Benito Vicetto
Ferrol (A Coruña), 21/ 5/1824 - Ferrol (A Coruña), 28/5/1878Autoría: Xurxo Martínez González
O expoñente do Romanticismo
Con seguridade afirmamos que Vicetto ocupou un posto central na literatura feita en Galicia no século XIX. O temperán éxito acompañouno durante anos, non sen polémicas e exaltadas reaccións. Abonda repasar a tensa relación mantida con Manuel Murguía ou a recepción crítica da súa magna Historia de Galicia.
Esta obra, cargada de fantasía, levou a que se sospeitase da súa produción histórica, considerando a Vicetto como un autor excéntrico. Pola contra, situouse entre os primeiros na difusión do romanticismo galego (malia estar escrito en castelán). Porque, para comprender en todas as súas ordes o Rexurdimento, cómpre suspender a aplicación do criterio filolóxico sen que se cuestione o concepto de que a literatura galega é a escrita no idioma propio de Galicia.
Izar as velas
Na antiga rúa do Cárcere (hoxe rúa Vicetto), no Ferrol vello, naceu este galego de apelido italiano. O seu pai era Benito Vicetto San Benetto, de Xénova, armador e corsario, casado coa ferrolá Josefina Pérez Agudo. O casal tivo un total de cinco crianzas.
En todo caso, o pai morre cando Benito está en idade infantil. A vida complicouse e estivo marcada por unha educación maternal
brusca e áspera, segundo Murguía. A irmá máis vella, Juana, encargouse de ofrecer ese amor familiar do cal parecía orfo.
Aos doce anos entra no
Colegio de Guardiamarinas y Pilotos del Arsenalde Ferrol. Pouco despois morrería a súa nai. El fica con Juana, e as irmás con outros familiares.
Tomar as armas antes que as letras
Nunha situación persoal e económica complexa, Vicetto alístase no exército liberal durante a primeira
carlistada. Nun destes episodios bélicos truncouse, ou cando menos resultou afectada, a relación entre Juana e o seu irmán. Sucedeu en Sobrado dos Monxes cando o miliciano Vicetto dirixiu un pelotón de fusilamento.
Este período, porén, abriulle a porta a coñecer as letras. No mosteiro, sito no citado lugar, accedeu ao arquivo e á biblioteca. Ao rematar a contenda civil, alistouse no Real Cuerpo de Alabarderos. Coa residencia fixada en Madrid, publica a súa primeira novela: El caballero verde (1844). A obra aparece asinada en 1841, en Sobrado dos Monxes.
A estrea literaria facilitou a aparición na prensa. A súa sinatura atopámola, no remate duns versos, no xornal de Neira de Mosquera e Faraldo: El Recreo compostelano (1842). Máis adiante publica no Semanario Pintoresco Español ou no Museo de las familias, dous cabezallos de especial renome en Madrid; ou en El Genio de Víctor Balaguer, en Barcelona. Á vez, co parto da prensa ferrolá, envía colaboracións a El Águila (1845) e El Ferrolano (1846).
Vicetto regresa á terra, previa licenza no exército, para se instalar en Ferrol. Era 1845, uns meses antes da Revolución do 46, con Antolín Faraldo como mente e alma. Vicetto tívolle lei ao brigantino e dedicaríalle unha fermosa crónica biográfica anos despois da súa temperá morte.
A volta de Vicetto resultou cálida. Na noite do 7 de setembro de 1845 represéntase a obra en verso El arquero y el rey entre ovacións. O público deulle unha coroa de prata.
Denantes das armas soar en abril de 1846, Vicetto regresa a Madrid. Alí soubo do fracaso provincialista e dos fusilamentos dos Mártires de Carral. Mais aquela rebelión tivo unha pegada imborrable na súa conciencia, como na de tantos outros coetáneos de sentir provincialista.
A literatura facíase paso entre a pólvora. Vicetto aumenta o ritmo de produción literaria. No citado Semanario Pintoresco Español publica textos de carácter histórico así como as «Crónicas de Galicia» aparecidas en distintos medios escritos.
Preferencia polas letras
Tras finalizar o servizo no exército, en 1850, recibiu o nomeamento como Cabaleiro da Orde de Carlos III. A nivel laboral aséntase en Sevilla como oficial de prisións.
Nesta estadía andaluza publica a novela máis laureada: Los hidalgos de Monforte (1851). As súas colaboracións coa prensa local amosaban a saudade pola terra. Estas confesións en papel foron os prolegómenos da volta á Coruña en 1852, onde continuará co oficio de carcereiro.
Coa fama gañada como escritor de éxito, que lle valeu o alcume do Walter Scott de Galicia, Vicetto intégrase na rede sociocultural herculina. Por exemplo, na casa da Condesa de Espoz y Mina, Juana de Vega. E na Coruña continúa coa produción literaria con títulos como Rojín Rojal o el paje de los cabellos de oro (1855).
Cómpre lembrar os seus versos porque, se ben tivo xustificada fama de novelista, non é menos certa a poesía. Ademais, en verso legounos tres poemas en lingua galega. Fose como for, a estética romántica atravesa a súa produción literaria situándoo como un dos nomes centrais desta escola no país galego polo estilo, polo historicismo ou pola temática medieval.
O Bienio Liberal (1854-56) permitiu a volta da liberdade de prensa e opinión. Vicetto funda e dirixe El Clamor de Galicia, que recupera a doutrina política a prol dos intereses nacionais.
Nesta altura encóntranse Vicetto e Murguía. Denantes cruzaran cartas de mutua admiración. Mais despois de se miraren en fite, a relación decaeu por distintos motivos pero sobre todo pola forte personalidade de ambos. Aínda así, Murguía dedicaríalle un capítulo ao ferrolán en Los precursores (1886), feito que non faría con outros rexurdimentistas como Valentín Lamas Carvajal.
O ascenso laboral levouno á cadea de Alcalá de Henares en 1856. De novo, lonxe da terra. Pero sempre activo na acción literaria e xornalística. Un par de anos despois volvía á Coruña onde pronunciará o discurso de «Por Galicia y para Galicia» no ateneo local.
Na urbe atlántica publicou o ensaio Los reyes suevos en Galicia (1860) e a novela El lago de la Limia (1861). Ademais púxose á fronte do Diario de La Coruña. E así ocupou, outra vez máis, un lugar privilexiado na esfera cultural e política herculina.
De rolda por España
A convocatoria dos Xogos Florais da Coruña (1861) contou coa participación de Vicetto. Mais o inicial ímpeto trocouse en desgusto. O autor gañara un accésit que foi tomado por el como unha aldraxe promovida por Juana de Vega, coa cal rompera relacións tras unha disputa sobre a situación do presidio que Vicetto comandaba.
A situación adversa levouno a abandonar a cidade. Dende entón residirá en distintas localidades españolas nas cales exercía a profesión: Toledo, Ceuta, Granada, Barcelona… Así até xaneiro de 1864, cando regresa.
O proxecto dunha vida
A grande obra de Vicetto foi a Historia de Galicia (1865-1873), que publicará o tipógrafo ferrolán Nicasio Taxonera. O propósito era netamente patriótico: outorgar a Galiza un pasado heroico, uns referentes mitolóxicos e conformar unha conciencia da identidade. O autor, en máis dun texto, fala con señardade e con esperanza da independencia. Pero a mestura de historia e fantasía literaria levárono á sección da desconfianza. Os contemporáneos dubidaban das hipóteses de Vicetto.
E chegou Murguía, quen publica en 1865 o primeiro tomo da súa Historia de Galicia onde sostén o carácter de nación da nosa terra. A principal diferenza de ambos era o método: Murguía aposta polo positivismo, polo estudo cotexado, polas fontes reais fronte ao Vicetto narrador literario, prosista con licenzas imaxinarias e recreacións de períodos históricos sen base científica de ningún tipo, que ocuparon páxinas da súa obra alí onde non atopou referentes en arquivos ou nos vellos libros. Isto non debera invalidar por completo a obra, senón máis ben alertar para unha correcta lectura.
Censura civil e eclesiástica
Ademais desta crítica pública, aparecería a Igrexa, unha vez máis hostil contra o Rexurdimento (Banquete de Conxo, Aires da miña terra, traslado de Rosalía a Bonaval…). O bispo de Mondoñedo solicitoulle a retirada do segundo tomo da Historia de Galicia até reescribir o capítulo onde recolle a idea do panteísmo. Vicetto non cedeu e o caso chegou ao arcebispo compostelán, quen referendou a solicitude do xerarca mindoniense. Ante as negativas do autor, o Goberno Civil da Coruña ordenou a retirada do volume e confiscoulle os exemplares ao editor.
Este novo episodio, que o levou até Madrid co impresor Taxonera para reclamar os seus dereitos sen éxito, impúxolle un derrotismo no ánimo. Vicetto deixa o traballo da Coruña e marcha ao Ferrol natal. Alí escribe Las tres fases del amor (1868), que tamén foi retirada por orde gubernamental.
Novos pero breves azos
O triunfo da Gloriosa (1868) supuxo un impulso para o ánimo apesarado de Vicetto. Recupera a redacción da Historia de Galicia, gaña un posto como funcionario de Facenda e dirixe a Real Casa da Moeda de Xuvia.
No último volume da súa magna obra histórica inclúe o até entón inédito traballo de Vasco da Ponte, Relación de algunas casas y linajes del Reino de Galicia, un referente para o estudo medieval. Neste tempo tamén establece a relación co recoñecido erudito portugués Alexandre Herculano. Por outra parte, Vicetto publica Revista Galaica (1874-1876) e novelas como Las aureanas del Sil (1875).
En 1875 casa con Antonia Rodríguez, moitísimo máis nova, e xusto un ano antes de xubilarse. A única filla que tiveron, Antonia Vicetto Rodríguez, nacería en Ferrol. Pero conviviron pouco tempo.
Vicetto estaba en Madrid cando enfermou de pulmonía. Trasladouse a Ferrol, contradicindo os consellos médicos, en moi mal estado. Ao día seguinte de chegar faleceu e vinte e catro horas despois foi soterrado no camposanto de Canido.
A viúva e a orfa quedaran arruinadas. Por iniciativa d´El Heraldo Gallego, dirixido por Lamas Carvajal, pasóuselle unha cota mensual á familia recolectada entre os medios periodísticos. Pero tivo curta vida. Como tamén fracasaría a proposta de Manuel Curros Enríquez para darlle unha pensión.
O destino quixo que a súa filla Antonia morrese en Madrid na pobreza. Nunca quixo desfacerse dos manuscritos do pai. Pero tras a defunción, os acredores venderon todo a un rastro de Madrid e nunca máis se soubo. Un final tan inxusto como o esquecemento no cal quedou Benito Vicetto.
Bibliografía
Carballo Calero, Ricardo (1975): Historia da literatura galega contemporánea. Vigo: Galaxia.
Couceiro Freijomil, Antonio (1954): Diccionario bio-bibliográfico de escritores. Santiago de Compostela: Bibliófilos Gallegos.
López de Serantes, Josefina (1978): Benito Vicetto iñorado. Lugo: Alvarellos.
Murguía, Manuel (1886): Los precursores. A Coruña: La Voz de Galicia.
Como citar: Martínez González, Xurxo : Benito Vicetto. Publicado o 17/7/2024 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=4118. Recuperado o 12/07/2025
DOCUMENTACIÓN DE
El arquero y el rey, drama en tres actos orixinal de Benito Vicetto. Ver Documento
Vicetto, Benito:
Fonte: Centro de Ciencias Humanas y Sociales. Biblioteca Tomás Navarro Tomás / Simug: Fondos dixitalizados do CSIC.
El arquero y el rey: drama original en tres actos y en verso, precedido de un prólogo. Madrid: Biblioteca Dramática, 1848. [Imprenta de D. Vicente de Lalama]
http://simurg.csic.es/
Relato de Benito Vicetto publicado na revista madrileña Museo de las familias. Ver Documento. Relato
Vicetto, Benito: «Crónicas marítimas: Un crimen y una venganza», Museo de las familias, (26 de xuño de 1845), 141-143.
Fonte: Hemeroteca Dixital. BNE.
https://hemerotecadigital.bne.es/
Poema de Benito Vicetto publicado na Revista de teatros de Madrid en xuño de 1843. Ver Documento. Poema
Vicetto, Benito: «El corsario», Revista de teatros: diario pintoresco de literatura, 148 (5 de xuño de 1843), 3.
Fonte: Hemeroteca Dixital. BNE.
https://hemerotecadigital.bne.es/
Dous poemas de Benito Vicetto publicados en El recreo compostelano en 1842. Ver Documento. Poema
Vicetto, Benito: «Tu voz», El recreo compostela, 16 (26 de agosto de 1842), 12-13; «D. Juan del Brollón: tradición del país», El recreo compostela, 24 (26 de decembro de 1842), 378-381.
Fonte: Real Academia Galega / Galiciana. Hemeroteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Biografía de Benito Vicetto na Gran Encoclipedia Galega Silveiro Cañada escrita por Alfonso Mato. Ver Documento. Artigo
Mato Domínguez, Alfonso: «Vicetto Pérez, Benito». En Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. XLIII. Lugo: El Progreso, 2003; 118-119.
Fonte: Consello da Cultura Galega. Biblioteca.
Estudo de Xulio Pardo de Neyra sobre a obra lírica galega de Benito Vicetto. Ver Documento. Artigo
Pardo de Neyra, Xulio: «Benito Vicetto na lírica galega do rexurdimento», Boletín galego de literatura, 29 (2003), 21-43.
Fonte: Minerva. Repositorio Institucional da USC.
http://hdl.handle.net/10347/2017
Artigo de Fernando Pereira que analiza a visión da Prehistoria nas obras de Benito Vicetto e Leandro Saralegui . Ver Documento. Artigo
Pereira González, Fernando: «Dous exemplos de Prehistoria imaxinaria na Galicia decimonónica: Benito Vicetto e Leandro Saralegui y Medina», Gallaecia: revista de arqueoloxía e antigüidade, 17 (1998), 447-470.
Fonte: Universidad de la Rioja. Dialnet.
https://dialnet.unirioja.es/
Entrada de Benito Vicetto no Dicionario da literatura galega. Ver Documento. Artigo
«Vicetto Pérez, Benito». En Vilavedra Fernández, Dolores (dir.): Diccionario da literatura galega. I: Autores.Vigo: Galaxia, 1995; 608-609.
Fonte: Consello da Cultura Galega. Biblioteca.
Artigo de Juan Renales, poublicado na Revista de filología románica, sobre o celtismo de Benito Vicetto . Ver Documento. Artigo
Renales, Juan: «El celtismo de Benito Vicetto», Revista de filología románica, 6 (1989), 325-344.
Fonte: Universidad Complutense de Madrid / Dialnet.
https://dialnet.unirioja.es/
Vicetto no Diccionario bio-bibliográfico de escritores, de Couceiro Freijomil. Ver Documento. Artigo
«Vicetto Pérez, Benito». En Couceiro Freijomil, Antonio: Diccionario bio-bibliográfico de escritores. III.Santiago de Compostela: Bibliófilos Gallegos, 1954; 499-501.
Fonte: Consello da Cultura Galega. Biblioteca.
Prólogo de Luís Seoane á obra de Benito Vicetto Historia del siglo XV en Galicia, publicada en Bos Aires pola Editorial Nova. Ver Documento
Seoane, Luís: «Inicio». En Vicetto, Benito: Historia del siglo XV en Galicia. Bos Aires: Editorial Nova, 1944; 7-13. (Camino de Santiago; 10)
Fonte: Consello da Cultura Galega. Biblioteca.
Carta de Antonia Rodríguez, viúva de Benito Vicetto, ao director de El Correo Gallego, reclamando para Vicetto o mérito de ser o primeiro -antes que Murguía- en publicar unha Historia de Galicia. Ver Documento. Artigo
Rodríguez, Antonia: «La viuda de Vicetto: una carta», El Correo gallego: diario político de la mañana, 10335 (24 de febreiro de 1909), 2.
Fonte: Biblioteca de Galicia / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Capítulo do libro Los precursores de Manuel Murguía dedicado a Benito Vicetto. Ver Documento
«Benito Vicceto». En Murguía, Manuel: Los precursores. A Coruña: Biblioteca Gallega, 1885; 231-257.
Fonte: Consello da Cultura Galega. Biblioteca.
Artigo necrolóxico de Camilo Placer Bouzo na memoria de Benito Vicetto. Ver Documento. Artigo
Placer, Camilo: «Necrología: D. Benito Vicetto», La Ilustración de Galicia y Asturias, 2 (1 de xullo de 1878), 16-17.
Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Ligazóns de interese
Espazo web dedicado a Benito Vicetto en Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia
Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Benito Vicetto na BNE
Fonte: Biblioteca Nacional de España.
https://datos.bne.es/
Biobibliografía de Benito Vicetto, escrita por Pedro Tena no DB-e da Real Academia de la Historia
Fonte: Real Academia de la Historia.
https://dbe.rah.es/
Benito Vicetto na Galipedia
Fonte: Wikipedia. https://gl.wikipedia.org/wiki/Benito_Vicetto
El caballero de Calatrava: novela histórica original de Benito Vicetto. [S.l.]: [s.n.], 1863 (Madrid: Imp. de la Biblioteca Universal)
Fonte: Biblioteca Nacional de España. Biblioteca Digital Hispánica.
https://bdh.bne.es/
El Caballero Verde: novela caballeresca del siglo XIV de Benito Vicceto. [S.l.]: [s.n.], 1844 (Madrid: Imp. de J.C. de la Peña)
onte: Biblioteca Nacional de España. Biblioteca Digital Hispánica. https://bdh.bne.es/
Historia de Galicia, de Benito Vicetto. [S.l.]: [s.n.], 1880-1882, (Montevideo: Imp. de La Colonia Española)
Fonte: Biblioteca Nacional de España. Biblioteca Digital Hispánica.
https://bdh.bne.es/
Los hidalgos de Monforte: (historia caballeresca del siglo XV), de Benito Vicetto. A Coruña: Andrés Martínez, 1903 (5ª ed.)
Fonte: Biblioteca Nacional de España. Biblioteca Digital Hispánica.
https://bdh.bne.es/
Los reyes suevos en Galicia, de Benito Vicetto. [S.l.]: [s.n.], 1869 (A Coruña: Imp. de Castor Míguez)
Fonte: Biblioteca Nacional de España. Biblioteca Digital Hispánica.
https://bdh.bne.es/
Rafael Gómez, novela de Benito Vicetto. [S.l.]: [s.n.], 1951 (Sevilla: Imp. de El Correo Sevillano)
Fonte: Biblioteca Nacional de España. Biblioteca Digital Hispánica.
https://bdh.bne.es/
El último Roade, novla de Benito Vicetto. [S.l.]: [s.n.], 1867 (Ferroll: Estab. Tip. de Pita) (8ª ed.)
Fonte: Biblioteca Nacional de España. Biblioteca Digital Hispánica.
https://bdh.bne.es/
«Benito Vicetto: o pioneiro esquecido da historiografía da Galiza», artigo de Manuel Xestoso publicado na edición dixital de Nós diario, (5 de marzo de 2024)
Fonte: Nós diario
https://www.nosdiario.gal/
«Benito Vicetto, precursor e historiador patriota gallego», artigo publicado na edición dixital de La Opinión, (28 de decembro de 2007)
Fonte: La Opinión
https://www.laopinioncoruna.es/
«Compañel ou Vicetto?», tribuna de Enrique Monteagudo na páxina web da Real Academia Galega a propósito da identificación da fotografía feita por Andrés Cisneros en 1857
Monteagudo, Henrique: «Tribuna: Compañel ou Vicetto?», academia.gal, (27 de abril de 2022).
Fonte: Real Academia Galega.
https://academia.gal/-/compa-c3-b1el-ou-vicetto-1 [Consulta: 2023-05-12]
Publicacións periódicas
Aires d'a Miña Terra (1908-1909) .
Artigos Benito Vicetto
VICETTO, B. (12/1942) Historia de Galicia (continuación) | Alborada. 1ª (118), 5-8.