Celso Parada
Moaña (Pontevedra), 22/ 3/1958 - Vigo (Pontevedra), 3/8/2019Autoría: Ana Abad de Larriva
Recoñecido actor e director teatral, pioneiro na profesionalización da escena galega
Celso naceu en Moaña o 22 de marzo de 1958. Comezou a facer teatro xa de neno, nos seráns da festa do Catecismo, ao pé da igrexa de San Martiño. A súa afección pola arte dramática seguiría a medrar no Seminario Menor de Santiago de Compostela, ao que foi estudar aos 11 anos, onde viu actuar e coñeceu a Xosé Manuel Olveira, “Pico”, e onde sentiu a fascinación polo
elemento máxico do teatroda construción da posta en escena e comezou a participar na organización dos seráns de San Martiño. Moitas destas montaxes teatrais eran levadas despois a festivais benéficos que se realizaban no cinema Prado ou no cinema Veiga en Moaña, e en 1975 Celso puxo en escena neste último Unha vella ruximeira, amosando xa a súa habelencia para os monólogos.
Ese mesmo ano uniuse ao Ateneo de Moaña, para formar o seu Grupo de Teatro. Arrancaron con Os vellos non deben de namorarse, de Castelao, obra na que Celso actuaba e na que, cara ao remate da montaxe, tamén asumiu a dirección. Tamén dirixiu e actuou en Laio e clamor por Bretaña, baseado nun poema de Manuel María, en 1976, e ensaiaron unha montaxe de Morte accidental dun anarquista que non se chegaría a poñer en escena, aínda que el se resarciría diso máis de dúas décadas despois, montándoa profesionalmente. Neses anos Celso deixara o seminario e continuara os seus estudos de bacharelato en Cangas, no Instituto "María Soliño" de Rodeira, que viña de inaugurarse; onde tamén fixo teatro e onde, grazas á lectura de textos en galego e portugués, decidiu estudar despois a carreira de Filoloxía Galego-Portuguesa, na Universidade de Santiago, que comezou en 1977 e rematou en 1981. Mentres, xa que o Ateneo detivera o seu funcionamento, tentou poñer en marcha o Grupo de Teatro de Moaña, co que montou Falsa morte e certa morte de Estoraque o Indiano, de Eduardo Blanco Amor.
Dedicouse á docencia da lingua e literatura galegas, mantendo todo o tempo a súa conexión co teatro; dirixindo as mostras teatrais do Festival Intercéltico do Morrazo, e impulsando a formación e práctica escénica no eido do ensino medio. No ano 1988 dirixiu para a compañía canguesa Teatro de Ningures Ácido sulfúrico, de Alfonso Vallejo, unha peza na que tamén actuaba, nun momento en que Teatro de Ningures estaba no proceso de profesionalizarse, algo que acadarían ese mesmo ano con Ubu Rei, de Alfred Jarry, nunha montaxe dirixida por Etelvino Vázquez na que Sito tamén actuou. Un ano despois, en 1989, fundou, xunto á súa compañeira, Isabel Ávila, a compañía Teatro do Morcego, coa que poría en escena máis de trinta pezas, entre as que destacarían tanto os monólogos, nos que a interpretación de Celso brillaría especialmente, como tamén pezas de elencos grandes que serviron de acubillo e pulo a moitos e moitas profesionais do sector, e en moitas delas Celso asumiría tamén a dirección, ademais de actuar e facer labores de tradución e de dramaturxia.
Entre esas montaxes están Karkoteca, de Tadeusz Rozewicz, que dirixiu e da que formou parte do elenco, en 1990; o monólogo Misterio cómico, de Dario Fo, en 1991, na que actuou baixo a dirección de Júlio Cardoso; Doberman, de Antón Reixa, e dirixida por Quico Cadaval, en 1993, na que actuaba xunto a Carlos Blanco; o monólogo Os patios da memoria, de Ever Martín Blanchet, inspirada na obra Infantilismos, de Raymond Cousse, en 1995, baixo a dirección de Bernardo Galli; A incrible vida de Héctor Loureiro, baseada en textos de R. Bartis, Antón Reixa e Rosalía de Castro, e dirixida por Celso, que tamén formou parte do elenco, en 1997; o monólogo O Lazariño de Tormes, na versión de César Campodónico, adaptada ao galego e interpretada por Celso, con dirección del e de Andrés Pazos, en 1998; Morte accidental dun anarquista, de Dario Fo, baixo a dirección de Xoán Cejudo e na que Celso formou parte do elenco, en 1999; Os piratas - A branca rosa, de Damià Barbany e Santiago Sans, dirixida por el, no ano 2000; Os vellos non deben de namorarse, de Castelao, na montaxe dirixida por Celso en 2001, que contou con tres elencos que foron xirando por Galicia e Portugal; Momo, de Michael Ende, adaptada e dirixida por el en 2002; A gran ilusión, de Eduardo de Filippo, dirixida por el e na que tamén actuou, en 2003, nun elenco formado por 17 persoas; O caso da rúa Lourcine, de Eugêne Labiche, na que actuou baixo a dirección de Xoán Cejudo, en 2004; O circo enmeigado, de Rafael Dieste, adaptada e dirixida por el en 2005, e na que tamén actuaba; A farsa de Bululú, de Manuel María, que dirixiu e na que formou parte do elenco, ese mesmo ano; O burgués fidalgo, de Molière, que dirixiu en 2007 e na que tamén actuaba; O club da calceta, a partir da novela de María Reimóndez, nunha adaptación dirixida por Celso en 2008; Kvetch, de Steven Berkoff, en 2009, na que traballou como actor baixo a dirección de Álvaro Lavín; Saltimbanquis, unha adaptación de Celso do musical homónimo de Sergio Bardotti a partir dun conto dos Irmáns Grimm, en 2010; A Nona, de Roberto Cossa, adaptada e dirixida por Celso, tamén en 2010; American Café, de Mohamed Rouabh, adaptada por Henrique Harguindey e dirixida por Celso Parada, quen tamén formou parte do elenco, en 2011; o musical Fábulas: O rei e o xardineiro, en 2013, dirixida por el e enfocada ao público familiar; Diálogo de can co seu amo, de Jean-Marie Piemme, adaptada por Celso, quen actuaba con Mundo Villalustre; Presidente, con texto e dirección de José Prieto e protagonizada por Celso, en 2015; Nosa Señora das Nubes, de Arístides Vargas, adaptada e dirixida por Celso e na que tamén actuaba, en 2016, ou o monólogo House desaforado, de Daniel McIvor, dirixido por Kevin Orr, en 2017. As obras estaban moi vivas e algunhas seguía poñéndoas en escena e facéndoas evolucionar ao longo dos anos, especialmente os seus monólogos.
O seu gusto pola poesía levouno a realizar diferentes recitais poéticos, entre os que destacou Rapsodia Pimentel, en 1989. Teatro do Morcego tamén produciu en 2011 a peza para público familiar O Gato Manchado e a Andoriña Siñá, de Jorge Amado, con dirección de José Prieto, e na que Celso facía a voz en off. Un ano despois, e en coprodución co Teatro Circo de Braga, Teatro do Morcego puxo en escena A función do tequila, de Manuel Guede, dirixida por Antonio Simón. Ademais, alén da súa vinculación con Cangas, dende 2009 Teatro do Morcego foi compañía residente en Narón.
Con Produccións Teatrais do Sur, que xurdiu da unión de Teatro de Ningures, Tanxarina e Teatro do Morcego, participou como actor no Macbett, a versión de Eugéne Ionesco sobre a traxedia de William Shakespeare, dirixida por Júlio Cardoso, en 1994; e en Sempre Ubú, de Alfred Jarry, na versión de Celso e baixo a dirección de Etelvino Vázquez, en 1997. Actuou tamén en Vía Láctea, de Darío Xohán Cabana, na montaxe do Mago Antón, en 1993.
No Centro Dramático Galego (CDG) formou parte do elenco d’A cacatúa verde, de Arthur Schnitzler, na versión de Manuel Guede Oliva e Eduardo Alonso, e dirixida por este último, en 2001; d’O colaborador, de Friedrich Dürrenmatt, na versión e dirección de Manuel Guede Oliva, en 2002; e tamén dirixiu A comedia do Gurgullo, de Plauto, con versión súa, en 2003. Formou parte do elenco de Cantiga para já, de Jean-Pierre Sarrazac, nunha coprodución do CDG e a Companhia Teatral de Braga, en 2004; e n’O regreso ao deserto, de Bernard-Marie Koltès, baixo a dirección de Cristina Domínguez, en 2006. Un ano despois dirixiu Arte, de Yasmina Reza, para a compañía Fulano, Mengano e Citano.
Celso estudou un mestrado de especialización en Arte Dramática no curso 1999/2000 na Universidade de Santiago de Compostela e en 2005 cursou outro mestrado de guión para cinema e televisión na Universidade de Barcelona. Ao longo da súa carreira participou tamén en diferentes cursos de formación actoral con Ryzard Cieslak, Etelvino Vázquez, Victor Rotelli, Júlio Cardoso e Bernardo Galli, entre outros.
O seu medio preferido de actuación era o teatro (
Ante todo son un actor de teatro e amo por riba de todo o teatro, dicía), por consideralo
máis vivencialcó medio audiovisual, aínda que este tamén lle gustaba. Como actor de cinema participou en filmes como Huidos, de Sancho Gracia, en 1993; A lingua das bolboretas, de José Luis Cuerda, no ano 1998; O lapis do carpinteiro, de Antón Reixa, en 2003; O ano da carracha, de Jorge Coira, en 2005; Lola, de Miguel Hermoso, en 2007, ou A praia dos afogados, en 2015. Na televisión, participou en series como Pratos combinados, Mareas Vivas, ou Libro de familia, na que tivo unha especial participación, así como Pequeno hotel, El comisario, Quart, Aída, La que se avecina ou Fariña, ou miniseries como El solitario, entre outras. Celso tamén estivo á fronte de Escena Galega, a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas, nos seus comezos.
O seu traballo foi recoñecido en varias ocasións, recibindo o Premio Compostela ao mellor actor protagonista por Misterio cómico, en 1992; o Premio María Casares ao mellor texto adaptado polo Lazariño de Tormes, en 1998; o Xograr de Outono do FIOT de Carballo en 2005; ou o Premio Roberto Vidal Bolaño ao Mérito Teatral do Concello de Gondomar en 2006. Tamén recibiu o Premio Xiria ao Labor Teatral da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC), en 2008; así como o Premio Xohán de Cangas ao Labor Cultural, na categoría de artes escénicas, no ano 2013.
En xuño de 2019, a MITCFC acolleu a exposición Teatro do Morcego. 30 anos de luz na cova dos morcegos, que facía un percorrido pola historia da compañía a través de diferentes materiais documentais, inaugurada nun acto no que el tamén participou recitando. Celso faleceu o 3 de agosto de 2019, tras unha enfermidade durante a cal seguira dedicando tempo e agarimo ao teatro, con dignidade, xenerosidade e fondo amor pola escena, e montara e estreara Delicatessen en 2018, a partir de textos de Roland Topor, Eduardo de Filippo e Eduardo Galeano, que dirixiu e na que actuaba xunto a Tatán. Antes de marchar, deixara escrita a súa propia nota de despedida, na que, nunhas poucas liñas, quedaba recollida a súa esencia humana e artística:
Voume lixeiro con todo o saber do contador, meu pai Ventura e toda a alegría de miña nai Bernarda. Xa non mirarei aos ollos do espectador, nin a sentir a grande vertixe do actor nas táboas. Voume co inmenso pracer do traballo, o teatro como un océano..., facendo tamén un convite ao encontro e a seguir sorrindo.
En marzo de 2019 fora nomeado Académico de Honra pola Academia Galega de Teatro, que tamén lle fixo unha homenaxe póstuma no I Congreso Internacional do Teatro Galego, celebrado no ano 2020. O mesmo mes do seu falecemento, a dirección do Festival de Teatro Galego (Fetega) do Carballiño quixo renderlle homenaxe rebautizando a mostra como Festival de Teatro Galego Celso Parada. En 2020, Escena Galega nomeou a Teatro do Morcego socia de honra, de xeito póstumo. Ademais, no ano 2021 o Concello de Moaña dedicoulle a sala de actividades do Centro Sociocultural Daniel Castelao, onde ensaiara e interpretara varias obras, incluído o Misterio cómico, o 12 de xullo de 1991. Xa un ano antes lle puxeran o seu nome aos circuítos teatrais de Moaña.
Agradecementos
Moitas grazas a Isabel Ávila e a Casilda Alfaro por falarme de Sito e por abrirme os seus álbums fotográficos.
Bibliografía
«A AAAG amosa o seu pesar e admiración por Celso Parada, pioneiro da profesionalización teatral e gran referente para o conxunto do oficio escénico», na páxina web da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, AAAG, o 3 de agosto de 2019. Dispoñible en: https://aaag.gal/novas/364/celso-parada-aaag
«Celso Parada presenta no Carballiño Misterio cómico», no Diario Cultural da Radio Galega, o 3 de setembro de 2014. Dispoñible en: https://www.crtvg.es/rg/destacados/diario-cultural-diario-cultural-do-dia-03-09-2014-883208
«Faleceu Celso Parada, figura fundamental do teatro», na edición dixital da Erregueté, Revista Galega de Teatro, (3 de agosto de 2019). Dispoñible en: https://erreguete.gal/2019/08/03/faleceu-celso-parada-figura-fundamental-teatro/
Gantes, Rosa E.: «Reencontro Celso Parada», na edición dixital da Erregueté, Revista Galega de Teatro, (3 de agosto de 2021). Dispoñible en: https://erreguete.gal/2021/08/03/encontro-celso-parada-misterio-comico/
Insua, Emilio Xosé: «Na morte de Celso (Sito) Parada», na edición dixital do xornal Praza Pública, (5 de agosto de 2019). Dispoñible en: https://praza.gal/opinion/na-morte-de-celso-sito-parada
López, Belén: «Celso Parada: Eu sería un mal presidente
», na edición dixital do Diario de Pontevedra, (7 de outubro de 2015). Dispoñible en: https://www.diariodepontevedra.es/articulo/cultura/celso-parada-eu-seria-seguramente-un-mal-presidente/20151007020000285532.html
«O Fetega do Carballiño pasa a chamarse Festival de Teatro Galego Celso Parada», na edición dixital da Erregueté, Revista Galega de Teatro, (22 de agosto de 2019). Dispoñible en: https://erreguete.gal/2019/08/22/fetega-carballino-pasa-chamarse-festival-de-teatro-galego-celso-parada/
«O sector cultural despediu a Celso Parada como compañeiro e referente fundamental do teatro», na páxina web de Cultura Galega, (5 de agosto de 2019). Dispoñible en: http://culturagalega.gal/noticia.php?id=30153#
Sotelo, Vanesa: «Entrevista a Celso Parada: Escena Galega nace nun clima ilusionante de interlocución coa Administración
», na R.G.T., Revista Galega de Teatro, 47 (verán 2007), 85-87.
«Unha exposición celebra os 30 anos de Teatro do Morcego», na edición dixital da Erregueté, Revista Galega de Teatro, (28 de xuño de 2019). Dispoñible en: https://erreguete.gal/2019/06/28/unha-exposicion-celebra-os-30-anos-de-teatro-morcego/
Vieites, Manuel F. (coord.): Cento vinte e cinco anos de teatro en galego. Vigo: Xunta de Galicia e Editorial Galaxia, 2007.
Villaverde Román, Xosé Carlos: Celso Parada sempre en escena. Moaña: Agrupación Cultural Nós, 2021.
Xestoso, Manuel: «Misterio cómico», na edición dixital da Erregueté, Revista Galega de Teatro, (16 de setembro de 2014). Dispoñible en: https://erreguete.gal/2014/09/16/misterio-comico/
Como citar: Abad de Larriva, Ana : Celso Parada. Publicado o 12/7/2023 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=2910. Recuperado o 23/06/2025
DOCUMENTACIÓN DE
Poema de despedida de Celso Parada na súa necrolóxica, do 4 de agosto de 2019. Ver Documento. Poema
Fonte: Faro de Vigo
Presentación de Celso Parada para a edición d'A comedia do gurgullo de Plauto, na colección do Centro Dramático Galego. Ver Documento
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega.
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Celso Parada formou parte do elenco de Cantiga para já, de Jean-Pierre Sarrazac, nunha coprodución do CDG e a Companhia Teatral de Braga, en 2004. Ver Documento
«Cantiga para já de Jean-Pierre Sarrazac». En Centro Dramático Galego: 20 anos, 1984-2004. Santiago de Compostela: Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais IGAEM, 2004; 296.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega.
Ficha técnica d'A cacatúa verde, de Arthur Schnitzler, estreada o 2 de marzo de 2001 polo CDG. Ver Documento
«A cacatúa verde de Arthur Schnitzler». En Centro Dramático Galego: 20 anos, 1984-2004. Santiago de Compostela: Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais IGAEM, 2004; 264.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega.
Ficha técnica deHuidos, longametraxe na que participou como actor Celso Parada. Ver Documento
«Huidos». En Hueso Montón, A.L. e Folgar de la Calle, J.M.ª (dir.): Filmografía galega: Longametraxes de ficción. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 1998; 177-180.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega.
Celso Parada dirixiu A comedia do Gurgullo, de Plauto. Ver Documento
«A comedia do gurgullo de Plauto». En Centro Dramático Galego: 20 anos, 1984-2004. Santiago de Compostela: Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais IGAEM, 2004; 300.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Programa de man d'A comedia do gurgullo, proposta escénica de Celso Parada a partir de textos de Plauto. Ver Documento
Fonte: https://www.teatro.es/++resource++plonetheme.teatro.images/multimedia/prog/003093/003093-01.jpg_pdf.pdf [Descarga: 2023-07-10]
Ligazóns de interese
«Reencontro Celso Parada», artigo de Rosa E. Gantes na edición dixital da Erregueté, Revista Galega de Teatro, (3 de agosto de 2021).
Fonte: Erregueté, Revista Galega de Teatro
https://erreguete.gal/2021/08/03/encontro-celso-parada-misterio-comico/ [Consulta: 2023-07-11]
Celso Parada, sempre en escena, escrito por Xosé Carlos Villaverde Román e editado pola Agrupación Cultural Nós no ano 2021
Fonte: Concello de Moaña.
«Homenaxeamos a Celso Parada na colaboración semanal de Roberto Pascual» emitida no programa Diario Cultural da Radio Galega o 7 de agosto de 2019
Fonte: CRTVG.
http://www.crtvg.es/rg/destacados/diario-cultural-diario-cultural-do-dia-07-08-2019-4166299 [Consulta: 2023-07-11]
«Na morte de Celso (Sito) Parada», artigo de Emilio Xosé Insua na edición dixital do xornal Praza Pública, (5 de agosto de 2019)
Fonte: Praza Públicz
https://praza.gal/opinion/na-morte-de-celso-sito-parada [Consulta: 2023-07-11]
«Quen son? A cara b de Celso Parada», no programa Galicia por diante da Radio Galega, emitido o 2 de novembro de 2015
Fonte: CRTVG.
https://www.crtvg.es/rg/destacados/galicia-por-diante-galicia-por-diante-do-dia-02-11-2015-1552005 [Consulta: 2023-07-11]
Entrevista de Belén López a Celso Parada no Diario de Pontevedra (7 de outubro de 2015)
Fonte: Diario de Pontevedra
https://www.diariodepontevedra.es/articulo/cultura/celso-parada-eu-seria-seguramente-un-mal-presidente/20151007020000285532.html [Consulta: 2023-07-11]
Páxina web do Centro Dramático Galego
Fonte: http://centrodramatico.xunta.gal/cdg/
Páxina web da AAAG (Asociación de Actores e Actrices de Galicia)
Fonte: https://www.aaag.gal/
Capítulos da serie Libro de familia, na páxina web da CRTVG
Fonte: CRTVG. Accesible en http://www.crtvg.es/en-serie/as-nosas-series/libro-de-familia
Ficha de Celso Parada no Centro de Documentación de las Artes Escénicas y de la Música
Fonte: Centro de Documentación de las Artes Escénicas y de la Música.
https://www.teatro.es/profesionales/celso-parada-celso-parada-fernandez-4801 [Consulta: 2023-07-11]
Trailer de House desaforado, de Teatro do Morcego, de GF Studio
Fonte: Canle en Vimeo do GF/Studio, a través da AAAG.
Dispoñible en: https://aaag.gal/mariacasares/edicions/espectaculos/816/house-desaforado?locale=es_ES
Videos
Entrevista do FIOT de Carballo a Celso Parada sobre a peza Presidente, de Teatro do Morcego, no ano 2015.
Fonte: FIOT de Carballo
https://www.youtube.com/watch?v=pB7YHvUp7Qw&ab_channel=FIOTCarballo
Entrevista a Celso Parada tras a representación de House desaforado e a asistentes á representación. Equipo Saftas Erasmus + IES As Barxas
Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=kQeJv72Tyoc&ab_channel=SaftasBarxas