O traballo no mar e nos portos, nicho laboral dos emigrantes galegos en Nova York, <cite>ca.</cite> 1920 / Imaxe. Fotografía/ FONDOS DOCUMENTAIS / CONSELLO DA CULTURA GALEGA

Historias de ida e volta

Material

Historias de ida e volta
A emigración galega nos Estados Unidos

O traballo no mar e nos portos, nicho laboral dos emigrantes galegos en Nova York, ca. 1920

Image 1
Detalle
Varios informes da década de 1910 publicados polo Consejo Superior de Emigración falan da presenza destacada de galegos na costa leste dos Estados Unidos: «[H]ay gran número de españoles empleados como marineros, fogoneros, paleros y engrasadores en los buques de la marina mercante americana y dragas y buques del gobierno; en su mayoría de las provincias de Galicia, Santander y Vizcaya». Debido ás duras condicións laborais, moitas veces estes traballos eran un primeiro paso para optar a outras colocacións nunhas cidades en pleno desenvolvemento. Este fluxo migratorio vaise incrementando a través das cadeas migratorias que se establecían con familiares e veciños.
Na fotografía podemos ver a tripulación do barco General R. T. Frank. O primeiro da esquerda, sentado na segunda fila e con camisa branca, é Manuel Sánchez, emigrante coruñés. Marcha a Nova York moi novo, con apenas 16 anos, e alí traballou como axudante de fogueiro en varios barcos. Este buque, dos chamados mine planter, dedicábase á recollida de minas durante a I Guerra Mundial pola costa leste do país. Era un traballo duro e perigoso. Manuel retornou a Galicia en 1920, pouco despois da toma desta fotografía, e grazas aos seus coñecementos de inglés empregouse como conserxe no Banco Pastor.
Metadatos
  • Data: 00/00/1920
  • Tipo de material: Imaxe. Fotografía
  • Etiquetas:
  • Localización física:
    Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega
  • Notas:
    Fondo: Consello da Cultura Galega. Arquivo da Emigración Galega. Col. particular de Xurxo A. Lobato
  • Localizacións:
    orixe: Nova York, Estados Unidos;