Material
Historias de ida e volta
Galegos na canle de Panamá, os mellores europeos da Silver Roll (1904-1914)
Balance dos traballadores europeos recibidos en Colón, onde os galegos son maioria, 1906
Detalle
Le Roy Park foi o enviado especial que representaba a ICC como executor do recrutamento dos emigrantes españois. A súa figura entra en escena unha vez que o Goberno norteamericano e a Comisión da Canle de Panamá acordan dar o segundo paso e consentir á iniciativa liderada por Stevens para realizar o recrutamento directamente en Galicia. Na cidade de Vigo estableceu o seu centro de operacións, ao amparo do coñecido consignatario galego Estanislao Durán, quen tivo un papel moi activo desde o principio, ao encargarse de todo o referido ás distintas viaxes realizadas desde o porto de Vigo, coa Royal Steam Packet Company. A súa implicación chegou ata o punto de pagar a publicación de 10 000 folletos para repartilos polas aldeas durante a campaña publicitaria da compañía norteamericana.Nesta carta, con sinais manuscritos, faise un reconto dos traballadores europeos recibidos para o seu ingreso nas obras. Aparecen datos como o nome do barco, a data de chegada, a cantidade de homes por nacionalidade e o poboado asignado a cada grupo. Ademais, infórmase sobre os barcos que se atopan en ruta. A maioría dos buques transportaban emigrantes galegos. Pódense observar cales eran os portos de saída deses barcos que se atopaban en ruta: Vigo, Santander e Bordeos.


