Meendinho
Pontevedra, - sec. XIII-XIV,Autoría: Xosé Bieito Arias Freixedo
Cita frustrada na illa de San Simón. O mar como símbolo
Non coñecemos ningún dato concreto sobre a identidade e a vida de Meendinho. Apenas nos foi transmitida unha única composición deste autor: Sedia-m’eu na ermida de San Simion (B 852, V438/UC 848=Tav 98, 1); porén, esta é unha das máis divulgadas e coñecidas cantigas da poesía medieval galega. Trátase dunha cantiga de santuario, cuxa acción está localizada na ermida de San Simón, que se encontra na illa do mesmo nome, no interior da ría de Vigo. É probábel, pois, e tal como acontece con outros xograres que compuxeron cantigas de santuario, que Meendinho desenvolvese a súa actividade artística na área suroccidental de Galicia. Téñense formulado varias hipóteses sobre o alcume Meendinho, das que talvez a máis plausíbel sexa a que o relaciona co topónimo Mende ou Mendo, atribuído a un lugar do barrio de Teis en Vigo.
A cantiga de Meendinho está presente en todas as antoloxías da lírica galego-portuguesa e, xunto coas de Martin Codax, áchase entre as que recibiron maior atención da crítica especializada, tanto polo número de edicións como polos estudos académicos publicados sobre diferentes aspectos.
O poema utiliza a estrofa básica da modalidade de cantigas de amigo que a crítica deu en chamar "de estilo popularizante". Esta estrutura, que está formada por un corpo estrófico de dous versos seguidos dun refrán monóstico, e que habitualmente combina o paralelismo literal co artificio do leixaprén, sería a estrofa que, hipoteticamente, prevalecía na poesía anterior á influencia da nova poética cortés de orixe provenzal, unha poesía aquela que, en moitos casos, como o da cantiga de Meendinho, se caracterizaba tamén por un marcado ritmo acentual.
O simbolismo do mar
Como nas cantigas de Martin Codax, o mar e as ondas desempeñan un papel fundamental na poética de Meendinho. Do punto de vista retórico, é de salientar nesta cantiga o simbolismo das ondas grandes do mar embravecido como representación do abalo interior sufrido pola muller apaixonada, que espera desexosa a chegada do amigo e toma consciencia súbita da súa soidade. Seguindo un fermoso tópico literario medieval, a moza é suxestionada polo estado avulso da natureza á súa volta, acorde co seu estado de desacougo emocional, e sente que se o amado non acode á cita ela morrerá vítima das ondas da paixón insatisfeita.
Sedia-m’eu na ermida de San Simion
e cercaron-mi as ondas que grandes son:
eu atendendo meu amigo...
[...]
Nen ei i barqueiro nen remador,
morrerei eu fremosa no mar maior
A crítica ten chamado a atención tamén sobre outro aspecto poético relevante, como é o uso combinado de tempos verbais do pasado, do presente e do futuro, con que o poeta consegue crear a sensación de que a protagonista, que espera desexosa a chegada do amado, se ve envolta nunha dramática espiral emocional na que a vivencia do tempo é psicolóxica e se perde a consciencia do tempo real.
O incerto refrán
Non existe consenso sobre como debe ser editada a parte final do verso do refrán, que está abreviada nos manuscritos. Desbotada, por anómala, a repetición do verso proposta na edición de J. J. Nunes (Eu atendend’o meu amigo, / eu atendend’o meu amigo.), en traballos máis recentes formuláronse outras hipóteses de lectura, entre elas a de Tavani, que foi quen primeiro detectou o erro (Eu atendend’o meu amigo! E verrá? = «Eu esperando o meu amigo! E virá?») ou a de Arias Freixedo (Eu atendend’o meu amigo! E u era? = «Eu esperando o meu amigo! E onde estaba?»).
Cantigas de santuario
Acabamos de referirnos á composición de Meendinho como unha cantiga de santuario. O motivo común ás cantigas desta modalidade poética –as tradicionalmente coñecidas como cantigas de romaría– é a cita amorosa xunto a un santuario relativamente afastado, polo xeral unha ermida. A compoñente erótica deste motivo pode parecer contraditoria co carácter sagrado do lugar escollido para o encontro, mais non o será tanto se consideramos que moitos destes pequenos templos cristiáns foron construídos en lugares onde desde tempos ancestrais se viñan realizando ritos pagáns propiciatorios da fecundidade, nos cales o elemento sexual xogaba, con certeza, un rol importante. Segundo se pode deducir das disposicións eclesiásticas tendentes a prohibir certos ritos pagáns, emitidas xa desde a alta Idade Media e reiteradas ao longo de séculos, o proceso de cristianización demorou moito e algúns deses ritos chegaron mesmo aos nosos días. O baño de fecundidade nas ondas do mar da Lanzada, entre outros, é talvez o caso máis representativo. Sen dúbida, pois, na relixiosidade sincrética medieval tardía pervivían aínda algunhas reminiscencias dos tempos pagáns, polo que non debe estrañar que o santuario, que era daquela e aínda é lugar de socialización da poboación espallada, se identifique como o lugar idóneo para a cita dos namorados. Téñase en conta, por outra parte, que o propósito de ir facer oración ao templo é un excelente pretexto para abrandar as prohibicións ou reticencias familiares.
Son varias e diversas as hipóteses formuladas pola crítica sobre a funcionalidade das cantigas de santuario: recreaban, en certa medida, algún tipo de manifestación folclórica musical asociada a este tipo de festividades? Tiñan unha finalidade propagandística, de captación de fieis para o santuario en cuestión? Era o propio xograr quen, nomeando un único santuario, procuraba aumentar a afluencia dos fieis, dos cales se sustentaba? A alusión a un único santuario concreto era unha forma de "asinar" ou de reivindicar a autoría da cantiga? Talvez a resposta sexa unha combinación, en maior ou menor dose, de todas estas hipóteses. En todo caso, a ausencia de referencias ao poder taumatúrxico do santo, ou santa, venerado no santuario –o que si acontecía na literatura de milagres, claramente propagandística– indicaría que a chamada ao santuario non sería tanto de carácter relixioso, senón máis ben lúdico e festivo. No caso da cantiga de Meendinho, a moza namorada si entrou na ermida para orar, mais parece que estaba máis pendente da esperada vinda do amigo que dos rezos, pois estando na ermida ant’o altar, sentiuse cercada polas ondas grandes do mar metafórico da paixón amorosa.
Pervivencia de Meendinho
O xograr Meendinho foi homenaxeado, xunto con Johan de Cangas e Martin Codax, no Día das Letras Galegas de 1998, dedicado ese ano aos Trobadores da ría de Vigo. Con motivo desta homenaxe, alén de numerosos materiais didácticos e divulgativos, foron publicadas varias edicións individuais e colectivas destes autores, e realizouse na illa de San Simón o Congreso Internacional O mar das cantigas, que reuniu importantes especialistas de todo o mundo.
Malia non se conservar a melodía orixinal de Meendinho, a súa cantiga foi obxecto de varios rexistros discográficos con recreacións modernas da música ou ben aplicándolle a melodía doutra composición medieval, seguindo a técnica do contrafactum. Entre as primeras cómpre salientar a interpretada pola gran fadista Amália Rodrigues, con melodía de Alain Oulman, ou a de Amancio Prada; e do segundo tipo é a máis recente de Paulina Ceremuźyńska.
Bibliografía
Airas Freixedo, Xosé Bieito (1998): «Sobre o refrán da cantiga de Meendinho. Análise das varias hipóteses de lectura». En Congreso "O mar das cantigas". Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 5-18.
Airas Freixedo, Xosé Bieito (2000): «e u era? A clave da cantiga de Meendinho?», Boletín Galego de Literatura», (2º semestre), 77-82.
Brea, Mercedes (1998): Martín Codax, Mendiño e Johán de Cangas. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.
Brea, Mercedes; Lorenzo, Pilar (1995): A cantiga de amigo. Vigo: Edicións Xerais.
Cohen, Rip (2003): 500 Cantigas d’Amigo. Edição crítica / Critical edition. Porto: Campo das Letras, 311-312.
Congreso O Mar das Cantigas (1997). Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.
Correia, Ângela (1993): «Sobre a especificidade da cantiga de romaria», Revista da Biblioteca Nacional, Série 2, vol. 8 (2), 7-22.
Correia, Ângela (1997): «Do refrão de Meendinho à escrita dos refrães nos cancioneiros». En Congreso "O mar das cantigas". Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 267-290.
Flitter, Derek W.; Obber de Baubeta, Patricia (eds.) (1998): Ondas do Mar de Vigo. Actas do Simposio Internacional sobre a Lírica Medieval Galego-Portuguesa. Birmingham: Seminario de Estudios Galegos, Department of Hispanic Studies, The University of Birmingham.
Guiadanes, Antonio et al. (1998): Cantigas do mar de Vigo. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.
Monteagudo, Henrique (1997): «Cantores de santuario, cantares de romaría». En Congreso "O mar das cantigas". Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 99-127.
Monteagudo, Henrique; Pozo, Luz; Alonso Montero, Xesús (1998): Tres poetas medievais da ría de Vigo. Martín Codax, Mendiño e Xohán de Cangas. Vigo: Editorial Galaxia.
Resende de Oliveira, António (1994): Depois do espectáculo trovadoresco. A estrutura dos cancioneiros penisulares e as recolhas dos séculos XIII e XIV. Lisboa: Ed. Colibri.
Souto Cabo, José António (2017): «Martim Codax e o fenómeno jogralesco na Galiza sul-ocidental». En Rodríguez Guerra, Alexandre e Arias Freixedo, Xosé Bieito (eds.), The Vindel Parchment and Martin Codax / O Pergamiño Vindel e Martin Codax. Amsterdam/Philadelphia: John Benjamins Publishing Company, 83-101.
Tavani, Giuseppe (1988): «Propostas para unha nova lectura da cantiga de Mendinho», Grial, 99, 59-61.
Tavani, Giuseppe (1993): «Mendinho». En Lanciani, Giulia e Tavani, Giuseppe (coords.), Dicionário da Literatura Medieval Galega e Portuguesa. Lisboa: Caminho, 456.
Discografía
Ceremuźyńska, Paulina (2006): E moiro-me d'amor - Cantigas de desexo e saudade (CD). Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. https://cantigas.fcsh.unl.pt/gravacao.asp?cdgra=18 [consulta: 02-04-2024]
Correia, Natália; Rodrigues, Amália; dos Santos, Ary (1971): Cantigas d'amigos (LP). Lisboa: Valentim de Carvalho. https://cantigas.fcsh.unl.pt/gravacao.asp?cdgra=12 [consulta: 02-04-2024]
Prada, Amancio (1980): Leliadoura (LP). Madrid: Movieplay. https://cantigas.fcsh.unl.pt/versaomusical.asp?cdcant=861&cdvm=106 [consulta: 02-04-2024]
Como citar: Arias Freixedo, Xosé Bieito : Meendinho. Publicado o 8/5/2024 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=28514. Recuperado o 13/05/2025
DOCUMENTACIÓN DE
Sedia-m'eu na ermida de San Simion. Ver Documento
Cantiga de Meendinho no Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Portugal (B), fol. 179 r
Fonte: Projeto Littera
https://cantigas.fcsh.unl.pt/cancioneiro.asp?imgc=B_389_179&cdcanc=2 [descarga: 2024-02-20]
Sedia-m'eu na ermida de San Simion. Ver Documento
Cantiga de Meendinho no Cancioneiro da Vaticana (V), fol. 70 r
Fonte: Projeto Littera
https://cantigas.fcsh.unl.pt/cancioneiro.asp?imgc=V_148_070&cdcanc=4 [descarga: 2024-02-20]
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Programa de No bico un cantar 2016. Nenas e nenos cantan aos trobadores. Ver Documento
Fonte: Consello da Cultura Galega
¿E u era?, ¿a clave da cantiga de Meendinho?. Ver Documento. Artigo
Arias Freixedo, Xosé Bieito: «¿E u era?, ¿a clave da cantiga de Meendinho?», Boletín Galego de Literatura, 24 (2000), 77-82.
Fonte: Minerva. Repositorio institucional da Universidade de Santiago de Compostela
¿É posible unha nova lectura da cantiga de Meendinho?. Ver Documento. Artigo
Arias Freixedo, Xosé Bieito: «'Eu atend’end’o meu amig[u]’, e un á'. ¿É posible unha nova lectura da cantiga de Meendinho?», Boletín Galego de Literatura, 18 (1997), 119-123.
Fonte: Minerva. Repositorio institucional da Universidade de Santiago de Compostela
«Propostas para unha nova lectura da cantiga de Mendinho». Ver Documento. Artigo
Tavani, Giuseppe: «Propostas para unha nova lectura da cantiga de Mendinho», Grial, 99 (1988), 59-61.
Ligazóns de interese
Universo Cantigas. Meendinho
Edición crítica dixital da poesía medieval galego-portuguesa
Fonte:https://universocantigas.gal/ [Consulta: 2024-01-25]
BiRMED: Bibliografía de Referencia do Arquivo Galicia Medieval
Base de datos bibliográfica especializada na literatura medieval galego-portuguesa
Fonte: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades
https://bernal.cirp.gal/ords/bib/r/birmed3/inicio [Consulta: 2024-02-07]
MEdDB: Base de datos da Lírica Profana Galego-Portuguesa
Base de datos da Lírica Profana Galego-Portuguesa
Fonte: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades
https://bernal.cirp.gal/ords/f?p=129:2:::::: [Consulta: 2024-02-07]
Sobre a arte de Meendinho
Relatorios en vídeo de Xesús Alonso Montero e Giovanni Borreiro, na xornada desenvolvida co mesmo nome na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo (2018-01-29)
Fonte: Universidade de Vigo
https://tv.uvigo.es/series/5b5b76f38f4208dd3ed58f8e [consulta: 2024-02-16]
De Roma ata Lixboa: estudos sobre os cancioneiros galego-portugueses
Fonte: Real Academia Galega
https://publicacions.academia.gal/index.php/rag/catalog/book/314 [Consulta: 2024-02-07]
Biografía de Meendinho
Vídeo co perfil biográfico de Meendinho, un dos trobadores da ría de Vigo homenaxeados no Día das Letras Galegas do ano 1998
Fonte: Televisión de Galicia
https://pasouoquepasou.crtvg.gal/content/biografia-de-meendinho [consulta: 2024-02-16]
Páxina sobre os trobadores da ría de Vigo na web da Real Academia Galega
Fonte: https://academia.gal/letras-galegas/1998/trobadores-ria-vigo [Consulta: 2024-01-25]
Cantigas do Mar de Vigo
Edición crítica do equipo de investigación de Lírica Profana Galego- Portuguesa do Centro Ramón Piñeiro
Fonte: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades
https://www.cirp.es/publicacions/pub-0035.html [Consulta: 2024-02-01]
Páxina da Deputación de Pontevedra dedicada aos trobadores da ría de Vigo con motivo do Día das Letras Galegas
Fonte: https://www.depo.gal/-/letras-galegas-trobadores-da-ria-de-vigo [Consulta: 2024-01-25]
Homenaxe ós tres poetas medievais da Ría de Vigo: Martín Codax. Mendiño, Johán de Cangas
Volume con distintas edicións da obra dos tres trobadores da ría de Vigo e compilación de estudos sobre estes. Edición literaria de Xesús Alonso Montero
Fonte: Real Academia Galega
https://publicacions.academia.gal/index.php/rag/catalog/book/141 [Consulta: 2024-02-01]
Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Portugal (B)
Fonte: Europeana
https://www.europeana.eu/pt/item/782/object_BNDPL_COD_10991___2X0VTY5 [Consulta: 2024-02-19]
Projeto Littera. Cantigas Medievais Galego-Portuguesas
Fonte: Instituto de Estudos Medievais da Faculdade de Ciências Sociais e Humanas da Universidade Nova de Lisboa
https://cantigas.fcsh.unl.pt/apresentacao.asp [Consulta: 2024-02-07]
Fundaçom Meendinho
Fonte: http://agal-gz.org/blogues/index.php/meendinho/ [consulta: 2024-02-16]
Videos
Galicia letra a letra. 1998: Martin Codax, Johan de Cangas e Meendinho
Fonte: Real Academia Galega
https://www.youtube.com/watch?v=Wt23gMnINqI [Consulta: 2024-02-08]
San Simón
Interpretación da cantiga de Meendinho. Música: Clara Pino e Pablo Vidal (Santa María a Nova, Noia, 2016)
Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=ibrN7cu81ec [consulta: 2024-02-20]
Sediame eu na ermida de San Simon
Cantiga de Meendinho con música do cantautor Xose Quintas Canella. Pertence ao seu álbum Porque no mundo mengou a verdade (1978). Interpreta: DOA (San Domingos de Bonaval, 2011)
Fonte: Doa. Música de Galicia
https://www.youtube.com/watch?v=pddDMYNtLv8 [consulta: 2024-02-20]
Ermida de São Simeão
Amália Rodrigues interpreta a cantiga de Meendinho (2012)
Fonte: Amália Rodrigues Official
https://www.youtube.com/watch?v=Q2NHoPY6IP8 [consulta: 2024-02-20]
Sedíame eu na illa de San Simón
Interpretación de Socorro Lira no traballo divulgativo-musical sobre as cantigas de amigo Cores do Atlántico. Reportaxe do programa Alalá, da Televisión de Galicia (2010).
Fonte: Estremonias
https://www.youtube.com/watch?v=aiQ7xhDvaiQ [consulta: 2024-03-04]