Novas da lingua

Rexistros3271 a 3300 de 5145
13/12/2013. AXUDAS E PREMIOS

Premio Nacional de Educación 2013 para o CEIP Frian-Teis polo seu plan de fomento da lectura

O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte concedeulle o Premio Nacional de Educación para centros non universitarios, no apartado de Desenvolvemento de Competencias de Lectoescritura e Audiovisuais, ao proxecto A lingua sabe a pan. Trátase dun Proxecto Documental Integrado promovido pola Biblioteca Escolar do CEIP Frian-Teis (Vigo), desenvolvido durante o curso escolar 2012-2013 co obxectivo de fomentar a lectura e a tradición oral.
Neste curso 2013-2014, o CEIP Frian-Teis está a reeditar a experiencia co proxecto A lingua sabe a mar, destinado a difundir a tradición oral e a cultura mariñeiras.
13/12/2013. CURSOS E CONGRESOS

Simposio Roberto Vidal Bolaño

A Real Academia Galega, en colaboración coa Universidade da Coruña e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, organiza o Simposio Roberto Vidal Bolaño, autor ao que se lle dedicou o Día das Letras Galegas 2013.
As sesións terán lugar o vindeiro 17 de decembro de 2013 na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña e na Real Academia Galega. A asistencia é libre.
12/12/2013. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os Premios Manuel Beiras

A Cámara de Comercio e o Concello de Santiago fixeron público os galardoados da décimo cuarta edición dos Premios Manuel Beiras.
Os premiados deste ano foron a empresa de comercio en liña Buydeal, na categoría de nova incorporación ao uso do galego, a empresa de servizos Pedra Salgada, na categoría de empresas que veñen realizando un uso continuado do idioma galego, e o escritor e profesor Manuel Portas, que recibirá unha mención especial polo seu traballo no ámbito da dinamización lingüística, nomeadamente como impulsor dos propios Premios Manuel Beiras.
Se desexas ampliar esta información, preme aquí.
12/12/2013. DINAMIZACIóN

Recursos didácticos para festexar o Nadal nas aulas

A Coordinadora Galega de ENDL presenta, un ano máis, un espazo web dirixido á comunidade educativa que compila materiais e recursos didácticos relacionados co Nadal. Entre outros materiais, facilítanse modelos de cartas e postais, música, propostas de actividades, recursos didácticos e novas de interese relacionadas con estas datas festivas.
12/12/2013. DINAMIZACIóN

Os Reis Magos premian a creatividade dos máis pequenos/as

Os servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames e Santiago organizan cadanseu concurso de cartas aos Reis Magos, para fomentar a creatividade dos máis pequenos/as da casa e promover o uso do galego nas actividades do lecer.
As nenas e nenos de Ames teñen de prazo para participar no VII Concurso de Cartas de Nadal ata o vindeiro 16 de decembro. Os/as nenos/as composteláns/ás que queiran participar no II Concurso de Cartas de Reis teñen que enviar a súa carta antes do 31 de decembro. Serán os propios Reis os que fagan a entrega dos premios o vindeiro 5 de xaneiro no transcurso da cabalgata.
09/12/2013. CURSOS E CONGRESOS

Congreso sobre os estudos galegos en América do Norte

O Grupo de Investigación de Estudos Galegos da Universidade de Wisconsin–Milwaukee está a organizar o congreso “Mapa dos estudos galegos en América do Norte”, que terá lugar os días 2 e 3 de maio de 2014. O obxectivo é crear un foro para o intercambio de ideas e propostas arredor do presente e futuro dos estudos galegos nas institucións de América do Norte. O comité organizador convida a estudosos/as dos ámbitos das Humanidades e as Ciencias Sociais a participar presentando comunicacións. O prazo para enviar as propostas remata o 3 de febreiro de 2014. Para ampliar esta información, preme aquí.
04/12/2013. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística na Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña convoca unha praza de técnico/a de normalización lingüística (A1), adscrita á Área de Secretaría Xeral. O procedemento de selección será o concurso-oposición. As persoas que desexen participar no proceso deben estar en posesión da licenciatura en Filoloxía Hispánica, na especialidade de Galego, ou equivalente. O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio de convocatoria no Boletín Oficial do Estado. Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
03/12/2013. LEXISLACIóN

O Parlamento de Galicia insta á Xunta a promover a etiquetaxe en lingua galega

O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha proposición non de lei que insta á Xunta de Galicia a impulsar o consumo de produtos galegos e a refrendar a Carta do Consumo Responsable e Solidario que o pasado día 6 de xullo asinaron os grupos políticos a instancias da Irmandade Galega de Adegueiros e Agroalimentarios. Así mesmo, a través desta proposición pídeselle ao Goberno galego que promova a etiquetaxe e distribución de produtos agroalimentarios en lingua galega e promocione os produtos etiquetados no noso idioma.
Para ampliar esta información, preme aquí.
03/12/2013. DINAMIZACIóN

Propostas para festexar o Nadal en rede

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta a segunda edición do programa “Nadal en Rede”, que percorrerá 24 concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística co obxectivo de fomentar a galeguización das festas típicas do Nadal. A principal acción do programa é o espectáculo para monicreques ‘O Crebanoces’, unha proposta dirixida ao público familiar, inspirada no conto de Hoffmann con música de Tchaikowsky. Así mesmo, reeditaranse as iniciativas “Lingua de Reis” (visita dos Magos de Oriente a centros de infantil e primaria) e “Cantámosche os reis” (obradoiros de cantos de Nadal). Os concellos terán tamén ao seu dispor diferentes materiais dixitais, como postais, modelos de carta aos Reis Magos ou unha guía de agasallos en galego.

Para obter máis información, preme aquí.
29/11/2013. DINAMIZACIóN

Preséntase no Culturgal a iniciativa Agasallo.eu

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua presenta mañá, 30 de novembro, ás 12:30 h, no Culturgal a súa iniciativa Agasallo.eu, unha plataforma en liña deseñada para compilar, difundir e recomendar agasallos en galego para todas as idades e para todo tipo de acontecementos e épocas do ano. Todas aquelas empresas que comercialicen produtos en galego e estean interesadas en participar nesta plataforma, poden obter información de como facelo premendo aquí.
28/11/2013. OUTRAS

As cifras da edición do libro en Galicia

O Consello da Cultura Galega, a través do seu Observatorio da Cultura Galega, acaba de facer público o informe “O libro en cifras”, no que se ofrecen datos estatísticos sobre a evolución e a situación actual da edición de libros en Galicia. Así mesmo, tamén se analizan outras cuestións relacionadas co ámbito editorial, como son os hábitos de lectura dos galegos/as, a actividade empresarial vinculada ao sector editorial ou o mercado laboral propio deste ámbito. No que respecta á lingua das publicacións, segundo os datos presentados, apréciase unha diminución de títulos en galego desde o ano 2009, que acada os seus niveis máis baixos en 2012, con 1322 títulos publicados.
26/11/2013. DINAMIZACIóN

Música en galego para seguir camiñando a prol do ensino público

Nova Escola Galega está a organizar a gala “Para seguirmos camiñando”, co obxectivo de reivindicar, a través da música e da palabra, a importancia da educación pública en galego e de recadar apoio económico para o seu proxecto asociativo. Na gala, que será presentada por Alberto Mancebo, intervirán Mariló Candedo e Agustín Fernández Paz, e actuarán Os D’Abaixo, Odaiko, Cis Frambá e A miña primeira Rosalía (Mª Manuela, Mero, Mini e Xiana Lastra). O acto terá lugar o vindeiro sábado, 30 de novembro, ás 19 h, no Auditorio de Galicia (Sala Mozart), en Santiago de Compostela. Para ampliar esta información, preme aquí.
25/11/2013. DINAMIZACIóN

Nova edición do programa Parellaes

O Departamento de Filoloxía Galega e mais a Área de Catalán da Universidade de Santiago de Compostela organizan unha nova edición de Parellaes, un programa académico de intercambio lingüístico e cultural galego-catalán. O programa está destinado ao alumnado da USC que fale galego ou catalán e desexe aprender, practicar ou mellorar a outra lingua. As persoas interesadas deben enviar a ficha de inscrición a estudiscatalans.usc@gmail.com. A organización porase en contacto cos solicitantes para achegarlle a información necesaria para poder tramitar a matrícula.
25/11/2013. DINAMIZACIóN

A hostalaría compostelá convida a xantar en galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Asociación Hostelería Compostela organizan unha nova edición da campaña de dinamización lingüística “Xantar Compostela”, deseñada co obxectivo de promover a presenza da lingua galega no ámbito da hostalaría compostelá. Este ano distribuiranse 100 000 manteis individuais entre os máis de 1 500 establecementos de restauración e hospedaxe adscritos á Asociación Hostelería Compostela. A clientela destes establecementos poderá gozar durante os tempos de espera cos diferentes pasatempos e xogos de palabras que conteñen os manteis, deseñados en catro modelos diferentes (dous para público infantil e outros dous para adultos).
Para ampliar esta nova, preme aquí.
22/11/2013. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas para a tradución do libro

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a resolución das axudas para o libro galego, no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas.
21/11/2013. AXUDAS E PREMIOS

Premio para a cadea San Luís pola súa aposta polo galego

A Mesa pola Normalización Lingüística anunciou que a cadea de electrodomésticos San Luís foi a empresa gañadora do II Premio Abertos ao Galego. O xurado valorou a importancia simbólica da aposta lingüística de San Luís, que emprega o galego tanto na publicidade como na rotulación das súas tendas. O acto de entrega do galardón, que será presentado pola actriz Isabel Risco e contará coa actuación da cantante Najla Shami, terá lugar mañá, 22 de novembro de 2013, ás 20:30 h, no Pazo da Cultura de Carballo. Para ampliar esta información, preme aquí.
21/11/2013. INVESTIGACIóN

Xerais presenta un estudo sobre as falas galegas do Val do Ellas

Edicións Xerais acaba de sacar do prelo a obra O valego. As falas de orixe galega do Val do Ellas, autoría de Xosé-Henrique Costas González. O estudo presenta unha caracterización fonética, morfosintáctica e léxica das falas propias dos concellos estremeños que conforman o Val do Ellas (Valverde do Fresno, As Ellas e San Martín de Trebello), defendendo a súa orixe galega. Así mesmo, o autor achega unha análise da situación sociolingüística actual destas falas e reflexiona sobre a necesidade da súa codificación.
O vindeiro 28 de novembro de 2013, ás 19:30 h, terá lugar a presentación deste libro na Biblioteca Ánxel Casal, en Santiago de Compostela.
19/11/2013. CURSOS E CONGRESOS

O Concello do Grove convida aos inmigrantes a achegarse ao galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello do Grove organiza a terceira edición do curso Achégate ao galego, destinado principalmente á poboación inmigrante e aos emigrantes retornados que residen no municipio, aínda que tamén poderá participar a veciñanza local que o desexe. No curso, de 75 horas de duración, ofreceranse nocións básicas de galego, así como información de utilidade para facilitar a integración sociocultural e lingüística destes colectivos.
Podes ampliar esta información premendo aquí.
19/11/2013. OUTRAS

A Xunta de Galicia presenta o tradutor automático Gaio

O secretario xeral de Política Lingüística, a directora da Amtega e o director xeral de Administración Local presentaron hoxe o tradutor automático Gaio, unha ferramenta desenvolvida pola empresa Imaxin Software no marco do programa eConcellos, que estará á disposición dos traballadores/as da Administración pública de Galicia. O tradutor Gaio permite a tradución bidireccional de texto, documentos e URL nos pares galego-castelán e galego-portugués. Tamén permite a tradución de correos electrónicos da Administración autonómica e local.
15/11/2013. DINAMIZACIóN

Obradoiro de nanas en Carballo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo organiza a terceira edición deste Obradoiro de nanas, que ten como obxectivo principal fomentar a transmisión interxeracional en lingua galega. O obradoiro, impartido polos músicos Xabier Díaz e Guillerme Fernández, está destinado principalmente a nais e pais, mais tamén a familiares e formadores que desexen descubrir os beneficios emocionais que ofrece a transmisión dos cantos de berce. A actividade desenvolverase os mércores 20 e 27 de novembro de 2013, de 17:00 a 19:00 horas, no Pazo da Cultura de Carballo. Para obter máis información, preme aquí.
14/11/2013. CURSOS E CONGRESOS

VII xornada Xustiza e Lingua

O Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela organiza, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, a sétima edición da xornada Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización, que ten como obxectivo principal promover a reflexión sobre o proceso de normalización lingüística no ámbito da xustiza.
A xornada terá lugar o vindeiro 28 de novembro de 2013, ás 19:00 h, no salón de actos do colexio de avogados compostelán. A matrícula é de balde. Podes inscribirte cubrindo este formulario web.
14/11/2013. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para os servizos de normalización lingüística municipais da provincia da Coruña

A Deputación da Coruña publica a convocatoria de subvencións a concellos e outras entidades locais da provincia da Coruña para a creación ou mantemento de seus servizos de normalización lingüística durante o ano 2014.
Poderán participar na convocatoria todos os concellos de menos de 50 000 habitantes. Os concellos con menos de 7 000 habitantes só poderán participar en mancomunidades ou agrupacións de concellos. Aqueles cunha poboación de entre 7 000 e 50 000 poden presentarse individualmente ou agrupados.
O prazo de presentación de solicitudes remata ás 14:00 h do 20 de decembro de 2013. [Resolución de modificación do prazo]
12/11/2013. OUTRAS

Documental sobre os trinta anos de historia do CCG

Co gallo da conmemoración do seu 30º aniversario, o Consello da Cultura Galega presenta o documental “Consello da Cultura Galega: 30 anos imaxinando país”, dirixido por Toño Chouza. A través de entrevistas a diferentes membros da institución, o documental narra os principais fitos da súa historia, as funcións que lle son propias e os retos para o futuro. Tamén se describe a tipoloxía documental que conserva e difunde o CCG grazas ao traballo desenvolvido polo Arquivo Sonoro, o Arquivo da Emigración Galega e mais o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia.
11/11/2013. CURSOS E CONGRESOS

Simposio sobre a realidade lingüística na fronteira galego-portuguesa

O Instituto da Lingua Galega (USC) organiza, coa colaboración do Consello da Cultura Galega e Instituto de Estudos de Literatura Tradicional da Universidade Nova de Lisboa, o simposio Lingua e identidade na fronteira galego-portuguesa, no que se analizarán a construción e as características da raia como fronteira, tamén lingüística.
As sesións terán lugar na Facultade de Filoloxía da USC e mais no Consello da Cultura Galega os días 28, 29 e 30 de novembro, e 2 e 3 de decembro de 2013. O prazo de matrícula remata o 26 de novembro. Para obter máis información sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
08/11/2013. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o Premio Xoán Manuel Pintos 2013

O Concello de Pontevedra e a Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL) fixeron pública a resolución do Premio Xoán Manuel Pintos 2013, deseñado para recoñecer o labor daquelas persoas ou entidades que axudan a impulsar a presenza da lingua na sociedade e ao mesmo tempo manter viva a figura do xurista e escritor Xoán Manuel Pintos.
Nesta edición, o xurado decidiu outorgar o premio á editorial Kalandraka e mais á campaña Gústame o galego, promovida pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua.
O acto público de entrega dos galardóns terá lugar o 28 de novembro, ás 20:30 h, no Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) (Pontevedra).
08/11/2013. DINAMIZACIóN

Xoves con música en Chapela

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) do IES de Chapela, en Redondela, presenta unha nova edición do programa Xoves con Música, co obxectivo de difundir a música en galego entre os mozos/as. Durante todos os xoves de novembro e decembro o alumnado terá a oportunidade de participar en varias votacións, en quendas eliminatorias, ata escoller o mellor videoclip de música galega.
No blog do EDLG podes obter máis información sobre as actividades de dinamización lingüística que desenvolven no IES de Chapela.
07/11/2013. DINAMIZACIóN

Volve o festival de monólogos de Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela organiza a segunda edición de Lareta, Festival de Monólogos de Redondela, unha actividade deseñada para fomentar o uso oral do galego e promover a creación artística na nosa lingua. O festival terá lugar os días 16, 23 e 30 de novembro, e 7 e 21 de decembro de 2013 no Auditorio da Xunqueira (Redondela). O programa inclúe as actuacións de Luís Zahera, Quico Cadaval, Sergio Pazos e Cándido Pazó para público adulto, e Paula Carballeira para público infantil.
Podes ampliar esta información premendo aquí.
07/11/2013. CURSOS E CONGRESOS

Curso sobre a utilización de ferramentas cartográficas nas ciencias sociais

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña organiza o I Taller de formación: “O galego, lingua de ciencia: iniciación á utilización de ferramentas de representación cartográfica nas ciencias sociais”, que será impartido polo investigador social e analista político Carlos Neira Cortizas. O curso está especialmente dirixido á comunidade universitaria desta facultade mais, se quedan prazas libre, poderá participar toda a comunidade universitaria da UDC e o público xeral. As sesións terán lugar os días 19 e 20 de novembro de 2013 na Facultade de Socioloxía da UDC. O prazo de inscrición remata o 12 de novembro.
06/11/2013. INVESTIGACIóN

Informe sobre a presenza do galego no ámbito da investigación

A Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística presenta o informe “Investigación e lingua”, elaborado por un equipo dirixido por Alba Nogueira López, profesora titular de Dereito Administrativo da USC. O estudo avalía o uso do galego na actividade investigadora (tanto no referido á difusión científica en círculos académicos como á divulgación científica no conxunto da sociedade), ao tempo que propón medidas de mellora.
06/11/2013. CURSOS E CONGRESOS

A Real Academia Galega homenaxea a Pardo de Andrade

Co gallo do bicentenario da publicación Rogos dun gallego (1813), do xornalista coruñés Manuel Pardo de Andrade, a Real Academia Galega organiza, coa colaboración do Concello de Oleiros e a Secretaría Xeral de Cultura, as xornadas Máscara fóra! Trátase dun programa de actos conmemorativos que foi inaugurado onte, 5 de novembro de 2013, na Coruña e terá continuidade os vindeiros días 12 e 21 de novembro, en Santiago de Compostela e en Perillo-Oleiros. Ao longo das sesións analizarase o contexto social e político da época na que viviu o autor, así como a calidade lingüística e literaria da obra en galego de Pardo de Andrade.
Para ampliar esta información, preme aquí.