa a historia romántica coa intriga amorosa protagonizada por Gonçalvo, criado de don Froitoso de Ulloa (xefe dos burgueses contrarios ao arcebispo), Tareixa, filla da tecedeira de Bonaval, e Rodrigo, un humilde escribán. O desenlace, moi convencional, remata moi ao gusto do lector deste tipo de novelas.
Tamén en El Pensamiento Gallego desde o 13 ao 28 de outubro de 1895 publicou López Ferreiro, esta vez firmada por K, a segunda das súas novelas, O castelo de Pambre, que narra o esforzo de don Gonzalo Ozores de Ulloa por recuperar os bens que lle usurpara don Vasco Gómez das Seixas. Como substrato histórico da trama están as loitas dinásticas entre Enrique de Trastámara, do que era partidario don Gonzalo, e Pedro I o Cruel, do que era partidario don Vasco. Tampouco agora falta a intriga amorosa protagonizada neste caso polo triángulo composto don Gonzalo, Beringuela, filla do señor de Vilar da Mella, que se mete monxa no convento de San Cristovo de Dormeá ao casar don Gonzalo por conveniencia con María, filla de don Álvaro Paéz de Soutomaior.
Agochado novamente baixo o pseudónimo K, en 1905 publicou O niño de pombas, a máis romántica das tres, segundo Carballo Calero, como folletín de El Correo de Galicia. A acción lévanos ás terras de Deza e Trasdeza nos tempos do arcebispo Xelmírez. Entre loitas familiares da nobreza e a invasión na Limia do rei portugués Afonso Enríquez aparece a historia de amor de Mariña e Ramil que, superadas moitas dificultades, danlle á novela o desenlace feliz coa voda no mosteiro de Carboeiro.
Á parte dos valores literarios, nas súas novelas López Ferreiro non perde de vista o historiador e arqueólogo que levaba dentro porque ofrece nelas exhaustivas descricións dos monumentos que aparecen nos seus escenarios: Carboeiro, Ansemil, Sobrado, Santa María de Mezonzo, Melide, Leboreiro e o castelo de Pambre.
Bibliografía
Oviedo y Arce, Eladio (1891): Discurso inaugural del curso académico de 1891 a 1892. Santiago de Compostela: Imprenta del Seminario Conciliar Central Compostela.
Sánchez Cantón Lenard, Pilar (1960): «Apuntes para la biografía de don Antonio López Ferreiro», Cuadernos de Estudios Gallegos, XV, n.º 47.
Barreiro Fernández, Xosé Ramón (1978): El carlismo gallego. Santiago de Compostela: Pico Sacro.
Carballo Calero, Ricardo (1979): «As novelas de López Ferreiro». En Libros e autores galegos, dos trovadores a Valle Inclán. A Coruña: Fundación Barrié; 225-230.
Magariños, Alfonso (1979): «Biografía e Bibliografía de Antonio López Ferreiro», Encrucillada, nº 8.
Villares, Ramón (1979): «López Ferreiro e a historiografía galega», Grial, 66. Vigo.
Marco, Aurora (1981): «Introducción». En López Ferreiro, Antonio: O castelo de Pambre. Sada: Ediciós do Castro.
Tarrío, Anxo (1985): «Estudio literario. En López Ferreiro, Antonio: A tecedeira de Bonaval. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.
Vilavedra, Dolores (coord.) (1995): «López Ferreiro, Antonio». En Diccionario da Literatura Galega I. Autores. Vigo: Galaxia; 336-339.
Mato, Alfonso: «López Ferreiro, Antonio». En Gran Encicliopedia Gallega. Santiago/Xixón, s.d.
Saavedra, Pegerto e Vilavedra, Dolores (2005): «Introdución histórico-literaria». En López Ferreiro, Antonio: O castelo de Pambre. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco.
Barrio Barrio, Julián (2008): «Don Antonio López Ferreiro (1837-1910) y su forma de hacer historia». En A Patria enteira: homenaxe a Xosé Ramón Barreiro Fernández. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega; USC; 625-638.
Como citar: Fandiño, Xosé Ramón : Antonio López Ferreiro. Publicado o 16/4/2025 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=2262. Recuperado o 21/05/2025
DOCUMENTACIÓN DE
Última entrega d'«O niño de pombas», de López Ferreiro, no xornal El correo de Galicia. Ver Documento. Relato
k: «O niño de pombas», El correo de Galicia: diario independiente de avisos y noticias, s.n. (07 de agosto de 1905), 1.
Fonte: Universidade de Santiago de Compostela / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal
Colaboración de López Ferreiro no número 1 de El Eco de la verdad. Ver Documento. Artigo
a.l.f.: «Estudios históricos: apuntes históricos sobre el monasterio de San Pelayo de Antealtares, de la ciudad de Santiago», El eco de la verdad: revista semanal, científica y literaria, 1 (7 de marzo de 1868), 6-8.
Fonte: / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Artigo de Barreiro Rivas sobre a polémica entre Montero Ríos e López Ferreiro por mor da Lei Provisional de Matrimonio Civil de 1870. Ver Documento. Artigo
Barreiro Fernández, Xosé Ramón: «López Ferreiro y Montero Ríos. Polémica por la Ley del matrimonio civil», Compostellanum: revista de la Archidiócesis de Santiago de Compostela, LV, 3-4 (xullo-decembro de 2010), 207-224.
Fonte: Instituto Teolóxico Compostelano / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal
O historiador López Ferreiro é estudado por Julián Barrio neste artigo. Ver Documento. Artigo
Barrio Barrio, Julián: «Don Antonio López Ferreiro (1837-1910) y su forma de hacer historia». En A Patria enteira: homenaxe a Xosé Ramón Barreiro Fernández. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega; USC; 2008; 625-638.
Fonte: Consello da Cultura Galega. Biblioteca.
Biobibliografía de Antonio López Ferreiro publicada no Dicionario da Literatura Galega. I: Autores. Ver Documento. Artigo
Vilavedra, Dolores (coord.): «López Ferreiro, Antonio». En Diccionario da Literatura Galega I. Autores. Vigo: Galaxia, 1995; 336-339.
Fonte: Consello da Cultura Galega. Biblioteca.
López Ferreiro e a historiografía galega. Ver Documento. Artigo
Villares, Ramón (1979): «López Ferreiro e a historiografía galega», Grial, 66 (outubro-decembro de 1979), 425-441.
Fonte: Editorial Galaxia. Revista Grial>/cite>. Hemeroteca
https://editorialgalaxia.gal/revgrial/ [Descarga: 2022-07-06]
Carballo Calero escribe sobre López Ferreiro como escritor en lingua galega. Ver Documento. Artigo
Carballo Calero, Ricardo: «As novelas de López Ferreiro». En Libros e autores galegos, dos trovadores a Valle Inclán. A Coruña: Fundación Barrié, 1979; 225-230.
Fonte: Consello da Cultura Galega. Biblioteca.
Páxina que lle dedica o xornal compostelán la Noche a López Ferreiro, con motivo do cincuenta cabodano da súa morte. Ver Documento. Páxina de prensa
«Artes y letras [homenaxe a López Ferreiro]», La Noche: único diario de la tarde en Galicia, 12018 - (2 de marzo de 1960), 6.
Fonte: Biblioteca de Galicia / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal
Limiar de Pedret Casado á edición de Bibliófilos Gallegos das novelas de Antonio López Ferreiro. Ver Documento. Artigo
Pedret Casado, Paulino: «Verbas limiares». En López Ferreiro, Antonio: Novelas de López Ferreiro. Santiago de Compostela: Bibliófilos Gallegos, 1953; V-XV; (Biblioteca de Galicia; 7).
Fonte: Consello da Cultura Galega. Biblioteca.
Ligazóns de interese
A tecedeira de Bonaval: episodio da hestorea de Compostela no sigro XVI, por Antonio López Ferreiro.
Fonte: BNE / Biblioteca Dixital Hispánica.
2ª ed.
A Cruña : Andrés Martínez, 1895 (ofecina da Casa da Misericordia)
https://bdh.bne.es/
O Castelo de Pambre: leenda do sigro XIV de Antonio López Ferreiro.
Fonte: Real Academia Galega / Galiciana.
2ª ed.
Santiago: [s.n.], 1895 (imp. de Alende)
https://biblioteca.galiciana.gal
O niño de pombas, novela de Antonio López Ferreiro.
Fonte: Real Academia Galega / Galiciana.
[Santiago de Compostela]: [editor non identificado], [1905]. Santiago: Tip. Galaica, 1913
https://biblioteca.galiciana.gal
Acceso en liña á obra de Antonio López Ferreiro Fueros municipales de Santiago y de su tierra.
Fonte: Biblioteca Nacional. Biblioteca Dixital Hispánica.
Santiago: Imp. y Enc. del Seminario C. Central, 1985; 2 v
https://bdh.bne.es
Dixitalición da obra Escolma de prosa galega, de López Ferreiro.
Fonte: Real Academia Galega.
A Coruña: Real Academia Galega, 1978
https://publicacions.academia.gal
Espazo web de Antonio López Ferreiro en Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia
Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal
López Ferreiro na web da Real Academia Galega
Fonte: Real Academia Galega.
https://academia.gal
Biografía de Antonio López Ferreiro no DB-e da Real Academia de la Historia, escrita por Vicente Cárcel Ortí
Fonte: Real Academia de la Historia. DB-e.
https://dbe.rah.es/
Antonio López Ferreiro na Biblioteca Virtual Galega
Fonte: Biblioteca Virtual Galega.
https://bvg.udc.es/
Entrada biobibliográfica de Antonio López Ferreiro na Historia da Literatura Galega da AS-PG.
Fonte: Historia da Literatura Galega, AS-PG.
https://literaturagalega.as-pg.gal
Acceso en liña ao número especial de Compostellanum dedicado a López Ferreiro no primeiro centenario da súa morte.
Fonte: Instituto Teolóxico Compostelano / Galiciana.
Compostellanum: revista de la Archidiócesis de Santiago, LV, 3-4 (xullo-decembro de 2010)
https://biblioteca.galiciana.gal
51 páxinas das nosas Letras
Catálogo da exposición organizada polo Parlamento de Galicia en 2013 para conmemorar o 50 aniversario do Día das Letras Galegas
Fonte: Parlamento de Galicia
https://www.parlamentodegalicia.es/sitios/web/Publicacions/51%20paxinas%20das%20nosas%20letras.pdf [consulta: 2022-12-30]
Antonio López Ferreiro no Centro Virtual Cervantes
Fonte: https://cvc.cervantes.es/artes/ciudades_patrimonio/santiago/personalidades/ferreiro.htm [Consulta: 2022-07-06]
Libros do ccg sobre Antonio López Ferreiro
A colección López Ferreiro do arquivo-biblioteca da catedral de Santiago de Compostela.
2008 | Xosé María Sánchez Sánchez, Autoría.