Material
Historias de ida e volta
A emigración galega nos Estados Unidos
Galegos en Tampa, capital mundial do tabaco habano, 1907
Detalle
Nos anos finais do século XIX constátase unha forte reemigración desde Cuba con destino a Tampa, onde comezaba a crearse unha industria tabaqueira, que en 1890 contaba con catro fábricas. Nesta área, concretamente en Ybor City, levantouse o imperio da industria do tabaco, liderado por varios membros da colectividade española, como Vicente Martínez Ybor ou Ignacio Haya. Entre eles había tamén algún galego, como Peregrino Rey (Cuesta-Rey & Co), nacido en 1863. O groso dos emigrantes naturais de Galicia participaría nesta industria como «escogedores», «torcedores» ou «enrolladores» dos cigarros e puros máis famosos do mundo, pero non todos os emigrantes se ocupaban neste sector de produción. Moitos tiñan outra actividade económica pois eran comerciantes, carpinteiros, hostaleiros etc. A súa procedencia era variada: Lugo, Ribadeo, Viveiro, San Miguel de Reinante, A Fonsagrada, Reigosa, Vilanova, Mondoñedo, Chantada, A Baña, Santa Comba, A Coruña, Ferrol, Ortigueira, Mugardos, Padrón, Ourense ou Pontevedra.O conflito pola independencia cubana trasladouse a Florida, onde estes emigrantes eran acotío recriminados violentamente polos habitantes tampeños e de Cayo Hueso, onde tamén había manufacturas tabaqueiras. Así, froito dunha necesidade de protección, naceu a iniciativa de crear o Centro Español de Tampa (1891), do que numerosos galegos eran socios.
Nesta imaxe aparece un grupo emigrantes bañenses que residían en Tampa e axudaron a construír o novo cemiterio da parroquia de San Vicente da Baña.


