Chano Piñeiro
Forcarei, Pontevedra, 12/ 10/1954 - Vigo, 21/3/1995Autoría: José Manuel Sande
Cineasta concienciado coa creación dun cine nacional galego
Modelo de cineasta autodidacta, persoal e independente, o seu cine é partícipe dalgunhas das preocupacións do momento, como indicio claro das tendencias estilístico-temáticas que definirán a súa obra ulterior: o transfondo sociopolítico e cultural propio; a localización e exploración do rural –eco sincero e confeso das súas estadías de infancia en Forcarei ou Ponte Caldelas-; a ausencia do sometemento a materiais alleos; a importancia da música ou a idiosincrasia impregnada de vindicación, nun momento de esplendor, do concepto de cinema das nacionalidades aplicado a través dunha simbiose de tons e motivos logo recorrentes.
En tal contexto, devén ben curioso, case como reforzo da singularidade e do idealismo que o van caracterizar, a escasa ou nula conexión de Piñeiro cos grupos audiovisuais pioneiros e activos nesta etapa, malia a coincidencia parcial ou total de intereses. Convén lembrar que o incipiente autor, descendente de boticarios, rexenta desde 1979, xunto a Mari Luz Montes, unha farmacia na rúa Torrecedeira de Vigo. A laboriosidade e as moitas limitacións sufridas coa segunda das pezas mencionadas, Eu, o tolo, na que sobresaen un mozo intérprete da relevancia de Xosé Olveira “Pico”, o carácter político e a carga surreal, todo envolto nunha produción estendida no tempo (cinco anos), aléntao a pasar a formatos profesionais.
Deste xeito, e en medio das ilusións que espertan as primeiras e históricas subvencións do novo goberno autonómico galego, estas axudas facilitan o financiamento de Mamasunción (1984), unha curtametraxe en 35 milímetros pronto convertida en título de culto. Acollida por unha boa recepción internacional, exerce como evocación e descrición dun mundo atávico. A sutileza, a dosificación e concentración de elementos, a depuración expositiva a modo de fábula social ou unha narración elíptica e medida vanlle permitir a este conto da espera dunha anciá polo fillo emigrado un inusual percorrido que, ademais, sitúa a Chano Piñeiro como axitador, dinamizador, unha sorte de apóstolo da práctica fílmica en Galicia presente nestes anos. A mestura destes compoñentes, complementados por unha celebridade persoal in crescendo, decisiva na conquista dos patrocinios, a configuración dun precoz sistema de micromecenado ou as axudas institucionais, eclosionan na longametraxe Sempre Xonxa (1989). Retrato da emigración galega e dos vaivéns en 50 anos de historia do século XX por medio dun triángulo amoroso, baixo unha aparencia narrativa convencional, de corte folletinesco, converxe coas súas obsesións. Piñeiro constrúe un ambicioso relato rural, amálgama de realismo máxico e humor, que transcorre en catro décadas e atravesa todas as estacións do ano. Novamente a insistencia obtén resultados, dado que acadará financiamento para unha produción complexa e inusualmente prolongada no tempo. O filme ten moito éxito en Galicia e vai compartir posición de saída industrial con Urxa e Continental, as tres longametraxes rodadas en 35 milímetros que atopan unha emblemática estrea compartida en novembro de 1989, oficializada como data de nacemento dun cine en galego, intuición tamén dun tecido por fornecer.
O seu derradeiro traballo, un filme promocional sobre o Camiño de Santiago, vencellado ás celebracións do Ano Xacobeo 1993, O camiño das estrelas (1993), afonda na Galicia telúrica, máxica e animada. Disímil da produción anterior, Chano Piñeiro asume un proxecto marcado polo elevado orzamento e a intencionalidade publicitaria ao servizo da celebración institucional, connotado pola diferenza entre pretensións e resultados. A película establece unha sorte de retablo das marabillas galaico, combinando os elementos enriquecedores autóctonos, da cultura ao entón simbólico sector da moda, do porto á exaltación da natureza, axudando a configurar a escolma dunha idiosincrasia, de determinada e consciente concepción de Galicia. O traballo conta con colaboradores como o camarógrafo Tomás Pladevall, o actor Gustavo Salmerón, o montador José Salcedo ou o músico Carlos Núñez.
Autor de artigos e relatos, dinamizador e entusiasta defensor dun cine galego, Piñeiro dirixiu outra curta froito do encargo dunha administración pública -por parte do Concello de Vigo-, Esperanza (1986), unha crúa ficción que toma o alcoholismo como cuestión central. Lastrado pola súa saúde, desde novo diagnosticado coa enfermidade de Crohn, xerme dunha morte moi temperá (en 1995, aos 40 anos de idade), vítima dun edema pulmonar, polo camiño queda sen concretar, por exemplo, un proxecto sobre a vida do bispo Xelmírez. Como síntese, ben podemos afirmar que Sempre Xonxa e as pisadas do seu autor terán continuidade por medio da notable incidencia en parte do cine realizado nos seguintes anos e na propia evolución historiográfica fílmica de Galicia.
Agradecementos
Manolo González, Beatriz Díaz, José María Rodríguez Armada, Pepe Coira, Jaime Pena, Lis Corrales.
Bibliografía
Acuña, Xosé (1999): Chano Piñeiro: unha historia do cinema galego. Vigo: Edicións do Cumio.
Coira Nieto, Pepe (2008): «Chano Piñeiro». En Cabo Villaaverde, J.L:; Fernández, M.A. (coord.): Diccionario do cine en Galicia 1896-2008. A Coruña: Foro Galego do Audiovisual.
Fernández, M.A. (coord.) (2007): Os amigos de Chano Piñeiro. A Coruña: Bolanda.
González, Manuel (1992): Documentos para a historia do cine en Galicia 1970-1990. A Coruña: Xunta de Galicia, Centro Galego de Artes da Imaxe.
Pena Pérez, Jaime (2011): «Chano Piñeiro». En Casares Rodicio, Emilio (coord.): Diccionario del cine iberoamericano. VI. Madrid: SGAE-Fundación Autor.
Piñeiro, Chano (1995): A luz dun soño e outros textos de cine. A Coruña: CGAI.
Rozados, Francisco (2020): Chano Piñeiro ou a teima dun soño (1954-1995). Ourense: OUFF; A Estrada: Fervenza.
Como citar: Sande, José Manuel : Chano Piñeiro. Publicado o 1/2/2022 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=25764. Recuperado o 21/04/2025
DOCUMENTACIÓN DE
Chano Piñeiro escribe sobre facer cine en Galicia na revista Grial. Ver Documento. Artigo
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Piñeiro, Chao: «Facer cine en Galicia», Grial, 204 (2014), 44-45
Texto de Chano Piñeiro publicado no folleto promocional da súa película Esperanza. Ver Documento. Artigo
Piñeiro, Chano: «Esperanza». En Piñeiro, Chano: A luz dun soño e outros textos de cine. A Coruña: Centro Galego de Artes da Imaxe, 1995; 31-32
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega. Sig. 79C PIÑ luz
Apuntamentos de Chano Piñeiro para a banda sonora de Sempre Xonxa. 1989. Ver Documento. Artigo
Piñeiro, Chano: «Textos para a banda sonora de Sempre Xonxa». En Sempre Xonsa. Banda sonora da película. Santiago de Compostela: Edigal, 1990.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Anacos do diario da rodaxe de Sempre Xonxa. Ver Documento
Piñeiro, Chano: «Fragmentos do diario de rodaxe de Sempre Xonxa». En Piñeiro, Chano: A luz dun soño e outros textos de cine. A Coruña: CGAI, 1995; 79
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega.
Sinatura: 79C PIÑ luz
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Artigo de Francisco Rozados sobre Chano Piñeiro en A Estrada: Miscelánea histórica e cultural. Ver Documento. Artigo
Rozados, Francisco: «Lumière de nós: Chano Piñeiro ou a teima dun soño (1954-1995)», A Estrada: Miscelánea histórica e cultural, 23 (2020), 89-107
Fonte: https://dialnet.unirioja.es/
A unidade didáctica Trinta anos de audiovisual galego, elaborada por José Antonio Cascudo, explica os tres filmes fundacionais do cinema en galego: Continental, Sempre Xonxa e Urxa. Ver Documento
Cascudo, José Antonio: «Trinta anos de audiovisual galego». Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, RTVG, 2020. (http://consellodacultura.gal/trinta-anos/) [Consulta: 2022-02-04]
Fonte: http://consellodacultura.gal/trinta-anos/
Xosé Nogueira lembra ao director Chano Piñeiro e reflexiona sobre o cine galego na revista Grial. Ver Documento. Artigo
Nogueira, Xosé: «Dez anos do pasamento de Chano Piñeiro: Que foidaqueles luminosos soños de cine», Grial, 167 (xullo-setembro de 2005), 124-131
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Lembranza de Chano Peñeiro no seu décimo cabodano. Ver Documento. Artigo
Acuña, Xoán: «Dez anos sen Chano Piñeiro», A Nosa Terra. Foro 6, 1169 (31 de marzo ao 6 de abril de 2005), 5-6
Fonte: A Nosa Terra. Mediateca do Consello da Cultura Galega.
http://consellodacultura.gal/mediateca/extras/CCG_fd_pub2211_ANosaTerra_1169_do_31_de_marzo_ao_6_de_abril_de_2005_Foro_6.pdf TAMAÑO: 139 KB
Entrada de Chano Piñeiro na Gran Enciclopedia Galega. Ver Documento. Artigo
«Piñeiro, Chano». En Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. Lugo: El Progreso, 2003; 77
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Páxina de A Nosa Terra dedicada á morte de Chano Piñerio e á súa obra cinematográfica. Ver Documento. Artigo
Carballa, Xan: «Morreu Chano Piñeiro, o home que desmostrou que o cine galego é posible»; Losada, Óscar: «conversa con Chano», A Nosa Terra, 666 (23 de marzo de 1995), 23
Fonte: A Nosa Terra. Mediateca do Consello da Cultura Galega
http://consellodacultura.gal/mediateca/extras/CCG_fd_pub2211_ANosaTerra_0666_19950323.pdfTAMAÑO: 139 KB
Ligazóns de interese
Mamasunción, curtametraxe dirixida por Chano Piñeiro, na Galipedia
Fonte: https://gl.wikipedia.org/wiki/Mamasunci%C3%B3n [Consulta: 2022-02-07]
Entrada na Galipedia sobre a longametraxe Sempre Xonxa de Chano Piñeiro
Fonte: https://gl.wikipedia.org/wiki/Sempre_Xonxa [Consulta: 2022-02-07]
Biografía de Chano Piñeiro na Galipedia
Fonte: https://gl.wikipedia.org/wiki/Chano_Pi%C3%B1eiro [Consulta: 2022-02-03]
Lembranza de Chano Piñeiro aos vinte e cinco anos da súa morte
Arca, O.P.: «Un cuarto de siglo sin Chano Piñeiro», La Voz de Galicia, (23 de xuño de 2020)
Fonte: La Voz de Galicia
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/forcarei/2020/06/22/cuarto-siglo-chano-pineiro/0003_202006P22C2991.htm [2022-01-28]
Manuel Gago escribe sobre Urxa, filme de Carlos Piñeiro e Alfredo García Pinal
Gago, Manuel: «Urxa, o máis descoñecido dos primeiros filmes en galego», culturagalega.gal, (8 de abril de 2020) (http://culturagalega.gal/noticia.php?id=30940) [Consulta: 2022-02-04]
Fonte: http://culturagalega.gal/noticia.php?id=30940 [Consulta: 2022-02-04]
Análise crítica das longametraxes Urxa, Continental e Sempre Xonxa
Fonte: http://www.acuartaparede.com/atravesadas-polo-cinema/ [Consulta: 2022-02-07]
Ramos Cuba, Laura: «Atravesadas polo cinema», A cuarta parede: primeira revista dixital en galego de crítica cinematográfica, (21 de decembro de 2019).
Xermán Hermida escribe no portal culturagalega.gal sobre o empeño de Chano Piñeiro en crear un filme que marcaría a sociedade galega
Hermida, Germám: «Sempre Xonxa: A vontade de construír cinema», culturagalega.gal, (20 de decembro de 2019) (http://culturagalega.gal/noticia.php?id=30576) [Consulta: 2022-02-04]
Fonte: http://culturagalega.gal/noticia.php?id=30576
O web da OUFF informa sobre a exposición Filmado en Ourense. Chano Piñeiro. 1989-2019
«Sempre Xonxa e Chano Piñeiro, protagonistas da primeira exposición do OUFF», www.ouff.org, (18 de setembro de 2019)
Fonte: Ourense Film Festival (OUFF)
http://www.ouff.org/gl/sempre-xonxa-e-chano-pineiro-protagonistas-da-primeira-exposicion-do-ouff/ [Consulta: 2022-01-28]
Páxina informativa da exposición Filmado en Ourense. Sempre Xonxa/Chano Piñeiro realizada polo OUFF (Ourense Film Festival). Ourense, Centro Cultural Marcos Valcárcel, 17 de setembro a 27 de outubro de 2019
Fonte: Centro Cultural Marcos Valcárcel
https://www.centroculturaldeourense.com/exposicions/sempre-xonxa-chano-pineiro-1989-2019 [Consulta: 2022-01-28]
Sobre a rebotica da farmacia que rexentaban Chano Piñeiro e Mari Luz Montes na rúa Torrecedeira de Vigo
Fonte: galeguizargalicia.gal
González, Xosé: «A rebotica de Chano Piñeiro», galeguizargalicia.gal, (16 de novembro de 2018).
https://galeguizargalicia.gal/galicia-confidencial-a-rebotica-de-chano-pineiro/ [Consulta: 2022-02-07]
Biografía de Chano Piñeiro escrita por Francisco Rozados
Rozados, Francisco: Chano Piñeiro. A Estrada: Edicións Fervenza, 2003
Fonte: https://www.tabeirosmontes.com/uploads/1/9/6/2/19629509/chano..pdf [Consulta: 2022-02-02]
Videos
Entrevista de Manuel Rivas a Chano Piñeiro emitida na TVG o 24 de xullo de 1985
Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=K23i942AvtQ&t=2s&ab_channel=oleiros70
Homenaxe a Chano Piñeiro, especial que recolle as súas intervencións na TVG desde 1985 ata 1995
Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=82ifb3Swezw&t=146s&ab_channel=IagoGlez
Mamasunción volve ó correo. Chano Piñeiro, documental de Francisco Rozados e Xoque Carbajal
Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=f_SPWzMDeT8
Fragmentos do filme Esperanza de Chano Piñeiro, estreado en 1986
Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=994WohwtXAk