Xosé Manuel López Gómez, Ardeiro
Logrosa (Negreira, A Coruña), 15/ 6/1944 - Ferrol (A Coruña), 21/12/2007
Autoría: Xosé Amancio Liñares Giraut
Poeta galeguista e activista cultural
Eu fun un auténtico neno proletario (...) nunha casa con moitas carencias, deixou escrito. Estivo casado con María Pena Ruso e dese matrimonio, celebrado o 20 de maio de 1972, naceron os seus fillos José Manuel e Alexis. Escritor de formación autodidacta chegaría a recibir varios premios literarios, publicou sete libros de poemas e traballos en prosa. “Pepe Ardeiro” ou “O Ardeiro” son os nomes habituais cos que se recoñeceu entre as súas amizades e veciñanza.
Foi membro fundador da Sociedade Cultural Afonso Eanes no ano 1976 e formou parte da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Participou en variadas actividades sociais e culturais, na política da esquerda nacionalista –exerceu como concelleiro de Esquerda Galega en Negreira en 1983, encargándose da área de cultura–, presidiu a ANPA do Colexio Público negreirés e pertenceu á xunta directiva da Asociación para a solidariedade Alén Mar (ONG, comarca de Barcala) –da que foi secretario–, así como ao orfeón Terra a Nosa, de Compostela. Concedéuselle a Medalla de Ouro do Concello de Negreira en 2002. Foron grandes afeccións súas a literatura, o cine e a música.
Grazas a unha xira de concertos do amentado orfeón por América (1991) puido actuar con esta agrupación coral en auditorios emblemáticos de varias capitais suramericanas. As súas viaxes a Portugal, Alemaña, México e Praga deixaron pouso na súa vida, e así se reflectiu en varias das súas composicións poéticas. Dende a década de 1990 mantivo outra paixón vital: Cuba e a cidade da Habana, que visitou en varias ocasións e que tamén marcou a súa traxectoria biobibliográfica. Tampouco se pode esquecer na personalidade de Pepe Ardeiro o seu amor polos viños, alcois varios, as estadías e as cantareas nas tabernas, a charla e festas coas amizades, a bohemia, o compromiso solidario, a vida nocturna... Así mesmo, é de salientar que Ardeiro exerceu de
padriñoliterario do colectivo poético feminino e xuvenil Novas Verbas, colaborando na edición do seu libro intitulado Cando as luces rebentan o silencio (2003).
Un cancro foi crebando a saúde de Pepe Ardeiro e faleceu na cidade de Ferrol o 21 de decembro de 2007, a onde se desprazara co seu amigo de Logrosa Pepe Ponte Far para coñecer e escoitar ao poeta asturiano-leonés, Antonio Gamoneda. Foi inhumado no cemiterio parroquial de Logrosa, e na súa campa pódese ler un epitafio que insire versos seus:
Galego e poeta. 'Tan só uns intres, non o dubides, / serán tan só uns intres, / e logo será o reino, o templo de ánfora e xazmín, / a plenitude'.
O Concello de Negreira asignoulle o seu nome a unha rúa da vila, no marco dunha homenaxe póstuma da veciñanza, celebrada na Casa da Cultura negreiresa o 15 de maio de 2008, que incluíu un concerto do orfeón Terra a Nosa. Alí tamén se presentou un documental con realización e guión de Alberto Lema, titulado As voces do poeta. Homenaxe a Ardeiro, no que participaron un grupo de familiares e amizades. Amais, o seu Concello natal está a convocar un certame poético anual, de ámbito galego, na súa memoria (XIII edición, ano 2024).
Pola calidade de tres das súas obras recibiu premios literarios. O primeiro libro de poemas, Na néboa dunha espranza (1981), acadou o galardón Cidade de Ourense (Concello de Ourense, 1981). En bela sombra e amaranto (1985) recibiu o premio Celso Emilio Ferreiro (Concello de Vigo, 1985) e o poemario O matiz esmeralda da sombra (1991) erguérase como gañador no certame Eusebio Lorenzo Baleirón (Concello de Dodro, 1988). Os outros libros seus levan como títulos Sombras e outras presencias (1992), Un xardín no tempo (2001) e Versos de ausencia e desagravio (2005). Aínda que viron a luz postumamente, débese facer referencia a dúas obras máis. Noemí Álvarez, María Rey e Suso Sambade deron a coñecer en 2008 o libro As douradas sílabas de X. M. López Ardeiro, centrado nas súas vivencias persoais e literarias, a través dunha restra de conversas co autor. E en 2010 publicouse outra edición póstuma, preparada neste caso por Xosé A. Ponte Far, con outros textos poéticos de Pepe Ardeiro: Un tempo de amor e de voces na diáspora.
Colaborou nos volumes Coroa Poética para Castelao, de Xesús Alonso Montero; Negreira na guerra do 36, Arredor do Centenario de Rosalía (1985), O centenario de Castelao na lembranza (1986), Feiraco e o Val de Barcala, Un camiño de progreso, Maruxa na Casa Museo de Rosalía e Vinte anos trobando coa cultura. Afonso Eanes, 1976 –1996, de X. Amancio Liñares Giraut; e Valle-Inclán, o que non fenece, de Xosé Barreiro Luaña.
Escribiu nas revistas Ateneo Ferrolán, Concepción Arenal, Ferrol Análise, Dorna, 24 follas, no Boletín Afonso Eans, nas publicacións da Asociación de Veciños A Barcalesa, na revista conmemorativa do Centenario da Unión Barcalesa da Habana (2007) e na prensa galega (La Voz de Galicia, El Correo Gallego); e especialmente no semanario barcalés O Norte, no cal levou un tempo a sección «Sempre haberá poesía». Amais, fican aínda inéditos algúns dos seus textos, en verso e prosa.
Dos seus trazos vitais e da súa obra literaria fixeron referencias en prólogos, xornais ou revistas autores como Xosé A. Ponte, Amancio Liñares, Avelino Abuín de Tembra, Luis Alonso Girgado, Luísa Villalta, Xulio L. Valcárcel, Román Raña, Helena Villar, Antonio Puentes, Noemí Álvarez, María Rey, Suso Sambade, Emilio Forján, Marcos Manteiga, Avelino Pousa Antelo, Xoán Xosé Fernández Abella, David Otero, Vicente Araguas ou Manuel Álvarez Torneiro.
As achegas da obra poética de Pepe Ardeiro
Tense escrito que a súa poesía presenta como trazos esenciais o intimismo, o compromiso social e patriótico, as viaxes, as lembranzas familiares e da terra matricial, as evocacións aos grandes poetas, a recreación da paisaxe, a soidade, o amor e desamor...
Francisco Fernández del Riego apunta no seu Diccionario de escritores en lingua galega (1990) que
o autor tense declarado como poeta intimista. Os redactores do Diccionario da Literatura Galega (1995) engaden que
na súa poesía destacan o intimismo, a apropiación subxectiva da paisaxe e a omnipresenza temática da soidade e do amor, sen por iso renunciar a pór de manifesto certas inquedanzas sociais e patrióticas.
Outras consideracións e análises sobre a personalidade do Ardeiro e a súa obra recóllense nos limiares que preceden ás edicións dos distintos libros publicados por este bardo barcalés. De seguido, compendiamos algúns exemplos.
Autenticidade e sinxeleza ó servizo de cada poema. A expresión suave ó servizo da autenticidade do sentimento. E a preocupación social polo entorno, así como o desacougo espiritual do propio poeta, son as columnas sobor das que se artella este pequeno, pero xeitoso e ben logrado, edificio de creación, traballado cunha lingua rica e fresca que vén a darlle harmonía e unidade á obra(Xosé A. Ponte Far, no limiar de Na néboa dunha espranza, 1981).
El, bardo que se ten definido a si mesmo coma 'exasperadamente calmo', recréase en paraxes ás veces máxicas e oníricas cando deseña versos. (...). Aínda é mester salientar outros trazos inherentes á personalidade deste lírico comprometido: é autodidacta, tan fabulador coma Cunqueiro, posúe o segredo do humor e mais a simpatía pavera na acepción que lle daban os gregos clásicos, porque manifesta unha comunidade de sentimentos. (...). Neste segundo libro seu, dotado de máis paisaxe anímica ca xeográfica, no que se revela un exquisito axuste da palabra ó ritmo, hai recursos, temática e linguaxe que veñen perfeccionando sucos abertos co poemario que gañara o premio Cidade de Ourense no 1981(X. Amancio Liñares Giraut, no limiar de En bela sombra e amaranto, 1985).
Ardeiro ten máis amigos que habitantes nas umbras entre o Tambre e o Xallas. Ardeiro conquista, día a día, unha fronteira nova na arte de destilar palabras, voces, sentimentos, pero sempre entre unha fragante e musical impresión. López Gómez leva o Tambre nos ollos. (...). ¡A sombra frente á orquídea, sinónimo de fulgor! ¿Decadentismo simbolista? ¿Neomodernismo trasnoitado? O gusto polos calificativos aromáticos, hedónicos, sensibles, constitúe o excelente recurso léxico de Ardeiro. Os desprazamentos de calificativos, as sinestesias, as prosopopeias, as hipérboles, o xogo de soños e nostalxias, a melodía das lembranzas, os silencios acesos, o atinado emprego de metáforas antropomórficas, son acertos afortunados do poeta(Avelino Abuín de Tembra, no limiar de O matiz esmeralda da sombra, 1991).
A procura da patria agardada (unha Galicia ideal), a creación de paisaxes anímicas e oníricas, a homenaxe a benqueridos poetas galegos, a temática da soidade e do amor, da desesperanza e a liberdade, a fervenza e riqueza da palabra poética, a transmisión ó lector da palpitación emotiva do seu espírito son algunhas das peculiaridades desta poesía(Luís Alonso Girgado, na presentación de Sombras e outras presencias, 1992).
Un xardín no tempo oferece unha mostra de vida vivida poeticamente, isto é, en construción: construción do espacio e construción do tempo para fundir estas dúas dimensións na testemuña de que é posíbel habitar un pouco máis alá, no edificio tan asequíbel como arriscado da poesía(Luísa Villalta, no prólogo de Un xardín no tempo, 2001).
Ardeiro oficia de argonauta, lévanos da súa man e da súa voz por ensoñacións suxerentes, por ambientes cálidos e balsámicos nos que sen embargo é doado apreciar a marca dourida da couza, ese pequeno buraquiño escuro, esa espiña ferinte que lacera a alma do poeta como un calafrío ardente. (...). Canto á cuestión formal, os poemas son longos e ben afinados, non faltan as estrofas clásicas (...). Ardeiro non lle ten medo á composición, ergue a arquitectura verbal con habelencia demorada, construíndo palabra a palabra este edificio de amor e de dor que, malia ter o espírito ferido da morte, (como el di), por virtude da maxia poética e da nobreza do sentimento, reconverte a morte en vida, a beleza en desamparo(Xulio L. Valcárcel, prólogo de Versos de ausencia e desagravio, 2005).
O libro ten dúas partes diferenciadas (...): a primeira ten un contido fundamentalmente amoroso; a segunda, é unha homenaxe a á emigración galega en América (...). A modo de eixo separador, pero tamén vertebrador, sitúanse sete poemas 'tocados da esencia de Khalil Gibran', un poeta e pensador libanés, moi apreciado por Ardeiro(Xosé A. Ponte Far, limiar de Un tempo de amor e de voces na diáspora, 2010 -obra póstuma-).
Xa tamén conformando un volume editado despois do seu falecemento, Noemí Álvarez, María Rey e Suso Sambade ofrécennos en 2008 un retrato máis completo do autor de Logrosa, coa publicación de As douradas sílabas de X. M. López Ardeiro. Trátase dun libro redactado a partir de moitas horas de conversas, que afondan na súa biografía, opinións, ideais, viaxes... xunto con diseccións do seu corpus poético, a inclusión de testemuños de persoas amigas e dunha escolma dos seus versos.
Obra de Xosé M. López Gómez,
Ardeiro
Poesía
Na néboa dunha espranza. Ourense: Limbo, 1981.
En bela sombra e amaranto. Salamanca: Algalia, 1985.
O matiz esmeralda da sombra. Sada (A Coruña): Ediciós do Castro, 1991.
Sombras e outras presencias. Santiago de Compostela: El Correo Gallego, 1992.
Un xardín no tempo. Santa Comba (A Coruña): tresCtres, 2001.
Versos de ausencia e desagravio. Culleredo ( A Coruña): Espiral Maior, 2005.
Un tempo de amor e de voces na diáspora. Culleredo (A Coruña): Espiral Maior, 2010.
Participación en obras colectivas
Coroa poética para Castelao. Edición de Xesús Alonso Montero, 1988.
Negreira na guerra do 36. Edición de Amancio Liñares, 1993.
Arredor do Centenario de Rosalía, 1985. Edición de Amancio Liñares, 1995.
Feiraco e o Val de Barcala. Un camiño de progreso. Edición de Amancio Liñares, 1995.
O centenario de Castelao na lembranza, 1986. Edición de Amancio Liñares, 1997.
Vinte anos trobando coa cultura. Afonso Eanes, 1976 –1996. Edición de Amancio Liñares, 1997.
Maruxa na Casa-Museo de Rosalía. Edición de Amancio Liñares e Gonzalo Rey, 1999.
Valle–Inclán, o que non fenece. Edición de Xosé Barreiro Luaña, 1999.
Cando as luces rebentan o silencio. Edición do colectivo poético Novas Verbas, 2003.
Bibliografía
Álvarez, Noemí. María Rey e Suso Sambade (27/12/200/): «Na morte de Ardeiro», Galicia Hoxe.
Álvarez, Noemí. María Rey e Suso Sambade (2007): «X. M. López Gómez, Ardeiro», Grial: revista galega de cultura, 174 (abril, maio, xuño), 9-10.
Álvarez, Noemí. María Rey e Suso Sambade (2008): As douradas sílabas de X. M. López Ardeiro. Noia (A Coruña): Toxosoutos.
Álvarez, Noemí. María Rey e Suso Sambade (2010): «Ardeiro», A Trabe de ouro: publicación galega de pensamento crítico, 82 : 73-89.
Asociación de Veciños A Barcalesa (6/5/2008): «O noso poeta barcalés», Tierras de Santiago.
Cañada Acebal, Silveiro (ed) (1974[-1986]): «López Gómez, Xosé Manuel». En Gran Enciclopedia Gallega. XIX. Xixón: Silverio Cañada; 19: 1, Silverio Cañada Editor; 157.
Fernández del Riego, Francisco (1990): «López Gómez, Xosé Manuel». En Diccionario de escritores en lingua galega. Sada: Ediciós do Castro.
Forján, Emilio (14/5/2008): «O poeta Ardeiro recibe mañá a homenaxe do Concello negreirés e da cultura galega», La Voz de Galicia.
Forján, Emilio (15/5/2008): «Homenaxe con rúa para Ardeiro
», La Voz de Galicia.
Gamoneda, Antonio (2/8/2008): «Las palabras de Gamoneda», La Voz de Galicia, (Culturas)
Liñares Giraut, X. Amancio (2/6/2015): «¿Lembramos a Pepe Ardeiro neste mes de xuño?», na edición dixital de La Voz de Galicia (O novo Fiadeiro).
Manteiga, M. (8/1/2008): «Dolor por la pérdida del poeta de Barcala», Tierras de Santiago.
Manteiga, M. (13/5/2008): «Ardeiro torna á vida no rueiro e con Blázquez», Tierras de Santiago.
Ponte Far, Xosé A. (15/2/2006): «Poetas de hoxe. Xosé M. López Ardeiro», La Voz de Galicia (La Voz de la escuela).
Ponte Far, Xosé A. (18/2/2006): «A madurez do poeta», La Voz de Galicia.
Ponte Far, Xosé A. (31/12/2007): «Poeta e amigo, na lembranza», La Voz de Galicia.
Ponte Far, Xosé A. (2/8/2008): «Dos poetas, una cita y un pesar», La Voz de Galicia, (Culturas).
Ponte Far, Xosé A. (5/2/2011): «Libro póstumo», La Voz de Galicia.
Puentes Chao, Antonio (2001): «Un xardín no tempo», Grial: revista galega de cultura, 152 (outubro, novembro, decembro), 640 – 642.
Valcárcel, Xulio (25/5/2008): «Homenaxe a Ardeiro», El Ideal Gallego.
Vilavedra, Dolores (coord.) (1995): Diccionario da Literatura Galega. I: Autores. Vigo: Galaxia.
Villar Janeiro, Helena (28/12/2007): «En memoria do poeta Ardeiro», El Correo Gallego.
Como citar:
Liñares Giraut, Xosé Amancio :
Xosé Manuel López Gómez, Ardeiro
. Publicado o 13/6/2024 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=35252. Recuperado o 18/07/2025
DOCUMENTACIÓN DE
Cuberta do poemario Un xardín no tempo e lapela cunha breve biografía do poeta. Ver Documento
López
Fonte: tresCtres editores.Ardeiro, Xosé Manuel: Un xardín no tempo. Santa Comba (A Coruña): tresCtres, 2001. (Varilongo Poesía)
Anaco da Acta de nacemento de Xosé Manuel López Gómez,
Fonte: Rexistro Civil de Negreira.Ardeiro, que recolle a galeguización do nome do poeta. Ver Documento
Documento facilitado por Xosé Amancio Liñares Giraut.
Ardeiro na serie «Poetas» de Siro López en La Voz de Galicia. Ver Documento. Fragmento de publicación impresa
López, Siro: «Xosé M. López Gómez,
Fonte: La Voz de Galicia.Ardeiro», La Voz de Galicia, (19 de outubro de 1985).
Documento facilitado por Xosé Amancio LIñares Giraut.
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Programa do III Certame de Poesía Ardeiro, que convoca anualmente o Concello de Negreira. Ver Documento
Fonte: Concello de Negreira.
Documento facilitado por Xosé Amancio Liñares Giraut.
Estudo da obra poética de Xosé Manuel López
Ardeiro, por Noemí Álvarez, María Rey e Suso Sambade. Ver Documento. ArtigoÁlvarez, Noemí; María Rey e Suso Sambade (2010): «Ardeiro», A Trabe de ouro: publicación galega de pensamento crítico, 82 (abril, maio e xuño de 2010), 73-89.
Fonte: Consello da Cultura Galega. Biblioteca.
Información na revista Grial sobre a homenaxe dedicada ao poeta Ardeiro en Negreira. Ver Documento. Artigo
Álvarez, Noemí. María Rey e Suso Sambade: «X. M. López Gómez, Ardeiro», Grial: revista galega de cultura, 174 (abril, maio e xuño de 2007), 9-10.
Fonte: Editorial Galaxia. Hemeroteca da revista Grial
https://editorialgalaxia.gal/revista-grial/
Antonio Puentes Chao escribe na revista Grial sobre Un xardín no tempo, de X.M. López
Ardeiro. Santa Comba (A Coruña): tresCtres, 2001. Ver Documento. ArtigoPuentes Chao, Antonio: «Un xardín no tempo», Grial: revista galega de cultura, 152 (outubro, novembro, decembro de 2001), 640-642.
Fonte: Editorial Galaxia. Hemeroteca da revista Grial
https://editorialgalaxia.gal/revista-grial/
Xosé Manuel López
Ardeirono Dicionario da Literatura Galega . Ver Documento. Artigo«López Gómez, Xosé Manuel». En Vilavedra, Dolores (coord.): Diccionario da Literatura Galega. I: Obras. Vigo: Galaxia, 1995; 340.
Fonte: Consello da Cultura Galega. Biblioteca
Crónica da presentación en Compostela do libro O matiz esmeralda da sombra, co que Ardeiro gañou o premio Eusebio Lorenzo Baleirón en 1988. Ver Documento. Anuncio. Fragmento de publicación impresa
«
Fonte: El Correo Gallego.O matiz esmeralda da sombranuns tempos malos para a lírica. Este poemario de Ardeiro foi premioEusebio Lorenzo Baleirónen 1988», El Correo Gallego, (17 de xaneiro de 1992)
Documento facilitado por Xosé Amancio Liñares Giraut.
O escritor Manuel López
Ardeirono Diccionario de escritores en lingua galega de Francisco Fernández del Riego. Ver Documento. Artigo«López Gómez, Xosé Manuel». En Fernández del Riego, Francisco (coord.): Diccionario de escritores en lingua galega. Sada (A Coruña): Ediciós do Castro, 1990; 210.
Fonte: Consello da Cultura Galega. Biblioteca.
Ligazóns de interese
Espazo web dedicado a Xosé M. López Ardeiro no Centro de Documentación da AELG
Fonte: AELG
https://www.aelg.gal/
Xosé Manuel
Fonte: BNEArdeirona BNE
https://datos.bne.es
«A Xunta reforza o seu impulso á creación literaria en galego cun aumento do apoio ao certame de poesía Xosé M. López», nova publicada na páxina web da Xunta de Galicia, (20 de maio de 2021)
Fonte: Xunta de Galicia.
https://www.xunta.gal
«O legado poético de Pepe Ardeiro», entrada no blog Plaza do Cotón de José Manuel López Tuñas, (15 de decembro de 2020)
Fonte: https://plazadocoton.blogspot.com/
«Dez anos sen o poeta Ardeiro», artigo na edición dixital de La Voz de Galicia, (24 de decembro de 2017)
Fonte: La Voz de Galicia
https://www.lavozdegalicia.es/
«Ardeiro», artigo de Cristóbal Ramírez na edición dixital de La Voz de Galicia, (5 de decembro de 2017)
Fonte: La Voz de Galicia
https://www.lavozdegalicia.es
«¿Lembramos a Pepe Ardeiro neste mes de xuño?», artigo de X. Amancio Liñares Giraut na edición dixital de La Voz de Galicia, (2 de xuño de 2015)
Fonte: La Voz de Galicia.
https://www.lavozdegalicia.es
«Homenaxe con rúa para
Fonte: La Voz de GaliciaArdeiro», información publicada noPrograma Prensa-Escuelade La Voz de Galicia, (16 de maio de 2008)
«Centos de amigos e veciños despediron ao poeta barcalés Xosé Manuel López Gómez, Ardeiro», artigo de E. Forján na edición dixital de La Voz de Galicia, (23 de decembro de 2007)
Fonte: La Voz de Galicia
Entrada biobibliográfica de Xosé Manuel López Gómez,
Fonte: https://gl.wikipedia.org/Ardeiro, na Galipedia
«Ardeiro», lembranza do escritor no blog de R. Suárez Carballo Camino de aventura
Fonte: https://rsuarezcarballo.wixsite.com/caminodeaventura/ardeiro
Videos
Presentación do álbum Onde comeza a vida, de X.M. Lago e Óscar Martínez, na homenaxe a X.M. López Ardeiro. Auditorio do Centro Sociocultural de Negreira, 24 de xaneiro de 2014
Fonte: Val de Barcala / YouTube.com
X.M. Lago e Óscar Martínez musicando o poema «É para min o teu amor demencia» de X.M. López Ardeiro. Auditorio de Negreira, 5 de xaneiro de 2013
Fonte: OSCARPHIL / YouTube.com
Ruta literaria en homenaxe ao poeta Xosé María López «Ardeiro», organizada polo Departamento de Lingua e Literatura Galega do IES
Xulián Magariñosde Negreira e realizada o día 21 de decembro de 2017
Fonte: XeMa.tv / YouTube.com
Escolma do vídeo gravado no acto de homenaxe ao poeta Xosé Manuel López Gómez,
Ardeiro, celebrado no IES
Xulián Magariñosde Negreira o 12 de decembro de 2017
Fonte: XeMa.tv / YouTube.com