Material
Historias de ida e volta
O labor filantrópico dos irmáns García Naveira en Betanzos
Estampa familiar do indiano Juan María García Naveira en Betanzos, ca. 1925

Detalle
Juan María García Naveira (Betanzos, 16 de maio de 1849 – 9 de marzo de 1933), orfo de pai, decide, como moitos dos seus veciños, tomar o camiño da emigración e en 1869 marcha en busca dun futuro mellor a Arxentina. Alí traballa en diversos oficios e un par de anos despois, xa encarrilada a súa economía, manda chamar o seu irmán pequeno Jesús. A traxectoria profesional de ambos os dous continúa paralela e chegan a ser uns importantes homes de negocios. Hai varias fontes que atribúen a súa gran fortuna á venda duns terreos en Bahía Blanca para a construción da liña de ferrocarril.Como o seu irmán, casa cunha dama da elite bonaerense, María Iribarne Lescort, coa que terá tres fillos: Águeda, Joaquina e Juan Jesús. Na imaxe podemos velo no centro xunto coa súa muller e os seus fillos, netos e outros familiares.
En 1893 regresa coa súa familia a Galicia e instala a súa residencia en Betanzos, onde vivirá como un indiano, respectado pola súa riqueza e apreciado polo seu gran labor benfeitor a prol das clases máis desfavorecidas da súa vila natal: as mulleres (financiou a construción de dous lavadoiros públicos), os nenos e nenas (coa construción e o mantemento das escolas García Hermanos) e os vellos e enfermos necesitados (coa construción dun asilo, do Sanatorio San Miguel e dun edificio como centro de asistencia para nenas con discapacidades psíquicas ou físicas). Un dos seus proxectos máis orixinais foi a creación do parque público do Pasatempo