Ángel Brage Villar
Santiago de Compostela, 28/ 2/1903 - Santiago de Compostela, 3/11/1983Autoría: David Ferreiro Carballo
Moito falta para que se inclúa a Música entre as disciplinas universitarias
Ángel Brage Villar naceu en Santiago de Compostela o 28 de febreiro de 1903, e a súa vida persoal e artística sempre estivo ligada á cidade do apóstolo. Era o menor de cinco irmáns, entre os que se atopaba o coñecido compositor Luis Rafael Brage Villar, un dos actores máis destacados da paisaxe sonora de Galicia durante o primeiro terzo do século XX, en palabras de Davide Ferreiro na súa obra Luis R. Brage Villar. Obra e memoria. Porén, a tradición musical ligada ao apelido Brage xa se remonta á xeración anterior. O seu pai, Ángel Brage Brage, fora unha figura relevante no contexto musical compostelán: membro da capela da catedral e da banda de música municipal como clarinetista, integrante dun cuarteto de cordas como violonchelista, director de pequenas agrupacións e afinador de pianos. Ademais, tiña un papel destacado como músico e encargado do Teatro Principal, que por aquel entón era propiedade do empresario Isaac Fraga, sala na que a súa dona, Luisa Villar, tamén desempeñaba varios traballos de mantemento. Esta é a razón de que a familia Brage-Villar ocupase a vivenda da planta superior do teatro, situado no número 21 da Rúa Nova, onde naceu e se criou o noso protagonista, segundo indica Carlos Magán no artigo biográfico incluido na obra Ángel Brage. Memoria musical dun século, volume colectivo que él mesmo edita xunto con Xoan Manuel Carreira>.
A partir do contexto anterior, resulta fácil apuntar que os primeiros contactos de Ángel Brage coa música partan principalmente do maxisterio do seu pai, aínda que tamén da relación co seu irmán Luis, a quen vía con menor frecuencia debido ás súas ocupacións laborais fóra de Compostela. Dende o primeiro momento estivo orientado cara ao piano, instrumento que rapidamente chamou a súa atención e que definirá a súa carreira como músico. Segundo apunta Carlos Magán, con doce anos comezou a arranxar pezas para a sonorización en directo de películas do cinema mudo, converténdose así no pianista-director das pequenas orquestras do Teatro Principal e do Salón Teatro (tamén de Isaac Fraga), e consolidándose como un excelente repentizador. Os cafés cantantes da cidade tamén ocuparon un lugar importante nos seus primeiros anos como músico. En efecto, a súa presenza era frecuente en espazos emblemáticos, como o Derby, o Café Agentino ou o Avenida, onde participaba como solista ou como acompañante de tríos e quintetos de corda, unha actividade que lle permitía gañar un pequeno salario.
Con dezaseis anos incorpórase como profesor de piano na Real Sociedade Económica de Amigos del País de Santiago de Compostela, institución na que xa se formara o seu irmán Luis. Por outro lado, durante a década de 1920 e despois, na Segunda República, dende o seu posto de director das orquestras dos teatros, achega un complemento local ás compañías de zarzuela e de variedades que se atopan de xira pola capital galega. En consecuencia, acompaña ao piano a cantantes de fama nacional, como Pastora Imperio ou Ángeles Ottein, entre outras. Neste senso, Carlos Magan explica moi atinadamente que
estas experiencias representan os poucos contactos que un músico local pode ter con intérpretes e cantantes que desenvolven a súa actividade noutros lugares, e o seu inquedo e receptivo espírito sabe converter en proveitosas, obtendo toda a información que se pode acadar delas. Así, vemos como Ángel Brage completa unha formación autodidacta coas poucas experiencias musicais de altura que lle brinda a súa cidade, experiencias que acostumaba a espremer ata a última gota. En 1932 casou con Josefa Ballesteros Ledo, natural de Barcelona, que se atopaba estudando farmacia en Santiago de Compostela, e xuntos tiveron tres fillos.
En 1936 foi nomeado director da Escola de Música de Santiago de Compostela, centro que estaba vinculado á Sociedade Económica de Amigos del País, un cargo que xa non deixaría ata a súa xubilación. Así, todos os investigadores que se acercaron á súa figura coinciden en sinalar que o primeiro gran mérito da súa xestión consistiu en manter a escola activa durante o conflito civil e nos difíciles anos da posguerra. Ademais, para afianzarse no seu cargo como director, Ángel Brage decidiu oficializar a súa formación musical presentándose, ao mesmo tempo, aos exames oficiais do Real Conservatorio Superior de Música de Madrid nas especialidades de piano e música de cámara. Non só acadou as máximas notas, senón que tamén foi recoñecido co Premio Extraordinario de Fin de Carreira en ambas disciplinas. A partir de entón, compaxinou a dirección da escola coa docencia e a dirección do Orfeón Universitario, posto que exerceu ata 1953. Foi precisamente nese ano cando se materializou a máxima aspiración do seu proxecto para a escola de música que dirixía: a través dun decreto publicado o 9 de xaneiro, a institución converteuse en Conservatorio Oficial de Música de grado elemental. Este feito, sen ningunha dúbida, foi o primeiro paso para oficializar unha futura educación musical superior en Galicia que –así eran os desexos de Brage– estivera centralizada en Santiago de Compostela cunha sede de dependencia estatal, independizándose por completo da antiga Sociedade Económica de Amigos del País.
Na actualidade, as ensinanzas superiores de música están consolidadas en Galicia, mais o conservatorio proxectado por Brage nunca conseguiu acadar este rango nin afastarse por completo da Económica. Con todo, a día de hoxe segue en activo, ofrecendo unha educación musical de calidade a nivel elemental e profesional, en harmoniosa convivencia co Conservatorio Profesional de Música que xestiona a Xunta de Galicia. Por tanto, se ben Ángel Brage non acadou o seu obxectivo máis ambicioso, a esencia do seu proxecto é toda unha realidade, ata o punto de que a música comeza a asentarse por fin nas universidades e, en todo caso, os títulos superiores están xa equiparados a calquera grado ou licenciatura.
En 1980, como recoñecemento a toda unha vida dedicada a dinamizar a vida musical de Santiago de Compostela –xunto con outras homenaxes previas nas que participaran algúns dos seus alumnos máis destacados–, o concello outorgoulle a Medalla de Prata ao Mérito Artístico. Morreu o 3 de novembro de 1983 na súa casa, situada no número 13 da Rúa da República do Salvador. En 1989, seis anos despois do seu pasamento, inaugurouse en Santiago de Compostela o Auditorio de Galicia, cuxa sala principal leva o seu nome, denominación que conserva na actualidade a modo de recoñecemento imperecedoiro á súa figura. Anos despois, en 1993, coincidindo co noventa aniversario do seu nacemento, o Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela programou unha mostra titulada Ángel Brage. Memoria musical dun século, comisariada por Xoán Manuel Carreira e Carlos Magán. Nesta exposición amosouse unha escolma dos seus materiais de traballo e algúns obxectos persoais, meticulosamente conservados polos seus herdeiros. Ademais, Xoán Manuel Carreira e Carlos Magán publicaron en 1993 un catálogo que inclúe tamén unha colección de textos académicos sobre a súa figura e o seu entorno musical.
Bibliografía
Baliñas, Maruxa (1999): «Brage Villar, Ángel». En Casares Rodicio, Emilio (coord.): Diccionario de la música española e hispanoamericana. Madrid: SGAE; 2 : 672.
Ferreiro Carballo, David (2020): Luis R. Brage Villar. Obra e memoria. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega.
Carreira, Xoan Manuel; Magán, Carlos (eds.) (1993): Ángel Brage. Memoria musical dun século. Santiago de Compostela: Consorcio de Santiago de Compostela.
Magán, Carlos (1993): «Ángel Brage, esbozo dunha biografía». En Carreira, Xoán Manuel; Magán, Carlos (eds.): Ángel Brage. Memoria musical dun século. Santiago de Compostela: Consorcio de Santiago de Compostela; 63-79.
Como citar: Ferreiro Carballo, David : Ángel Brage Villar. Publicado o 11/6/2025 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=35994. Recuperado o 15/11/2025
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Entrada biográfica de Ángel Brage Villar na Gran enciclopedia gallega Silverio Cañada. Ver Documento. Artigo
«Brage Villar, Ángel». En Gran enciclopedia gallega Silverio Cañada. 6: blas-calc. Lugo: El Progreso, DL 2003; 98-99.
Fonte: Consello da Cultura Galega. Biblioteca.
Artigo de Carlos Magán: «Ángel Brage, esbozo dunha biografía». Ver Documento. Catálogo de exposición
Magán,Carlos (1993): «Ángel Brage, esbozo dunha biografía». En Carreira, Xoan Manuel; Magán, Carlos (eds.): Ángel Brage. Memoria musical dun século. Santiago de Compostela: Consorcio de Santiago de Compostela; 63-79
Fonte: Carreira, Xoan Manuel; Magán, Carlos (eds.): Ángel Brage. Memoria musical dun século. Santiago de Compostela: Consorcio de Santiago de Compostela; 63-79
Artigo de Ramón Castromil. Ver Documento. Catálogo de exposición
Castromil, Ramón (1993): «Introducción». En Carreira, Xoan Manuel; Magán, Carlos (eds.): Ángel Brage. Memoria musical dun século. Santiago de Compostela: Consorcio de Santiago de Compostela; 21-26
Fonte: Carreira, Xoan Manuel; Magán, Carlos (eds.): Ángel Brage. Memoria musical dun século. Santiago de Compostela: Consorcio de Santiago de Compostela; 21-26
Crónica xornalística da homenaxe dedicada en Santiago de Compostela a Ángel Brage Villar. Ver Documento. Artigo
«Ángel Brage Villar: Justísimo homenaje», El Compostelano: diario independiente, 4799 (13 de xullo de 1936), 1.
Fonte: Biblioteca de Galicia / Galiciana.
Ligazóns de interese
Biobibliografía de Luis R. Brage Villar, irmán de Ángel brage, no Álbum de Galicia
Fonte: Consello da Cultura Galega. Álbum de Galicia.
Acceso en liña á tese de doutoramento La música en el Teatro Principal de Santiago de Compostela (1840-1914), de Lorenzo Vizcaíno, María del Carmen.
Fonte: Minerva. Repositorio institucional da Universidade de Santiago de Compostela.
http://hdl.handle.net/10347/19792
«La Escuela de Música de la Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago de Compostela (1877-1953)», artigo de Leslie Freitas no que se cita ao intérprete Ángel Brage.
Fonte: Revista Argentina de Musicología.
Revista Argentina de Musicología, 17 (2016), 131-150
https://ojs.aamusicologia.ar
Videos
Os Brage: música e memoria en Compostela, mesa redonda do Ateneo de Santiago celebrada o 7 de abril de 2014
Fonte: Ateneo de Santiago / YouTube.com







