Johan de Cangas
O Morrazo, - sec. XIII-XIV,Autoría: Xosé Bieito Arias Freixedo
(Des)encontro á beira do mar. O santuario como lugar ideal para a cita amorosa
A pesar de non coñecermos datos certos sobre a vida deste autor, o nome Johan de Cangas, con que aparece nos cancioneiros medievais, permite deducir que era natural desa vila da península do Morrazo. As tres cantigas que del nos foron transmitidas fan referencia á ermida de San Mamede do mar, un pequeno santuario coñecido hoxe como San Amedio, localizado no lugar de Bon de Arriba, na parroquia de Beluso, no concello de Bueu e moi perto de Cangas. É probábel, pois, que o xograr e compositor desenvolvese a súa actividade artística na área suroccidental de Galicia.
A obra que del nos chegou, constituída por tres cantigas da modalidade de santuario ou de romaría, aparece nos cancioneiros formando parte do corpus poético dun grupo compacto de xograres de orixe galega. A naturalidade galega dos autores dese grupo, así como a súa condición xograresca, fan que a crítica especializada considere que existiu unha compilación de cantigas de xograres galegos, un hipotético Cancioneiro de xograres galegos, que sería incorporado tardiamente á tradición manuscrita xeral. Por outro lado, o importante número de xograres que compuxeron cantigas de santuario onde se alude a diversas ermidas da área suroccidental de Galicia foi apuntado como indicio da posíbel existencia dunha colectánea onde se recollerían só esta modalidade de composicións destes autores, talvez promovida polo importante nobre pontevedrés Paio Gomez Charinho, tamén el trobador.
As tres cantigas de Johan de Cangas, que teñen como tema común a cita dos namorados no espazo da ermida de San Mamede, poden lerse como unha breve serie: na primeira, En San Momed’, u sabedes (B 1267, V 873 / UC 1284=Tav. 65, 2) a moza pídelle á nai, suplícalle mesmo, que a deixe ir encontrarse alí co amigo, que lle mandou recado; na segunda, Fui eu, madr’, a San Momed’u me cuidei (B 1268, V 874 / UC 1285 = Tav. 65, 3) a moza dille á nai que o amigo non acudiu á cita no santuario e teme ser ela a causante da ruptura amorosa, porque nunca lle concedeu o ben por el desexado (por mi se perdeu, que nunca lhe fiz ben); na terceira, Amigo, se mi gran ben queredes, (B 1269, V 875 / UC 1286 = Tav. 65, 1) a moza proponlle ao amigo un novo encontro na ermida de San Mamede e pídelle que esta vez non lle minta. Neste último texto é digna de salientar a identificación que a voz poética feminina fai do santuario relixioso como o lugar idóneo para o encontro amoroso: id’u ajades comigo lezer (UC 1286, v. 5).
Cantigas de santuario
Como xa se viu, o motivo común ás cantigas de santuario –as tradicionalmente coñecidas como cantigas de romaría– é a cita amorosa xunto a un santuario relativamente afastado, polo xeral unha ermida. A compoñente erótica deste motivo pode parecer contraditoria co carácter sagrado do lugar escollido para o encontro, mais non o será tanto se consideramos que moitos destes pequenos templos cristiáns foron construídos en lugares onde desde tempos ancestrais se viñan realizando ritos pagáns propiciatorios da fecundidade, nos cales o elemento sexual xogaba, con certeza, un rol importante. Segundo se pode deducir das disposicións eclesiásticas tendentes a prohibir certos ritos pagáns, emitidas xa desde a alta Idade Media e reiteradas ao longo de séculos, o proceso de cristianización demorou moito e algúns deses ritos chegaron mesmo aos nosos días. O baño de fecundidade nas ondas do mar da Lanzada, entre outros, é talvez o caso máis representativo. Sen dúbida, pois, na relixiosidade sincrética medieval tardía pervivían aínda algunhas reminiscencias dos tempos pagáns, polo que non debe estrañar que o santuario, que era daquela e aínda é lugar de socialización da poboación espallada, se identifique como o lugar idóneo para a cita dos namorados. Téñase en conta tamén que o propósito de ir facer oración ao templo é un excelente pretexto para abrandar as reticencias familiares.
Son varias e diversas as hipóteses formuladas pola crítica sobre a funcionalidade das cantigas de santuario: recreaban, en certa medida, algún tipo de manifestación folclórica musical asociada a este tipo de festividades? Tiñan unha finalidade propagandística, de captación de fieis para o santuario en cuestión? Era o propio xograr quen, nomeando un único santuario, procuraba aumentar a afluencia dos fieis, dos cales se sustentaba? A alusión a un único santuario concreto era unha forma de “asinar” ou de reivindicar a autoría da cantiga? Talvez a resposta sexa unha combinación, en maior ou menor dose, de todas estas hipóteses. En todo caso, a ausencia de referencias ao poder taumatúrxico do santo ou santa venerado no santuario –o que si acontecía na literatura de milagres, claramente propagandística– indicaría que a chamada ao santuario non sería tanto de carácter relixioso, senón máis ben lúdico e festivo.
No caso de Johan de Cangas parece claro desde a primeira cantiga da serie que a finalidade relixiosa da ida ao santuario, de a haber, é totalmente secundaria. Como se dixo, o santuario identifícase explicitamente como o lugar idóneo para o encontro amoroso dos mozos, como se estivese institucionalizado como tal pola convención social e a tradición.
Pervivencia de Johan de Cangas
Johan de Cangas foi homenaxeado, xunto con Martin Codax e Meendinho, no Día das Letras Galegas de 1998, dedicado ese ano aos Trobadores da ría de Vigo. Con motivo desta homenaxe, alén de diversos materiais didácticos e divulgativos, foron publicadas varias edicións individuais e colectivas destes autores, e realizouse na illa de San Simón o Congreso Internacional O mar das cantigas, que congregou importantes medievalistas de todo o mundo.
O onomástico Xoán de Cangas dá nome a rúas de varias cidades ou vilas galegas, como Vigo, Arteixo, Narón ou Cangas.
Bibliografía
Airas Freixedo, Xosé Bieito (1998): As cantigas de Johan de Cangas. Edición crítica e notas. Vigo: Universidade de Vigo.
Brea, Mercedes (1998): Martín Codax, Mendiño e Johán de Cangas. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.
Brea, Mercedes; Lorenzo, Pilar (1995): A cantiga de amigo. Vigo: Edicións Xerais.
Cohen, Rip (2003): 500 Cantigas d’Amigo. Edição crítica / Critical edition. Porto: Campo das Letras, 502-504.
Congreso O Mar das Cantigas (1997). Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.
Correia, Ângela (1993): «Sobre a especificidade da cantiga de romaria», Revista da Biblioteca Nacional, Série 2, vol. 8 (2), 7-22.
Flitter, Derek W.; Obber de Baubeta, Patricia (eds.) (1998): Ondas do Mar de Vigo. Actas do Simposio Internacional sobre a Lírica Medieval Galego-Portuguesa. Birmingham: Seminario de Estudios Galegos, Department of Hispanic Studies, The University of Birmingham.
Guiadanes, Antonio et al. (1998): Cantigas do mar de Vigo. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.
Lorenzo, Ramón (1993): «Johan de Cangas». En Lanciani, Giulia e Tavani, Giuseppe (coords.), Dicionário da Literatura Medieval Galega e Portuguesa. Lisboa: Caminho, 344-345.
Monteagudo, Henrique (1997): «Cantores de santuario, cantares de romaría». En Congreso "O mar das cantigas". Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 99-127.
Monteagudo, Henrique; Pozo, Luz; Alonso Montero, Xesús (1998): Tres poetas medievais da ría de Vigo. Martín Codax, Mendiño e Xohán de Cangas. Vigo: Editorial Galaxia.
Resende de Oliveira, António (1994): Depois do espectáculo trovadoresco. A estrutura dos cancioneiros penisulares e as recolhas dos séculos XIII e XIV. Lisboa: Ed. Colibri.
Souto Cabo, José António (2017): «Martim Codax e o fenómeno jogralesco na Galiza sul-ocidental». En Rodríguez Guerra, Alexandre e Arias Freixedo, Xosé Bieito (eds.), The Vindel Parchment and Martin Codax / O Pergamiño Vindel e Martin Codax. Amsterdam/Philadelphia: John Benjamins Publishing Company, 83-101
Como citar: Arias Freixedo, Xosé Bieito : Johan de Cangas. Publicado o 7/5/2024 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=34912. Recuperado o 16/05/2025
DOCUMENTACIÓN DE
Cantigas de Johan de Cangas no Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Portugal (B). Ver Documento
fol. 267 v; fol. 268 r
Fonte: Projeto Littera
https://cantigas.fcsh.unl.pt/cancioneiro.asp?imgc=B_570_267v&cdcanc=2 [descarga: 2024-02-20]
Cantigas de Johan de Cangas no Cancioneiro da Vaticana (V). Ver Documento
fol. 138 r
Fonte: Projeto Littera
https://cantigas.fcsh.unl.pt/cancioneiro.asp?imgc=V_284_138&cdcanc=4 [descarga: 2024-02-20]
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Johan de Cangas e o seu tempo. Ver Documento
Folleto das xornadas realizadas polo Concello de Cangas entre o 9 de maio e o 8 de xuño de 2018
Programa de No bico un cantar 2016. Nenas e nenos cantan aos trobadores. Ver Documento
Fonte: Consello da Cultura Galega
Ligazóns de interese
BiRMED: Bibliografía de Referencia do Arquivo Galicia Medieval
Base de datos bibliográfica especializada na literatura medieval galego-portuguesa
Fonte: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades
https://bernal.cirp.gal/ords/bib/r/birmed3/inicio [Consulta: 2024-02-07]
Universo Cantigas. Johan de Cangas
Edición crítica dixital da poesía medieval galego-portuguesa
Fonte:https://universocantigas.gal/ [Consulta: 2024-01-25]
MEdDB: Base de datos da Lírica Profana Galego-Portuguesa
Base de datos da Lírica Profana Galego-Portuguesa
Fonte: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades
https://bernal.cirp.gal/ords/f?p=129:2:::::: [Consulta: 2024-02-07]
Descobre a Johan de Cangas, o outro gran xograr da ría de Vigo
Fonte: Historia de Galicia
https://historiadegalicia.gal/2018/06/descobre-a-johan-de-cangas-o-outro-gran-xograr-da-ria-de-vigo/ [Consulta: 2024-02-27]
De Roma ata Lixboa: estudos sobre os cancioneiros galego-portugueses
Fonte: Real Academia Galega
https://publicacions.academia.gal/index.php/rag/catalog/book/314 [Consulta: 2024-02-07]
Páxina sobre os trobadores da ría de Vigo na web da Real Academia Galega
Fonte: https://academia.gal/letras-galegas/1998/trobadores-ria-vigo [Consulta: 2024-01-25]
Cantigas do Mar de Vigo
Edición crítica do equipo de investigación de Lírica Profana Galego- Portuguesa do Centro Ramón Piñeiro
Fonte: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades
https://www.cirp.es/publicacions/pub-0035.html [Consulta: 2024-02-01]
Páxina da Deputación de Pontevedra dedicada aos trobadores da ría de Vigo con motivo do Día das Letras Galegas
Fonte: https://www.depo.gal/-/letras-galegas-trobadores-da-ria-de-vigo [Consulta: 2024-01-25]
Homenaxe ós tres poetas medievais da Ría de Vigo: Martín Codax. Mendiño, Johán de Cangas
Volume con distintas edicións da obra dos tres trobadores da ría de Vigo e compilación de estudos sobre estes. Edición literaria de Xesús Alonso Montero
Fonte: Real Academia Galega
https://publicacions.academia.gal/index.php/rag/catalog/book/141 [Consulta: 2024-02-01]
Biografía de Johan de Cangas
Vídeo co perfil biográfico de Johan de Cangas, un dos trobadores da ría de Vigo homenaxeados no Día das Letras Galegas do ano 1998
Fonte: Televisión de Galicia
https://pasouoquepasou.crtvg.gal/content/biografia-de-johan-de-cangas [Consulta: 2024-03-04]
Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Portugal (B)
Fonte: Europeana
https://www.europeana.eu/pt/item/782/object_BNDPL_COD_10991___2X0VTY5 [Consulta: 2024-02-19]
Projeto Littera. Cantigas Medievais Galego-Portuguesas
Fonte: Instituto de Estudos Medievais da Faculdade de Ciências Sociais e Humanas da Universidade Nova de Lisboa
https://cantigas.fcsh.unl.pt/apresentacao.asp [Consulta: 2024-02-07]
Videos
Galicia letra a letra. 1998: Martin Codax, Johan de Cangas e Meendinho
Fonte: Real Academia Galega
https://www.youtube.com/watch?v=Wt23gMnINqI [Consulta: 2024-02-08]