NOTICIA

----

Comeza o “Foro participativo: un país coa súa lingua”

“Foro participativo: un país coa súa lingua” é o título do proceso que o Consello da cultura Galega (CCG) pon en marcha co obxectivo de ofrecer medidas concretas e prioritarias para avanzar na recuperación do vigor do galego. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a vicepresidenta e coordinadora deste foro, Dolores Vilavedra; e o coordinador do Observatorio da Cultura Galega, Hakan Casares, explicaron esta iniciativa que aposta por un modelo áxil de seis mesas sectoriais, que busca resultados que poidan ser medibles a curto e medio prazo e que parte dos aspectos positivos do idioma que xa están a funcionar. O proceso rematará en novembro coa presentación do documento final. Ademais, presentouse un novo informe que completa a diagnose sobre a situación do galego. O estudo asegura que en Galicia se evidencia un patrón de perda interxeracional na competencia do idioma que é contrario ao que se observa no resto das comunidades autónomas con linguas cooficiais.

“Non é o momento de demorarnos na historia do declive, consideramos que as cifras que están sobre a mesa son o suficientemente claras e demandan outro tipo de actuacións” explicou Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega na rolda de prensa de presentación deste Foro participativo. No marco da función asesora, que a institución ten consignada en cumprimento do seu mandato fundacional, a presidenta apuntou que se opta por un foro participativo, metodoloxía xa empregada con éxito en experiencias anteriores (Foro Patrimonio e Sociedade e no Foro identidades e disidencias sexuais), que posibilita unha ampla participación social que permite ofrecer medidas propositivas con amplo consenso. “É unha estratexia complementaria, focalizada nos aspectos máis urxentes e cunha estrutura áxil para poder sumarse ás diferentes accións que se desenvolvan dende outras entidades” apuntou a presidenta.

Foro participativo
“Buscamos, sobre todo, partir das fortalezas do idioma, de experiencias de éxito para reverter unhas tendencias que non son positivas” apuntou Dolores Vilavedra, coordinadora do Foro. O proceso centra a súa estratexia nos ámbitos máis críticos para a lingua galega (educación e infancia e prestixio social). As temáticas abordadas no proceso están recollidas no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) e na Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM). Formalmente está organizado en seis mesas temáticas que se desenvolven entre febreiro e xullo deseñadas para garantir unha análise integral e transversal de todas as facetas que se deben atender nun proceso de normalización.

O proceso ten unha fase pública que se desenvolve entre febreiro e xullo que arrinca o 27 de febreiro, coa primeira mesa “Educación e socialización”, moderada por Nel Vidal. Nela abordarase a educación e a transmisión interxeneracional; os recursos educativos dixitais e a familia; a mocidade e tamén a Lingua vehicular no ensino. Alba Nogueira modera a segunda mesa, nomeada “Administración, xustiza e servizos públicos, que o 20 de marzo, abordará a linga da administración, da xustiza e da formación do persoal público. A terceira mesa, “Sanidade, ciencia e servizos sociais”, reflexionara o 23 de abril sobre a atención a colectivos vulnerables, servizos sociais, inclusión lingüística en contextos de apoio comunitario e contextos académicos e científicos. Está moderada por Iolanda Casal.

Marta Veiga coordina a mesa “Comunicación, cultura e acción exterior”, na que se abordarán os medios de comunicación públicos e privados, a creación cultural e industrias audiovisuais e a difusión do galego en plataformas dixitais. Na quinta mesa, “Economía, turismo e deporte”, baixo a moderación de Jackson R. Rodriguez Soares, reflexionarase sobre o uso do galego no comercio e nas empresas, o turismo cultural, a comunicación corporativa e a vida económica e social. “Sociedade, crenzas e participación comunitaria” é o título da última mesa (8 de xullo), moderada por Rosalía Fernández Rial, na que se analizarán temas coma as asociacións e redes comunitarias, a sensibilización lingüística en colectivos sociais ou a cohesión interxeracional.

Cada mesa estará composta por expertos e profesionais especializados nos seus respectivos campos, seleccionados previamente para asegurar unha representación diversa. Estes espazos de traballo promoverán o intercambio de ideas e a identificación de propostas concretas para avanzar no uso social e institucional do galego. Ademais, o formato das mesas permitirá integrar datos e incorporar boas prácticas de contextos comparables, co obxectivo de orientar as discusións cara a medidas de impacto inmediato e a medio prazo, realistas e executables no contexto actual. Busca tamén un equilibrio entre a reflexión e a acción e proporciona un marco metodolóxico que fomenta tanto a participación activa como a elaboración de propostas prácticas. Co resultado destas mesas elaborarase un documento que se presentará no mes de novembro e que responderá ás necesidades urxentes da lingua galega e sentando as bases para a súa revitalización.

Novos datos que completan a diagnose
Na rolda tamén se deu a coñecer novo informe elaborado polo Observatorio da Cultura Galega (OCG), “Competencias e usos das linguas cooficiais en España. O galego en perspectiva comparada”, que toma como fonte datos da Enquisa de Características Esenciais da Poboación e Vivendas (ECEPV) elaborada polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Este novo estudo complementa a diagnose da situación actual feita polo IGE no outono e compara a situación do idioma co que acontece noutras cinco comunidades con lingua cooficial.

Segundo este estudo, Galicia sitúase como a comunidade autónoma de España coa maior porcentaxe de poboación competente no uso da súa lingua cooficial. “O 92,7% entende ben o galego, o 83,6% leo ben, o 83,1% fálao ben e o 73,3% escríbeo ben. Cataluña ocupa o segundo lugar, con altos niveis en comprensión (86,8%) e lectura (78,4%). Illas Baleares e Comunidade Valenciana presentan resultados intermedios, cun maior dominio na comprensión. O País Vasco ten competencias moderadas, especialmente baixas en escrita (40,9%), mentres Navarra rexistra as cifras máis reducidas, debido á cooficialidade zonificada do éuscaro mesa comunidade” apunta o informe. Se analizamos os datos sobre a competencia lingüística en función da idade, o estudo revela que Galicia é a única comunidade con lingua propia onde as persoas novas presentan niveis de competencia máis baixos, contrariamente ao observado no resto de comunidades analizadas onde as xeracións máis novas melloran os niveis de dominio da lingua propia.

Esta situación repítese tamén no uso do idioma. O estudo revela que “en termos globais Galicia destaca polo uso da lingua propia, ao situarse por riba dos territorios analizados, lixeiramente por diante de Cataluña”. Máis se analizamos os datos en función da idade, “a tendencia en Galicia neste caso tamén é ao revés do resto de territorios. Se en xeral, o uso da lingua cooficial se incrementa entre a xente nova, en Galicia pasa xusto o contrario” afirma o informe.