Ricardo Portela
O Mallo, Viascón (Cotobade, Pontevedra), 4/ 11/1920 - Pontevedra, 24/3/1992Autoría: Ramon Pinheiro “Chito”
Ricardo Portela é unha figura capital da gaita do século XX
En 1934 o pai cómpralle a Ricardo unha gaita en Do brillante de Antonio Represas. Portela, marabillado co son “perfecto” do instrumento, comeza a tocar acompañado polos seus irmáns: Jesús no tambor e José no bombo. Faranse chamar Airiños do Cañón de Buxo. Alba, que tamén se iniciou na gaita, non fixo parte do grupo. En xullo de 1935, convidados pola Sociedade Artística Musical de Pontevedra, participan nun festival, onde coinciden cos Gaiteiros de Soutelo. En tal ocasión, Ricardo quixo interpretar a «Muiñeira de Chantada» diante de Avelino Cachafeiro. Antes de estalar a Guerra Civil, a familia Portela-Bouzas trasládase a Vigo, onde Ricardo comeza os estudos en Artes e Oficios. Alí coñece a José Oliveira Blanco, “O Moreno”, co que perfecciona técnica e amplía repertorio. Neste tempo aumenta a dedicación de horas de ensaio constante e perfeccionista.
Ricardo é chamado á tropa no 1939. Despois de ingresar no cuartel da Garda Civil de Vigo, é trasladado ao de artillaría da Coruña. Logo a destinos como Orgañá, Tárrega e Mataró. Neste último róubanlle a gaita en 1942. A desesperación de Portela foi inmensa e a decisión tomada drástica, non tocar até non dispor dun instrumento de calidade. O período de espera demorará trece anos. Tras pasar por Granollers e novamente por Mataró, finaliza a vida militar en Pontevedra en 1945. Segundo as súas palabras, o exército
rouboulle a xuventude. No ano 1944 casara con Osita Laredo en Vigo, con quen terá unha filla, Rosa. No profesional, traballa como protético dental.
A difícil situación económica fará que Portela opte polo camiño da emigración en 1955. Antes de partir reconcíliase coa gaita grazas á calidade duns punteiros de Faustino Santalices, que descobre por medio do enxeñeiro Antonio Fernández. Por el toma contacto co Obradoiro-Escola de Instrumentos Musicais Galegos da Deputación de Lugo, no que, gratamente sorprendido pola calidade dos instrumentos, compra dúas gaitas en Do. O artesán Paulino Pérez deulle ademais un punteiro de ébano. Con elas toca de 1955 a 1979.
Cos novos instrumentos parte para Venezuela. Nos catro anos que dura a súa estancia traballa no Laboratorio Dental Estomatolóxico de Caracas, funda o Grupo de gaitas do Lar Galego e relaciónase con antigos militantes do Partido Galeguista como Xosé Sesto López. A pedimento deste último, participa na elaboración dun guión de radio que emularía a festa do Corpus de Pontevedra. Nese contexto dará forma a «Aires de Pontevedra», a súa particular relectura dunha «Alborada» de Manuel Villanueva de Poio. A Voz de Galicia foi emitido por Radio Cultura, de Caracas, o xoves 20 de xuño de 1957, día de Corpus.
A mala adaptación ao clima tropical acelera o retorno de Ricardo, que se produce en 1959. Co que aforrou, constrúe unha casa en Pontevedra, onde se estabelece como protético dental. Inicia, agora, ensaios co seu irmán Jesús na segunda gaita. En 1961 preséntanse ao público como Os Irmáns Portela no concurso de gaitas de Vigo, acompañados no tambor por Henrique Otero. Obtiveron o segundo posto. O grupo non puido desenvolverse con normalidade polos compromisos de Jesús con outras formacións musicais. Aínda así realizan actuacións ocasionais e gravan tres discos simples en 1968, para os que contaron con Carlos Conde, Elvino Palmeiro, Mauro Román e José Iglesias, “Melitón”, na percusión. O criterio de Portela na conformación do repertorio ou a expresividade e precisión da súa interpretación levan a Avelino Cachafeiro a sentenciar nos seus últimos anos:
O mellor gaiteiro que queda é Portela, o de Pontevedra.
En 1974 ingresa no cadro de persoal da Seguridade Social e traballando como persoal non sanitario no Hospital de Montecelo permanecerá até que se xubile en 1986. Continúa co estudo do instrumento até que en 1979 descobre as gaitas de Xosé Seivane. Con elas prepara unha gravación para a que convidou a Xosé Ferreirós e Serafín Vicente, de Faíscas do Xiabre, na percusión. O impacto desta gravación, editada en 1981 como Festa en Viascón, foi enorme no mundo da gaita, fundamentalmente polo emprego da dixitación pechada elaborada por Portela a partir do legado interpretativo e expresivo dos vellos gaiteiros. Entre os temas deste traballo encóntrase «Aires de Pontevedra», hoxe globalizada nas versións de grandes nomes da música celta: Milladoiro, Patrick Molard, Robert Mathieson, Lúnasa, Roland Becker, Carlos Núñez...
Nos oitenta multiplica as súas actuacións. Algunhas sinaladas son as realizadas no Festival do Mundo Celta de Ortigueira (1982), no Congreso Internacional de Estudios sobre Rosalía de Castro e o seu Tempo (organizado polo Consello da Cultura Galega e a Universidade de Santiago en xullo de 1985) ou, un mes despois, no festival Galiza a José Afonso, celebrado no parque de Castrelos de Vigo en solidariedade co gran cantor. No 1987 é convidado por Antón Corral para participar na gravación do triplo LP Instrumentos musicais populares galegos. Ao ano seguinte é obxecto da publicación Ricardo Portela, dúas palabras verbo da gaita galega, obra de José Luis Calle, que seguimos de forma xeral neste texto. Será tamén no ano 1988 cando se forme a primeira xunta xestora da Asociación de Gaiteiros Galegos, na que ocupará a Presidencia.
En 1990 aparece o LP Alborada en Cotobade, a
derradeira e máis perfecta das súas obras, en palabras do seu biógrafo. Acompáñase na percusión de Chuco Estévez, Gonzalo Caride e Wenceslao Cabezas “Polo”. Portela demostra unha vez máis a capacidade de relación cos novos intérpretes e cos medios de comunicación contemporánea, á vez que fica retratado como o último herdeiro directo da rica tradición gaiteira pontevedresa, continuador directo de Xoán Tilve e admirador profundo dos Gaiteiros de Soutelo e Os Morenos de Lavadores.
Os últimos anos da súa vida dedicounos á docencia e tiña un alumnado considerábel. Na súa opinión, as escolas de gaitas locais, sempre que contasen con bos mestres, debían ser as encargadas de impulsar o instrumento. A pesar das recomendacións médicas, púxose a traballar na elaboración dun novo LP, co que pretendía completar a súa particular triloxía. Entre os temas nos que traballaba estaban os «Pasarrúas» de Campañó, descubertos nas visitas que realizou aos fondos musicais do Museo de Pontevedra. A repentina morte do mestre, debida a unha carencia cardíaca o 24 de marzo de 1992, non lle permitiu concretar o traballo. Foi enterrado no cemiterio de San Mauro de Pontevedra. Ao enterro acudiron gaiteiros de toda Galiza, que lle renderon unha póstuma homenaxe interpretando conxuntamente a «Marcha do San Benito».
Como citar: Pinheiro “Chito”, Ramon : Ricardo Portela. Publicado o 31/3/2020 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=25799. Recuperado o 30/04/2025
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Fonografía de Ricardo Portela.
Os irmáns Portela, Single Ref. 52.240 (Belter,1968)
Os irmáns Portela, Single Ref. 52.242 (Belter,1968)
Os irmáns Portela, Single Ref. 52.244 (Belter,1968)
Foliada en Viascón, LP (Ruada, 1981)
Alborada en Cotobade, LP (Edigal, 1990)
Galiza a José Afonso, 2 CD (Edicións do Cumio, 2000)
Instrumentos musicais populares galegos, 3 LP (Sonifolk,1987)
Galicia. Música tradicional, CD (Clave Records, 1993)Singles, LPs e CDs do gaiteiro Ricardo Portela de 1968 a 2000, compilados por Ramon Pinheiro.
Referencias bibliográficas e discográficas sobre Ricardo Portela.
- Calle, José Luis (1988): Ricardo Portela. Dúas palabras verbo da gaita galega. Pontevedra, Deputación de Pontevedra.
- Groba, Xavier e Ibáñez, Oscar (2015): Xoán Tilve, Gaiteiro de Campañó. Gravacións históricas de X. Filgueira Valverde. Santiago de Compostela. aCentral Folque.
- Groba, Xavier (2019): Antonio Fraguas e a memoria musical de Cotobade. Santiago de Compostela, aCentral Folque.
- AA.VV. (2008): Foliada nas Rías Baixas. Homenaxe a Ricardo Portela, o Mestre [2CD]. Edicións do Cumio.
- Oscar Ibáñez (2017): Aires de Pontevedra: Homenaxe a Ricardo Portela - 25 Aniversario Pasamento [CD]. Inquedanzas Sonoras.
Estas son as referencias empregadas por Ramon Pinhero na elaboración do perfil do célebre gaiteiro Ricardo Portela
Ligazóns de interese
Ricardo Portela. Biografía e obra
Ligazón externa
Fonte: Wikipedia [31/03/2020]
Ricardo Portela na Asociación de Gaiteiros Galegos
Ligazón externa
Fonte: gaiteirosgalegos.gal [31/03/2020]
Ricardo Portela en aCentral Folque
Ligazón externa
Fonte: A Central Folque [31/03/2020]
Videos
Tocar pechado na gaita
Documental divulgativo, realizado en 1984 coa intención de dar a coñecer a técnica de tocar pechado, empregada polos vellos gaiteiros, que por aqueles tempos se encontraba camiño da desaparición.
Alalá nº 111: «Ricardo Portela» (TVG, 2009)
Homenaxe a Ricardo Portela coa edición do CD Foliada das Rías Baixas, de Edicións do Cumio, interpretado por moitos dos mellores intérpretes de música galega na altura.
Carlos Núñez presents the Ricardo Portela's book, transcripted in the system of 'D'
The renowned piper Carlos Núñez shows the new version of the book "Ricardo Portela. De gaiteiro a gaiteiro", which includes the transcriptions of the original music in system D, so that they can be shared and used from other Atlantic musical traditions.
Libros do ccg sobre Ricardo Portela
Ricardo Portela. De gaiteiro a gaiteiro..
2021 | Carlos Núñez, Autoría. Fernando Fraga, Edición.
Vivencias, transcricións e análise. Transcricións en sistema RE
Ricardo Portela. De gaiteiro a gaiteiro..
2020 | Carlos Núñez, Autoría. Claudio Martínez Paiva, Asesoramento. Fernando Fraga, Colaboración.
Vivencias, transcricións e análise