Aurelio Aguirre
Santiago de Compostela (A Coruña), 23/ 4/1833 - A Coruña, 30/7/1858Autoría: Xurxo Martínez González
O rebelde de Conxo. Romanticismo e liberdade en verso
Unha lenda acompañou a súa lembranza. Referímonos a ese
suicidio por amor, tan propio dos poetas do romanticismo, que se divulgou dende o mesmo día da súa fatídica morte. En realidade morrera por mor dun accidente na praia de Santo Amaro, na Coruña.
A traxectoria cultural, política e vital levouno a un posto cimeiro entre os poetas do século XIX. Mais ao deixarnos só obra en castelán (agás un anecdótico poema en galego), o seu nome relegouse amodiño a un recanto da nosa historia literaria. Porén, o protagonismo no Banquete de Conxo ou a relación habida con Rosalía de Castro recupérannolo para o presente.
Infancia e mocidade
Os apelidos de Aurelio revelan a ascendencia vasca. O pai, Ángel Aguirre Irulegui, nacera en Ubide (Biscaia) e a nai, Josefa Galarraga Echebeste, en Lezo (Guipúscoa). El foi o benxamín da familia, nado no número 4 da rúa do Vilar, en Santiago de Compostela.
Ángel, comerciante, sería vítima da Inquisición por motivo da súa ideoloxía liberal. Cando Aurelio cumpriu os catro anos quedou orfo de pai. A nai casaría en segundas nupcias cun xurisconsulto, de idénticas tendencias liberais e gusto pola cultura xeral. Segundo Carré Alvarellos
fue quien guió sus primeros pasos por el camino de las letras, y le infiltró las generosas ideas de libertad y de amor hacia sus semejantes(1954).
Cursou no colexio de San Xerome, en Compostela. Despois pasou á Universidade onde fixo Filosofía (1845-51). Á vez acudía á Escola de Debuxo da Real Sociedad de Amigos del País de Santiago de Compostela. Aquí trabou amizade con Nicolás Murguía, irmán do polígrafo nacionalista Manuel. Finalmente, en 1852 matriculouse en Xurisprudencia na USC.
O mes de
lume e ferro, abril de 1846, impactou nos ollos daquela mocidade. Precisamente, no décimo cabodano dos Mártires de Carral, o xornal vigués La Oliva (con Murguía á fronte da sección cultural sob protección da estirpe Chao) tributaríalles a primeira homenaxe pública. Neste número tan especial, Aurelio Aguirre dedicaríalles un poema de exaltación progresista.
Antón Villar Ponte recuperaría unhas palabras de Murguía:
El pobre Aurelio, que era un niño cuando el alzamiento de 1846, me contó una vez que produjera enorme impresión en su espíritu, quedando para siempre grabada en su memoria, la escena del tránsito por las rúas compostelanas, camino de Carral, del infortunado Solís y demás compañeros de tragedia. ¡Quien sabe si su fanático amor por la libertad tuvo entonces nacimiento!(El Pueblo Gallego, 1928).
A quinta de Aguirre (Xeración do 56), púxose á fronte das actividades de El Liceo de la Juventud, unha institución herdeira da Academia Literaria dos Faraldo, Romero Ortiz ou Añón. E tamén unha institución cargada de simbolismo pois fundouse no primeiro aniversario dos fusilamentos de Carral.
Neste ambiente Aguirre establece contacto estreito con Manuel Murguía, Luís Rodríguez Seoane, Eduardo Pondal, Rosalía de Castro… A relación con Rosalía derramaría moita tinta sobre o papel mais será despois cando nos deteñamos neste episodio.
O carácter vibrante da poesía de Aguirre, a súa capacidade para a improvisación (unha virtude para a estética romántica), a adhesión á causa da liberdade ou a expresión máis pura das emocións, deulle axiña un alcume: o Byron galego.
En Compostela souberon da actividade social de Aguirre. A súa presenza nos obradoiros de artesáns, declamando versos e lanzando proclamas progresistas, ou a súa docencia entre as prostitutas, ás que alfabetizaba fronte a rexoubes e desprezos, confirmaron que aquel rapaz posuía unhas calidades humanas pouco frecuentes. A sona gañouna a pulso e, ademais, contou coa admiración das camadas populares e do estudantado comprometido coa loita progresista.
Banquete de Conxo
A Revolución de 1854 levou a Espartero, líder do Partido Progresista, ao Goberno. Ía acompañado de O´Donell, do Partido Moderado, nunha alianza feble e con data de caducidade. Nestas circunstancias, ademais das posturas ultramontanas dos carlistas, álzase a voz do Partido Demócrata. Esta era a opción republicana fundada en 1849, á calor da revolución de París.
Sen chegar aos dous anos de vida deste Goberno Liberal (malchamado Bienio Progresista), a tensión entre ambas as forzas maioritarias resultaba incontrolable. O sector do
progresismo purosolicita un xiro cara á esquerda cun pacto co Partido Demócrata, e así poñer fin á relación con O´Donell et alii.
Neste xusto contexto situamos o Banquete de Conxo. É dicir, o acto pretendía ser unha demostración de forza pública republicana para enviar unha mensaxe aos progresistas de Galiza de que a alianza entre eles era o camiño certo.
En 1856 a lei non permitía organizar mitins. De aí que se valesen, por exemplo, dos banquetes para arrexuntar os adeptos e lanzar discursos políticos. Iso aconteceu na carballeira de Conxo o 2 de marzo de 1856. Este lugar foi felizmente recuperado durante o goberno de Martiño Noriega atendendo as chamadas dos colectivos locais e á proposta impresa en libro (Os últimos carballos do Banquete de Conxo) grazas a Henrique Alvarellos, gañando un pulmón verde a carón do Sar e un espazo de memoria rexurdimentista, con magnífico mosaico de Xosé Vizoso.
Baixo as palabras
Orden, Fraternidad, conviviron estudantes e artesáns. Ao remate, tres poetas lanzaron cadanseu brinde en formato de verso: Eduardo Pondal, Luís Rodríguez Seoane e Aurelio Aguirre. Os tres textos serían impresos e repartidos de xeito profuso. E os tres conserváronse deica os nosos días.
A tensión daquela xornada (que mobilizou as tropas e obrigou á xente a parapetarse nas casas ante o temor da algarabía) chegou ás salas do Pazo de Xelmírez. O arcebispo chamou a capítulo a Pondal e Aguirre. Sobre este caería a maior iniquidade. A razón fora definir a Xesús como fillo dun humilde carpinteiro, no canto de fillo de Deus.
A curia compostelá pediu o desterro ás Illas Marianas. O fiscal considerouno un castigo excesivo fronte á postura da Audiencia. Aguirre, tras conversa co arcebispo García Cuesta, publicaría unha tímida rectificación, ou acaso unha ambigua posición, cun poema titulado «A mis calumniadores», publicado en La Oliva de Vigo, o xornal onde máis publicou e non por casualidade.
Vigo: amor e compromiso
Tras a experiencia represora vivida en Compostela, Aguirre recibe o convite dos republicanos de Vigo para pasar unhas semanas con eles como forma de apoio. O verán de 1857 será decisivo para o seu curto porvir.
Durante os dous meses que residiu nesta urbe coñecerá o mar de preto, recibirá os azos dos camaradas (Eduardo e Alejandro Chao, Juan Compañel, José Ramón Fernández, Serafín Avendaño…), proseguirá coa publicación de poemas en El Miño (novo nome adoptado por La Oliva despois de ser censurada e pechada por orde gobernamental). Será este un tempo de gran produción literaria cun proxecto de libro sob título de Recuerdos de agosto (inédito até o ano 2013, cando sexa publicado por Alvarellos Editora), e atopará o seu amor máis profundo na rapaza Felisa Taboada. En carta a Manuel Murguía, o poeta resumía:
Vigo ha sido para mi un despertador de todo cuanto se apagaba en mi alma.
A morte
Apenas un ano despois de revivir, neste período estival á beira da ría de Vigo, atoparía a morte nun accidente fatal acaecido na Coruña.
No outono de 1857 Aurelio retorna a Compostela. Cartéase con Eduardo Ruiz Pons e Murguía para procurar un destino retribuído en Madrid. Non houbo tal.
Nestes meses a produción foi fecunda, como dixemos. Na primavera de 1858 sae do prelo a primeira parte dos Ensayos poéticos. Logo da morte, a xenerosa subscrición popular logrou a publicación íntegra, agás o prólogo de Murguía.
Felisa Taboada, a súa namorada, trasladouse no verán de 1858 á Coruña. Até alí foi Aguirre. O 29 de xullo, na praia de Santo Amaro, o poeta lanzouse ao mar con tan mala fortuna que impactou contra unha rocha que lle provocou un derrame cerebral e a morte.
A nova tivo un enorme impacto. O líder republicano Ruiz Pons púxose á fronte do traslado do corpo embalsamado a Compostela. Os estudante de El Liceo de la Juventud uníronse e os obreiros colaboraron. O reitor da USC, autoridades locais e outras personalidades congregáronse para recibir o cadaleito e enterralo en Bonaval. O nicho custeouno o estudantado universitario, como mostra pública de amor ao poeta morto. As crónicas dixeron que entre o silencio sepulcral alzouse un berro de dor. Era Felisa Taboada.
Rosalía de Castro e a Negra Sombra
Ninguén puido, deica agora, asegurar que é a
negra sombrade Rosalía: a figura do pai, a doenza, a soidade, o amor…
Este poema ten unha semellanza case perfecta cun poema escrito en 1857 por Aurelio Aguirre en Vigo. Referímonos ao titulado «El murmullo de las olas». Vexamos algúns versos:
A mis ojos apareces
Con la noche y con la aurora
Y a todas partes me sigues,
Solícita y cariñosa…
Y en todas partes me buscas,
Y en todas partes me nombras,
Y estás conmigo, si velo
Y si duermo, en mí reposas,
Y si suspiro, suspiras,
Y si triste lloro, lloras.
Aguirre dedicoulle un poema en vida a Rosalía e Rosalía dedicoulle un poema no álbum de homenaxe tras a súa morte. Ambos conviviron no espazo común da cultura e das letras galegas. Pero a semellanza entre os dous poemas tamén fixo pensar na figura de Aguirre como a do
amor idealizadoque Rosalía puido sentir, ou acaso fantasear sobre o que puido ser e non foi. Este misterio é o verdadeiro segredo de como a Negra sombra continúa a fascinarnos no presente.
Peche
A memoria de Aguirre perdurou. Por exemplo, o centro cultural de Conxo leva o seu nome ou as celebracións do Banquete sitúano como un dos protagonistas.
Durante a presentación do libro Recuerdos de agosto, de entre o público unha señora tomou a palabra. Ela lembraba como de cativa lle aprendían versos de Aguirre para practicar a memorización. Porque en Compostela o seu nome sobreviviu nas voces baixas.
No estudo introdutorio que escribiramos precisamente para Recuerdos de agosto, remataramos con estas palabras:
aínda hoxe non ten ningunha placa na casa natal. Mais, a forza dos libros e o empurre civil, conseguiron que dende 2014 unha placa lembre que alí naceu o home que brindou pola liberdade, para o futuro e para sempre.
Bibliografía
Aguirre, Aurelio (1858): Ensayos poéticos. Santiago de Compostela: M. Mirás.
Aguirre, Aurelio (2013): Recuerdos de agosto (obra poética, 1850-1858). Santiago de Compostela: Alvarellos Editora.
Alvarellos Casas, Henrique et al. (2000): Os últimos carballos de Conxo. Santiago de Compostela: Alvarellos Editora.
Domínguez Izquierdo, José (1859): Corona fúnebre a la memoria del distinguido poeta gallego Aurelio Aguirre Galarraga. Santiago de Compostela: Real Sociedad Económica de Amigos del País.
Murguía, Manuel (1886): Los precursores. A Coruña: Imprenta de La Voz de Galicia.
Como citar: Martínez González, Xurxo : Aurelio Aguirre. Publicado o 26/7/2023 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=31. Recuperado o 19/07/2025
DOCUMENTACIÓN DE
Poemas de Aurelio Aguirre no Álbum de la Caridad. Ver Documento. Poema
Álbum de la Caridad: Juegos Florales de La Coruña en 1861, seguido de un mosaico poético de nuestros vates gallegos contemporáneos / edición costeada por don José Pascual López Cortón, á cuyas expensas se celebraron dichos Juegos Florales. Coruña : [s.n.], 1862 (Imprenta del Hospicio Provincial à cargo de D. Mariano M. y Sancho)
Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/registro.do?id=5195 [Descarga: 2023-07-13]
Un dos primeiros poemas de Aurelio Aguirre, publicado en El Miño está dedicado a Manuel Murguía. Ver Documento. Poema
Aguirre, Aurelio: «A mi amigo el poeta D. M.M. Murguía: ¡Ánimo!», El Miño: periódico de Galicia, comercial, industrial, literario y de noticias, 45 (26 de setembro de 1857), 3-4.
Fonte: Real Academia Galega / Galiciana. Biblitoeca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/registro.do?id=3932 [Descarga: 2023-05-15]
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Artigo de Olivia Rodríguez e Xurxo Martínez sobre os primeiros poemas de Aguirre na prensa galega. Ver Documento. Artigo
Rodríguez González, O. e Martínez González, X.: «Os primeiros poemas de Aurelio Aguirre na prensa galega (1851)», Revista de Filología Románica, 33-1 (2016), 63-74.
Fonte: Revista de Filología Románica
http://dx.doi.org/10.5209/RFRM.55232 [Descarga: 2023-07-13]
Artigo de Lucía García Vega na revista Madrygal sobre Aurelio Aguirre. Ver Documento. Artigo
García Vega, Lucía: «Retrato del poeta Aurelio Aguirre Galarraga (1833-1858) en el 180 aniversario de su nacimiento», Madrygal, 16 (2013), 139-142.
Fonte: Universidad Complutense. Revista Madrygal
Bioblibliografía de Aurelio Aguirre na Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. Ver Documento. Artigo
Varela Jácome, Benito: «Aguirre Galarraga, Aurelio». En Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. II: aguiñ-anar. Lugo: El progreso, DL 2003; 3-4.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Aurelio Aguirre no Diccionario da Literatura Galega. Ver Documento
«Aguirre Galarraga, Aurelio». En Valavedra, Dolores (coord.): Diccionario da Literatura Galega. I: Autores. Vigo: Galaxia, 1995; 27-28.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega.
Fermín Bouza Brey lembra a Aurelio Aguirre, nun artigo publicado en La Noche, no centenario da súa morte. Ver Documento. Artigo
Bouza Brey, Fermín: «Gloria desventura de Aurelio Aguirre», La Noche: único diario de la tarde en Galicia, 11659 (29 de xullo de 1958), 4-8.
Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/registro.do?id=7180 [Descarga: 2023-05-15]
Couceiro Freijomil inclúe ao escritor Aurelio Aguirre no seu Diccionario bio-bibliográfico de escritores. Ver Documento
Couceiro Freijomil, Antonio: «Aguirre Galarraga, Aurelio». En Diccionario bio-bibliográfico de escritores. I: A-E. Santiago de Compostela: Bibliófilos Gallegos, 1951; 16-18.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Alfredo Vicenti escribe sobre a morte e o enterro de Aurelio Aguirre. Ver Documento. Artigo
Vicenti, Alfredo: «Panteón regional: Aurelio Aguirre», Galicia moderna, Pontevedra, 22 ( 15 de marzo de 1898), 10-12.
Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/registro.do?id=462375 [Descarga: 2023-05-15]
Capítulo dedicado a Aurelio Aguirre en Los precursores de Manuel Murguía. Ver Documento
«Aurelio Aguirres». En Murguía, Manuel: Los precursores. A Coruña: [s. n.], 1885. (Imprenta de la Voz de Galicia); 43-65.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega.
Lembranza literaria de Aurelio Aguirre en El Museo Universal. Ver Documento. Artigo
Dios de la Rada y Delgado, J.: «Poetas contemporáneos: Aurelio Aguirre», El Museo Universar, 4 (15 de febreiro de 1859), 4-5.
Fonte: Hemeroteca Digital. Biblioteca Nacional.
https://hemerotecadigital.bne.es/hd/es/card?sid=3284997
En la desgraciada muerte del joven poeta gallego Don Aurelio Aguirre Galarraga, por Camilo V. Feijoo. Orense : [s.n.], 1858 (Imprenta de Paz y H.). Ver Documento. Poema
Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/es/consulta/registro.do?control=BDG20100002223 [Descarga: 2023-05-12]
«Un libro de poemas de Aurelio Aguirre Galarraga», artigo publicado por María Jesús Fortes Alén no web do Museo de Pontevedra. Ver Documento. Artigo
Fonte: Museo de Pontevedra.
https://museo.depo.gal/documents/75239/141871/Aurelio_Aguirre_Galarraga_no_Museo.pdf [Consulta: 2023-07-19]
Ligazóns de interese
«Aurelio Aguirre por Otero Pedrayo», por Ramón Torrado en galiciaconfidencial.com, (18 de abril de 2022)
Fonte: http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/195646-aurelio-aguirre-otero-pedrayo [Consulta: 2023-05-12]
«O Banquete de Conxo, unha revolución “poética” en pleno século XIX», por José Luis Estévez. GCiencia: xornalismo + divulgación, (15 de abril de 2018)
Fonte: GCiencia.
https://www.gciencia.com/historias-gc/o-banquete-de-conxo-unha-revolucion-poetica-en-pleno-seculo-xix/ [Consulta: 2023-05-12]
O aniversario do Banquete de Conxo no web da Real Academia Galega
Fonte: Real Academia Galega.
https://academia.gal/-/aniversario-do-banquete-de-conxo [Consulta: 2023-05-15]
Noticia da publicación de Poemas de agosto de Aruelio Aguirre, en culturagalega.gal
Fonte: Consello da Cultura Galega / culturagalega.gal
http://culturagalega.gal/noticia.php?id=23901&soportal=lg3 [Consulta: 2023-05-15]
«¿Quién fue en realidad Aurelio Aguirre?», artigo de José Antonio Durán publicado en La Cueva de Zaratustra. Un rincón abierto al Libre-Pensamiento, (6 de outubro de 2013)
Fonte: https://www.tallerediciones.com/quien-fue-en-realidad-aurelio-aguirre/ [Consulta: 2023-05-12]
Poesias selectas / Aurelio Aguirre; con un prólogo del excmo. Sr. D. Leandro Saralegui y Medina. La Coruña : Andrés Martinez, 1901 (tipografía de la Casa de Misericordia)
Fonte: Biblioteca Digital Hispánica. Biblioteca Nacional.
http://bdh-rd.bne.es/viewer.vm?id=0000246629&page=1 [Consulta: 2023-05-12]
Acceso en liña ao expediente académico (1845-1858) de Aurelio Aguirre no Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela (AHUS)
Fonte: Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela.
https://arquivo.usc.es/ahus2/showImagenes/1293827/#inline_content [Consulta: 2023-07-13]
«Un libro de poemas de Aurelio Aguirre Galarraga», por María Jesús Fortes Alén
Fonte: Museo de Pontevedra.
https://museo.depo.gal/documents/75239/141871/Aurelio_Aguirre_Galarraga_no_Museo.pdf. [Consulta: 2023-05-12]
O banquete de Conxo na Galipedia
Fonte: https://gl.wikipedia.org/wiki/Banquete_de_Conxo [Consulta: 2023-05-15]
Aurelio Aguirre en Galiciana. BIblioteca Dixital de Galicia
Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
Aurelio Aguirre no Arquivo da Real Academia Galega
Fonte: Real Academia Galega / Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
Artigo sobre o aniversario do Banquete de Conxo na páxina web da Real Academia Galega
Fonte: Real Academia Galega.
https://academia.gal/-/aniversario-do-banquete-de-conxo [Consulta: 2023-07-20]
Videos
Presentación do libro Recuerdos de Agosto no Ateneo de Santiago, o 10 de marzo de 2014
Fonte: Ateneo de Santiago.
https://www.youtube.com/watch?v=O86LdIP58XE&ab_channel=AteneodeSantiago
Festa do Banquete de Conxo. 2022
Fonte: Concello de Santiago de Compostela.
https://www.youtube.com/watch?v=oTXCSDrYKxQ&ab_channel=CONCELLODESANTIAGODECOMPOSTELA [Consulta: 2023-07-10]
Orde e fraternidade. Historia do Banquete de Conxo
Fonte: Nós Televisión.
https://www.youtube.com/watch?v=VxsVWQu-c1Q&ab_channel=N%C3%B3sTelevisi%C3%B3n [Consulta: 2023-07-10]
Publicacións periódicas
Follas Novas (1897-1908) .
Semanario Gallego
1905: Semanario científico, literario y defensor de la colonia gallega